Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 07 de outubro de 1997 Páx. 9.795

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 1997 pola que se convocan probas selectivas para ingreso na escala de xestión desta universidade polo sistema de promoción interna.

Existindo prazas de adscrición indistinta ós grupos B e C das escalas de funcionarios da Universidade de Santiago de Compostela, ocupadas por funcionarios pertencentes á escala C, co fin de facilita-la

promoción do persoal aínda mantendo os seus propios postos de traballo, de acordo co artigo 22 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e de conformidade cos acordos adoptados coa Xunta de Persoal Funcionario, e en cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 204/1985, do 19 de setembro, da Xunta de Galicia, e co fin de atende-las necesidades de persoal de Administración e servicios,

Este rectorado, no uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2.e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, acorda convocar probas selectivas para ingreso na escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela, con suxeición ás seguintes.

BASES DA CONVOCATORIA

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 9 prazas da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela polo sistema de promoción interna, polo procedemento de concurso-oposición.

1.2. A presente convocatoria non xerará prazas vacantes no corpo ou escala administrativa da que proceden os aspirantes.

1.3. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.

1.4. Para a realización destas probas selectivas aplicarase a Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo, o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado, a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, 3/1995, do 10 de abril, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e as bases desta convocatoria.

1.5. O procedemento de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoración axustarase ó que se especifica no anexo I.

1.6. Na fase de concurso, valoraranse para os aspirantes que superen a fase de oposición os seguintes méritos: antigüidade, nivel de complemento de destino do posto desempeñado na data de publicación da convocatoria, e cursos de formación, todo isto de acordo co que se especifica no anexo I.

1.7. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os/as aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou posuí-la condición de nacional dun Estado membro da Comunidade Europea.

b) Ter cumpridos os 18 anos.

c) Estar en posesión do título de diplomado universitario, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico ou equivalente.

d) Pertencer, o día de remate do prazo de presentación de solicitudes, a un corpo ou escala adscrito ó grupo C, (Art.25 Lei 30/1984), ter destino definitivo na Universidade de Santiago de Compostela e posuír unha antigüidade de, polo menos, 2 anos no devandito corpo ou escala.

e) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública, nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

2.2. Tódolos requisitos enumerados nos apartados anteriores deberán posuirse no día do remate do prazo de presentación de solicitudes, e manterse ata a data da toma de posesión como funcionario de carreira do grupo B.

3. Solicitudes.

3.1. Os/as que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán facelo constar en instancia que se axustará ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria. A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación: fotocopia do DNI.

A xerencia expedirá de oficio, certificación que acreditará: a antigüidade recoñecida referida á data de remate de presentación de solicitudes, o nivel de complemento de destino do posto que se desempeñe na referida data e os cursos de formación recibidos ou impartidos que figuren no expediente persoal. A citada certificación engadiráselle á solicitude presentada polo/a aspirante.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Santiago de Compostela, sito no Pazo de San Xerome, Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela; no rexistro do Campus de Lugo, sito na Vicexerencia, Augas Férreas, polígono de Fingoi, Lugo; ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Os dereitos de exame serán de 3.500 pesetas, que se ingresarán en Caixa Galicia na conta de oposicións número: 2091-0388-90-3110000646. Para

realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura no anexo IV.

3.5. Os/as aspirantes con minusvalideces poderán indicalo na solicitude, utilizando para isto o recadro número 4, así como solicita-la adaptación de tempo e medios para a realización dos exercicios, para o que utilizarán o recadro número 6.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rectorado da Universidade de Santiago de Compostela publicará no taboleiro de anuncios do rectorado resolución pola que se aproba a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, na que constará o nome e apelidos dos excluídos o número de DNI, así como a causa que motivou a exclusión. Para emenda-lo defecto que teña motivado a súa exclusión ou omisión da relación de admitidos e excluídos, os/as aspirantes disporán dun prazo de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación da citada resolución.

4.2. Os/as aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

4.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-la entidade bancaria e o número de conta no recadro que para tal efecto figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncia á devolución dos dereitos de exame.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría segunda das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo) e o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

5.2. Os/as membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas nos artígos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas de acceso a corpos ou escalas nos cinco anos anteriores ó da publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incurso nas circunstancias previstas nos ditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusar ós/as membros do tribunal cando concorran algunha das circunstancias antes reflectidas.

