Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 10 de decembro de 1997 Páx. 11.901

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE PONTEAREAS

ANUNCIO sobre o prego de condicións do concurso de ideas para o monumento ó alfombreiro e anuncio do concurso.

A Comisión de Goberno na sesión do día 6 de outubro de 1997 acordou a aprobación do prego de condicións que rexerá o concurso de ideas para o monumento ó alfombreiro. O seu contido literal é o seguinte:

Primeira.-Obxecto. O Concello de Ponteareas desexa realizar unha homenaxe ós veciños de Ponteareas que anualmente confeccionan as alfombras de flores que cobren as rúas da vila. Así mesmo, é unha homenaxe a aqueles que co seu labor manteñen vivo un dos principais sinais de identidade colectiva de Ponteareas.

Para realizar esta homenaxe o concello desexa levantar un monumento ós alfombreiros. Este situaríase na Praza de Bugallal desta vila.

Despois de efectuar unha anterior convocatoria deste concurso de ideas (declarado deserto polo xurado), o Concello de Ponteareas convoca de novo este certame buscando unha máis ampla acollida para esta convocatoria.

Coa finalidade de encargar, no seu momento, a execución deste monumento, redáctase o presente prego de condicións que rexerá o concurso de ideas para levar a cabo o devandito monumento.

Segunda.-Poderán participar tódolos escultores interesados tanto individualmente como en equipo.

Terceira.-Prazos. Os que desexen concursar poderán facelo no prazo de 60 días naturais a partir da data de publicación do anuncio do concurso no diario

oficial da provincia así como no Diario Oficial de Galicia, solicitándoo mediante instancia dirixida ó alcalde do Concello de Ponteareas. A solicitude deberá incluí-la proposta do monumento ó alfombreiro.

Cuarta.-A proposta constará de cantos documentos cumpran para a súa mello definición. Poderanse incluír debuxos, perspectivas, etc. Tamén se poderán presentar maquetas.

A proposta conterá unha memoria explicativa que incluirá a descrición de materiais, sistema constructivo, etc. e un avance aproximativo do orzamento de execución do monumento. Este non poderá supera-los 10.000.000 de pesetas.

Igualmente a proposta incluirá a reordenación da Praza de Bugallal baseándose na colocación nela do monumento ó alfombreiro.

Quinta.-Para garanti-lo anonimato dos concursantes, a participación realizarase baixo lema; este deberá figurar en toda a documentación remitida a este concello, así como a inscrición: «Concurso de ideas para o monumento ó alfombreiro».

Presentaranse dous sobres opacos pechados e lacrados. Un dos sobres (sobre A) conterá a identidade do autor ou autores, así como un currículo da súa traxectoria e o outro (sobre B) os documentos que constitúan o traballo. O primeiro sobre (sobre A) só se abrirá se o traballo que contén o sobre B resultase premiado.

Sexta.-Establécense os seguintes premios:

-Premio único de 200.000 ptas. (se inclúe maqueta será de 250.000 ptas.). Ademais o gañador será o encargado da realización do monumento ó alfombreiro.

Sétima.-O xurado estará constituído polos membros seguintes:

Presidente: o alcalde ou concelleiro no que delegue.

Vocais: o concelleiro de cultura deste concello. O director do Museo Municipal. Un representante da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Un artista ponteareán de recoñecido prestixio designado pola Alcaldía. Un alfombreiro de recoñecido prestixio designado pola Alcaldía.

Secretario: con voz e sen voto, será o secretario da Corporación ou funcionario en quen delegue.

A decisión do xurado é inapelable. Non se poderá constituír nin actuar sen a presencia cando menos de cinco dos seus membros. O xurado valorará o axeitamento do monumento ó contorno da Praza de Bugallal, a captación por parte do artista da singularidade, beleza e colorido desta festa e o traballo dos alfombreiros ponteareáns.

A participación no concurso presupón a aceptación das expresadas condicións. O concurso poderá declararse deserto. O xurado constituirase dentro

do mes seguinte á data de remate do prazo de presentación das propostas; as súas funcións serán: a valoración dos traballos e outorgamento do premio ou a declaración do concurso como deserto. Así mesmo, deberán resolver calquera incidencia ou interpretación das condicións.

Oitava.-Dereitos de propiedade. As ideas representadas nas propostas e demais documentos elaborados polos participantes son, en todo caso, da súa propiedade individual agás pacto expreso en contrario e de acordo coa lexislación vixente.

Ningún traballo adquirido mediante o concurso poderá ser empregado para outros fins distintos dos mencionados nestas condicións, conservando sempre os autores do proxecto premiado todo dereito de reproducción e propiedade segundo o previsto na lei.

Ponteareas, 23 de agosto de 1997.

1. O devandito prego de condicións exponse ó público durante o prazo de quince días para efectos de reclamacións.

2. Simultaneamente anúnciase o concurso de ideas, se ben este quedará aprazado no caso de que se producisen reclamacións contra o prego.

Os que desexen concursar poderán facelo no prazo de 60 días naturais a partir da publicación do anuncio no BOP de Pontevedra, así como no Diario Oficial de Galicia, solicitándoo mediante instancia dirixida ó alcalde do Concello de Ponteareas, incluído na devandita solicitude a proposta do monumento ó alfombreiro.

Ponteareas, 13 de outubro de 1997.

José Castro Álvarez

Alcalde

9722