Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 02 de outubro de 1997 Páx. 9.699

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Pescanova Chapela, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Pescanova Chapela, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 16-7-1997, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, o 27-6-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos

de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 1 de agosto de 1997.

F. Ramón Hermo Rey

Delegado provincial en funcións de Pontevedra

Pescanova Chapela, S.A.

Ámbito de aplicación e disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo establece as bases para as relacións laborais entre a empresa Pescanova Chapela, S.A., e os seus traballadores adscritos ó centro de traballo, situado en Chapela-Redondela.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O presente convenio colectivo abrangue a todo o persoal do cadro nas súas distintas categorías profesionais existente no momento do asinamento, nos centros de traballo aludidos no artigo anterior, así como os que posteriormente se incorporen ós respectivos cadros.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1997 cun período de duración ata o 31-12-1997 e será denunciado por escrito, polo menos, cun mes de antelación á data do seu vencemento; en caso contrario, prorrogarase por períodos anuais sucesivos.

O conxunto do articulado e as táboas anexas manterán a súa vixencia mentres as partes non acorden modificalo.

Artigo 4º.-Determinación das partes que o concertan

Este convenio colectivo concértase entre Pescanova Chapela, S.A., representada neste momento por Fernando Ilarri Junquera e Ángel González de Thus, e o seu comité de empresa, como representación legal dos traballadores, composto polo membros que abaixo asinan.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas establecidas no presente convenio teñen carácter de mínimas e figurarán nas táboas salariais anexas, ou as que constan nas respectivas nóminas.

Terán carácter de absorbibles aquelas melloras que durante a súa vixencia e por disposicións legais puidesen establecerse.

Agás o especificado no artigo 21º do presente convenio, no relativo á prima de tarde e prima de baixa temperatura, o persoal que con anterioridade ó convenio viñese desfrutando dalgún ou dalgunhas condicións máis beneficiosas deberá conservalas.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e vixilancia das condicións xerais pactadas neste convenio, crearase unha comisión paritaria composta por:

Parte social: o presidente do comité de empresa, secretario do comité de empresa e un representante de cada un dos sindicatos.

Parte empresarial: cinco membros designados pola empresa.

No caso de que existan discrepancias entre as partes e non logren chegar a un acordo, someteranse á xurisdicción laboral competente.

Organización do traballo

Artigo 7º.-Principios xerais.

A organización práctica do traballo, respectando a lexislación vixente en cada momento, é facultade da dirección da empresa e, por delegación, dos seus mandos ou representantes legais.

Todo isto sen mingua das funcións de información que as mesmas disposicións legais lles atribúan ós representantes dos traballadores, comité de empresa e seccións sindicais, se é o caso.

É política común dos traballadores e da dirección o mantemento de actitudes de información, diálogo e negociación que conduzan a esquemas participativos.

A empresa manterá e fomentará a formación e promoción profesional dos seus traballadores. Anualmente comunicaráselle ó comité de empresa o plan de formación.

Artigo 8º.-Regulación.

Os contratos do persoal, calquera que sexa a súa modalidade, adaptaranse ás formas e condicións establecidas polas disposicións legais vixentes.

Artigo 9º.-Contratos formativos.

A empresa poderá contratar traballadores en prácticas para a formación, de acordo coas disposicións legais vixentes.

Polo que se refire ó contrato para a formación, a súa regulación será a seguinte:

Os aprendices non poderán ocupar postos de traballo que quedaron vacantes por despedimento

improcedente, obxectivo, ou por calquera tipo de expediente de regulación de emprego.

Características do contrato para a formación:

Duración: mínima de 6 meses e máxima de 2 anos.

Prórroga: mínima de 6 meses.

Idade: de 16 a 21 anos.

Formación: plan de formación pactado cos representantes dos traballadores.

Titor: cada dous traballadores como máximo terán un titor que teña como mínimo o nivel de cualificación que debe adquiri-lo traballador.

Salario: o primeiro ano, o 100% do salario base do convenio e o segundo ano, o 120% do salario base do convenio.

O número destes traballadores non superará o 5% do persoal fixo.

Artigo 10º.-Vacantes e postos de nova creación.

Na creación de novos postos de traballo na provisión de vacantes, cando se requira persoal de novo ingreso, a empresa terá en conta, en primeiro lugar o persoal a que se refire o artigo 13 do presente convenio, en segundo lugar, o persoal adscrito a outras empresas do grupo e, en terceiro lugar, as peticións dos fillos ou fillas de traballadores en activo, falecidos, xubilados ou pensionistas, concedéndolle-lo emprego en todo caso se superan as probas de aptitude que correspondan. Para postos de certa responsabilidade que precise a empresa, será necesario que as súas condicións e saber non sexan inferiores ós doutros candidatos.

A empresa está obrigada a informa-lo comité de empresa das vacantes producidas e postos de nova creación. Así mesmo, daráselle difusión nos taboleiros de anuncios.

