Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 05 de novembro de 1997 Páx. 10.669

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Amarradores del Puerto de A Coruña, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Amarradores del Puerto de A Coruña, S.L. que tivo entrada nesta delegación provincial o día 28-8-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social, polo delegado de persoal o día 21-8-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 29 de agosto de 1997.

Carlos Martul Álvarez de Neyra

Delegado provincial Acctal. da Coruña

Convenio colectivo de amarradores

do porto da Coruña

Artigo 1º.-Ámbito territorial e funcional.

O presente convenio será de aplicación para os traballadores da empresa Amarradores do Porto da Coruña, S.L., dedicada ós labores de amarre e desamarre de buques, gabarras e obxectos flotantes no porto da Coruña.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

As normas contidas no presente convenio afectan a tódolos traballadores fixos, interinos e eventuais ou temporais que desempeñen as súas funcións na empresa que se dedica ós labores específicos no artigo 1º.

Artigo 3º.-Ámbito temporal e denuncia do convenio.

O presente convenio entrará en vigor o día 1 de xullo de 1997 e finaliza o 31 de decembro de 1999. O convenio quedará denunciado automaticamente polas partes negociadoras o 30 de novembro de 1999 e manterá a vixencia dos seus contidos ata a sinatura doutro que o substitúa.

Artigo 4º.-Cambio de titularidade.

Os cambios de titularidade na concesión do servicio non extinguen a relación laboral e queda o novo titular subrogado nos dereitos e obrigas laborais do anterior.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

O presente convenio respecta e mellora as condicións pactadas no convenio nacional de amarradores publicado no BOE nº 203 do 22 de agosto de 1996.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

Artigo 7º.-Réxime de traballo.

Polas condicións especiais de traballo no porto da Coruña, os traballadores voluntariamente comprométense a realiza-los servicios de reténs e horas extra necesarias para a boa marcha do servicio. No suposto de que algún traballador non desexe realizar estes servicios de retén e horas extraordinarias, comunicarallo á dirección da empresa.

A empresa, pola súa parte, comprométese a aboar, en concepto de realización dos servicios de retén e horas extraordinarias, as cantidades especificadas nos apartados de suplidos e incentivos.

Artigo 8º.-Período de proba.

O período de proba ó que se someterán os traballadores de nova contratación será o seguinte:

1º. Tres meses para titulados.

2º. Un mes para non titulados.

Artigo 9º.-Xornada laboral e descansos semanais.

A xornada laboral será de 40 horas semanais. En canto a descansos semanais, descansos non desfrutados e demais circunstancias relativas á xornada laboral aplicarase o disposto no Real decreto 1561/1995, sobre xornadas especiais.

Artigo 10º.-Vacacións.

Desfrutarase anualmente un período de vacacións de 30 días, que se tomarán preferentemente entre o 1 de xuño e o 30 de setembro.

As vacacións poderán ser desfrutadas fóra do período antes mencionado, a petición do traballador, sempre que o servicio non sufra detrimento.

Artigo 11º.-Licencias e excedencias.

En canto a licencias e excedencias, observarase o disposto na lexislación vixente.

Artigo 12º.-Estructura salarial.

As percepcións salariais brutas dos traballadores englobados no ámbito de aplicación deste convenio distribuiranse nos seguintes conceptos:

-Salario base (inclúe os complemenos de traballo por quendas e nocturnidade).

-Antigüidade.

-Pagas extraordinarias.

-Incentivos e suplidos.

As cantidades correspondentes a salario base e demais complementos para as distintas categorías será as recollidas na táboa anexa.

As pagas extra aboaranse rateadas mes a mes. No caso de algún traballador desexar cobralas nos meses establecidos no convenio nacional de amarradores, débenllo solicitar por escrito á empresa.

A contía do complemento de antigüidade será equivalente ó 3% do salario base por cada trienio de permanencia na empresa.

Artigo 13º.-Revisión salarial.

Os conceptos de salario base e antigüidade recollidos no presente convenio incrementaranse na porcentaxe igual ó IPC previsto para os anos 98 e 99.

Artigo 14º.-Cláusula de revisión.

Se houbese variación entre o IPC previsto e o IPC real aboaranse os atrasos sobre este último dentro dos tres primeiros meses do ano seguinte.

Artigo 15º.-Clasificación profesional.

