Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 03 de novembro de 1997 Páx. 10.604

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 1997, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Disgobe, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Disgobe, S.A. (código 2700292), da provincia de Lugo, asinado o día 2 de xullo de 1997, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 31 de xullo de 1997.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo de Disgobe, S.A. para 1997

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións incluídas no presente convenio colectivo regularán, durante a súa vixencia, as relacións laborais que nel se establecen entre a empresa Disgobe, S.A. e o seu persoal, no centro de traballo de Céltigos-Sarria, en Lugo.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afecta a todo o persoal pertencente ó cadro da sociedade, así como ó que ingrese na compañía durante a súa vixencia, con excepción do persoal que exerza funcións de alta dirección, entendéndose por tal o director xeral, director financeiro e director administrativo.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e denuncia.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa publicación no BOP, aínda que os efectos económicos se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 1997, e a súa duración será ata o 31 de decembro de 1997.

O convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano se calquera das partes, mediante representantes, non o denuncia cunha antelación mínima dun mes á data do seu vencemento ou a de calquera das súas prórrogas. A esta denuncia deberase xuntar necesariamente o proxecto dos puntos concretos que se pretenda revisar.

Se non existisen delegados de persoal, para que a denuncia teña efectos, deberá ser apoiada e asinada polo 51% dos traballadores en cadro de persoal.

Artigo 4º.-Normas supletorias.

Para todo o non previsto neste convenio colectivo rexerá o disposto na lexislación vixente e normas específicas aplicables sobre o particular.

Capítulo II

Artigo 5º.-Conceptos retributivos.

Establécense como conceptos integrantes da retribución total os seguintes:

a) Salario base: vén representado pola cantidade que baixo este epígrafe se reflicte no anexo I deste convenio.

b) Antigüidade: establécese un complemento de antigüidade, para todo o persoal, desde a súa entrada na empresa, consistente en trienios ó catro por cento sobre o salario base pactado.

c) Plus de asistencia: por este concepto aboarase a cantidade de 235 pesetas por cada día efectivo de traballo. Desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro o importe deste plus, para o persoal de producción, será de 335 pesetas diarias.

Artigo 6º.-Xornada laboral.

A xornada laboral ordinaria será de 40 (corenta) horas semanais de traballo efectivo para tódalas quendas, traballadas de luns a venres.

Establécense tres quendas. A primeira realizarase durante todo o ano. A segunda realizarase, solicitándose voluntarios para o efecto, cando a empresa o coide conveniente, logo de información ós representantes dos traballadores. A terceira quenda contará co persoal necesario para a fabricación de envases. A quenda de mañá será de 7 a 15 horas, a da tarde de 15 a 23 e a de noite de 23 a 7 horas.

En todo caso, existirá un descanso de trinta minutos para bocadillo, en metade da xornada laboral, computable como tempo de traballo.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 23 horas e as 7 horas terán unha retribución específica incrementada nun trinta e cinco por cento sobre o salario base, salvo que o salario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza.

Os días 24 e 31 de decembro e o martes de Entroido serán festivos non recuperables, trasladándose a outra data, de común acordo entre as partes, cando coincidan en día non laborable.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense tres pagas extraordinarias que serán aboadas unha en xullo, outra en decembro e outra no primeiro trimestre do ano e por anos vencidos.

Os enfermos e accidentados de cadro de persoal terán dereito a percibi-lo cento por cento de tódalas gratificacións extraordinarias.

As ditas pagas serán aboadas a razón dunha mensualidade do salario base de cada categoría máis a antigüidade completa que corresponda.

Artigo 8º.-Horas extraordinarias.

Aboaranse conforme o establecido nas disposicións vixentes de carácter xeral, suxeitándose a realización delas ás disposicións vixentes en cada momento.

Mensualmente, se é o caso, a dirección da empresa informará os delegados de persoal do número de horas habidas en cada sección especificando as circunstancias que as motivou.

Horas estructurais: en canto ás horas extraordinarias motivadas por causa de forza maior e as estructurais, quedan pactadas como tales as necesarias por períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambio de quenda ou as de carácter estructural derivadas do traballo de que se trate, ou mantemento.

As horas realizadas serán notificadas mensualmente á autoridade laboral conxuntamente pola empresa e os delegados de persoal. En todo iso rexerá o disposto na lexislación aplicable ó caso.

Artigo 9º.-Gastos de locomoción.

A empresa respectará as condicións individuais establecidas para os traballadores que veñan tendo

dereito a gastos de locomoción, con anterioridade á sinatura do convenio colectivo de 1990.

As modificacións de domicilio que se produzan a partir da data da sinatura do convenio deberán ser comunicadas, obrigatoria e inmediatamente, á empresa polos traballadores, a cal poderá detraer ó menor custo que do cambio de domicilio puidese derivarse, aínda que en ningún caso aumentará o dito custo por este concepto.

Artigo 10º.-Transporte de persoal.

O persoal que veña usando o servicio de transporte que a empresa realiza e que se relaciona no anexo II, no traxecto Sarria-Fábrica, continuará usándoo mentres siga prestando os seus servicios á sociedade.