O comité de empresa participará de acordo co establecido no artigo 6º no control das probas que fosen necesarias para a contratación de persoal.

Artigo 11º.-Período de proba.

O persoal de novo ingreso terá carácter provisional durante un período de proba variable, segundo a índole do labor que se vai realizar, de acordo coa seguinte escala:

Técnicos titulados: seis meses.

Titulados de grao superior, Contr. prácticas: dous meses

Titulados de grao medio, Contr. prácticas: un mes

Contratos de aprendizaxe: quince días

Resto do persoal: quince días

Durante os períodos que se sinalan, tanto o traballador coma a empresa, poderán desistir da proba ou proceder á rescisión do contrato, sen aviso previo nin dereito a indemnización. Será nulo o pacto que estableza un período de proba cando o traballador

desempeñase as mesmas funcións con anterioridade na empresa, e dentro da mesma categoría profesional, baixo calquera modalidade de contratación.

O traballador desfrutará, durante o período de proba, da retribución que corresponda á categoría profesional do traballo no que se clasificase. O período de proba será computado para efectos de antigüidade.

Superado o período de proba, o traballador pasará a depender da empresa, coa categoría que corresponda en cada caso.

Artigo 12º.-Postos especiais.

A empresa procurará emprega-lo persoal que teña a capacidade física ou intelectual diminuída por idade ou outros inconvenientes ocorridos antes da súa xubilación en destinos adecuados ás súas condicións reais, no caso de que existan eses postos. Igual criterio seguirase cos que se encontren na situación de invalidez permanente parcial para a súa profesión habitual.

Para iso terán en conta as vacantes que se produzan nas seguintes seccións: oficinas de sección industrial, almacén de sección industrial, control de calidade, aseos e vestiarios, e a empresa poderá cubrir, entrementres, provisionalmente os ditos postos durante un período máximo de quince días.

Artigo 13º.-Incorporación a outras empresas do grupo.

Os traballadores da empresa Pescanova Chapela, S.A. poderán ser destinados a outras empresas do mesmo grupo de empresas, cando existan razóns económicas, organizativas, técnicas ou productivas que o xustifiquen, sempre que se respecten os límites da mobilidade funcional e o traslado non implique cambio de domicilio, e se efectúe dentro da área de influencia de Vigo.

A decisión de incorporación á nova empresa deberá comunicárselles ós afectados e ó comité de empresa cunha antelación de 30 días naturais, agás acordo noutro sentido.

Os traballadores afectados por esta decisión incorporaranse ó cadro de persoal da empresa do seu novo destino, e conservarán a súa categoría profesional e antigüidade, que se respectará desde o seu ingreso en Pescanova, S.A.

O seu réxime económico será o vixente na empresa de novo destino, pero conservará en todo caso como garantía o seu salario en cómputo anual no momento do traslado, a excepción dos complementos vinculados ó posto de traballo.

En todo caso, e como condicións beneficiosas, seralles de aplicación o disposto no artigo 35º sobre complemento de I.T. do convenio de Pescanova Chapela, S.A. de 1994.

O horario será en réxime de quendas (xornada continuada). O persoal trasladado a Frinova terá o horario que corresponda segundo o convenio colec

tivo desa empresa. Os que sexan trasladados a outras empresas do grupo incorporaranse a un réxime horario similar ó de Frinova, S.A. ou Pescanova Chapela, S.A.

En caso de necesidade de persoal fixo en Pescanova Chapela, S.A., terá preferencia de recolocación o persoal trasladado, ó que se lle aplicará na súa integridade o convenio de Pescanova Chapela, S.A.

Se a incorporación prevista neste artigo significase para o traballador un incremento nos seus gastos, debidamente acreditado, a empresa deberá compensalo por iso. En ningún caso poderán alegarse gastos compensables achacables ó transporte, se a empresa proporciona medio de transporte nas mesmas condicións ca na actualidade, aínda que se cambie o horario.

A aplicación deste artigo estará condicionada á existencia de excedente de man de obra na empresa debidamente acreditado. En caso contrario deberá pactarse ou ben individualmente ou ben co comité de empresa.

Este artigo terá carácter obrigacional e perderá a súa vixencia a partir do 31-5-1998.

Artigo 14º.-Excedencias.

Terán dereito á situación de excedencia todo o persoal afectado polo presente convenio, de acordo coas normas reguladas no Estatuto dos traballadores.

A empresa queda obrigada, para o persoal do taller mecánico, factoría e cámaras de oficios varios, así como sección industrial, á readmisión dos solicitantes, cando estes a cursasen, polo menos, con dous meses de antelación, sempre e cando a excedencia sexa igual ou superior a un ano.

Xornada, vacacións e licencias

Artigo 15º.-Xornada anual e horario.

A xornada de traballo será de 1.749 horas de traballo efectivo ó ano. Para tal efecto non se computarán como tempo efectivo de traballo os descansos obrigatorios ou pactados.

