Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 05 de decembro de 1997 Páx. 11.749

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de nobembro de 1997 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Fernández Latorre.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Fernández Latorre, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. Emilio Rey Berguer, na súa calidade de secretario do padroado da fundación, en escrito de 19 de novembro de 1997, formulou solicitude de clasificación para electos da súa inscrición no Rexistro de Fundacióna de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgado na Coruña, o día sete de novembro de 1997, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Fernando Alba Puente co número tres mil oitocentos sesenta e seis do seu protocolo, por Santiago Rey Fernández-Latorre e Santiago Rey Berguer, comparecen, o primeiro no seu propio nome e dereito e ademais como presidente do Consello de Administración, en representación da compañía La Voz de Galicia, Sociedad Anónima e en nome de Emilio Rey Berguer,

3. Segundo consta no artigo cinco dos seus estatutos, o obxecto da fundación é, entre outros, fomenta-lo coñecemento e a difusión da cultura en xeral, especialmente a través dos medios de comunicación en tódolos seus soportes, así como fomentar seminarios e ensinos especiais formativos en actividades de comunicación social ou de artes gráficas.

4. O padroado da fundación estará constituído por Santiago Rey Fenández-Latorre como presidente, Santiago Rey Berguer como vocal-vicepresidente e Emilio Rey Berguer como vocal-secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle o conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Fernández Latorre, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 24 de novembro de 1997.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Fernández Latorre e adscribila á Consellería de Cultura e Comunicación Social, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública