Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Mércores, 15 de outubro de 1997 Páx. 10.028

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 1997, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección do mosteiro de San Salvador, no concello de Lourenzá, provincia de Lugo.

Por Decreto 2834/1974, do 30 de agosto (Boletín Oficial del Estado do 7 de outubro), foi declarado

ben de interese cultural, con categoría de monumento, o mosteiro de San Salvador, no concello de Lourenzá, provincia de Lugo.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 8 de novembro), cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno de protección.

Vistos os informes dos servicios técnicos desta dirección xeral, así como dos órganos consultivos da Consellería de Cultura e Comunicación Social en materia de bens culturais, sendo uns e outros favorables á incoación do expediente para a delimitación do contorno de protección do mosteiro de San Salvador, no concello de Lourenzá, provincia de Lugo, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección do mosteiro de San Salvador, no concello de Lourenzá, provincia de Lugo, segundo o disposto no artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola mentada incoación do xeito que se especifica literal e graficamente nos anexos I e II da presente resolución.

Terceiro.-Continua-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.

Cuarto.-Darlle traslado da resolución ó Concello de Lourenzá, provincia de Lugo, e notificarlle que, segundo o disposto no artigo 10.3 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, a incoación dun expediente para a declaración dun ben de interese cultural determinará, respecto do ben afectado, a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados. No caso de bens inmobles, ademais, será aplicable o estipulado no artigo 35.1 da presente lei.

Quinto.-Notificárlle-la presente resolución ós interesados, ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Sexto.-A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública de 1 mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 1997.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

A liña comeza no punto l, no encontro da rúa Riego Vilazo coa Avda. San Antón, na saída cara a Mondoñedo.

A liña avanza coincidindo co eixe da prolongación da rúa das Prazas en dirección nordeste, ata alcanza-lo punto 2 na encrucillada da dita rúa coa rúa Strio Luis Iglesias.

A partir do punto 2, sen variar de dirección, discorre coincidindo co eixe dun camiño sen pavimentar que é continuación da rúa das Prazas, ata chegar ó punto 3 onde o camiño se atopa coa canle do muíño dos frades, preto da edificación na que remata o camiño.

A partir do punto 3 a liña discorre paralela á canle do muíño dos frades coincidindo coa súa marxe dereita, é dicir, incluíndo a canle na delimitación e avanzando na mesma dirección cá canle de auga.

Chega así ó punto 4 onde deixa a marxe da canle poucos metros para rodear e incluír na delimitación o muíño, baixo o cal pasa a canle.

A partir de aquí volve coincidir coa mesma marxe da canle e continúa en dirección oeste ata o punto 5, na desembocadura do cano do muíño, no río Baus.

A liña cruza o río Baus no punto 5 para coincidir coa súa marxe dereita e, avanzando no sentido da corrente en dirección oeste, chega ó punto 6 na ponte da estrada de Foz a Mondoñedo (C-634). Neste punto a liña xira á dereita en dirección N e avanza 50 m coincidindo co eixe da dita estrada, ata alcanza-lo punto 7.

No punto 7 xira á esquerda en dirección oeste e, coincidindo co eixe dun camiño que parte dese punto, cruza a antiga estrada de acceso á ponte medieval de Ponte de Pedra para continuar coincidindo cos lindeiros traseiros dos soares das edificacións con fronte ó dito camiño de acceso á Ponte de Pedra, incluíndo estas edificacións na delimitación.

Chega así ó punto 8 onde volve cruza-lo río Baus para continuar en dirección sur coincidindo co lindeiro leste do predio onde está situada a fábrica de mobles; cruza a estrada que remata na Glorieta Julia Minguillón e continúa polo lindeiro leste doutra nave da fábrica de mobles ata o punto 9 no eixe da rúa Bispo Villaroel.

Xira cara ó oeste uns 10 m ata coincidir co eixe da rúa que une Bispo Villaroel e Riego Vilazo, pola que avanza ata o punto 10 onde se encontra coa rúa Riego Vilazo preto do Campo da Cruz, incluíndo dentro da delimitación unha fonte que se conserva na marxe oeste da rúa.

No punto 10 xira de novo á esquerda e, coincidindo co eixe da rúa Riego Vilazo, avanza en dirección leste ata pecha-la delimitación no punto 1.

6517