Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 14 de novembro de 1997 Páx. 11.019

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 1997, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se estima a petición formulada por Ana María Espiñeira Vázquez, aspirante no concurso-oposición convocado por Resolución do 19 de xuño de 1995 para o ingreso na categoría estatutaria de traballador social do organismo, se anulan as actuacións realizadas pola aspirante María Teresa Fernández Rodríguez e se modifican parcialmente as resolucións deste centro directivo do 19 de maio, 11 de xuño, 1 de xullo e 20 de agosto de 1997.

Visto o escrito con data do 10 de setembro de 1997 (rexistro de entrada nº 38768, do 11 de setembro) de Ana Mª Espiñeira Vázquez a través do que alega en síntese o seguinte:

a) Que na Resolución do 19 de xuño de 1995 (DOG nº 122, do 27 de xuño) da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas se convocou concurso-oposición para o ingreso, entre outras, na categoría de traballador social de persoal estatutario do organismo, ofertándose 51 prazas.

b) Que a solicitante participou no dito concurso-oposición, superou a fase de oposición e obtivo 122,70 puntos no total de ámbalas dúas fases.

c) Que segundo o anexo I da Resolución do 19 de maio de 1997 (DOG nº 103, do 19 de maio) pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan o proceso selectivo para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do organismo, relativas á publicación da relación de aspirantes que superaron o dito proceso selectivo, o tribunal da categoría de traballador social declarou aspirantes seleccionados no dito concurso-oposición a 45 aspirantes procedentes da quenda de acceso libre e a 6 aspirantes procedentes da quenda de promoción interna.

d) Que entre os aspirantes da quenda de promoción interna aparece seleccionada en quinto lugar a aspirante Mª Teresa Fernández Rodríguez.

e) Que a solicitante Ana Mª Espiñeira Vázquez acadou, polo súa puntuación, o número 46 na quenda de acceso libre, non aparecendo, en consecuencia, na dita relación, toda vez que o tribunal, en cumprimento do disposto no apartado 26 da base sexta da convocatoria, non podía declarar que superou o concurso-oposición un número de aspirantes superior ó número de prazas convocadas.

f) Que por Resolución do 11 de xuño de 1997 (DOG nº 116, do 18 de xuño) se aprobou a relación de prazas que se ofrecen e se citan os aspirantes que superaron o concurso-oposición para o acto de elección de destino.

g) Que celebrado o dito acto de elección de destino, no que segundo o apartado 3 da base oitava da convocatoria os aspirantes seleccionados pola quenda de promoción interna elixen destino con preferencia sobre os de acceso libre se publicou no DOG nº 130, do día 8 de xullo de 1997, a Resolución do 1 de xullo pola que se ordena a publicación da relación de aspirantes aprobados con indicación da praza que lles corresponde no dito concurso-oposición, aparecendo, na categoría de traballador social, relacionada Mª Teresa Fernández Rodríguez (páxina 6.641) destinada a unha praza da xerencia de atención primaria de Santiago de Compostela.

h) Que de conformidade coas bases da convocatoria, a dita resolución abriu un prazo de vinte días para que os aspirantes nela relacionados achegasen a correspondente documentación.

i) Que por Resolución do 20 de agosto de 1997 (DOG nº 173, do 9 de setembro), se declara rematado o concurso-oposición, se nomean os aspirantes seleccionados como persoal estatutario fixo do Sergas e se lles adxudica con carácter de destino definitivo a praza correspondente.

j) Que na dita resolución non aparece relacionada a aspirantes Mª Teresa Fernández Rodríguez.

Con base nas ditas alegacións, a comparecente solicita que se lle declare ter superado o concurso-oposición e se lle permita elixir destino da categoría de traballador social e posteriormente se lle nomee persoal estatutario fixo do organismo.

Á vista de todo o actuado, esta dirección xeral, en uso das súas facultades, procede contesta-lo seguinte á petición formulada.

