Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Xoves, 06 de novembro de 1997 Páx. 10.717

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

CONVOCATORIA dunha praza de xerente.

O Consello da Cultura Galega anuncia unha convocatoria pública, polo procedemento de concurso público, para contratar un xerente en réxime de contratación laboral indefinida, establecéndose un período de proba por seis meses.

Para seren admitidos, os aspirantes deben reuni-los seguintes

1. Requisitos xerais:

1.1. Pertenceren á Comunidade Europea.

1.2. Teren cumpridos os 18 anos.

1.3. Posuíren coñecemento oral e escrito da lingua galega.

1.4. Non padeceren enfermidade nin estaren afectados por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

1.5. Non estaren separados do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atopárense inhabilitados por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

2. Requisitos mínimos:

2.1. Acreditaren a posesión do título de licenciado ou equivalente.

2.2. Acreditaren experiencia, mínima de 3 anos, de xestión na Administración pública, especialmente a realizada en organismos públicos de características funcionais similares ás do Consello da Cultura Galega.

2.3. Acreditaren experiencia, mínima de 2 anos, na xestión cultural.

3. Valorarase:

3.1. O coñecemento da lexislación aplicable ás administracións públicas e á xestión cultural.

3.2. A experiencia na xestión e dirección de persoal.

3.3. A capacidade para asignar recursos humanos e materiais en función das diversas iniciativas que se vaian desenvolver.

3.4. A capacidade de relación con institucións públicas e particulares.

3.5. A experiencia en xestión contable e financeira pública.

3.6. A sensibilidade para comprender e transmiti-la dimensión institucional do Consello da Cultura Galega.

4. Valoración de méritos:

Sobre un máximo de 100 puntos valorarase:

4.1. Experiencia ata un máximo de 45 puntos, tendo en conta a traxectoria do candidato na Administración pública e na xestión cultural, así como nos aspectos específicos relativos á xestión e dirección de persoal e á xestión contable, de acordo cos requisitos esixidos para o posto.

4.2. Capacidade do candidato para asumi-la dimensión institucional do Consello da Cultura Galega ata un máximo de 30 puntos.

4.3. Aptitudes de comunicación ata un máximo de 20 puntos, valorándose a capacidade de relación con institucións públicas e particulares así como na dirección de persoal (en especial na asignación e distribución do traballo).

4.4. Coñecementos técnicos relacionados co posto que merezan unha especial consideración, ata un máximo de 5 puntos.

5. Solicitudes:

As solicitudes deberán ser presentadas no Rexistro do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2ª planta, praza do Obradoiro, Santiago de Compostela), antes das 14 horas do día 20 de novembro de 1997.

Admitiranse as solicitudes enviadas por correo certificado que puideran chegar despois do prazo sinalado, sempre que previamente se comunique o seu envío e, no seu momento, se presente xustificante de que foi enviado dentro do prazo.

As solicitudes virán acompañadas dunha fotocopia do DNI e dun currículum vitae ó que se xuntará documentación xustificativa dos méritos enumerados.

6. Proceso de selección:

6.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes o tribunal seleccionador publicará as listas previas de admitidos e excluídos ó proceso de selección, coa motivación da exclusión, se é o caso, establecéndose un prazo de 5 días hábiles para, por petición do interesado, reparar calquera erro que sexa emendable. Esgotado este prazo, publicaranse, no taboleiro de anuncios do Consello da Cultura Galega, as listas definitivas de admitidos e excluídos ó proceso de selección.

As probas de selección constarán de dúas fases:

1. Concurso de méritos.

2. Entrevista persoal a todos aqueles que acaden un mínimo de 50 puntos de acordo co baremo establecido na convocatoria. Na entrevista persoal ava

liaranse os coñecementos do candidato ademais da adecuación del ó posto de traballo.

7. Tribunal seleccionador:

O tribunal seleccionador estará formado polo presidente do Consello da Cultura Galega e tres membros da comisión executiva.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 1997.

Carlos Casares Mouriño

Presidente do Consello da Cultura Galega

8008