Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 21 de novembro de 1997 Páx. 11.216

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 1997 pola que se convocan dúas bolsas de artes plásticas.

O Consello da Cultura Galega convoca dúas bolsas cunha contía mensual de 90.000 ptas. cada unha, cunha duración de seis meses, para traballar na catalogación de fondos de artes plásticas.

1. Orzamento.

Para atende-lo gasto que supoñen as bolsas existe crédito suficiente nas aplicacións 03.01.111D.480 do orzamento vixente.

2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas bolsas tódolos cidadáns comunitarios, maiores de idade e con plena capacidade para obrar, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Non seren traballadores por conta propia ou allea, nin recibiren remuneración de ningún tipo nin gozaren dunha bolsa ou axuda semellante.

b) Non teren sido separados do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

c) Seren licenciados en biblioteconomía e arquivística, historia da arte ou belas artes.

3. Solicitudes.

Os solicitantes entregarán (horario das 10 ás 14 horas) na sede do Consello da Cultura Galega, Pazo de Raxoi, 2ª planta, Santiago de Compostela, dentro do prazo de dez días hábiles contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Instancia de solicitude dirixida ó presidente do Consello da Cultura Galega.

-Fotocopia do expediente académico correspondente.

-Currículum vitae con indicación dos estudios, actividades e documentación acreditativa de tódolos méritos que se aleguen.

-Declaración xurada de non estar desempeñando ningún traballo por conta propia ou allea e de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

4. Selección dos bolseiros.

Para a selección dos bolseiros considerarase mérito e valorarase de acordo coa súa significación, a participación e experiencia en proxectos de investigación sobre temas de arte contempránea ou de catalogación de fondos de arte contemporánea.

5. Comisión avaliadora.

A comisión que avaliará as solicitudes estará composta por dous membros da comisión executiva do Consello da Cultura Galega e mailo coordinador da ponencia de artes plásticas do propio consello.

6. Nomeamento.

Os bolseiros serán nomeados polo presidente do Consello da Cultura Galega por proposta da Comisión Avaliadora, quen tamén seleccionará os suplentes que xulgue oportunos. Os bolseiros seleccionados deberán presentarse na sede do consello dentro dos dez días seguintes ó da notificación da súa selección co obxecto de recolleren as súas credenciais e comezaren a súa actividade.

7. Desenvolvemento da investigación.

Os bolseiros desenvolverán a súa actividade baixo a dirección dun coordinador designado pola ponencia de artes plásticas do Consello da Cultura Galega quen sinalará o tempo de dedicación, o modo de realiza-lo traballo, e dictará tódalas directrices necesarias para o seu desenvolvemento. Neste sentido poderán establecer un horario fixo máximo de traballo que en ningún caso poderá exceder das 40 horas semanais e que se desenvolverá na sede do Consello da Cultura Galega ou onde for preciso. Estes bolseiros terán que render mensualmente un informe da súa actividade que co aval do coordinador do traballo servirá de base para xustifica-lo pagamento da bolsa.

8. Pagamento das bolsas.

O pagamento das bolsas realizarase en seis mensualidades logo do informe do coordinador do proxecto conforme os traballos se desenvolven con normalidade e de acordo coas prescricións técnicas establecidas.

9. No caso de incumprimento continuado das tarefas obxecto da bolsa, o coordinador da ponencia elevará un informe ó presidente do Consello, quen despois da audiencia do interesado, adoptará a decisión que corresponda.

A solicitude de bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa co Consello da Cultura Galega.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 1997.

Mª Xosé Rodríguez Galdo

Secretaria xeral do Consello

da Cultura Galega

9199