Antecedentes de feito

Danse por certas tódalas alegacións formuladas pola comparecente, debendo engadirse que por resolución deste centro directivo, do 20 de agosto de 1997, non publicada no Diario Oficial de Galicia, se acordou excluír a Mª Teresa Fernández Rodríguez do concurso-oposición, para o ingreso na categoría de traballador social, quedando anuladas tódalas súas actuacións e perdendo os seus dereitos derivados da súa participación nel, en aplicación do disposto no apartado 10 da base oitava da convocatoria, como consecuencia de non acredita-la interesada, entre a documentación entregada, a posesión do título universitario oficial de diplomada en traballo social antes do día 27 de xullo de 1995.

Consideracións xurídicas

1. As bases da convocatoria aprobadas pola Resolución do 19 de xuño de 1995 non se pronuncian sobre a solución que se vai adoptar no suposto de que un dos aspirantes seleccionados no concurso-oposición non achegue a documentación que acredite cumpri-los requisitos de titulación esixidos para ser nomeado persoal estatutario fixo na categoría de traballador social.

2. Tampouco pode atoparse unha solución para adoptar na normativa xeral aplicable ó proceso selectivo que, segundo a base primeira, apartado 2, da convocatoria, está contida no Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro e o Decreto 74/1995, do 10 de marzo, que aproba a oferta de emprego.

3. Solicitado informe á Asesoría Xurídica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, esta pronúnciase de xeito favorable á estimación da petición de Ana Mª Espiñeira Vázquez argumentando o seguinte:

«Que se ben os tribunais non poden declarar que superaron o concurso-oposición un número de aspirantes superior ó de prazas convocadas (Resolución do 19 de xuño de 1995, pola que convocaron as prazas, base sexta. 24), tampouco, e interpretando o precepto a contrario sensu, deben declararse como aprobados menos prazas das convocadas, sempre que se dea a circunstancia obxectiva de que existan aspirantes que superaron a fase de concurso-oposición, e non incorran noutras causas de exclusión.

Se ben é certo que a non inclusión da Sra. Fernández Rodríguez se produce nun momento procesual posterior ás actuacións dos tribunais, o certo é que as bases están cheas de medidas cautelares que queren garanti-la adxudicación de tódalas prazas, cautelas que -ó noso entender- deben estenderse á recta final do proceso, xa que a finalidade dunha oposición, como ben di a recorrente, é cubri-la totalidade das prazas ofertadas, o que a Administración convocante debe cumprir, salvo que concorran -como queda dito- outras causas de exclusión.

Como consecuencia do razoado, esta asesoría xurídica estima que debe admitirse o escrito formulado por Ana Mª Espiñeira Vázquez e proceder á modificación, mediante resolución motivada, da do 20 de agosto de 1997, no relativo á categoría de traballador social».

4. Igualmente a dita asesoría xurídica manifesta no seu informe que terá que articularse nesta resolución un procedemento que permita garanti-lo seu cumprimento e respecte o resto das bases de convocatoria aprobadas por Resolución do 19 de xuño de 1995, modificando aquelas actuacións xa rematadas que se contrapoñan ó seu contido e conservando por razóns de economía procedemental, aquelas actuacións que non estean afectadas pola presente resolución.

Por todo o que antecede, esta dirección xeral, en exercicio das facultades atribuídas no Decreto 64/1996, do 15 de febreiro (DOG nº 41, do 27 de febreiro), polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde, e na Orde do 22 de maio de 1996 (DOG nº 111,

do 6 de xuño), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do organismo,

RESOLVE:

Primeiro.-Estima-la petición formulada por Ana Mª Espiñeira Vázquez, declarando ter superado o concurso-oposición para o ingreso na categoría de traballador social de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, convocado por Resolución do 18 de xuño de 1995, pola quenda de acceso libre cunha puntuación total de 122,70 puntos.

Segundo.-Modifica-la resolución desta dirección xeral do 19 de maio de 1997 (DOG nº 103, do 30 de maio), pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan o proceso selectivo para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Sergas, relativas á publicación da relación de aspirantes que superaron o dito proceso, no seu anexo I, relativo á categoría de traballador social, excluíndo na quenda de promoción interna a Mª Teresa Fernández Rodríguez e incluíndo na quenda de acceso libre, en último lugar da relación, a Ana Mª Espiñeira Vázquez cunha puntuación global de 122,70 puntos, modificando deste xeito o acordo do respectivo tribunal.