O tempo de traballo computarase ó inicio e ó final da xornada no posto de traballo.

A xornada anual desenvolverase do seguinte xeito:

-Persoal de factoría e terra:

Factoría e terra (quenda de mañá):

De luns a venres de 6.45 horas a 14.45 horas, con descanso de quince minutos.

Factoría e terra (quenda de tarde):

De luns a venres de 14.45 horas a 22.45 horas, con descanso de quince minutos.

Factoría e terra (quenda de noite-limpeza):

De luns a venres de 22.45 horas a 6.45 horas, con descanso de quince minutos.

-Persoal de oficina:

Primeira quenda:

Horario de inverno: de 8 a 15 horas de luns a venres. De 8 a 13 horas os sábados.

Horario de verán: de 8 a 14.30 horas os luns a venres. De 8 a 13 horas os sábados.

Segunda quenda:

Horario de inverno: de 8 a 13.30 e de 14.15 a 16.45 horas.

Horario de verán: de 8 a 14.30 horas.

O horario do persoal da segunda quenda é de luns a venres.

A xornada intensiva de verán para o persoal de oficinas estenderase desde o 17-6 ó 30-9 para o ano 1997.

Nas cámaras que teñan que estar a -18ºC ou inferiores cunha oscilación de máis ou menos 3º, a permanencia no interior destas será de 6 horas.

Cada 45 minutos de traballo ininterrompido no interior das cámaras, ou entrando ou saíndo continuamente (carreteiros) concederáselles un descanso de recuperación de 15 minutos.

Completarán a xornada normal en traballos que se realizarán no exterior das cámaras.

De mutuo acordo entre a empresa e o comité, realizarase o calendario anual, que abranguerá a relación de días non laborables e período de vacacións efectuando as correccións de horario que sexan pertinentes. Os días 24 e 31 de decembro non serán laborables.

Os horarios de traballo previstos neste artigo axustaranse en función do que resulte do calendario laboral que se pacte, e respectaranse o número de horas efectivas anuais (1.749).

Artigo 16º.-Horas extraordinarias.

É firme vontade de ámbalas partes a reducción ó mínimo de horas extraordinarias.

Para o suposto de que fose necesaria a súa realización, retribuiranse segundo o valor dunha hora ordinaria incrementada nun 75%.

Para as horas extraordinarias realizadas en sábados, domingos e festivos, o valor das ditas horas incrementarase nun 100%.

Non se terán en conta, para efectos da duración máxima da xornada ordinaria laboral, nin para o cómputo do número máximo das horas extraordinarias autorizadas, o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes ou por causa de forza maior, sen prexuízo do seu aboamento como se se tratasen de horas extraordinarias.

Consideraranse horas extraordinarias estructurais as realizadas nos seguintes casos.

-Incidencias nas quendas de traballo provocadas por licencias retribuídas ou I.T.

-Ausencia imprevista do relevo no traballo a quenda.

-Reparacións perentorias.

-Peches de exercicio contable e confección de orzamentos.

As horas extraordinarias estructurais pactaranse co comité de empresa.

Artigo 17º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado polo presente convenio terá trinta días naturais de vacacións, e aboaránselle estas coa retribución do salario da táboa anexa maila antigüidade. A forma da súa realización para o persoal da sección industrial será, como o pasado ano, en dúas quendas voluntarias nos meses de xullo e agosto.

Se por dificultades imprevistas fose preciso efectuar un reaxuste de vacacións estableceranse de mutuo acordo, de xeito que se salven os inconvenientes que poidan afecta-lo normal desenvolvemento do programa da empresa.

En canto ás vacacións do persoal masculino que polo seu traballo deben cubrir postos de mantemento, sala de máquinas e resto do persoal, serán de forma rotativa, de tal xeito que ós que por sorteo lles corresponda unha das datas que elixa, ó ano seguinte corresponderanlle as datas alternativas.

Todas aquelas persoas que estean en situación de I.T. durante o período de vacacións poderán desfrutalas en calquera outra época dentro do ano.

O persoal de oficinas desfrutará as vacacións de acordo co mesmo criterio que ata a data, se ben de forma preferente entre os meses de xuño a setembro.

Artigo 18º.-Licencias retribuídas.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a solicitar licencias retribuídas nos casos seguintes:

a) Casamento: 15 días naturais.

b) Parto da esposa: 3 días.

c) Enfermidade con internamento ou intervención cirúrxica, tamén con internamento do cónxuxe, pais, pais políticos, avós e fillos e fillos políticos: 3 días naturais (será preciso xustificante médico acreditativo).

d) Falecemento do cónxuxe, pais, fillos, irmáns, pais e fillos políticos: 4 días retribuídos e 2 sen retribuír, se residen na provincia de Pontevedra; 4 días retribuídos e 1 sen retribuír, se é no resto de Galicia e 5 días retribuídos, no resto de España.

e) Falecemento de avós e netos: 2 días.

f) Falecemento de irmáns políticos, avós políticos: 2 días; sobriños, sobriños políticos, tíos e tíos políticos: 2 días.

g) Por intervención cirúrxica, sen internamento, ou recoñecemento médico de pais, cónxuxes e fillos: 1 día.

h) Por cambio de domicilio: 1 día.

i) Cando haxa que acudir a probas ou recoñecementos médicos en centros sanitarios, no que se inclúe a Casa do Mar, con xustificante médico: 1 día.

