Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Xoves, 06 de novembro de 1997 Páx. 10.692

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 309/1997, do 25 de setembro, de acción individualizada da Comunidade Autónoma de Galicia, complementaria da resolución da Comisión Interministerial da Ciencia e Tecnoloxía pola que se fai pública a convocatoria de concesión de axudas para a realización de proxectos para o fomento da I+D e a innovación nas rexións de obxectivo 1, no marco do Plan Nacional de Investigación Científica e Desenvolvemento Tecnolóxico con cofinanciamento Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional).

Un dos principais retos da Unión Europea en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico (IDT) é facer participar o sector productivo na realización deste tipo de actividades. Os actuais proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico para a innovación Feder tentan responder a estes desafíos cunha filosofía de actuación distinta, de xeito que se estimule o interese do sector productivo polo desenvolvemento deles. A cooperación sector productivo-sector investigador permite, a través dun traballo proxectado e executado conxuntamente e ad hoc, resolver necesidades tecnolóxicas das empresas, mellora-la súa capacidade productiva e compara-las ideas, os métodos e as prácticas. Así, a forma de traballo formúlase en común e aprovéitanse as experiencias adquiridas para enriquece-los propios métodos e procedementos. Por outra banda, o intercambio e a cooperación permitirán ó sector productivo aplica-los mesmos procedementos noutras áreas e resolver mellor e máis rapidamente

múltiples problemas comúns a diversos ámbitos.

A Resolución do 30 de xullo de 1997, da Secretaría de Estado de Universidades, Investigación e Desenvolvemento-Vicepresidencia da Comisión Interministerial de Ciencia e Tecnoloxía, pola que se fai pública a convocatoria de concesión de axudas para a realización de proxectos para o fomento da I+D e a innovación nas rexións de obxetivo 1, no marco do Plan Nacional de Investigación Científica e Desenvolvemento Tecnolóxico (BOE nº 188, do 7 de agosto de 1997), establece a posibilidade de que os proxectos presentados sexan cofinanciados seguindo o principio de adicionalidade, segundo o que a Unión Europea considera que a acción que se leva a cabo se pode complementar coas iniciativas dos estados e as rexións onde se realice o investimento e coa dos propios beneficiarios. Trátase de lograr un diálogo permanente entre a Unión Europea, o Estado e a rexión membro e os beneficiarios, co obxectivo dunha maior eficacia, gracias ó esforzo compartido e á posta en común dos recursos implicados na

acción estructural comunitaria.

A devandita resolución establece no punto 1.6 que se requirirá a participación nos proxectos de polo menos unha empresa, preferentemente da Comunidade Autónoma, que manifeste o seu interese polo resultados previsibles do proxecto e que, en función do devandito interese, aporte recursos (humanos, económicos ou materiais) para colaborar no bo desenvolvemento do proxecto. A citada aportación non poderá ser, en ningún caso, obxecto de subvención con cargo á convocatoria estatal.

O presente decreto ten como finalidade apoia-la participación das empresas da Comunidade Autónoma de Galicia nos citados proxectos, complementando o orzamento dos Fondos Estructurais de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Comisión Europea e do Plan Nacional de I+D, en canto á participación das empresas e, asemade, especifica-las características particulares que a Comunidade Autónoma de Galicia terá en conta ó elabora-lo informe de oportunidade científico-tecnolóxica, utilidade socioeconómica e posibilidade de transferencia tecnolóxica preceptivo para a avaliación e selección de propostas a que se refire o punto 4.3 da convocatoria estatal.

Ademais, ten por obxecto fixa-los criterios básicos, de acordo co artigo nº 178 da Lei financeira e orzamentaria de Galicia, das bases reguladoras aplicables á concesión de axudas ás empresas galegas que participen no proxecto a que fai referencia a citada resolución estatal.

No capítulo III, artigo 11. 4. a), e) e g), da Lei 12/1993 de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, establécese que lle corresponde á Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga), entre outras atribucións, a proposta á Xunta de Galicia, a asignación dos fondos públicos destinados a programas de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico e a coordinación das actividades e programas de investigación que se concerten co Plan Nacional de Investigación Científica e Desenvolvemento Tecnolóxico, ademais de determina-las actuacións de apoio e asistencia técnica que teñan relación coas mencionadas actividades.

