A Constitución española de 1978 recoñece no seu artigo 22 o dereito de asociación, establecendo que deberán inscribirse nun rexistro só para os efectos de publicidade. A lexislación xeral en materia de asociacións está constituída pola Lei de asociacións 191/1964, do 24 de decembro, e polo Decreto 1440/1965, do 20 de maio, na medida en que conservan a súa vixencia e que constitúen o réxime xeral aplicable para tódalas asociacións, salvo as excluídas deste réxime xeral no artigo 2 da citada lei e por outras normas posteriores.
A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, levou a cabo unha ampliación de competencias para a Comunidade Autónoma de Galicia, incluíndo entre outras as relativas á execución da lexislación do Estado en materia de asociacións.
Polo Decreto 336/1996, do 13 de setembro, a Comunidade Autónoma de Galicia asume as funcións e servicios en materia de asociacións, traspasados mediante o Real decreto 1639/1996, do 5 de xullo, asignándollos á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.
Neste decreto facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o seu desenvolvemento, e adopta-las medidas precisas para a plena efectividade e executividade práctica das funcións traspasadas.
Facendo uso desa autorización pola orde desta consellería, do 26 de setembro de 1996, asígnanselles funcións en materia de asociacións ós delegados provinciais. Ó longo do tempo transcorrido apreciouse a necesidade da existencia dun Rexistro Central de Asociacións, polo que cómpre proceder á creación do devandito rexistro e regular diversos aspectos procedementais dos rexistros central e provinciais.
Por todo isto, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de setembro de mil novecentos noventa e sete,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Rexistro Central de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.
Créase o Rexistro Central de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá a súa sede na Dirección Xeral de Interior da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e no que se inscribirán as asociacións que, sen ser competencia do Rexistro Nacional, non estean comprendidas nas previstas no artigo seguinte.
Artigo 2º.-Rexistros Provinciais de Asociacións.
Os rexistros de asociacións existentes en cada unha das provincias da Comunidade Autónoma de Galicia radicarán nas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.
Incribiranse nos rexistros provinciais tódalas asociacións que desenvolvan as súas actividades e teñan establecido o seu domicilio dentro do territorio provincial respectivo.
Artigo 3º.-Presentación das solicitudes de inscrición.
A solicitude de inscrición dunha asociación presentarase, xunto coa documentación preceptiva (acta fundacional e estatutos), na delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da provincia onde aquela teña establecido o seu domicilio. (Xúntase como anexo).
Artigo 4º.-Tramitación das inscricións correspondentes ó Rexistro Nacional e o Rexistro Central da Comunidade Autónoma.
No caso daquelas asociacións nas que a inscrición lle corresponda ó Rexistro Nacional ou ó Rexistro Central da Comunidade Autónoma, a delegación provincial remitirá respectivamente ó Ministerio do Interior ou á Dirección Xeral de Interior a documentación relativa a estas e advertirá ó interesado do destino dado á súa petición.
Artigo 5º.-Acordo de inscrición e publicidade rexistral.
1. Será competencia dos delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais:
a) Dicta-la oportuna resolución acordando a inscrición no rexistro provincial das asociacións, unha vez cumpridos os trámites legalmente establecidos.
b) A autorización dos restantes asentos rexistrais, así como a expedición de toda clase de certificacións relativas ó contido do Rexistro Provincial.
2. Corresponderanlle ó director xeral de Interior as competencias reflectidas no número anterior respecto das asociacións nas que a inscrición lle corresponda ó Rexistro Central da Comunidade Autónoma.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan precisas para a execución e desenvolvemento do disposto no presente decreto.
Segunda.-Serán de aplicación supletoria ó disposto neste decreto, o Decreto 1440/1965, do 20 de maio, a Orde do 10 de xullo de 1965 do Ministerio da Gobernación, sobre o funcionamento dos rexistros e demais disposicións concordantes, en tanto manteñan a súa vixencia.
Santiago de Compostela, vintecinco de setembro de mil novecentos noventa e sete.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús C. Palmou Lorenzo
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais
7698