Terceiro.-Modifica-la Resolución do 1 de xullo de 1997 (DOG nº 130, do 8 de xullo), pola que se ordena a publicación da relación de aspirantes aprobados con indicación da praza que lles corresponde no concurso-oposición para o ingreso, entre outras, na categoría de traballador social de persoal estatutario do Sergas, convocado por Resolución do 19 de xuño de 1995, excluíndo da dita relación a Mª Teresa Fernández Rodríguez que aparece nela con destino na Xerencia de Atención Primaria de Santiago de Compostela.

Cuarto.-Igualmente, respecto á dita Resolución do 1 de xullo de 1997, acórdase deixar sen efecto os destinos adxudicados a tódolos aspirantes da categoría de traballador social, pretencentes á quenda de acceso libre, así como o destino adxudicado á aspirante de promoción interna M. Alcira Baleato Negreira.

Quinto.-Modifica-la Resolución do 20 de agosto de 1997 (DOG nº 173, do 9 de setembro), pola que se declara rematado o dito concurso-oposición, se nomean os aspirantes seleccionados como persoal estatutario fixo do Sergas e se lles adxudica con carácter de destino definitivo a praza correspondente, no relativo ós destinos adxudicados a tódolos aspirantes que superaron o dito concurso-oposición na categoría de traballador social, con excepción dos aspirantes que o superaron pola quenda de promoción interna, Juana María Cruz del Río, Mª Lourdes Suárez Queijo, Dorinda Álvarez Chaos e Mª del Carmen García Vidal.

Sexto.-Como consecuencia de todo o anterior procede acorda-las seguintes actuacións:

1) Citar a tódolos aspirantes que superaron o concurso-oposición na categoría de traballador social,

con excepción das catro citadas no apartado anterior da presente resolución, para un novo acto de elección de destino que terá lugar o día 19 de novembro de 1997 ás 18.15 horas na Escola Galega de Administración Pública, sita no polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela.

As prazas que se ofertarán no dito acto son as que aparecen relacionadas na Resolución do 11 de xuño de 1997 (DOG nº 116, do 18 de xuño), páxinas 5.865 e 5.866 con excepción das seguintes: 1 praza no XAP da Coruña, área A Coruña; 1 praza no XAP de Santiago de Compostela; 1 praza no Complexo Hospitalario Xeral-Cíes de Vigo e 1 praza no Hospital Montecelo de Pontevedra.

O acto de elección celebrarase conforme as previsión contidas nas bases da convocatoria e nos apartados a), b), c) e d) do punto cuarto da dita Resolución do 11 de xuño de 1997.

Sétimo.-Quedan validadas tódalas actuacións realizadas polos aspirantes da categoría de traballador social en execución das previsións contidas na Resolución do 1 de xullo de 1997 con relación á presentación da documentación requirida no seu apartado segundo; non é necesario que presenten unha nova documentación, excepción feita de Ana Mª Espiñeira Vázquez que o levará a efecto no momento en que sexa requirida para cumpri-lo dito trámite.

Oitavo.-Mentres non se publique a resolución cos novos destinos na categoría de traballador social, o persoal da dita categoría que resulte afectado pola presente resolución continuará, sen perde-la condición de persoal estatutario fixo desta, desenvolvendo co carácter de definitivo o destino adxudicado na Resolución do 20 de agosto de 1997 e manterá igual carácter durante o prazo posesorio que se lle fixe na correspondente resolución que terá que pronunciarse sobre os prazos de cesamento e toma de posesión.

A presente resolución, que terá que publicarse no Diario Oficial de Galicia, deberá ser comunicado a tódolos interesados na forma establecida nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coa advertencia de que lle pon fin á vía administrativa e de que contra esta poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación, despois de comunicarllo a esta dirección xeral, de acordo co previsto no artigo 110.3º da Lei 30/1992 antes citada, ou exercitar calquera outro que estime pertinente.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 1997.

P.D. (Orde 22-5-1996, DOG nº 111, do 6-6-1996)

Valeriano Martínez García

Director xeral de Recursos Humanos

8580