Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Martes, 14 de outubro de 1997 Páx. 9.998

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 1997, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira Fontefría.

En cumprimento do disposto no artigo 5º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada por acordo da Comisión Galega do Medio Ambiente, do 6 de febreiro de 1997, do proxecto de explotación da canteira denominada Fontefría sita no concello da Fonsagrada, promovido por Jesús García Valle, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Lugo, 20 de agosto de 1997.

P.S. (Art. 8, Decreto 209/1990)

Juan Antonio Gálvez García

Xefe de Servicio

Declaración de impacto ambiental

A presente declaración refírese ás actuacións mineiras de explotación e instalacións definidas no plano de situación contido no anexo ó proxecto de referencia. Para outras zonas ou áreas que se vaian explotar precisaríase unha nova declaración.

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega do Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable:

1. Protección da atmosfera.

1.1. Considerando que á zona de explotación do núcleo rural de Pedrouzos, a unha distancia duns 400 m, e co fin de evita-los posibles efectos negativos que sobre a poboación puidese ocasionar o po xerado pola explotación, adoptaranse as medidas necesarias de forma que nas vivendas mais próximas ós niveis de partículas sedimentables non superen os límites establecidos polo Decreto 833/1975, de 300 mg/m (concentración media en 24 h).

As medicións realizaranse en puntos fixos, sempre os mesmos, e en condicións atmosféricas desfavorables para os receptores.

2. Protección do sistema hidrolóxico.

Considerando que a zona de actuación se encontra nunha ladeira e a posible incidencia que sobre a escorrentía superficial poderían te-los traballos de

retirada da cuberta vexetal e os movementos de terra derivados da propia actividade extractiva, e dado que a dita escorrentía podería afecta-las augas do regato do Lago, que discorre encaixado no relevo e dividindo a parcela, deberán adoptarse as seguintes medidas:

2.1. En ningún caso afectarase ou modificarase o cauce do devandito regato sen autorización expresa do correspondente organismo de conca.

2.2. As augas tanto de escorrentía provenientes ben do interior da corta, ben da entulleira e zonas de aprovisionamento, como de calquera labor relacionado coa explotación, conduciranse axeitadamente a balsas de decantación, que se deseñarán, construirán e manterán de xeito que a súa profundidade mínima, medida entre sedimentos e lámina libre de auga, non sexa inferior a 1 m.

2.3. As augas residuais que se poidan xerar nos servicios hixiénicos destinados ós operarios deberán ser conducidas a unha rede de saneamento municipal ou ben a unha fosa séptica ou a outro sistema de tratamento axeitado.

2.4. Os residuos existentes na zona de explotación deberán ser retirados e levados a vertedoiros autorizados antes do comezo dos traballos; non se poderán depositar nin acumular na explotación nin en terreos propios adxacentes ningún tipo de residuos sólidos, tales como chatarra, plásticos, pezas inservibles de maquinaria, ou calquera outro material que se xere na explotación, diferente dos materiais propios procedentes da extracción.

2.5. Así mesmo, os vertidos líquidos procedentes das labores de mantemento da maquinaria utilizada tanto no interior da explotación como no transporte exterior do material, serán recollidos por empresa autorizada para o seu envío a centros de tratamento.

3. Protección do solo.

3.1. Previamente ó inicio dos traballos procederase á retirada da terra vexetal de tódalas zonas afectadas pola explotación.

3.2. O horizonte vexetal deberá amorearse en montóns de 2 m de altura máxima e támaras suaves, localizados nunha zona cha carente de escorrentías superficiais e a salvo de movementos de maquinaria. Se o seu período de aplicación excede de 6 meses deberá estabilizarse mediante unha mestura de pratenses en doses de 50 Kg/ha.

4. Protección da vexetación e da paisaxe.

4.1. Dado que os terreos de asentamento da canteira proxectada se encontran limitados na súa parte baixa pola estrada C-630 Lugo-A Fonsagrada, polo que resulta visible desde ela, deberase manter sen explotar, desde o inicio da actividade, a zona inferior da canteira, formando así un dique natural que sirva de pantalla visual, procedéndose a realizar unha plantación de especies arbóreas autóctonas nel, co fin de atenua-las posibles alteracións paisaxísticas.