Nos casos nos que se teña que acompañar ó cónxuxe e fillos a recoñecemento médico a Santiago de Compostela por enfermidade: 1 día; fóra da Comunidade Autónoma de Galicia: 3 días; e cando esta saída fose fóra da Comunidade Autónoma de Galicia a consecuencia de operación ou intervención cirúrxica con internamento: 5 días; acreditarase, en todo caso, con certificado médico.

Consulta médica en Chapela: 2 horas; Casa do Mar de Vigo e Redondela: 3 horas; Moaña, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Domaio, Cangas e Meixoeiro: o tempo total da consulta, así como o tempo de desprazamento de regreso, debidamente acreditados.

Concédenselle-los mesmos dereitos á compañeira/o cá esposa/o, tanto nos casos de parto como de enfermidade.

Tódolos días indicados anteriormente considéranse días naturais.

Réxime económico

Artigo 19º.-Crecemento salarial.

A partir do 1 de xaneiro de 1997 rexerán para tódolos efectos os salarios que figuran na táboa anexa e que supuxeron un incremento salarial do 2,75% máis 1.500 ptas. en cada unha das 16 pagas, incrementando o plus de convenio. O incremento porcentual, é dicir o 2,75%, aplicarase a tódolos conceptos salariais, agás ás bolsas de vacacións, fondo social e seguro de accidentes (neste último caso aplicarase o 3,5%).

Artigo 20º.-Principios xerais sobre retribución.

Tódolos conceptos salariais que figuran no presente convenio teñen a consideración de retribucións brutas, e sobre elas efectuaranse as correspondentes deduccións por Seguridade Social, IRPF e calquera outra que puidese corresponder por aplicación legal.

Artigo 21º.-Conceptos retributivos.

Salario base.

Complementos salariais:

* Plus de convenio.

* Antigüidade.

* Plus de asistencia.

* Prima de tarde.

* Plus de noite.

* Plus de traballos especiais.

* Plus de sección corte de peixe.

* Prima por traballo a baixa temperatura.

* Plus de traballos penosos, insalubres, perigosos.

* Plus controlista.

* Pagas extraordinarias.

* Bolsa de vacacións.

* Plus de distancia.

* Axudas de custo.

Salario base.

Salario por unidade de tempo ou de obra: o determinado no convenio e que figura na táboa salarial.

Complementos salariais.

-Plus de convenio: salario de cualificación por categoría profesional e é o que consta na táboa salarial.

-Antigüidade: tódolos traballadores afectados por este convenio desfrutarán de bienios ó 5% do salario mínimo interprofesional ata o máximo de 16 bienios, segundo o cálculo seguinte:

a) Bienios cumpridos ata o 1-1-1985 calculados a razón do 5% do salario mínimo interprofesional de 37.170 ptas.

b) Bienios que se cumprirán a partir do 1-1-1985 calculados a razón do 5% do salario mínimo interprofesional vixente no momento de cumprir tal bienio.

A cantidade resultante de suma-lo calculado nos apartados a) e b) configurará o importe da antigüidade adquirida.

A antigüidade computarase desde o 1 de xaneiro do ano no que se cumpra o bienio.

-Plus de asistencia: está en relación cos días de asistencia ó traballo e é o que consta na táboa salarial.

-Prima de tarde: establécese unha prima por traballar na quenda de tarde que consistirá na cantidade de 7.231 ptas. mensuais ou a cantidade que proporcionalmente corresponda en función dos días efectivamente traballados nesa quenda, que supoñen 344 ptas./tarde.

Esta prima devengarase nas pagas extras e absorbe as cantidades que se viñan percibindo por este concepto e polo plus de tarde.

Respectaranse as condicións máis beneficiosas que puidese ter algún traballador por estes conceptos, no seu conxunto global.

-Plus de noite: incrementarase o plus actual nun 2,75%. Este plus aboarase nas pagas extras.

-Plus de traballos especiais: percibirase segundo consta na táboa salarial anexa.

-Plus da sección de corte de peixe: establécese un plus de 54 ptas./hora para as persoas que prestan

o seu traballo no equipo da sección de corte de peixe. Tamén percibirá o dito plus o persoal que non sexa do equipo e que voluntariamente se incorpore a este.