5.3. Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que nomean os/as novos/as membros do tribunal que vaian substituí-los que teñan perdida a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.2.

5.4. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan de acordo co correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.6. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5.7. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas.

5.8. O tribunal adoptará os medios precisos naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os/as aspirantes con minusvalideces gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ó resto dos/as participantes. Neste sentido, establecerase para as persoas con minusvalideces que o soliciten na forma prevista na base 3.5 as adaptacións posibles en tempos e medios para a realización dos exercicios.

5.9. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra H, de con

formidade co establecido na resolución do 16 de maio de 1997, da Dirección Xeral da Función Pública.

6.2. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os/as aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluídos da oposición os/as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

6.4. O día, hora e lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se efectuase o primeiro, así como na sede dos tribunais, e por calquera outro medio que se xulga conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia ó/á interesado/a, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da universidade, comunicándolle, así mesmo, as inexactitudes ou falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas para os efectos procedentes.

Contra a exclusión do aspirante, poderá interporse recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da súa exclusión.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición o tribunal cualificador fará públicos, no lugar ou lugares de celebración dos respectivos exercicios e naqueloutros que coide oportunos as relacións de aspirantes que teñan superado cada un deles, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o último exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I da presente convocatoria.

7.4. O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde da puntuación acadada por cada

un deles, fosen seleccionados, a cal en ningún caso poderá contar cun número de candidatos/as superior ó das prazas convocadas.

7.5. Rematado o proceso selectivo, o tribunal elevaralle ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións obtidas en cada unha das fases: oposición e concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de PAS (Casa da Balconada, rúa Nova de Abaixo, 6 de Santiago de Compostela) a documentación necesaria para proceder ó nomeamento como funcionario da escala de xestión que non se atope suficientemente acreditada no seu expediente:

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado funcionario/a de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento de funcionarios/as de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, os/as que o superasen serán nomeados/as funcionarios/as de carreira con especificación do destino adxudicado, mediante resolución do rectorado da universidade que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, este exclúese do sistema de adxudicación de destino pola orde obtida no proceso selectivo. Ós aspirantes que superen o concurso-oposición adxudicaráselle-lo mesmo posto que veñan desempeñando como titulares, e terá carácter definitivo se o posto de traballo se atopa adscrito na vixente relación de postos á escala á que aspiran, e carácter provisional no caso de que non estea incluído na relación de postos de traballo nesa escala. Neste último suposto o destino consolidarase como definitivo no caso de que na próxima relación de postos o citado posto estea adscrito á escala á que accedeu.

Aqueles funcionarios que, en virtude do disposto no parágrafo anterior accedan a unha escala superior con carácter provisional e mentres permanezan nesa situación, percibirán o complemento de destino correspondente ó posto base da escala á que accedan, salvo que o posto que desempeñen teña asignado un nivel superior. O complemento específico será o correspondente ó posto de traballo realmente desempeñado segundo a relación de postos de traballo.

9.3. A toma de posesión destes aspirantes efectuarase no prazo dun mes, contado desde a data de publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados, nos casos e nas formas establecidas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro e poderá interporse contra a presente resolución recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, conforme o disposto no artigo 58 da Lei de xurisdicción contencioso-administrativa, comunicando previamente a súa interposición neste rectorado, segundo o artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 1997.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: ESCALA DE XESTIÓN

Exercicios e valoración

O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición, que constará dos seguintes exercicios:

Primeiro exercicio: de carácter eliminatorio: proba escrita constituída por 130 preguntas tipo test, relativas a todo o temario. O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 2 horas. A puntuación será de 0 a 32,5 puntos, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 16,25.

Tódalas preguntas terán a mesma valoración, e non puntuarán negativamente.

Segundo exercicio: de carácter eliminatorio: dous supostos prácticos que se elixirán entre 4 propostos polo tribunal, das materias seguintes: dereito administrativo, recursos humanos, xestión financeira e xestión universitaria. A puntuación será de 0 a 32,5 puntos, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 16,25 puntos e non estar cualificado ningún

dos supostos con puntuación igual ou inferior a 2 puntos. O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 3 horas.

Os/as aspirantes poderán utiliza-lo material de apoio que consideren conveniente.

