Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 24 de novembro de 1997 Páx. 11.254

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 332/1997, do 13 de novembro, polo que se constitúe o Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia.

De acordo co artigo 4.2º da vixente Lei de colexios profesionais, do 13 de febreiro de 1974, a fusión, absorción, segregación, cambio de denominación e disolución dos colexios profesionais da mesma profesión será promovida polos colexios de acordo co disposto nos seus respectivos estatutos, e requirirá a aprobación por decreto, unha vez oídos os demais colexios afectados.

Os colexiados pertencentes ás delegacións das catro provincias galegas do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Oviedo promoven a

constitución do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia, prevista no artigo 13 dos estatutos xerais dos colexios de facultativos de minas e fábricas mineralúrxicas e metalúrxicas, aprobados por O.M. do 12 de marzo de 1957 (BOE nº 95, do 5 de abril).

Polo Real decreto 1503/1997, do 26 de setembro, acordouse a segregación das delegacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Oviedo, (BOE nº 244, do 11 de outubro).

A constitución do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia afecta directamente á Comunidade Autónoma de Galicia, que ten recoñecidas competencias en materia de colexios profesionais.

De acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, ó abeiro do establecido no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais, no Decreto da Xunta de Galicia 337/1996, do 13 de setembro, sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e os seus consellos, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de novembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Constitúese o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

7463