-Prima por traballo a baixa temperatura: establécese esta prima para os que desenvolven o seu traballo no interior de cámaras frigoríficas a temperaturas iguais ou inferiores a -18ºC. A esta prima aplicaráselle sempre o aumento acordado en cada convenio, non afectándolle a incidencia do salario mínimo interprofesional. En todo caso, respectaranse no seu conxunto as condicións máis beneficiosas que nestes momentos desfrutan os conductores de carretas elevadoras, que de acordo con este artigo, percibirán unha prima por día de traballo de 531 ptas.

-Plus de traballos penosos, molestos, insalubres e perigosos: a todo o persoal que polas súas condicións de traballo se lle recoñeza actualmente unha prima polos ditos traballos, seguiráselle recoñecendo este dereito na contía que figura na táboa salarial anexa. Os ditos traballos pagaranse proporcionalmente ó tempo traballado.

Os demais traballadores que eventualmente teñan que realizar traballos desta natureza percibirán un plus do 20% do salario base, en proporción ó tempo traballado nestas condicións e mentres realicen o dito traballo.

-Plus de controlista: establécese un plus de 237 ptas. por día traballado.

-Pagas extraordinarias: todo o persoal afectado por este convenio desfrutará de catro pagas extraordinarias aboadas a razón dunha mensualidade composta por salario base, plus de convenio, plus de distancia, prima de tarde, plus de traballos especiais e plus de traballos penosos, maila antigüidade, como se vén facendo ata a data. As ditas pagas corresponden:

a) O día 15 de marzo.

b) O día 15 de xullo.

c) O día 15 de outubro.

d) O día 15 de decembro.

As ditas pagas faranse efectivas o día laboral inmediatamente anterior á data sinalada neste artigo.

As pagas correspondentes ós días 15 de xullo e 15 de decembro serán aboadas por semestres. A paga correspondente ó 15 de marzo, para o persoal que ingrese durante o ano, farase efectiva o día 31 de decembro, aboándoselle na súa parte proporcional. A paga correspondente ó 15 de outubro seguirase devengando de acordo coa normativa da empresa, de considerala como paga de asistencia ó traballo e proporcionalmente ó tempo traballado, tendo tal consideración a situación de incapacidade temporal

laboral derivada de accidente laboral, maternidade e cando se produza a consecuencia de intervención cirúrxica ou de hospitalización.

-Bolsa de vacacións: recoñéceselle a todo o persoal afectado polo convenio unha bolsa de vacacións de 54.000 ptas. que se fará efectiva coa paga de xullo.

-Plus de distancia: todo o persoal afectado por este convenio percibirá, en concepto de plus de distancia, a cantidade que figura na táboa anexa.

-Axudas de custo: cando por necesidades da actividade da empresa se considere preciso a continuidade da xornada laboral habitual de traballo en tres ou máis horas, a empresa facilitará unha axuda de custos de xantar de 1.701 ptas. Deberá daquela partirse a xornada laboral, considerándose un tempo entre 30 e 60 minutos, segundo as circunstancias, para poder realiza-lo dito xantar. Se esta continuidade da xornada laboral corresponde á segunda quenda de traballo, aplicarase cando se realicen dúas ou máis horas extraordinarias despois da dita xornada, en concepto de cea.

En casos especiais, co consentimento do seu xefe correspondente, se as necesidades do traballo urxente o requiren, poderíase autoriza-lo pagamento da axuda de custos sen a partición da xornada laboral establecida.

Beneficios sociais

Artigo 22º.-Idade de xubilación.

Queda establecida a xubilación, con carácter obrigatorio, ós 65 anos de idade, para todo o persoal da empresa, sempre que reúna os requisitos necesarios para ter dereito á pensión de xubilación do sistema da Seguridade Social española.

Ó se produci-la xubilación de acordo co disposto no parágrafo anterior, recoñeceráselle ó traballador un premio segundo a seguinte escala:

a) Traballadores cunha antigüidade de 30 anos: catro mensualidades.

b) Traballadores cunha antigüidade de 20 anos: tres mensualidades.

c) Traballadores cunha antigüidade de 15 anos: dúas mensualidades.

d) Traballadores cunha antigüidade de 10 anos: unha mensualidade.

Se a xubilación se anticipa á idade de 65 anos será gratificado con quince días máis por ano de anticipación.

Artigo 23º.-Seguro.

Con independencia das indemnizacións obrigatorias da Seguridade Social, a empresa mediante a concertación de póliza de cobertura cunha entidade aseguradora, garantiralles ós seus traballadores ou, se é o caso, ós seus herdeiros, e nos supostos que

se especifican, as seguintes indemnizacións, cubrindo a póliza as 24 horas do día:

1.1. Por accidente non laboral.

1.1.1. Morte do traballador.

Os herdeiros do traballador, ou no seu defecto a persoa que el designase, percibirán a cantidade de sete millóns duascentas corenta e catro mil oitocentas sesenta e nove pesetas.