Terceiro exercicio: proba voluntaria: consistirá na traducción directa para castelán ou para o galego dun texto dunha lingua comunitaria. Os/as aspirantes deberán facer constar no apartado correspondente da solicitude o idioma elixido. O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora e media. Puntuará de 0 a 5 puntos.

1.1. Proba de galego: non eliminatoria e de mérito. Consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, e do galego para o castelán, elixido por sorteo entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo de realización deste exercicio será dunha hora, e valorarase de 0 a 5 puntos.

2. Fase de concurso: para os/as aspirantes que superen a fase de oposición a valoración de méritos farase da seguinte forma:

2.1. Antigüidade: máximo 13 puntos.

Valorarase a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación das solicitudes da seguinte forma:

Por cada ano completo de servicios: 0,65 puntos.

Por cada mes completo de servicios que reste: 0,054 puntos.

2.2. Nivel de complemento de destino: máximo 13 puntos. Polo nivel de complemento de destino correspondente ó posto de traballo que se desempeñe na data da publicación da convocatoria, de acordo coa seguinte puntuación:

NivelPuntos

2513

2412

2210

20 8

18 6

16 4

2.3. Cursos de formación: máximo 4 puntos. Os cursos de formación puntuarán da seguinte forma:

-Cursos de formación recibidos:

Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora.

Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora.

Curso de iniciación da lingua galega: 0,01 puntos/hora.

Curso de perfeccionamento da lingua galega: 0,02 puntos/hora.

No caso de te-los cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

3. Puntuación do proceso selectivo: a puntuación da fase de oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos distintos exercicios. A puntuación do proceso selectivo virá determinada pola suma da fase de oposición, mailos méritos da fase de concurso, sempre que os/as aspirantes tivesen superada a fase de oposición.

No caso de empate daráselle preferencia atendendo á puntuación obtida no segundo exercicio e, de persistir este, a prol do/a candidato/a que tivese maior antigüidade no corpo ou escala á que pertenza na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

ANEXO II

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: ESCALA DE XESTIÓN

Programa

I. Dereito administrativo e dereito comunitario

1. Relacións interadministrativas na Lei 30/1992. Os órganos das administracións públicas: principios xerais e competencia. Os órganos colexiados. Abstención e recusación.

2. Revisión dos actos administrativos. Revisión de oficio. Os recursos administrativos: principios xerais. O recurso ordinario. O recurso de revisión. O recurso contencioso-administrativo.

3. As comunidades europeas: adhesión de España á CEE. O tratado da Unión Europea: liberdades básicas e as políticas comúns na Unión Europea. Fontes do dereito comunitario: orixinario e derivado. A aplicación do dereito comunitario.

4. As institucións da Unión Europea: o Consello e a Comisión. O Parlamento europeo. O Tribunal de Xustiza.

5. Informática e dereito: a Lei orgánica de regulación do tratamento automatizado de datos de carácter persoal. A axencia de protección de datos.

II. Xestión de recursos humanos.

1. Selección dos funcionarios públicos. Adquisición e perda da condición de funcionario.O rexistro central de persoal.

2. Provisión de postos. Promoción profesional. Situacións dos funcionarios: supostos e efectos de cada unha delas.

3. Dereitos e deberes dos funcionarios. Incompatibilidades. Réxime disciplinario. Responsabilidade dos funcionarios públicos. Dereitos de sindicación e folga. A negociación sindical no eido do persoal funcionario. Órganos de representación e participación.

4. O persoal laboral ó servicio das administracións públicas: selección, dereitos, deberes e incompatibilidades.

5. Os procesos de modernización das administracións públicas. A calidade nos servicios públicos. O cidadán como cliente. A cultura administrativa. Estratexia de cambio na Administración.

6. A planificación da xestión pública: natureza e obxectivos. Tipos de plans. O proceso de planificación. A planificación estratéxica e operativa. A planificación de investimentos. Análise de custes.

7. A planificación de recursos humanos nas administracións públicas. As relacións de postos de traballo. As ofertas de emprego público. Os plans de emprego.

III. Xestión financeira.

1. O orzamento: concepto e funcións. Principios orzamentarios. Ciclo orzamentario. A lei xeral orzamentaria: nocións xerais. Breve referencia ó orzamento do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia e ás leis xerais orzamentarias.

