Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 05 de novembro de 1997 Páx. 10.668

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 308/1997, do 23 de outubro, polo que se declara a necesidade da ocupación urxente do alugueiro afectado polas obras de restauración e reutilización do convento de San Roque.

A disposición adicional 5ª da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1992, declara a utilidade pública, para os efectos do artigo 9 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, das obras necesarias para a construcción e rehabilitación dos edificios dedicados a alberga-los servicios, instalacións, organismos, entes ou institucións dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia no seu ámbito territorial.

Con data do 22 de setembro de 1997 o conselleiro de Economía e Facenda aprobou o proxecto de restauración e reutilización do convento de San Roque. O alugueiro sobre o que se declara a necesidade de urxente ocupación aparece recollido e valorado no citado proxecto.

Como resultado da información pública estipulada nos artigos 18 e 19 da Lei de expropiación forzosa, presentouse, dentro de prazo e polo representante do expropiado, escrito de alegacións con data do 10 de outubro, rexistrado con entrada na Consellería de Economía e Facenda o 13 do mesmo mes, co número 16.402.

En virtude do exposto, e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia, da disposición adicional 5ª da Lei 15/1991, do 28 de decembro, e do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase a necesidade da urxente ocupación do dereito de alugueiro sobre parte do baixo do inmoble coñecido como Hospital de San Roque sito no número 34 da rúa das Rodas, de Santiago de Compostela, do que é titular Rogelio Amieiro López, segundo o contrato do 2 de marzo de 1981, ó tratarse da execución dun proxecto no que figuran obras declaradas de utilidade pública en virtude da disposición adicional 5ª da Lei 15/1991, do 28 de decembro, para os efectos de situa-la sede do Consello Escolar e do Instituto Padre Sarmiento, órganos consultivos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia en virtude da Lei 3/1986, do 18 de decembro, e da Lei 8/1995, do 30 de outubro.

As circunstancias excepcionais conforme as que se produce a necesidade da urxente ocupación baséanse, no caso do Consello Escolar, na imperiosa

demanda dos colectivos que o integran dun local onde realiza-las súas actividades que, ademais de contar coa superficie mínima necesaria, debe atoparse preto da actual sede da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, á que se atopa vencellada o dito Consello Escolar a traves do Secretariado Permanente. No caso do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, a necesidade da urxente ocupación deriva de que o dito órgano debe abandonar, en virtude de sentencia xudicial, os locais do Pazo de San Xerome, onde vén desenvolvendo o seu labor.

Santiago de Compostela, vintetrés de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

8262