Recóllense e regúlanse as seguintes categorías profesionais no ámbito do presente convenio:

1. Encargado xeral. Traballador que ten a facultade ás ordes directas do director xerente de dirixir tódalas funcións propias da empresa.

2. Encargado de servicio. Traballador que ten encomendada a facultade de facer cumprir e organiza-las xornadas dos membros das cuadrillas de amarradores. O encargado xeral dirixe o traballo dos compoñentes das cuadrillas nas operacións de entrada e saída de buques, así como outras tarefas relacionadas co tráfico interior do porto.

3. Amarrador. Traballador que realiza as tarefas de amarre ou desamarre de buque, así como outras tarefas relacionadas co tráfico interior do porto, valorándose na súa clasificación profesional o ter realizado o curso de formación e reciclaxe de amarradores de buques.

4. Axudante auxiliar. Traballador maior de dezaseis anos que se inicia nas tarefas propias sen experiencia previa.

5. Administrativo. Persoal que se dedica, dentro das oficinas da empresa, a tarefas administrativas e as derivadas daquelas.

Artigo 16º.-Traballo en categoría superior.

Polo que se refire a traballos de categoría superior, observarase o que se establece no artigo 39.4 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 17º.-Promoción profesional.

Despois de ostentar durante seis meses a categoría de axudante, o traballador ascenderá automaticamente á de amarrador.

A categoría de encargado/capataz será de libre designación por parte do empresario, pero para a designar teranse en conta os títulos e cursos realizados polo traballador, valorándose especialmente a realización do curso de formación e reciclaxe de amarradores.

Artigo 18º.-Réxime de faltas e sancións.

Os traballadores poderán ser sancionados pola empresa segundo a graduación de faltas e sancións que se establecen nos apartados seguintes.

Toda falta cometida polo traballador clasificarase, atendendo á súa importancia, transcendencia e intención, en leve, grave e moi grave.

18º.1. Faltas leves.

Consideraranse faltas leves as seguintes:

1º. As de erro, demora ou neglixencia na execución de calquera traballo que non produza perturbación no servicio encomendado.

2º. As de puntualidade inferior a quince minutos, sempre que do atraso non se derive prexuízo para o servicio que se teña de prestar; neste caso terán a consideración de faltas graves.

3º. Abandona-lo traballo sen motivo xustificado, aínda que sexa por tempo breve. Se, como consecuencia disto, se derivase prexuízo dalgunha consideración para a empresa ou fose causa de accidente para os seus compañeiros de traballo, esta falta será considerada como grave ou moi grave segundo os casos.

4º. As discusións cos compañeiros de traballo. Se tales discusións quebrasen a orde e a disciplina do persoal do buque, poderán ser consideradas como faltas graves.

5º. Pequenos descoidos na conservación dos materiais, utensilios e ferramentas que o tripulante teña ó seu cargo.

6º. Falta de aseo ou limpeza persoal que non produza queixa dos compañeiros de traballo.

18º.2. Faltas graves.

Consideraranse faltas graves as seguintes:

1º. Máis de tres faltas de puntualidade na presentación o posto de traballo non xustificadas e cometidas no período de dous meses. Abondará cunha soa falta cando tivese que substituír un compañeiro ou cando, como consecuencia dela, se lle causase prexuízo dalgunha consideración á empresa.

2º. Faltar de un a tres días ó traballo durante un período de trinta días sen causa que o xustifique. Abondará unha soa cando se tivese que substituír un compañeiro ou cando, com consecuencia dela, se lle causase prexuízo dalgunha consideración á empresa.

3º. Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia que poidan afectar a Seguridade Social ou as retencións sobre salarios que se deban practicar para o seu posterior ingreso na delegación de facenda correspondente. Tanto a falta como o falseamento malicioso destes datos considerarase como falta laboral moi grave.

4º. No comunica-lo cambio de domicilio que experimente un traballador nun prazo de trinta días desde que aquel se produciu.

5º. Neglixencia ou descoido no traballo que afecte a súa boa marcha.

6º. A imprudencia grave en actos de servicio: se implicase risco de accidente para el ou para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como falta moi grave.

7º. Ausentarse do traballo sen permiso do encargado correspondente.

8º. A simple desobediencia ós seus superiores en calquera materia de servicio.

9º. As faltas de aseo e limpeza que produzan queixas xustificadas dos compañeiros de traballo.

10º. A repetición de faltas dentro dun semestre, aínda que sexan de distinta natureza.

