Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Luns, 20 de outubro de 1997 Páx. 10.203

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se somete a información pública a solicitude de concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural para usuarios domésticos, comerciais e industriais no termo municipal de Oroso.

Para os efectos previstos no artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos e no artigo 11 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, sométese a información pública o seguinte proxecto de concesión administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo na r/ A Rosa nº 16-3º B, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Obxecto da petición: concesión administrativa para o servicio público de distribución e subministración de gas natural, no termo municipal de Oroso, na provincia da Coruña, para a subministración a usuarios domésticos, comerciais e industriais, de conformidade co proxecto presentado para o efecto, o cal se concretará posteriormente, co oportuno detalle, no proxecto para a autorización das instalacións.

Descrición das instalacións: o proxecto das instalacións establécese a partir da rede de distribución industrial de Enagás, S.A., o trazado da cal discorre polo citado concello.

Desde a rede de transporte de Enagás, S.A., que ten como presión máxima de operación 72 bar, alimentarase o punto de entrega de gas natural (PEGN) á rede de Gas Galicia SDG, S.A. no citado concello. No PEGN realizarase a medición do gas, e tamén se reducirá a súa presión desde o rango AP-B (72 bar) ata o rango MPB (4 bar).

A rede de distribución primaria -básica-, cunha lonxitude de 2.500 m, estará deseñada e operará a unha presión máxima de 4 bar, e desde esta, ben directamente, ou a través das redes secundarias, que se construirán a partir da rede básica, subministrarase gas para os consumos domésticos, comerciais e de pequenas industrias no termo municipal citado.

A rede de distribución secundaria, cunha lonxitude de 9.453 m, deseñarase e operará en parte en MPB, á presión máxima de 4 bar, e en parte á presión máxima de 0,4 bar (rango MPA) en función, especialmente, dos consumos demandados, das características urbanísticas dos núcleos poboacionais e dos condicionantes das vías públicas e edificación.

Para alimenta-la rede de distribución secundaria, a explotación da cal se realice no rango MPA, instalaranse estacións de regulación, MPB/ MPA, ó longo do trazado da rede primaria que distribúa o gas á presión máxima de 4 bar.

O caudal máximo que se conduza será o necesario para atende-la demanda máxima prevista para os diferentes mercados do termo municipal obxecto da concesión, estimándose en 900 m (n)/h de gas natural.

Área da concesión: o concello afectado pola solicitude de concesión é Oroso, na provincia da Coruña.

Orzamento: cento setenta e cinco millóns cento dezaseis mil seiscentas corenta e catro pesetas (175.116.644 ptas.).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presenta-las súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio; poderase examina-lo proxecto de concesión na Dirección Xeral de Industria, edificio San Caetano, en Santiago de Compostela, así como na Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

7936