A acta da xuntanza da Cicetga do 23 de xullo de 1997 recolle o acordo de aproba-la presente actuación.

No capítulo III, artigo 11.6, da devandita Lei 12/93 recóllese que o vicepresidente da Cicetga ou a persoa en quen delegue será quen xestione a concertación co Plan Nacional de I+D dos programas que o requiran. Por outra banda, o Decreto 137/1995, do 10 de maio, polo que se establece a composición da Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga), establece que o vicepresidente da Cicetga será o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

A Xunta de Galicia entende, para fomenta-la adecuada participación e colaboración entre o sector

productivo e o científico-investigador, que as empresas deben comprometerse a un financiamento mínimo do 30% do orzamento total do proxecto. Polo tanto, o presente decreto establece as condicións para acceder ás axudas desta convocatoria para os proxectos do seu ámbito territorial. Esta aportación pódese facer efectiva mediante recursos humanos, económicos ou materiais. Así pois, serían financiados polo Feder, polo Plan Nacional de I+D e polo propio sector productivo galego, facéndoo a Administración de Galicia no lugar do sector productivo cando este o solicitase en tempo e forma, ó amparo desta convocatoria, e a Cicetga o considerase oportuno.

A proposta do proxecto deberá estar formulada de xeito que facilite as avaliacións intermedias. Isto é, deberá formular fitos ou obxectivos intermedios facilmente comprobables.

Por outra banda, para que a Comunidade Autónoma de Galicia emita un informe de oportunidade favorable, os proxectos deberán encadrarse dentro do marco do que se coñece na Unión Europea como unha lista positiva. Estas listas teñen por obxecto enumerar accións pertinentes á convocatoria, de xeito que sirvan de orientación do tipo de accións que se presenten nos proxectos. As solicitudes pódense orientar a calquera tema de IDT (todo traballo creativo que se emprende de xeito sistemático co obxectivo de incrementa-los coñecementos e a súa utilización para concibir novas aplicacións) e innovación tecnolóxica (deseño, adquisición de tecnoloxías materiais ou inmateriais, equipos e enxeñería industrial, lanzamento de fabricación, comercialización de novos productos, servicios de consultoría, control de calidade, normalización e homologación, etc.), pero especialmente ós encadrados nos obxectivos socioeconómicos estratéxicos para Galicia e nas áreas de IDT e innovación tecnolóxica relevantes

para alcanzar tales obxectivos. A lista de obxectivos e áreas estratéxicas para Galicia que se recolle no anexo I desta convocatoria concreta as liñas globais incluídas no anexo da convocatoria estatal.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, e no uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxectivos.

Esta disposición ten por obxecto:

a) Fixa-los criterios que terá en conta a Comunidade Autónoma de Galicia para elabora-lo informe de oportunidade a que se refire a norma de aplicación xeral 4.3 da resolución estatal do 30 de xullo de 1997 da Secretaría de Estado de Universidades, Investigación e Desenvolvemento-Vicepresidencia

de la Comisión Interministerial de Ciencia e Tecnoloxía, pola que se fai pública a convocatoria de concesión de axudas para a realización de proxectos para o fomento da I+D e a innovación nas rexións de obxectivo 1, no marco do Plan Nacional de Investigación Científica e Desenvolvemento Tecnolóxico (BOE nº 188, do 7 de agosto de 1997).

b) De acordo co artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece-los criterios básicos para a concesión de axudas a aquelas empresas galegas que así o soliciten nas condicións da presente disposición.

Artigo 2º.-Marco lexislativo.

a) A Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga), creada pola Lei 12/1993, de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, emitirá o informe de carácter preceptivo a que se refire o artigo 1. a).

b) Así mesmo, a Cicetga, de acordo co artigo 11. 4. a) da Lei 12/93, propoñerá á Xunta de Galicia a asignación dos fondos públicos necesarios para cubri-lo compromiso de financiamento da Comunidade Autónoma de Galicia a que se refire o presente decreto.

Artigo 3º.-Informe de oportunidade, emitido pola Cicetga, dos proxectos do ámbito territorial de Galicia.

