Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 03 de decembro de 1997 Páx. 11.577

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 14 de novembro de 1997 pola que se publica o Regulamento de funcionamento interno do Consello Galego de Servicios Sociais.

A Lei 4/1993, do 17 de abril, configura no seu artigo 40 o Consello Galego de Servicios Sociais como órgano superior consultivo e de participación da Comunidade Autónoma no eido dos servicios sociais.

A necesidade de desenvolver adecuadamente a dita lei, e en concreto, no relativo ó Consello Galego de Servicios Sociais e ós consellos provinciais e locais de Servicios Sociais, motivou a aprobación e publicación do Decreto 366/1994, do 27 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, no relativo ós consellos de Servicios Sociais.

Neste decreto regúlase a composición, funcións, estructura e funcionamento do Consello Galego de servicios sociais.

Así mesmo, o Decreto 336/1994, do 27 de outubro, dispón na súa disposición transitoria terceira que dentro dos 3 meses seguintes ó da súa constitución, o Consello Galego de Servicios Sociais deberá elabora-lo seu regulamento de funcionamento interno que será aprobado polos dous tercios dos seus membros e logo do informe da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. O regulamento publicarase no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación ós consellos provinciais.

Na sesión constituínte do Consello Galego de Servicios Sociais, celebrada o 13 de febreiro de 1996, acordouse a constitución provisional da comisión permanente do dito consello para a elaboración dun proxecto de regulamento de funcionamento interno.

A Comisión Permanente, con data do 29 de xullo de 1997, elevoulle a súa proposta ó Pleno do Consello Galego de Servicios Sociais, que na sesión ordinaria do día 25 de setembro de 1997 acordou por unanimidade a aprobación definitiva do regulamento de funcionamento interno do máximo órgano consultivo e de participación superior da Xunta de Galicia no eido dos servicios sociais.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido na disposición transitoria terceira do Decreto 336/1991, do 27 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, no relativo ós consellos de servicios sociais,

DISPOÑO:

Artigo único.-Publica-lo Regulamento de funcionamento interno do Consello Galego de Servicios Sociais, que figura como anexo á presente orde, e que foi aprobado en sesión ordinaria do Pleno do dito consello celebrada o día 25 de setembro de 1997.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 1997.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

REGULAMENTO DE FUNCIONAMENTO INTERNO

DO CONSELLO GALEGO DE SERVICIOS SOCIAIS

Capítulo I

Natureza, competencias e composición

Artigo 1º.-Regulación.

O Consello Galego de Servicios Sociais é o órgano superior consultivo e de participación da Comunidade Autónoma no eido dos Servicios Sociais, adscrito á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. Está regulado pola Lei 4/1993, do 14 de abril, e o Decreto 336/1994, do 27 de outubro.

Artigo 2º.-Competencias.

As funcións do Consello Galego de Servicios Sociais son, entre outras, as seguintes:

a) Asesora-lo Goberno na planificación e programación dos Servicios Sociais, emitindo dictames ou formulando propostas de actuación.

b) Emitir informes e estudia-los criterios adoptados na elaboración do anteproxecto de orzamentos en materia de servicios sociais.

c) Emitir dictames por instancia do Parlamento de Galicia no eido dos servicios sociais.

d) Coñecer da xestión de servicios sociais.

e) Fomenta-la participación da sociedade e das administracións públicas.

f) O seguimento estatístico, tanto dos procesos de concesión da renda de integración social de Galicia como da correcta aplicación das medidas de fomento de emprego que, vinculadas ós proxectos de inserción, se prevén na Lei galega de medidas básicas para a inserción social, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística previstas na Lei 9/1988, do 19 de xullo, e da mesa autonómica da RISGA.

g) A avaliación global dos resultados da execución dos programas de inserción social previstos na devandita lei, así como a formulación de observacións e propostas de modificación que axuden a melloralos.

A elaboración e modificación do seu regulamento de réxime interior.

Artigo 3º.-Composición.

O Consello Galego de Servicios Sociais componse de 39 membros.

a) Presidente: o titular da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Vicepresidente: o titular da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

c) Vocais: o director xeral de Servicios Sociais.

O director xeral de Familia.

Outros 34 vocais repartidos do seguinte xeito:

-Catro en representación das seguintes consellerías da Administración autonómica:

* Consellería da Presidencia e Administración Pública.

* Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

* Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

* Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

-Seis en representación das corporacións locais:

a) Un en representación das deputacións provinciais.

b) Tres en representación dos concellos cunha poboación superior a 20.000 habitantes.

c) Dous en representación dos concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

-Catro en representación das organizacións sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma.

-Catro en representación das organizacións empresariais máis representativas na Comunidade Autónoma.

-Trece en representación das entidades prestadoras de servicios sociais, que serán elixidos na forma que regulamentariamente se estableza, entre as entidades inscritas no rexistro previsto no artigo 32.3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, repartidos do seguinte xeito:

a) Dous en representación das que actúen na área da familia, infancia e xuventude.

b) Tres en representación das que operen no ámbito das minusvalideces.

c) Dous en representación das que actúen na área da vellez.

d) Un en representación das que actúen na área

da muller.

e) Un en representación da Cruz Vermella.

i) Un en representación de Cáritas Diocesana.

g) Un en representación das entidades que actúen nas áreas de drogodependencias e alcoholismo, minorías étnicas, delincuencia e reinserción de ex

internos e outras problemáticas de marxinación social.

h) Un en representación das asociacións que velen polos intereses dos usuarios de centros de servicios sociais.

i) Un en representación das entidades veciñais.

-Un en representación de cada un dos seguintes colexios profesionais, elixidos polo seu órgano de goberno:

a) Colexio oficial de psicólogos.

b) Colexio oficial de sociólogos.

c) Colexio oficial de diplomados en traballo social e asistentes sociais.

d) Un secretario, que será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, por proposta do director xeral de Servicios Sociais, entre os funcionarios do departamento.

1. No caso de ausencia deste e do substituto, desempeñará o cargo interinamente un vocal do consello que represente a Administración autonómica, designado polo seu presidente.

2. Por cada vocal titular nomearase tamén un suplente que o substitúa, nos casos legalmente previstos.

Capítulo II

Dos vocais

Artigo 4º.-Duración do mandato dos vocais.

1. A duración do mandato dos vocais representativos será de catro anos, sen prexuízo da súa reelección e da posibilidade de substitución dos titulares e dos suplentes durante o dito período, por proposta da institución, asociación ou entidade a quen represente.

2. Ademais do disposto no apartado anterior, producido un novo proceso electoral para o respectivo órgano de representación, procederase a reestructura-la composición do Consello Galego de Servicios Sociais de acordo co grao de representatividade obtido no devandito proceso.

3. Os vocais serán nomeados polo presidente do consello, por proposta da institución, asociación ou entidade a quen represente, e o nomeamento deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia, podendo ser apartados do seu cargo de igual xeito.

4. A proposta de separación dos vocais, titulares ou suplentes deberá serlle comunicada ó presidente do consello, a través do secretario, xunto coa proposta do novo representante.

Artigo 5º. Funcións dos vocais.

Os vocais actuarán como voceiros das institucións, entidades ou asociacións que representan.

Artigo 6º.-Dereitos dos vocais.

Os vocais terán dereito a:

a) Participar nos debates e exerce-lo seu dereito ó voto.

b) Formar parte da comisión permanente segundo o establecido no artigo 8 do Decreto 336/1994, do 27 de outubro.

c) Integrarse nos grupos de traballo que constitúa a Comisión Permanente de acorde co estipulado no artigo 12 do Decreto 336/1994, do 27 de outubro.

d) Acceder á documentación que conste en poder do consello.

e) Dispoñer da información dos temas e estudios que desenvolvan o Pleno, a Comisión Permanente e as comisións de traballo.

f) Coñecer previamente a orde do día das reunións e a información precisa sobre os temas incluídos nela.

g) Cantas funcións sexan intrínsecas á súa condición de vocais. En ningún caso poderán atribuírse a representación ou facultades do consello, agás que expresamente se lles outorgase polo Pleno e para cada caso concreto.

Artigo 7º.-Deberes dos vocais.

Os vocais teñen o deber de:

a) Asistiren ás sesións do Pleno e da Comisión Permanente, se é o caso, así como ás das comisións ás que fosen convocados.

b) Adecua-la súa conducta ó presente regulamento e ás directrices e instruccións que, no seu desenvolvemento, dicte o propio consello.

c) Non facer uso da súa condición de vocal para o exercicio de actividades mercantís.

Artigo 8º.-Ausencias dos vocais.