1.1.2. Invalidez permanente total ou invalidez absoluta do traballador e gran invalidez.

O traballador percibirá a cantidade de sete millóns duascentas corenta e catro mil oitocentas sesenta e nove pesetas para os primeiros casos, catorce millóns catrocentas oitenta e nove mil setecentas trinta e nove pesetas para os segundos e vinteoito millóns novecentas setenta e nove mil catrocentas setenta e nove pesetas para os terceiros.

1.2. Por accidente laboral.

1.2.1. Morte do traballador.

Os herdeiros do traballador ou, no seu defecto, a persoa que el mesmo designase, percibirán a cantidade de sete millóns duascentas corenta e catro mil oitocentas sesenta e nove pesetas.

1.2.2. Invalidez permanente total, invalidez permanente absoluta e gran invalidez.

O traballador percibirá a cantidade de sete millóns duascentas corenta e catro mil oitocentas sesenta e nove pesetas para os primeiros casos, catorce millóns catrocentas oitenta e nove mil setecentas trinta e nove pesetas para os segundos e vinteoito millóns novecentas setenta e nove mil catrocentas setenta e nove pesetas para os terceiros.

Entenderase por invalidez permanente total a incapacidade que inhabilite o traballador, de xeito permanente, para realizar todas ou as fundamentais tarefas da súa profesión habitual, aínda que se poida dedicar a outra distinta.

Entenderase por invalidez permanente absoluta a incapacidade que inhabilite o traballador de xeito permanente, para toda profesión ou oficio.

Entenderase por gran invalidez, a situación do traballador para efectos de incapacidade permanente absoluta e que por consecuencia de perdas anatómicas ou funcionais necesite a asistencia doutra persoa para realiza-los actos máis esenciais da vida, como son vestirse, desprazarse, comer ou análogos.

As condicións quedan establecidas na póliza de seguros da que se lle entregará unha copia oficial ó comité de empresa.

Artigo 24º.-Complemento I.T.

Cando o persoal da empresa estea en situación de incapacidade temporal, terá un complemento de ata o 100% do salario real, é dicir, percibirá a totalidade do salario como se estivese traballando.

Artigo 25º.-Fondo social.

A empresa destinará 5.500.000 ptas. para o ano de vixencia do convenio ó fondo social, que será distribuído polo comité de empresa para bolsas de estudio e outros fins sociais. A dita cantidade, acumulada ós restos que puidesen quedar do ano anterior, será distribuída ben durante este ano ou ben o próximo ano, aumentando no importe do fondo do dito ano.

Artigo 26º.-Utilización de servicios de comedor.

Todo o persoal da empresa ten dereito ó servicio de cociña e comedores de acordo coas condicións actuais, dentro do horario establecido para tal efecto.

Artigo 27º.-Tenda de peixe.

Todo o persoal pertencente ó cadro de Pescanova S.A., ou pensionistas desta, terá dereito á adquisición de productos comercializados por Pescanova, S.A. na tenda establecida para o efecto, nas condicións de pagamento seguintes:

A) Pagamento a crédito.

1) Productos elaborados/precociñados/vexetais, prezo de tarifa oficial de Pescanova, cun desconto do 5%.

2) Marisco: prezo de tarifa oficial de Pescanova, cun desconto de 20 ptas./kg.

3. Peixe enteiro/filetes/a granel: prezo de tarifa oficial de Pescanova.

Sobre os prezos anteriores incrementarase o IVE sobre o prezo de tarifa.

B) Pagamento ó contado.

1) Producto elaborados/precociñados/vexetais, prezo de tarifa oficial de Pescanova, cun desconto do 7,5%.

2) Marisco: prezo de tarifa oficial de Pescanova, cun desconto de 30 ptas./kg.

3) Peixe enteiro/filete/a granel: prezo de tarifa oficial de Pescanova, cun desconto de 3 ptas./kg.

Sobre os prezos anteriores incrementarase o IVE sobre o prezo de tarifa.

Cando a empresa faga unha promoción dos seus productos nas grandes áreas de alimentación da zona, esta farase igualmente na tenda da factoría.

Artigo 28º.-Fondo de pensións.

A empresa estudiará un plan de pensións para todo o persoal dela que no seu momento deberá ter carácter voluntario para os traballadores.

Seguridade e saúde laboral

Artigo 29º.-Principio xeral.

As partes que asinan o presente convenio comprométense a adopta-las medidas necesarias para asegura-la eficaz prevención dos riscos para a saúde e integridade física dos traballadores, actuando

sobre os métodos e as condicións de traballo, así como sobre a actitude das persoas.

Artigo 30º.-Recoñecementos médicos.

Levarase a cabo un recoñecemento médico, con carácter previo á incorporación ó traballo, que será efectuado polo servicio médico de empresa ou por unha entidade coa que se concerte tal prestación.

Anualmente e en todo caso sempre que así proceda, efectuarase un recoñecemento médico a tódolos traballadores.

Artigo 31º.-Roupa e medios de protección persoal.

