Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Venres, 31 de outubro de 1997 Páx. 10.556

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de outubro de 1997 pola que se clasifica como de interese medioambiental a Fundación Germán Estévez.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Germán Estévez, con domicilio en Noia (A Coruña).

Supostos de feito.

1. Germán Estévez Janeiro, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do vintecatro de setembro de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscripción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día dez de setembro, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Domingo Enrique Gutiérrez Aller, co número mil catrocentos noventa e seis do seu protocolo, por Luis Álvarez Fernández e Germán Estévez Janeiro que interveñen en nome propio e Germán Estévez Janeiro, ademais, en representación de Monserrat Iglesias. Esta escritura foi emendada por outra posterior con data do dezanove de setembro de 1997 ante o mesmo notario e co número mil seiscentos dezanove do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo seis dos estatutos o obxecto da fundación é a protección do medio ambiente e a conservación da natureza.

4. O padroado da fundación estará constituído e representado polos tres fundadores presentes.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese medioambiental da Fundación Germán Estévez, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese medioambiental a súa adscrición á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, por razón da materia que constitúe o seu fin primordial.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de

autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día vinte de outubro de 1997. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese medioambiental a Fundación Germán Estévez e adscribila á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

8199