Todo vocal que prevexa que non vaia poder asistir a unha sesión do Pleno ou da Comisión Permanente, se é o caso, poderá ser substituído polo seu suplente e, no caso de ausencia deste, por outro vocal designado para o efecto.

O presidente poderá, logo da consulta á Comisión Permanente, no caso de incumprimento dos deberes de vocal ou de ter máis de tres ausencias consecutivas sen causa xustificada, solicitar ás institucións, entidades ou asociacións que representa que consideren a oportunidade de propoñe-la súa substitución.

Artigo 9º.-Substitucións dos vocais.

Ademais do previsto nos artigos 4º e o 8º, se durante o período do mandato para o que foron elixidas, algunha entidade ou asociación causase baixa no rexistro de servicios sociais, o vocal que a representa cesará nas súas funcións.

No caso de que unha entidade ou asociación con representación no consello se integre ou fusione noutra das representadas no mesmo consello, un dos

dous representantes cesará e o outro representará a nova entidade.

Artigo 10º.-Cesamento dos vocais.

Os vocais e os seus suplentes perderán a súa condición por:

a) Falecemento.

b) Transcurso do período de catro anos de mandato, sen prexuízo do disposto no artigo 4º.

c) Por renuncia aceptada polo órgano correspondente da institución, entidade ou asociación a quen represente.

d) Por incumprimento reiterado dos deberes establecidos no artigo 7º deste regulamento. Neste caso seralle de aplicación o disposto no artigo 8º.

e) Por decisión da institución, entidade ou asociación.

En todo caso, a perda da condición de vocal, titular ou substituto deberá serlle comunicada ó presidente do consello, a través do secretario, xunto co nome do novo representante.

Capítulo III

Funcionamento

Artigo 11º.-Funcionamento do consello.

Sobre a estructura e funcionamento do Consello Galego de Servicios Sociais observarase o disposto no título III do Decreto 336/1994, do 27 de outubro.

Artigo 12º.-Deliberacións.

O presidente, tanto do Pleno como da Comisión Permanente, abrirá a sesión, dirixirá o debate e velará pola observancia do regulamento.

O presidente poderá, antes de inicia-lo debate e durante este, limita-lo tempo de que dispoñen os oradores. Acordará o peche do debate e dará paso á votación correspondente.

A proposta do presidente, poderase acorda-la suspensión da sesión, establecendo o momento no que se reanudará esta.

Artigo 13º.-Convocatorias.

Correspóndelle ó presidente do Consello Galego de Servicios Sociais ordena-la convocatoria das reunións dos diferentes órganos do consello.

As convocatorias faranse sempre por escrito e polos medios máis idóneos para garanti-la recepción coa debida antelación que será, como mínimo, de dez días hábiles para as sesións ordinarias e de catro para as extraordinarias. Non obstante, o presidente, no caso de especial urxencia e inaprazable necesidade, poderá altera-lo devandito prazo, sempre que se lles garanta ós vocais do consello o coñecemento previo e suficiente das convocatorias.

As convocatorias deberán comunica-lo día, a hora e o lugar da reunión, así como a orde do día e incluír,

en todo caso, a documentación adecuada para o seu estudio previo.

Na citación da primeira convocatoria incluirase a da segunda.

Artigo 14º.-Orde do día das sesións.

No caso de reunións ordinarias, os membros do Consello Galego de Servicios Sociais poderán enviar propostas de temas e o presidente poderá decidir sobre a súa inclusión, sempre que se reciban cunha antelación mínima de quince días naturais ó da súa celebración.

A orde do día das sesións ordinarias conterá a lectura e, se é o caso, a aprobación das actas da sesión ordinaria anterior e as extraordinarias que se celebrasen entre ámbalas dúas, así como os demais puntos que se acorden.

A orde do día das sesións extraordinarias conterá os temas propostos pola presidencia ou, se é o caso, polas partes que legalmente o solicitaron.

Artigo 15º.-Acta das sesións.

O secretario do consello asistirá ás sesións do Pleno e da Comisión Permanente, levantará acta delas, na que fará constar:

1. Lugar da reunión, data e hora de comezo.

2. Nome e apelidos do presidente, vicepresidente, dos vocais presentes e ausentes que excusasen a súa asistencia, secretario e das persoas que, se é o caso, fosen chamadas para comparecer.