Capítulo III

Do persoal e organización do traballo

Artigo 11º.-Organización do traballo.

A organización do traballo corresponderalle á dirección da empresa Disgobe, S.A., respectando os dereitos laborais básicos dos traballadores, conforme o establecido no artigo 4º, apartados 1 e 2 do Estatuto dos traballadores.

A modificación das condicións de traballo serán reguladas de acordo co preceptuado polo artigo 14 do Estatuto dos traballadores, respectando as competencias que lle son propias dos delegados de persoal, segundo o artigo 64 do citado estatuto.

Artigo 12º.-Clasificación de postos de traballo.

O persoal afectado polo presente convenio clasifícase en función das súas aptitudes, titulacións e contido xeral da prestación nos seguintes grupos:

Grupo I: nel intégranse os que exercen fucnións tales como a limpeza, vixilancia, peóns con antigüidade anterior a 6 meses.

Grupo II: nel encádranse os traballadores que desempeñan as funcións básicas da producción da factoría, como por exemplo a fabricación de envases, enchedura, etiquetado, paletizado, conducción de carretas, etc., e son capaces de efectuar sinxelas operacións de mantemento e axuste da maquinaria ó seu cargo. Igualmente inclúense neste grupo os que efectúan labores de auxiliar na administración, o laboratorio ou o almacén.

Grupo III: comprende este grupo aqueles traballadores que desenvolven tarefas que requiren pericia nos procedementos industriais e administrativos, que poidan incluír habilidade no uso de equipo especializado ou de certa complexidade, como poden se-las tarefas mecánicas e eléctricas de mantemento.

Grupo IV: pertencen a este grupo os traballadores que desenvolven tarefas complexas que requiren habilidades especializadas e que teñen ó seu cargo unha liña de producción ou embotellado con persoal ó seu cargo.

Grupo V: son aqueles que realizan funcións de comercialización dos productos da empresa e aqueles que teñen baixo a súa responsabilidade a organización a un grupo de traballadores.

Grupo VI: son os traballadores que teñen baixo a súa responsabilidade a organización e o funcionamento dunha sección da empresa.

Grupo VII: neste grupo inclúense os titulados de grao medio e os responsables de departamento.

Grupo VIII: adscríbense a este grupo os titulados superiores e directivos da empresa.

Artigo 13º.-Vacacións.

As vacacións consistirán no desfrute de 30 (trinta) días naturais retribuídos.

O calendario de vacacións establecerase entre os delegados de persoal e a dirección, en función das necesidades da empresa.

Desfrutaranse nos meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, outubro, novembro e decembro.

Artigo 14º.-Permisos e licencias.

A empresa concederá ó productor permiso retribuído, logo de aviso e xustificación nos casos e polo tempo que seguidamente se relacionan:

a) Matrimonio: quince días naturais.

b) Nacemento de fillo: dous días naturais, se non fai falta desprazamento. De necesitar desprazarse, catro días naturais.

c) Falecemento ou enfermidade grave do cónxuxe ou parente en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, catro días naturais.

d) Falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Dous días naturais, se non necesita desprazarse; en caso contrario, catro días naturais.

e) Por traslado de domicilio habitual: un día natural.

f) Por asistencia ó médico ou especialista: o tempo indispensable para iso.

Artigo 15º.-Permisos non retribuídos.

Os traballadores afectados polo presente convenio poderán dispor de cinco días anuais non retribuídos, debéndoo solicitar cunha antelación mínima de vintecatro horas, quedando á discreción da empresa a súa concesión.

Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria.

Durante o período de incapacidade laboral transitoria a empresa completará ata o 100% do salario base máis antigüidade desde o primeiro día de baixa, en tódolos casos, agás nas baixas por enfermidade común non hospitalaria, nos que o complemento se aboará a partir do día 21 desde a baixa.

A indemnización complementaria deixará de se percibir unha vez que cese a situación de incapacidade laboral transitoria que a motiva.

Para percibi-la indemnización complementaria será preciso que se acredite a baixa co pertinente parte médico da Seguridade Social, o cal deberá

ser entregado na empresa dentro das vintecatro horas seguintes á súa expedición, salvo demora debidamente xustificada.

Esta compensación farase efectiva sempre que, logo de informe do servicio médico da empresa ou do profesional que esta designe, se considere xusto o seu aboamento. Para iso a empresa poderá requiri-la presencia do traballador accidentado e/ou enfermo, na dita situación por un tempo superior a seis meses dentro do prazo dun ano, para se someter ás comprobacións e recoñecementos médicos que aquela considere oportunos, entendéndose que a non presentación, oposición a ser examinado e/ou non asistencia inxustificada implicará a perda do dereito ó complemento.

Capítulo IV

Outros acordos

Artigo 17º.-Xubilación.

A xubilación será obrigatoria ós 65 anos. No suposto de que, segundo a lexislación vixente, non se cubrise o período de cotización para causar dereito á petición de xubilación, a baixa por tal motivo operarase automaticamente no día que quede cumprido tal requisito.

