Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 17 de novembro de 1997 Páx. 11.054

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de novembro de 1997 pola que se regula a renovación da oferta de ensinanzas nos centros sostidos con fondos públicos de ensino secundario e escolas de arte, durante o curso 1998/1999.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e

o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servicios de Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, recoñécenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

No marco destas competencias e da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no propósito de actualiza-la cualificación dos cidadáns, persegue como un dos obxectivos básicos para a formación profesional e as artes aplicadas e deseño o de lles dar unha resposta puntual e axeitada ós requirimentos de formación provenientes do mundo productivo.

A necesidade de manter en todo momento actualizada a oferta formativa dos centros incide na necesidade de revisar periodicamente a oferta educativa. Neste sentido, debe acometerse de xeito progresivo a substitución das actuais ensinanzas de formación profesional e de artes aplicadas e deseño polos novos ciclos formativos, dentro do calendario previsto, e procurarase a ampliación da oferta no contexto dos obxectivos sinalados polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo para Galicia 1994-1999.

Por outra parte, a progresiva implantación do ensino do novo sistema educativo fai que distintos centros poidan requirir durante o próximo curso 1998-1999 a implantación de ciclos formativos de graos medio e superior, como oferta para o alumnado que remata o ensino secundario obrigatorio e as diferentes modalidades de bacharelato.

Na súa virtude, visto o Decreto 346/1996, do 13 de setembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Ámbito de aplicación.

A presente orde regula as condicións polas que os centros sostidos con fondos públicos de ensino secundario e escolas de arte poderán solicita-la renovación dos ciclos formativos concedidos no curso 1997-1998 ou a implantación anticipada de ciclos formativos durante o curso 1998-1999.

Segundo.-Renovación dos ciclos formativos autorizados durante o curso 1997-1998.

Os centros que desexen renovar durante o curso 1998-1999 os ciclos formativos para os que foron autorizados no curso 1997-1998, deberán presentar na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ata o 23 de decembro de 1997, unha memoria na que consten os seguintes puntos:

a) O proxecto didáctico que, aproveitando a experiencia da actividade formativa no curso actual e considerando o contorno productivo do centro, reco

lla os obxectivos que se pretende acadar, os contidos que se desenvolverán, a metodoloxía que se aplicará para cada un dos módulos do ciclo formativo e os sistemas de avaliación e recuperación previstos.

b) Compromiso formal do profesorado con destino definitivo nos centros, indicando os módulos que impartirá cada un deles.

c) Relación das empresas do sector que, reunindo os requisitos de idoneidade, asumiron formalmente o compromiso de acolle-los alumnos para a realización do módulo de formación en centros de traballo, de acordo co programa enunciado no correspondente documento base do título. Este compromiso de colaboración xustificarase documentalmente.

d) Actividades específicas de formación e actualización do profesorado que se consideren necesarias.

Terceiro.-Nova implantación de ciclos formativos durante o curso 1998-1999.

1. Seguindo a metodoloxía utilizada en cursos anteriores, considérase oportuno continua-la implantación anticipada dos ciclos formativos aprobados nos respectivos reais decretos.

2. Os centros que desexen solicita-la implantación durante o curso 1998-1999 dalgún dos ciclos formativos do catálogo de títulos deberán presentar na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ata o 23 de decembro de 1997, unha memoria na que consten os seguintes puntos:

a) Conexión co contexto productivo: xustificación da conveniencia de implanta-lo ciclo formativo, tendo en conta o sector productivo na área de influencia do centro.

b) Xustificación de que se cumpren os requisitos mínimos de espacios e instalacións especificados no correspondente documento base do título, así como as especificacións previstas para este tipo de ensinanzas polo Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño.

c) Relación dos recursos didácticos e tecnolóxicos dispoñibles para o desenvolvemento do ciclo formativo e relación dos que sería necesario adquirir, segundo o módulo de equipamento elaborado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, que consta no servicio de inspección provincial.

d) Proxecto didáctico, tomando como referencia a normativa que regula as correspondentes ensinanzas, no que se concretarán as liñas xerais da programación do ciclo formativo, a súa temporalización e a adaptación dos seus obxectivos e contidos ó contorno do centro.

e) Desenvolvemento curricular de cada módulo:

-Metodoloxía e equipamento didáctico que se utilizará en cada caso.

-Sistemas de avaliación e recuperación previstos.

f) Compromiso formal do profesorado con destino definitivo nos centros, indicando os módulos que impartirá por cada un deles.

g) Relación das empresas do sector que, reunindo os requisitos de idoneidade, asumiron formalmente o compromiso de acolle-los alumnos para a realización do módulo de formación en centros de traballo, de acordo co programa enunciado no correspondente documento base do título. Este compromiso de colaboración xustificarase documentalmente.

h) Actividades específicas de formación e actualización do profesorado que se consideran necesarias para poder imparti-lo ciclo.

i) Aprobación pola comunidade educativa: certificación de que o proxecto foi aprobado polo departamento correspondente e o consello escolar do centro.

Cuarto.-Aprobación das ensinanzas.

1. As delegacións provinciais remitirán, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, antes do 31 de xaneiro, no caso de renovación de ensinanzas, un informe dos servicios provinciais de inspección no que se concrete claramente o cumprimento de tódolos requisitos mencionados na apartado segundo desta orde.

No caso de solicitudes de implantación de novos ciclos, as delegacións provinciais remitirán, na data indicada anteriormente, as correspondentes memorias-solicitudes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, acompañadas dun informe dos servicios provinciais de inspección relativo á oportunidade e interese da autorización, no que se concrete claramente o cumprimento de tódolos requisitos mencionados no apartado terceiro desta orde.

2. A aprobación ou denegación das ensinanzas recollidas nesta orde corresponderalle á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, logo de informe da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

As memorias-solicitudes entenderanse desestimadas no caso de non recaer resolución expresa no prazo de tres meses desde que rematou o período da súa presentación.

3. Terán prioridade para imparti-las ensinanzas reguladas nesta orde os centros que cumpran algún destes requisitos:

-Centros que por imparti-lo cuarto curso de educación secundaria obrigatoria e segundo curso dos novos bacharelatos sirva para ofertarlles ós alumnos ensinanzas de formación profesional específica.

-Centros nos que a implantación destas ensinanzas sirva para reestructura-la oferta actual de ensinanzas de formación profesional en función das necesidades dun sector productivo.

Quinto.-Matriculación.

Unha vez aprobada a renovación ou implantación anticipada das ensinanzas previstas nesta orde, o número mínimo que se requirirá para poder impartilas será de 15 alumnos admitidos para cada ciclo formativo, salvo autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional en sentido contrario, non podendo formalizar ningunha matrícula mentres non se acade. Esta condición dun número mínimo de alumnos debe ser posta en coñecemento dos interesados no momento da súa preinscrición.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional determinará en cada caso o número máximo de alumnos por grupo, atendendo ás condicións pedagóxicas e medios didácticos concretos. O número máximo de alumnos de cada grupo será de 30, non contabilizándose para estes efectos o alumnado repetidor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízane as direccións xerais de Ordenación Educativa e de Formación Profesional e de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións que consideren necesarias para o axeitado desenvolvemento do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Director Xeral de Ordenación Educativa

e de Formación Profesional. Director Xeral

de Centros e Inspección Educativa

8890