Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 13 de novembro de 1997 Páx. 10.916

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 24 de setembro de 1997 pola que se convocan as bolsas de investigación 1997.

O Servicio Galego de Saúde ten encomendado entre as súas funcións o fomento e desenvolvemento de estudios e investigacións científicas na área de saúde. Coa finalidade de potencia-la investigación no ámbito da atención sanitaria especializada a Dirección Xeral de Atención Especializada destina unha contía de 10.000.000 de ptas. a unha convocatoria de bolsas tanto para persoas individuais coma para equipos de investigación que realicen tarefas de investigación en Galicia dentro da rede de hospitais do Sergas (públicos e concertados).

Por todo isto, conforme o establecido no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financiero e presupostario, e de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse bolsas para a realización de traballos de investigación en Galicia, dentro da rede de hospitais do Sergas (públicos e concertados) que se inicien durante o presente exercicio.

Poderá solicitar estas axudas o persoal sanitario e outro persoal vinculado ó sector da saúde que preste os seus servicios no Servicio Galego de Saúde, dentro da Atención Especializada, ben a título persoal ou ben como equipos de investigación.

Artigo 2º

Serán preferentes aqueles traballos que traten as seguintes áreas:

Epidemiolóxica:

-Estudios de incidencia e prevalencia para a globalidade da comunidade autónoma.

Avaliación de:

-Hospitais e/ou servicios.

-Custos sanitarios.

-Sistemas de información sanitaria.

-Recursos asistenciais por área sanitaria, provincia e/ou autonomía.

Avaliación de técnicas de diagnóstico e/ou tratamento existentes ou que se vaian implantar.

Artigo 3º

As axudas serán incompatibles con calquera outra destinada ó mesmo traballo. En ningún momento se subvencionarán traballos xa finalizados.

Artigo 4º

1. As solicitudes das bolsas dirixiranse á Dirección Xeral de Atención Especializada, conforme o modelo recollido no anexo, e presentaranse no rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou nos rexistros das delegacións desta ou nas direccións provinciais do Sergas ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

2. Xunto coa solicitude deberase presenta-la seguinte documentación:

a) Currículum vitae do ou dos solicitantes, coa correspondente xustificación orixinal ou copia compulsada dos méritos alegados.

b) Fotocopia cotexada do NIF.

c) Declaración xurada de non ter solicitado nin recibido ningún tipo de axuda para o traballo obxecto desta convocatoria.

d) Memoria explicativa do traballo que se vai desenvolver, cunha estructura de introducción e xustificación do traballo, obxectivos, material e métodos e datas previstas de inicio e finalización.

e) Orzamento xeral solicitado desagregado por conceptos de gastos.

f) Certificación da dirección ou xerencia do centro de traballo onde se xustifique que o solicitante exerce actualmente nel e o compromiso da facilitación, por parte do centro, da infraestructura material para a súa realización.

g) Certificado bancario acreditativo de que o solicitante é o titular da conta a través da que se desexa percibi-la subvención e no que conste o código da entidade bancaria, da sucursal e da conta correspondente.

3. O prazo de presentación será de 15 días contados desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria.

Artigo 5º

1. A proposta de adxudicación das bolsas correspóndelle a unha comisión que estará formada por:

-O director xeral de Atención Especializada.

-A subdirectora xeral de Programas en Atención Especializada.

-O xefe do Servicio de Saúde Mental, Docencia e Investigación en Atención Especializada.

-O xefe da Sección de Investigación en Atención Especializada que actuará como secretario.

2. Para a concesión das axudas poderán valorarse, ademais das preferencias establecidas no artigo 2º, os seguintes criterios:

a) Interese do traballo para a sanidade galega.

b) Adecuación entre o posto desempeñado e o traballo que se vai realizar.

c) Conformidade do orzamento solicitado ó labor que se vai desenvolver.

d) Contía solicitada.

Artigo 6º

1. Unha vez finalizado o traballo, remitirase á Dirección Xeral de Atención Especializada unha memoria completa do labor desenvolvido indicando os seguintes apartados: introducción, xustificación e obxectivos, material e métodos, resultados, discusión e conclusións.

2. Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores, mais no momento de facelos públicos deberá consta-la referencia específica da axuda recibida por parte da Xunta de Galicia, debendo enviar á comisión que resolve o concurso un exemplar das publicacións correspondentes, no caso de habelas.

3. A Xunta de Galicia reserva para si o dereito de emprega-los resultados destes traballos para a realización dos seus propios estudios e planificacións.

Artigo 7º

1. As solicitudes serán resoltas polo presidente do Servicio Galego de Saúde no prazo de 15 días naturais contados desde o vencemento do prazo de presentación das instancias, e publicarase no taboleiro de anuncios do Servicio Galego de Saúde e nos das súas direccións provinciais. Se as solicitudes non se resolvesen no prazo establecido, entenderase desestimadas.

2. Cada beneficiario deberá realizar un acto expreso de aceptación da axuda e das súas condicións dirixido á Dirección Xeral de Atención Especializada do Servicio Galego de Saúde, no prazo máximo de 10 días naturais contados a partir do momento

en que se publique a resolución. Transcorrido ese prazo sen efectua-la aceptación, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 8º

1. O orzamento global previsto é de dez millóns de pesetas aportados polo Servicio Galego de Saúde con cargo á aplicación orzamentaria 5001.2400.780.1.

2. A dotación orzamentaria para cada traballo dependará do número de beneficiarios e do orzamento que aprobe a comisión para cada caso.

Artigo 9º

O pagamento das bolsas efectuarase unha vez acreditados os correspondentes xustificantes de gasto e memoria do traballo conforme o previsto no artigo 6º.1.

Con carácter excepcional, e por resolución motivada do presidente do Sergas, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da subvención naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos.

Artigo 10º

Os solicitantes que non resulten beneficiarios da axuda poderán solicitar dentro do prazo dun mes, contado a partir da publicación da resolución, a devolución da documentación presentada, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Atención Especializada. No caso de non solicitaren a dita devolución no prazo indicado, procederase á súa destrucción.

Artigo 11º

O incumprimento da finalidade da bolsa ou das condicións ou obrigas que se estipulan nesta orde, dará lugar á perda dela e á devolución do percibido cos seus xuros de demora.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

e presidente do Servicio Galego de Saúde

8513