2. A execución orzamentaria. Modificacións orzamentarias. Transferencias de crédito. Créditos extraordinarios e suplementos de crédito, ampliacións e incorporacións. Anticipos de tesourería. Xeración de créditos.

3. O réxime económico e financeiro das universidades públicas. Os ingresos públicos das universidades: concepto e clasificación. As taxas e prezos públicos. A súas exencións e bonificacións: bolsas e axudas ó estudio.

4. O orzamento da USC: características e estructura. As normas de execución do orzamento. Capacidade normativa. Liquidación e peche do exercicio. O regulamento de xestión orzamentaria da USC.

5. O control do gasto público. O control da xestión financeira: clases de control e funcións interventoras.

6. O control externo da xestión financeira. O Consello de Contas. O Tribunal de Contas.

7. A Lei 13/1995, de contratos das administracións públicas: contratos de obras, de subministracións, de servicios, de consultoría e asistencia.Os procedementos de contratación na Universidade de Santiago de Compostela.

IV. Dereito laboral.

1. A negociación colectiva e os convenios colectivos.O contrato de traballo: concepto, natureza xurídica, suxeitos, forma, duración, contido e réxime xurídico. Suspensión e extinción do contrato de traballo.

2. Modalidades do contrato de traballo: alta dirección, formativos, de obra ou servicio, de interinidade, eventual, a tempo parcial.

3. Condicións de traballo: xornadas, descanso e réxime retributivo. Representación do persoal. Réxime disciplinario laboral. Reclamación previa á vía laboral. A demanda.

V. Dereito autonómico e estatutario galego.

1. Organización política da Comunidade Autónoma de Galicia. As institucións de autogoberno: descrición. O goberno da Comunidade Autónoma. A Xunta de Galicia e o seu presidente.

2. O Parlamento de Galicia. Sistema electoral. Control parlamentario da acción de Goberno. O Valedor do Pobo.

3. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. O réxime xurídico do exercicio das competencias autonómicas. A aplicación do dereito galego. Supletoriedade do dereito estatal. As leis estatais marco, de transferencia e de delegación.

4. Financiamento das comunidades autónomas. Regulación constitucional. A LOFCA. O financiamento da Comunidade Autónoma de Galicia.

VI. Xestión universitaria.

1. As universidades públicas españolas. Fontes do ordenamento e réxime xurídico. Ámbito de autoorganización. Estructura. Órganos de Goberno.

2. O Consello de Universidades como órgano de coordenación. O Consello Universitario Galego.

3. Réxime de alumnado: acceso e réxime académico. Matrícula. Plans de estudio. Simultaneidade de estudios. Réxime de permanencia. Traslados de expedientes.Validación de estudios e homologación de títulos estranxeiros.

4. O persoal das universidades: selección, provisión, situacións administrativas, dedicación, incompatibilidades. O persoal docente contratado: réxime xurídico.

5. Directrices xerais comúns ós plans de estudios dos títulos de carácter oficial e de validez en todo o territorio do Estado. Obtención, expedición e homologación dos títulos universitarios. As titulacións propias da USC.

6. A investigación científica e técnica en España. Normativa e órganos competentes. Planificación e financiamento. O persoal investigador.

ANEXO III

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: ESCALA DE XESTIÓN

Tribunal titular

Presidente: Gumersindo Guinarte Cabada, secretario xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

José Manuel Villanueva Prieto, xefe do Servicio de Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela.

Francisco Javier Carracedo Doce, xefe do Servicio de Xestión Económica da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario.

José Antonio Rilo López, xefe do Servicio de Xestión Económica da Universidade da Coruña, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario.

Secretaria: Rosa Fernández Somoza, xefa da Sección de Nóminas e Seguridade Social da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

Tribunal suplente:

Presidente: Aureliano García González-Llanos, xerente da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

José Vázquez Portomeñe, vicexerente da Universidade de Santiago de Compostela.

Elena Lago Area, xefa da Sección de Apoio á Investigación da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario.

Eva Sanín Mariño, subinspectora de Servicios da Consellería da Presidencia, Xunta de Galicia, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario.

Secretaria: Inés Martínez Bermúdez, xefa do Servicio de PAS da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

O tribunal poderá dispoñe-la incorporación con carácter temporal, doutros funcionarios/as públicos para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

7453