A empresa proporcionaralles ós traballadores os medios e roupa de protección persoal que resulten esixibles para cada situación de risco, e faralles entrega das seguintes pezas de roupa:

-Operarios e encargados:

Par de zocos: 1.

Batas: 2.

Xerseis: 1.

Par de calcetíns: 4.

Mandís de plástico: 2.

-Cámaras:

Par de botas illantes: 1.

Pasamontañas: 1.

Xerseis: 1.

Fundas: 2.

Traxe de frío: 1.

Par de calcetíns: 4.

Camiseta de frío: 2.

-Mantemento:

Par de botas: 1.

Conxuntos: 3.

Par de calcetíns: 4.

Camisetas de frío: 2.

Xerseis: 1.

Anorak: 1.

-Mozos e peóns:

Par de botas: 1.

Fundas: 2.

Par de calcetíns: 4.

Camisetas de frío: 2.

Xerseis: 1.

-Resto do persoal:

Batas: 2.

Zocos: 1.

A todo o persoal que entre nas cámaras proporcionaráselle a roupa de frío adecuada.

Artigo 32º.-Vestiario.

Polas circunstancias do traballo, será preciso que certo persoal utilice vestiario adecuado ó traballo que efectúa. En tal caso, a empresa proverá o vestiario correspondente. A definición de tal vestiario e a súa calidade, así como os prazos de entrega será consecuencia das disposicións vixentes, dos requirimentos especiais de traballo e do estudio técnico-sanitario deste, oído o comité de saúde da

empresa. O dito vestiario será de dous equipos anuais e farase entrega del na primeira quincena do mes de xaneiro.

Debido á mobilidade funcional, a tódolos traballadores que teñan que ocupar postos de traballo a baixa temperatura (paella, filete, etc.) incorporaráselles nos equipos anuais un xersei (modelo Frinova) e uns quentadores.

Dereitos sindicais

Artigo 33º.-Garantías sindicais.

A empresa garantirá o exercicio de tódolos dereitos dos representantes legais dos traballadores recoñecidos no Estatuto dos traballadores, texto refundido (R.D. lei 1/1995, do 24 de marzo).

Non serán contabilizadas no cómputo de horas sindicais as destinadas a reunións coa empresa.

O crédito horario poderase acumular nun ou varios traballadores trimestralmente, logo de aviso e negociación coa empresa.

O crédito horario non se computará para efectos de cálculo do índice de absentismo.

Artigo 34º.-Asembleas.

Os traballadores de Pescanova Chapela, S.A., ademais do dereito recoñecido no artigo 77 do E.T. terán dereito á celebración dentro da xornada laboral dun máximo de 3 asembleas ó ano cunha duración non superior a 30 minutos cada unha.

A convocatoria e desenvolvemento destas asembleas regularase polo disposto no E.T.

Asínase en Chapela, vintesete de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Pola empresaPolo comité

Categorías

Salario

base

Plus

asistencia

Plus

convenio

Plus

distancia

Traballos

especiais

Traballos

penosos

Total

mes

Total

ano

I. Titulados
Grao Sup. e asimilados77.70114.228123.08410.772225.7853.555.648
Técnicos73.20112.87899.89610.622196.5973.094.040
Asistente social73.2016.58674.7959.349163.9312.596.552
Titulado superior en prácticas
a) Primeiro ano77.70159.866137.5672.201.072
b) Segundo ano77.70192.427170.1282.722.048
Titulado G. medio en prácticas
a) Primeiro ano73.20129.633102.8341.645.344
b) Segundo ano73.20153.512126.7132.027.408
Xefe métodos e tempos73.20112.73288.39810.520184.8512.906.688

II. Non titulados
Encargados producción73.2016.87568.7439.448158.2672.504.772
Técnico mantemento73.2016.71455.6759.4426.714151.7462.401.080
Encargado frigorista73.2016.75149.5339.44814.640153.5732.430.164
Encargado maior73.2016.79749.8849.44814.640153.9702.436.332
Creativo marketing73.2015.81160.6719.448149.1312.362.852
Contramestre de 1ª73.2016.69141.8679.448131.2072.072.548
Capataces73.2016.64031.0849.448120.3731.899.408

III. Técnicos e procesos de datos
Operador73.2017.13853.1959.448142.9822.259.160
Programador-operador73.2017.27060.5469.448150.4652.378.360
Programador73.2017.27058.1849.448148.1032.340.568
Técnico organización 1ª A73.2015.29253.4759.448141.4162.241.488
Técnico organización 1ª B73.2015.02250.5839.448138.2542.191.976