Tódolos traballadores que se atopen fixos no cadro de persoal no momento da sinatura do convenio de 1990, e ó outorgárselles pola Seguridade Social, se é o caso, a prestación de vellez (xubilación), e leven na empresa máis de dez anos de servicios continuos, percibirán un premio de xubilación conforme a seguinte escala:

-De 10 a 15 anos de antigüidade: catro mensualidades de salario base máis antigüidade.

-De 15 a 20 anos de antigüidade: cinco mensualidades de salario base máis antigüidade.

-De 20 a 25 anos de antigüidade: seis mensualidades de salario base máis antigüidade.

-Maís de 25 anos de antigüidade: sete mensualidades de salario base máis antigüidade.

Estes premios aboaranse igualmente ós que causen baixa por invalidez ou por xubilación anticipada.

O anterior non producirá efecto para os traballadores que entren, como fixos do cadro de persoal, a partir da data de sinatura do convenio de 1990.

Artigo 18º.-Póliza de seguros.

A empresa obrígase a manter un seguro para todo o persoal afectado por este convenio colectivo que cubra a morte ou invalidez permanente total ou absoluta derivadas de accidente de traballo ou enfermidade profesional, por importe de 4.000.000.

Os beneficiarios, en caso de falecemento do traballador, serán designados por el e, no seu defecto, os que legalmente correspondan. A designación deberá contar na oportuna póliza.

A empresa, unha vez concertado o seguro e aboada a correspondente prima, quedará exonerada de todo

tipo de responsabilidade dimanante de cantos litixios ou discrepancias, de calquera clase, puidesen xurdir entre o traballador e/ou os seus habentes causa e a compañía de seguros.

Artigo 19º.-Matrimonio do persoal.

Todo o persoal con antigüidade mínima de dous anos na empresa terá dereito ó contraer matrimonio a:

-Unha mensualdiade de salario base máis antigüidade se continuase na empresa.

-Dúas mensualidades de salario base máis antigüidade en caso de causar baixa voluntaria nela.

-Solicita-la excedencia por tres ou cinco anos, podendo reintegrarse á empresa á finalización do período solicitado, nos termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

A empresa entregará a cada traballador anualmente dúas fundas ou mandilóns.

Cando polo natural desgaste e uso, o traballador presente deteriorada algunha peza de roupa precisa para o correcto desempeño da súa actividade (fundas, guantes, botas, etc.) a empresa entregaralle unha nova contra reintegro da deteriorada.

En caso de que a dita deterioración ou perda se produza por neglixencia manifesta do traballador, este deberá procurarse ás súas expensas cantas pezas de roupa de traballo necesite para o desenvolvemento do seu labor na factoría.

Capítulo V

Disposicións complementarias

Artigo 21º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas neste convenio colectivo compensarán e absorberán tódalas existentes no momento de entrada en vigor das que poidan producirse no futuro, calquera que sexa a natureza ou orixe delas. Non obstante, as partes remítense ó establecido para o efecto no artigo 26, apartado 4º do estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.-Indivisibilidade.

As condicións deste convenio forman un todo orgánico e indivisible, de tal forma que as materias obxecto del deben ser reguladas na súa totalidade, debendo reconsiderarse no seu contido por ámblas partes.

Artigo 23º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión mixta paritaria coas atribucións e funcións que lle confire a lexislación vixente, entre as partes asinantes deste convenio.

O citado órgano comporase de dous representantes da empresa e outros dous dos delegados de persoal, sendo a función que teñen que desenvolver a de cumprimento, seguimento e aplicación do aquí pactado.

Artigo 24º.-Revisión salarial.

En caso de que o índice de prezos de consumo (IPC) establecido polo Instituto Nacional de Esta

tística rexistrase o 31 de decembro de 1997 un incremento superior ó 3,5% respecto da cifra do dito IPC ó 31 de decembro de 1996, efectuarase unha revisión salarial así que se constate oficialmente a dita circunstancia, no exceso sobre a indicada cifra.

ANEXO I

Salario baseValor trienioSalario anual 1997

Grupo I83.1713.3271.247.562

Grupo II88.8463.5441.332.691

Grupo III92.2293.6891.383.441

Grupo IV96.2683.8511.444.014

Grupo V98.4503.9381.476.756

Grupo VI103.3624.1341.550.426

Grupo VII119.1874.7671.787.805

Grupo VIII131.1925.2481.967.886

ANEXO II

Como amplicación ó desenvolvemento do artigo 10º do presente convenio, este quedará redactado do seguinte xeito:

O persoal que no momento da sinatura do convenio de 1990 viña desfrutando do servicio de transporte que a empresa realiza, traxecto Sarria-Fábrica e viceversa, continuará co seu desfrute mentres siga prestando os seus servicios á sociedade, e que afecta única e exclusivamente ós traballadores que a seguir se relacionan.

Avelino Rodríguez Nieto

José Cabanas López

Santiago Díaz Rivas

Eugenio Márquez Andrés

Julio López Gómez

Miguel A. Moscoso Mao

David-M. López Fernández

Higinio López Melle

Carlos López Arias

Julio Regueiro Díaz

6975