Así mesmo, respectarase sistematicamente aquela vexetación que atopándose nos límites da explotación sirva como pantalla visual e acústica e como barreira contra o po.

5. Protección do patrimonio cultural.

5.1. Co fin de preserva-la traza e zona de influencia do Camiño de Santiago, a saída de materiales procedentes tanto da explotación como da nave de elaboración realizarase exclusivamente pola estrada C-630, prohibíndose especificamente o uso de vías de transporte alternativas sen coñecemento expreso da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

5.2. Respectarase sistematicamente, e contra calquera actuación relacionada directa ou indirectamente coa explotación, o perímetro que, se é o caso, fixe a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural arredor dos depósitos arqueolóxicos existentes na zona.

6. Plan de restauración.

6.1. Considerando a reducción da primitiva zona de explotación, propiamente dita, o cambio de localización, dimensións e características constructivas da entulleira, a nova localización da nave de elaboración a pé da canteira, así como a posibilidade de transferir practicamente o 50% do estéril xerado ó oco producido, todo o cal modifica substancialmente o proxecto, o promotor procederá a modifica-lo plan de restauración, adecuándoo ás novas características da explotación.

A restauración farase extensiva á totalidade dos terreos afectados e non só á zona directamente afectada polos labores de extracción.

7. Documentación adicional.

O promotor remitiralle á Comisión Galega do Medio Ambiente, a través do órgano substantivo, a documentación que a continuación se relaciona, e nos prazos seguintes:

7.1. Nun prazo non superior a 3 meses a partir de serlle notificado o contido da presente declaración:

-Xustificación de dimensionamento e características constructivas dun axeitado sistema de decantación, de acordo co exposto no punto 2.1 da presente declaración.

-Plan de restauración, acompañado de planos axeitados, de acordo co exposto no punto 6.1. O dito plan conterá, ademais da descrición detallada dos traballos de recuperación en función do uso proposto para os terreos afectados, cronograma e planificación e orzamento con medicións e prezos unitarios descompostos e establecidos a partir de custes de materiais, maquinaria e man de obra, orzamentos parciais e xerais.

-Programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no artigo 3º.d.3 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

7.2. Nun prazo non superior a 2 meses, a partir do comezo dos traballos de explotación, un mapa de ruídos, coa actividade en pleno funcionamento, no que se inclúa o núcleo habitado máis cercano.

7.3. Anualmente e ata a finalización dos traballos de explotación:

-Informe sobre a calidade das augas procedentes do sistema de decantación, baseado na análise de mostras de auga por laboratorio autorizado.

-Resultado das medicións dos niveis de inmisión de partículas sedimentables, de acordo co exposto no punto 1.1 da presente declaración e medidas correctoras propostas no caso de supera-los devanditos límites.

-Un informe que conterá alomenos unha descrición do estado actual de actividade extractiva e das medidas correctoras e protectoras levadas a cabo, así como unha reportaxe fotográfica sobre os traballos de recuperación ambiental realizados no correspondente ano e cronograma das accións de restauración previstas para o vindeiro ano, se é o caso.

8. Condicións adicionais.

8.1. O órgano substantivo fixará un aval, para garanti-lo cumprimento do plan de restauración e que poderá ser acumulativo se se considera axeitado.

Este aval será renovado, en función do cumprimento por parte do promotor do plan de restauración e o plan de labores anual.

8.2. As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor. Sen embargo, a empresa promotora poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarao tres meses despois de serlle enviada a presente declaración polo órgano substantivo á Comisión Galega do Medio Ambiente, aportando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas comunicándolle o acordo adoptado á empresa promotora.

8.3. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Comisión Galega do Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e se corrixan aquelas.

8.4. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor dos labores de restauración previstos serán causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

8.5. O presente acordo, adoptado por esta comisión, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a actividade.

8.6. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 1997.

José Luis Aboal García-Tuñón

Secretario xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente

Visto e prace

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente da Comisión Galega do Medio Ambiente

7375