18º.3. Faltas moi graves.

Consideraranse faltas moi graves as seguintes:

1º. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade cometidas nun período de catro meses ou vinte en oito meses.

2º. As faltas inxustificadas ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos no período dun mes.

3º. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal de traballo.

4º. Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia inescusable.

5º. A embriaguez e o estado derivado do consumo de drogas durante o traballo.

6º. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto ós seus compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa.

7º. Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta grave de respecto e consideración ós seus xefes, así como ós compañeiros ou subordinados.

8º. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometan no período dun semestre e fosen sanciondadas.

18º.4. Réxime de sancións.

Corresponde á empresa a facultade de sancionar nos termos do estipulado por este convenio.

A sanción de faltas leves, graves ou moi graves requirirá comunicación por escrito ó traballador, facendo consta-la data e os feitos que a motivaron.

O traballador, no prazo de tres días, poderá presenta-las alegacións que considere oportunas, e resolverase nos tres días seguintes a sanción que se lle impoña.

18º.5. Sancións.

As sancións máximas que se poderán impor serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo dun día.

b) Por faltas graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de dous a trinta días.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de trinta e un días a sesenta días.

-Despedimento.

Artigo 19º.-Comisión paritaria.

As partes asinantes acordan establecer unha comisión paritaria como órgano de interpretación e vixilancia do pactado no presente convenio.

Esta comisión estará integrada paritariamente por un representante de cada unha das partes.

Artigo 20º.-Saúde laboral e prevención de riscos.

No referente á saúde laboral e prevención de riscos laborais aplicarase o previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e demais normativa que a desenvolva ou substitúa.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

A empresa proporcionaralle ó traballador a indumentaria necesaria para o desempeño de funcións, incluíndo como mínimo:

1º. Un xogo de roupa de auga.

2º. Dúas fundas de traballo.

3º. Un par de botas de seguridade.

4º. Un xersei.

5º. Dúas camisas de verán.

6º. Un par de botas de auga.

Artigo 22º.-Dereitos sindicais.

En materia de dereitos sindicais observarase en todo momento o previsto no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1844/1994, do 9 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de eleccións a órganos de representación dos traballadores e a Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Artigo 23º.-Enfermidade.

Nos casos de baixa de enfermidade ou accidente, o traballador percibirá o salario que lle corresponda segundo a lexislación vixente.

Artigo 24º.-Formación.

As partes comprométense á cooperación necesaria para impulsa-la formación continua dos traballadores.

Artigo 25º.-Seguro de accidentes.

Con independencia do seguro obrigatorio de accidentes e como complemento deste, as empresas establecerán ó seu cargo e a favor dos traballadores un seguro de accidentes que cubra os riscos de morte e invalidez , tanto na súa actuación profesional como na súa vida privada, cos seguintes capitais:

-Por morte: 2.000.000 de ptas.

-Gran invalidez: 6.000.000 de ptas.

-Invalidez permanente total ou absoluta: 4.000.000 de ptas.

-Invalidez permanente parcial: segundo o estipulado en póliza

-Invalidez temporal: 1.000 ptas./día (máximo 365 días)

-Gastos por accidentes: ata 200.000 ptas.

ANEXO I

Táboas salariais

CategoríaSalario baseIncentivos Suplidos

Encargado xeral200.000Seg. táboa75.000

Encargado de servicio157.347Seg. táboa50.000

Amarrador (contrato

anterior ó 31-12-1994)124.602Seg. táboa45.000

Amarrador (contrato

posterior ó 1-1-1995)124.602Seg. táboa25.000

Axudante auxiliar101.371Seg. táboa15.000

Administrativo124.602

A) Salario base. O estipulado nas categorías profesionais recollidas no convenio nacional de amarradores.

B) Incentivos. Polo cómputo total de horas extra realizadas durante o mes de vixencia.

Para efectos de maior celeridade na confección das nóminas, as horas pecharanse o 23 de cada mes.

A táboa que se aplicará será a seguinte:

HorasImporte

Ata 50 horas 6.750

De 51 a 100 horas12.500

De 101 a 125 horas15.625

De 126 a 150 horas18.750

De 151 a 175 horas21.875

De 176 a 200 horas25.000

Máis de 201 horas30.000

C) Suplidos. Por desprazamentos, axudas de custo e horas de espera nas xornadas de retén.

8340