3.1. Co obxectivo de conseguir que os proxectos financiados se adecúen ós intereses estratéxicos da política científica en Galicia, atendendo ó especificado nos diversos apartados desta disposición, a Cicetga emitirá, de acordo co establecido na devandita resolución estatal, e antes de que se decida a concesión ou denegación do financiamento, un informe de oportunidade científico-técnica das propostas realizadas por organismos de Galicia, referindo neste a utilidade da proposta para os sectores socio-económicos ós que se dirixe e a posibilidade da transferencia dos resultados previsibles ós devanditos sectores. No citado informe, farase constar se existen outras fontes de financiamento para o proxecto, ben sexan solicitadas ou concedidas.

3.2. Os criterios que a Cicetga deberá ter en conta para emiti-lo informe de oportunidade, ademais dos expostos no punto 4. 4. da citada resolución estatal, serán os seguintes:

a) Utilidade do proxecto para os sectores socioeconómicos ós que se dirixe.

b) Previsible obtención de resultados con posibilidade de transferencia ós sectores empresariais de Galicia.

c) Actividade previa desenvolvida polo grupo de investigación.

d) Contribución da proposta á mellora ou creación de novos productos, procesos ou servicios na nosa Comunidade Autónoma.

e) Contribución da proposta á mellora da capacidade de absorción de tecnoloxía e, ou, coñecementos por parte da empresa ou as empresas implicadas.

Artigo 4º.-Criterios básicos para a concesión de axudas complementarias ás da Unión Europea e do Plan Nacional de I+D pola Comunidade Autónoma de Galicia, no marco das súas posibilidades orzamentarias, para os proxectos do seu ámbito territorial.

4.1. Os requisitos que deben cumpri-las empresas para acceder ó financiamento da Xunta de Galicia son os seguintes:

a) Solicitalo oportunamente ante a Cicetga, presentando a documentación nos enderezos aludidos no artigo 6º do presente decreto.

b) Que se xustifique documentalmente a imposibilidade financeira da empresa para afronta-la súa participación no proxecto ou parte dela.

c) Que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que as empresas participantes non poidan afronta-lo 30% do orzamento total do proxecto. A xustificación detallada e documentalmente demostrada entregarase coa solicitude ante a Cicetga.

4.2. Cumpridos estes requisitos, a Xunta de Galicia, por proposta da Cicetga, poderá cubri-la porcentaxe empresarial aludida.

4.3. De acordo co artigo 78.1 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, cada consellería establecerá, con carácter previo á disposición dos créditos, as bases reguladoras aplicables á concesión das axudas, e publicará unha orde na que se reflicta a oportuna partida orzamentaria para facer fronte ós proxectos que lle correspondan.

4.4. En calquera caso, as axudas previstas nesta convocatoria estarán condicionadas á aprobación do proxecto pola Secretaría Xeral do Plan Nacional de I+D.

4.5. Unha vez concedida, se é o caso, a subvención da Xunta de Galicia ó proxecto, a Cicetga determinará, cando o delegue na Comunidade Autónoma de Galicia a Secretaría Xeral do Plan Nacional de I+D, tendo en conta as directrices correspondentes á convocatoria estatal, as accións de seguimento e avaliación das tarefas realizadas con cargo ó proxecto. Estableceranse os órganos, comisións ou grupos de expertos que se consideren necesarios para realiza-las oportunas actuacións de comprobación e inspección da aplicación das axudas.

4.6. A Comunidade Autónoma de Galicia publicará no Diario Oficial de Galicia, mediante resolución da Cicetga, a lista de empresas beneficiarias e a contía das axudas.

4.7. A Cicetga poderá solicitar información ou verificar calquera aspecto relacionado coa solicitude subvencionada. Calquera modificación nas condi

cións iniciais de aprobación das axudas ás empresas deberá ser aceptada pola Cicetga, logo de avaliación da súa incidencia nos obxectivos globais do proxecto aprobado pola Secretaría Xeral del Plan Nacional de I+D.

Artigo 5º.-Contrato. Patentes-modelos de utilidade. Propiedade de bens inventariables adquiridos con cargo ó proxecto.