3. Carácter ordinario ou extraordinario da sesión.

4. Asuntos que figuran na orde do día.

5. Opinión sintetizada de cada unha das diferentes intervencións dos membros do consello. Calquera vocal poderá solicitar que se transcriba íntegra a súa intervención, sempre que achegue no acto o texto escrito que se corresponda exacta e fielmente con aqueta, facéndose constar así na acta e xuntándose copia autentificada do escrito.

6. Os resultados das votacións.

7. Hora de finalización da sesión.

Cando non se celebre sesión, por calquera motivo, o secretario suplirá a acta cunha dilixencia autentificada coa súa sinatura e a do presidente na que fará consta-la causa da non celebración e, se procede, o nome dos asistentes e dos que se excusaron.

As actas, logo de aprobadas, serán asinadas polo secretario e visadas polo presidente. O secretario será o responsable da súa custodia.

Artigo 16º.-Votación e adopción de acordos.

Ademais do disposto no punto 4º do artigo 7 do Decreto 336/1994, do 27 de outubro, establécense as seguintes regras:

A votación será nominal se así o acordan a metade dos vocais presentes.

A votación será secreta cando así o acorde o presidente pola natureza das cuestións.

Nos demais casos, a votación será a man alzada.

Os vocais discrepantes, en todo ou en parte, do sentir da maioría, poderán formular individual ou colectivamente votos particulares que deberán quedar unidos á resolución correspondente.

Os votos particulares deberán de presentarse ante o secretario nun prazo máximo de corenta e oito horas contadas desde o final da sesión.

Capítulo IV

Da comisión permanente

Artigo 17º.-Con independencia da súa composición e funcionamento regulado no artigo 8º e seguintes do Decreto 336/1994, do 27 de outubro, a comisión permanente rexerase polas seguintes regras:

A duración do mandato dos vocais da comisión permanente será coincidente coa dos vocais do pleno.

Cada grupo representado na comisión permanente podará substituí-los membros que o representen cando concorran as circunstancias previstas nos artigos 8º e 9º do presente regulamento.

Os grupos podarán nomear, de entre os vocais que os representan, un suplente para asistir ás sesións no caso de ausencia do vocal titular.

Os vocais da comisión permanente poderán ser reelixidos por proposta do grupo representado.

As reunións ordinarias da comisión permanente supeditaranse á existencia de asuntos que hai que tratar, conforme as funcións asignadas no apartado 4º do artigo 8 do Decreto 336/1994, do 27 de outubro.

Capítulo V

Renovación do consello

Artigo 18º.-Transcorridos catro anos desde a sesión constitutiva, procederase á renovación do mandato dos vocais do consello segundo o establecido nos artigos 4 e 5 do Decreto 336/1994, do 27 de outubro.

A renovación dos vocais rexerase polo procedemento seguinte:

Catro meses antes da terminación do mandato dos vocais, o presidente do consello fará unha convocatoria pública.

Nesta convocatoria poderán participar tódalas entidades e asociacións conforme a composición prevista no artigo 4 do Decreto 336/1994, do 27 de outubro.

En todo caso, o proceso electoral rexerase polo disposto na Orde do 10 de maio de 1995, pola que se establecen normas para a constitución do Consello Galego de Servicios Sociais e dos consellos provinciais de Servicios Sociais, en todo aquilo que lle sexo de aplicación.

Capítulo VI

Medios ó servicio do consello

Artigo 19º.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais garantirá o funcionamento administrativo e organizativo do consello, dotándoo de persoal e medios axeitados con cargo ás súas consignacións orzamentarias.

Artigo 20º.-Sede do consello.

O Consello Galego de Servicios Sociais terá a súa sede en Santiago de Compostela, aínda que poderá celebra-las súas reunións en calquera localidade da Comunidade Autónoma cando así o decida o presidente.

Capítulo VII

Reforma do regulamento

Artigo 21º.-O presente regulamento poderá ser modificado por proposta dos 2/3 dos membros do consello. A proposta deberá ser presentada á Comisión Permanente, que a estudiará e elaborará un proxecto de modificación que será sometido ó Pleno para a súa análise, emenda e, se é o caso, aprobación definitiva.

As reformas do Regulamento de funcionamento interno deberán ser aprobadas pola maioría absoluta dos vocais do consello e entenderanse incorporadas a este desde o momento da súa aprobación polo Pleno.