IV. Administrativos
Xefe de 1ª A73.2018.674111.4299.444202.7483.209.272
Xefe de 1ª B73.2017.66388.9199.444179.2272.836.980
Xefe de 1ª C73.2016.53786.0599.444175.2412.777.708
Xefe de 2ª A73.2017.35376.0139.444166.0112.626.764
Xefe de 2ª B73.2017.35168.7619.444158.7572.510.708
Xefe de 3ª73.2017.35164.7499.444154.7452.446.516
Oficial 1ª A73.2015.61056.5029.862145.1752.300.360
Oficial 1ª B73.2015.29252.4979.444140.4342.225.776
Oficial 2ª A73.2015.02249.2779.444136.9442.171.016
Oficial 2ª B73.2014.46441.3159.444128.4242.036.928
Auxiliar73.2013.92327.8619.444114.4291.815.172
Auxiliar de entrada73.2012.90015.8679.444101.4121.610.992
Axudante de laboratorio73.2013.92330.7259.444117.2931.860.996
Telefonista73.2014.46440.0489.444127.1572.016.656

V. Subalternos
Chofer camión73.2016.72250.0059.444139.3722.203.064
Ordenanza73.2012.91425.8593.271105.2451.672.264
Chofer73.2016.72244.7589.444134.1252.119.112
Conserxe maior73.2014.41841.5999.444128.6622.040.920
Dependente principal73.2014.46441.3159.444128.4242.036.928
Dependente caixeiro73.2013.92327.8619.444114.4291.815.172
Auxiliar economato73.2013.92327.8619.444114.4291.815.172
Limpador 1/2 xornada36.6021.83316.3656.47761.327973.700

Categorías

Salario

base

Plus

asistencia

Plus

convenio

Plus

distancia

Traballos

especiais

Traballos

penosos

Total

mes

Total

ano

VI. Taller mecánico
Encargado73.2016.71556.7129.446146.0742.310.324
Oficial 1ª73.2016.71550.3429.446139.7042.208.404
Oficial de 2ª73.2016.66239.0099.446128.3182.026.440
Oficial 3ª73.2016.66233.4069.4467.320130.0352.053.912
Albanel oficial73.2016.66232.3809.446121.5891.918.776
Electricista 1ª73.2016.66250.1869.4467.320146.8152.322.392
Electricista 2ª73.2016.66239.5199.4467.320136.1482.151.720
Electricista 3ª73.2016.66236.7839.4467.320133.4122.107.944

VII. Factoría e cámaras oficios varios
Encargado73.2017.30732.2378.76514.640136.1502.149.172
Xefe de equipo73.2016.69130.2308.97114.640133.7332.112.964
Especialista73.2016.65218.7748.71914.640121.9861.925.168
Mozo73.2016.63116.5258.76514.640119.7621.889.668
Peón73.2015.54425.7179.446113.9081.800.352
Cociñeiro maior73.2017.06159.2339.44214.640163.5772.588.988
Cociñeiro comedor73.2016.68136.2229.4427.320132.8662.099.132
2º cociñeiro73.2016.94832.2659.4467.320129.1802.039.088
Frigorista73.2016.69134.2549.4427.320130.9082.067.764
Axudante frigorista73.2016.94825.6929.4427.3207.320129.6662.047.892
Mecánico frigorista73.2016.16248.6189.442137.4232.174.120

VIII. Especialistas
Especialista taller Mecáni.73.2016.64934.5269.442123.8181.954.492
Especialista albanel73.2016.64932.2799.442121.5711.918.540
Especialista prefrito73.2016.64918.7749.44214.640122.7061.936.700
Especialista cámaras73.2016.64918.7749.44214.640122.7061.936.700
Especialista operacións73.2016.64919.6159.44214.640123.5471.950.156

IX. Taller de reparación
Encargado/xefe equipo73.2016.71356.2399.4426.712152.3072.410.060
Oficial 1ª axustador73.2016.71350.3429.442139.6982.208.316
Oficial 2ª axustador73.2016.66239.0099.442128.3142.026.376
Oficial 3ª axustador73.2016.64034.2709.442123.5531.950.288
Oficial 1ª torneiro73.2016.71550.3419.442139.6992.208.324
Oficial 2ª torneiro73.2016.66237.7559.442127.0602.006.312
Oficial 2ª soldador73.2016.66237.7559.442127.0602.006.312

X. Sección industrial
Maestra operaria73.2018.24225.6818.64910.628126.4011.989.448
Especialista73.2018.19917.7888.6323.109110.9291.742.068
Operario/a73.2017.21717.7886.6982.980107.8841.697.276

XI. Redería
Redeiro73.2016.69142.5559.442131.8892.083.460

XII. Servicio vixilancia
Xefe de gardiáns73.2016.71347.6089.442136.9642.164.572
Gardiáns terra73.2016.60025.8649.442115.1071.815.312

XIII. Inspec. Admon. e cámaras
Inspector Admon. A73.2017.77991.1139.444181.5372.873.476
Inspector Admon. B73.2016.24257.9529.444146.8392.324.456
Inspector Admon. C73.2016.22052.6989.444141.5632.240.128
Xefe de tráfico73.2016.79364.2589.444153.6962.431.964

7460