Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 27 de outubro de 1997 Páx. 10.386

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 1997 pola que se convoca un curso sobre dereito procesual básico.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1997 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre dereito procesual básico, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo principal dota-lo policía dun coñecemento teórico-práctico nos temas de dereito procesual, que lle poida ser eficaz no desempeño posterior da súa profesión.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, membros da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e membros da policía local de Asturias e no caso de quedar prazas vacantes, ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará ás 14 horas do día 12 de novembro de 1997.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión no devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) O proceso penal e o dereito procesual penal. b) A xurisdicción penal. c) A acción penal e acción civil. d) Actuacións sumariais. e) A sentencia e a cousa xulgada penal. f) Os recursos. g) O proceso penal abreviado. O xuízo de faltas. h) O procedemento de habeas corpus. i) A execución penal. j) Actos do proceso penal.

Datas.

O curso celebrarase do 1 ó 5 de decembro de 1997.

O horario será de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 19 de novembro de 1997, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

O curso desenvolverase no concello de Ribadeo, e queda por concreta-lo seu lugar de realización, que se comunicará xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este, e non poderá supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, levará consigo a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 1997.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

8154