É preciso que, entre a empresa e o titular do proxecto, se asine un contrato no que se reflictirá, entre outros aspectos, a quen corresponderá a titularidade das patentes ou modelos de utilidade que se deriven dos proxectos. O devandito contrato tamén reflectirá quen vai se-lo depositario-beneficiario dos materiais inventariables comprados con cargo á subvención dos proxectos e as condicións previas a calquera publicación de resultados dos proxectos. Este contrato entregarase conxuntamente coa solicitude de subvención que presente a empresa á Cicetga.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes, pódense remitir, orixinal e 3 copias, ó seguinte enderezo, sen prexuízo do establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: Secretaría da Cicetga. Subdirección Xeral do Plan Galego de IDT. Edificio administrativo de San Caetano, s/n. 15704. Santiago de Compostela. Ou ben entregalas no Rexistro Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Edificio Administrativo de San Caetano, s/n. 15704. Santiago de Compostela.

A información que inclúe o impreso de solicitude, no que se explica como presentala, pode ser obtida por correo, fax ou internet, 10 días despois da publicación desta convocatoria, no seguinte enderezo:

Enderezo postal: Subdirección Xeral do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. Dirección Xeral de Universidades e Investigación.

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Edif. administrativo San Caetano, s/n. Santiago de Compostela.

Teléfono: (981) 54 54 75.

Fax: (981) 54 22 22.

Enderezo Internet: http//www.cesga.es/sug.

Artigo 7º.- Resolución das solicitudes.

7.1. A Cicetga poderá realizar tantas resolucións parciais como se consideren oportunas, en función do número de solicitudes recibidas e tendo en conta as datas de resolución da Secretaría Xeral del Plan Nacional de I+D respecto da convocatoria estatal.

7.2. As empresas beneficiarias destas axudas deberán acreditar, antes dos libramentos de fondos, estaren ó corrente das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

7.3. A xustificación das axudas ou subvencións realizarase de acordo co establecido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e rexerase polas normativas sobre axudas e subvencións públicas. O emprego da subvención concedida xustificarase mediante o cumprimento das normas que, sobre o seu seguimento científico-técnico, estean establecidas na presente disposición.

7.4. Ó remata-lo prazo de execución da actividade subvencionada, as empresas beneficiarias deberán remitir á secretaría da Cicetga, dentro dos tres meses seguintes á súa data de finalización, un informe final do desenvolvemento e cumprimento de obxectivos, e a xustificación económica do investimento realizado. As devanditas empresas estarán obrigadas a facilitar canta información lles sexa requirida pola Cicetga.

7.5. A resolución da Cicetga esgota a vía administrativa, e dictarase no prazo máximo de oito meses contados desde a presentación da documentación completa por parte do solicitante. No suposto de non producirse a resolución no prazo sinalado, entenderanse desestimadas.

Artigo 8º.-Seguimento das axudas.

8.1. As empresas beneficiarias deberán remitir anualmente á Cicetga un informe de seguimento coa conformidade do representante legal da entidade beneficiaria e o resumo dos gastos realizados, expedido polo correspondente servicio de contabilidade. A Cicetga poderá solicitar que se presente a información complementaria que se considere oportuna.

En calquera caso, o seguimento das axudas concedidas ás empresas pola Cicetga estará coordinado co seguimento dos proxectos aprobados que realice a Secretaría Xeral del Plan Nacional de I+D, en cumprimento do apartado 5 da convocatoria estatal.

8.2. Se, como resultado do seguimento, se observase o incumprimento dos obxectivos inicialmente previstos en canto a tempo, rendibilidade e resultados esperados, ou se dese algunha das circunstancias sinaladas como causa de desestimación da proposta na citada resolución estatal, sen prexuízo do disposto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, poderá interrompirse o financiamento, así como propoñe-las accións legais que procedan. Do resultado do seguimento informarase a entidade beneficiaria e o investigador responsable.

Artigo 9º.-Posibles publicacións resultado da execución do proxecto.

Nas publicacións e outros resultados ós que poidan dar lugar os proxectos que contan con subvención da Cicetga deberá mencionarse esta como entidade financiadora do proxecto, sen prexuízo do explicitado na previamente aludida resolución estatal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do disposto neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

LISTA DE OBXECTIVOS E ÁREAS ESTRATÉXICAS PARA GALICA

Obxectivos socio-económicosÁreas estratéxicasSectores de investigación

Investigación en Farmacia1. Desenvolvemento de novas técnicas de deseño e síntese de fármacos.

