Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 24 de novembro de 1997 Páx. 11.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 20 de novembro de 1997 de ampliación do prazo fixado no artigo 11 do prego-tipo de bases administrativas e de condicións técnicas aprobado no Decreto 281/1997, do 9 de outubro, polo que se regula o procedemento de contratación da xestión indirecta do servicio de radiodifusión sonora, de carácter comercial, en ondas métricas con modulación de frecuencia en determinadas localidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes no procedemento establecido no Decreto 281/1997, do 9 de outubro, polo que se regula o procedemento de contratación da xestión indirecta do servicio de radiodifusión sonora, de carácter comercial, en ondas métricas con modulación de frecuencia en determinadas localidades da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no DOG nº 197, do 13 de outubro; téndose presentado un número moi elevado de solicitudes que impide razoablemente o cumprimento dos prazos previstos no procedemento establecido e, co obxecto de facilita-la emenda polos interesados dos erros e deficiencias observadas na

documentación administrativa achegada por eles, faise necesario proceder á ampliación do prazo fixado no prego de bases para a celebración do acto público de apertura das ofertas.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a proposta do presidente da mesa de contratación, e facendo uso das facultades que me confire a disposición derradeira primeira do devandito Decreto 281/1997, do 9 de outubro, esta consellería acorda o seguinte:

Artigo único.-Amplíase en 15 días naturais o prazo establecido no artigo 11 do prego de bases administrativas e de condicións técnicas que rexirá a contratación, en réxime de concesión, do servicio público de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, polo que o acto público de apertura das ofertas (sobres 2 e 3) terá lugar o día 12 de decembro de 1997, ás 9 horas, no salón pequeno da Consellería de Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, no edificio administrativo de S. Caetano, en Santiago de Compostela.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ó día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

8810