Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 10 de outubro de 1997 Páx. 9.867

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 280/1997, do 25 de setembro, polo que se acordan as cesións do uso, a título gratuíto, de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias de Vilarmaior, Vilamartín de Valdeorras e O Covelo.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu apartado tres establece que o Consello da Xunta, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Os concellos de Vilarmaior, Vilamartín de Valdeorras e O Covelo solicitaron a cesión do uso dos inmobles sitos nos seus respectivos termos municipais e que pertenceron ás extintas cámaras agrarias locais, para destinalos a actividades de interese agrario.

Mediante os decretos 328/1996, do 26 de xullo (DOG nº 157, do 12 de agosto) e 194/1997, do 3 de xullo (DOG nº 142, do 24 de xullo), desafectáronse do dominio público, entre outros, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Vilarmaior, Vilamartín de Valdeorras e O Covelo.

Polas ordes da Consellería de Economía e Facenda, do 24 de xullo e do 27 de agosto de 1997 (DOG nº 151, do 7 de agosto e nº 182, do 22 de setembro) declarouse a alienabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e tendo en conta o informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdanse as cesións a título gratuíto que a continuación se relacionan:

1) A favor do Concello de Vilarmaior, do dereito de uso do soar ó sitio de Coido, parroquia e termo

municipal de Vilarmaior (A Coruña), de 200 m. Linda: norte, Antonio Torre; sur, máis de Antonio Otero; leste, Concello de Vilarmaior; e oeste, predio de Amador Amado Amado, gravado cunha servidume de paso polo vento sur cun largo de tres metros para o servicio do resto do predio matriz e do colindante con este polo oeste, propiedade de Rosa de Bernardo. Sobre o dito predio construíuse un edificio de planta baixa e planta alta dedicado a oficinas e almacén.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Pontedeume no tomo 602, libro 25, folio 132, predio nº 2.417, inscrición 2ª.

2) A favor do Concello de Vilamartín de Valdeorras, do dereito de uso do edificio no lugar de Fondo da Vila, no núcleo urbano da vila e municipio de Vilamartín de Valdeorras (Ourense), que mide 60 m aproximadamente. Linda: fronte-sur, estrada de Ponferrada a Ourense; dereita entrando-leste, casa de Antonia López Álvarez, parede medianil no medio; esquerda-oeste e costas-norte, herdeiros de Leopoldo Brasa.

Inscrito no Rexistro da Propiedade do Barco de Valdeorras no tomo 484, libro 56, folio 72, predio nº 7.270, inscrición 2ª.

3) A favor do Concello do Covelo, do dereito de uso dun terreo con casa dunha soa planta, sito no campo da feira do Covelo, municipio do Covelo (Pontevedra), mide 254 m. Linda: fronte, campo da feira; dereita, María Amigo Conde; esquerda, Sara Romero González; e fondo, María Amigo Conde.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ponteareas no tomo 923, libro 94, folio 98, predio nº 8.069 bis, inscrición 2ª.

Artigo 2º

As cesións de uso relacionadas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble para fins e servicios de interese xeral agrario.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde o outorgamento da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior; queda excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, se deixase de estalo con posterioridade ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán de conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e en ningún caso poderán ser reembolsados pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario subscribirá unha póliza, da que será beneficiaria a Comunidade Autónoma de Galicia, que cubra os danos do inmoble do que se cede o uso, así como a responsabilidade civil por posibles danos a terceiros.

Artigo 3º

As devanditas cesións de uso formalizaranse mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, vintecinco de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7660