2. Farmacoloxía experimental e clínica.

3. Busca de novos compostos cabeza de serie de interese terapéutico.

4. Control de calidade e detección de fármacos. Desenvolvemento de sist. de avaliación diagnóstica, terapéutica e modulación farmacocinética.

5. Novas sínteses de productos xenéricos de alto interese comercial.

Investigación en Deporte1. Fisioloxía e medicina do deporte. Recuperación e rehabiilitación.

2. Adestramento deportivo. Novas tecnoloxías na mellora do rendemento deportivo.

3. Detección de sustancias ilegais.

4. Factores sociais e práctica deportiva.

Mellora da Calidade de VidaPatrimonio Histórico-cultural1. Técnicas de diagnóstico e tratamento de materiais utilizados no patrimonio artístico.

2. Métodos de conservación de museos, arquivos e bibliotecas.

3. Visualización, por computador, do Patrimonio histórico-cultural.

Actividades turísticas1. Novas tecnoloxías aplicadas á información e promoción turística.

2. Portos deportivos e embarcacións de recreo, muelle de atraque, etc.

Investigación en Saúde1. Cancro. SIDA e outros virus e axentes relacionados.

2. Fracaso escolar.

3. Problemas relacionados co medio ambiente e estilos de vida.

4. Xenoma humano.

5. Organización, planificación, xestión e avaliación dos sistemas rexionais de saúde.

6. Novas tecnoloxías no ámbito clínico e cirúrxico.

7. Problemática do traballo en turnos. Aspectos cronobiolóxicos.

Obxectivos socio-económicosÁreas estratéxicasSectores de investigación

Investigación ambiental1. Conservación do medio ambiente. Degradación ambiental.

2. Tecnoloxías medioambientais.

3. Medio ambiente rural e urbano.

4. Impacto ambiental e sobre a saúde de resíduos tóxicos.

Investigación en agricultura e silvicultura1. Mellora xenética.

2. Protección e Propagación vexetal.

3. Tecnoloxías da producción agrícola e forestal. Mellora de sistemas agroforestais.

4. Solos. Augas.

Aproveitamento e dinamización dos Recursos Biolóxicos e NaturaisInvestigación en alimentos1. Modificacións químicas, bioquímicas, biotecnolóxicas, etc, dos constituíntes dos alimentos.

2. Avaliación da calidade de alimentos e materias primas.

3. Enoloxía.

4. Enxeñería de procesos na industria alimentaria.

5. Centros de tratamento, conxelación e conservación de alimentos.

Biotecnoloxía1. Agricultura e alimentación.

2. Sanidade animal e humana.

3. Biofertilizantes.

4. Biodegradación e biorremedación.

Investigación en gandería e acuicultura1. Reproducción. Mellora xenética.

2. Alimentación e manexo.

3. Sanidade animal.

4. Tecnoloxías de cultivos de peixes, moluscos e crustáceos.

Recursos hídricos1. Hidroloxía rural e urbana.

2. Xestión de resíduos hídricos. Calidade das augas.

Investigación en Recursos Naturais1. Funcionamento e dinámica de ecosistemas terrestres e acuáticos.

2. Utilización de recursos xeolóxicos.

3. Utilización de recursos mariños: acuicultura, fondos mariños, tecnoloxías pesqueiras, etc.

Investigación en materiais1. Cerámicos, vítreos, poliméricos, compostos, electrónicos, fotónicos, magnéticos, biomateriais. Metais e aleaccións, superconductores, etc.

2. Materiais avanzados para: transporte, cconstrucción, etc. Aproveitamento de recursos e subproductos no desenvolvemento de materiais.

Modernización da IndustriaXestión e transferencia de Tecnoloxía1. Desenvolvemento de Centros Tecnolóxicos
Tecnoloxía avanzada de producción 1. Estructuras avanzadas aplicadas a tecnoloxías da producción e automatización.

2. Mecanismos e instrumentos. Elementos de automatización. Sistemas sensoriais.

3. Tecnoloxías de equipos e sistemas.

4. Software de aplicación á tecnoloxía da producción.

5. Tecnoloxía de productos e procesos químicos.

6. Patentes e modelos de utilidade.

PEMES1. Acceso a novas tecnoloxías: comunicacións, control de calidade, normalización, análise de mercados, informatización de procesos, etc.
Tecnoloxía da Comunicación1. Tecnoloxía de comunicacións (banda ancha, etc): multimedia, tempo real, etc.
Preparación para a Sociedade da Información e desenvolvemento da AccesibilidadeTecnoloxías da Información1. Tecnoloxía de radiofrecuencia e de radiacións ópticas.

2. Tecnoloxía e deseño de circuítos integrados.

3. Arquitectura de procesadores.

4. Sistemas informáticos.

Servicios e aplicacións telemáticas1. Telemedicina, teleensinanza, teleconsulta, etc.

2. Técnicas de recuperación da información: desenvolvemento de técnicas automáticas de acceso e recuperación da inform. en linguaxe natural.

Adaptación da Administración á sociedade da información: acceso electrónico1. As tecnoloxías da información como catalizadores da Administración Única: requisitos técnicos e legais.

2. Análise do ordenamento xurídico administrativo das Administracións Públicas Rexionais para adapta-lo funcionamento da Administración ás novas tecnoloxías e a Sociedade da Información.

3. Determinación dos requisitos técnicos de seguridade, compatibilidade, garantía de calidade da información, política de accesos, etc., esixibles para facilita-lo acceso electrónico dos cidadáns e a interconexión das diferentes administracións públicas.

Explotación Racional da Enerxía Enerxías non nucleares e Tecnoloxías avanzadas na explotación enerxética1. Utilización racional da enerxía.

2. Enerxías renovables: solar, eólico, etc.

3. Combustibles fósiles.

4. Novas tecnoloxías aplicadas ó deseño de instalacións eléctricas.

OutrosEstudios Sociais e Económicos, Cooperación Internacional e mobilidade de Investigadores1. Procesos migratorios.

2. Competitividade no Mercado Único Europeo.

3. Novas tendencias do entorno económico internacional.

4. Ordenación do territorio.

5. Novas perspectivas de cooperación en América Latina.

6. Modelos de desenvolvemento.

7. Modelos de cooperación internacional.

8. Cooperación internacional para a mobilidade.

9. Dereito comunitario, rexional e marítimo.

Obxectivos socio-económicosÁreas estratéxicasSectores de investigación

OutrosConstrucción e Obras Públicas. Simulación numérica en enxeñería1. Métodos avanzados en mecánica do solo e deseño de infraestructuras.

2. Mellora de procedementos constructivos. Sistemas de instrumentación e control de obras.

3. Patoloxías de materiais e estructuras.

4. Rochas ornamentais, granito, pizarra, etc.

5. Control, comprobación e deseño de construccións fronte a riscos naturais.

6. Visualización avanzada e construcción virtual.

7. Formas estructurais avanzadas. Deseño de formas óptimas en enxeñería.

8. Modelización numérica de fenómenos físicos e riscos naturais.

Confección1. Automatización de procesos, patronaxes, etc.
Metal1. Automoción, asteleiros, matricería, fundición, aillamentos térmicos, motores, etc.
Educación1. Modelos educativos rexionais. A escola no medio rural.

2. A planificación e xestión da educación. Desenvolvemento de sistemas e niveis educativos.

3. A formación profesional e a súa adecuación ós requerimentos do mercado de traballo. Profesionalización e profesionalismo.

4. Fracaso escolar.

5. Novas tecnoloxías na educación: acceso a Internet, aulas virtuais, formación continuada do profesorado.

6. Relación formación-emprego xuvenil.

7. Asociacionismo, lecer e tempo libre.

8. Formación ocupacional.

Electrónica Industrial1. Xestión de producción e procesos de mellora.
Planificación e xestión do litoral. Modelizacións e prediccións medio-ambientais.1. Comportamento e usos da costa.

2. Modelización de medios costeiros: dispersión de contaminantes en portos, rías e zonas costeiras.

3. Obras e estructuras marítimas en zonas costeiras.

4. Modelización e predicción metereolóxica de Galicia.

Transportes1. Seguridade vial.

2. Mellora do sistema de transportes. Intermodalidade.

3. Mariña mercante.

8552