Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 25 de setembro de 1997 Páx. 9.515

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 261/1997, do 10 de setembro, de transferencia á Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei da Residencia da Terceira Idade da Pobra de Trives adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

No eido da asistencia social, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva, segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía, en relación co artigo 148.1º.20 da Constitución española.

En virtude desa atribución de competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, na que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais.

A dita norma, recollendo o principio de autonomía dos entes locais consagrado pola Constitución española, realiza unha distribución competencial entre as distintas administracións públicas, atribuíndolles ós concellos competencias propias para a creación e xestión tanto dos servicios sociais de atención primaria como dos servicios sociais especializados de ámbito local, entendendo por tales aqueles nos que os usuarios sexan predominantemente residentes no respectivo concello.

En desenvolvemento do establecido na disposición transitoria primeira da devandita norma legal aprobouse o Decreto 129/1996, do 26 de marzo, polo que se crean as comisións mixtas coas corporacións locais para o traspaso dos equipamentos sociais adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, establecendo a súa composición, funcións e normas de funcionamento.

Constituída a comisión mixta de transferencias Xunta de Galicia - Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei segundo o establecido no citado Decreto 129/1996, e de conformidade co disposto no artigo 2º deste, adoptou, na súa reunión do 24 de abril de 1997, acordo de transferencia á Mancomunidade

das Terras do Navea-Bibei da residencia da terceira idade da Pobra de Trives situada no seu termo municipal e adscrita á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O dito acordo ten carácter de proposta, e precisa aprobación do Consello da Xunta.

Por isto, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da comisión mixta creada polo Decreto 129/1996, do 29 de marzo, para o traspaso dos equipamentos sociais adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, adoptado na súa reunión do día 24 de abril de 1997, polo que se traspasan a residencia da terceira idade, situada no termo municipal da Pobra de Trives, e os correspondentes recursos persoais, materiais e orzamentarios.

Artigo 2º

En consecuencia, queda traspasado á Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei e asumidos por esta os centros e servicios que se relacionan no dito acordo, que se inclúe como anexo do presente decreto, nos termos e condicións resultantes del, así como os bens, dereitos e obrigas sinalados no texto do acordo e relacións que se xuntan, así como os créditos orzamentarios determinados segundo o procedemento establecido no propio acordo.

Artigo 3º

O traspaso a que se refire este decreto terá efectividade a partir do día 1 do mes seguinte á súa publicación no DOG, sen prexuízo de que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais produza ata a entrada en vigor deste decreto tódolos actos administrativos necesarios para o mantemento do centro

no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivera no momento da adopción do acordo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Quedan facultados os conselleiros de Economía e Facenda e de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mes seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Joan Ribot Margarit e María Milagros Calvo Carballo, secretarios da comisión mixta de transferencias Xunta de Galicia-Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei, prevista no Decreto 129/1996, do 29 de marzo,

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da comisión mixta celebrada o día 24 de abril de 1997, acordouse o traspaso á Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei da residencia da terceira idade da Pobra de Trives dependente da Administración autonómica e situada no seu territorio municipal, nos termos seguintes:

A) Referencia ás normas estatutarias e legais nas que se ampara a transferencia.

En consonancia co disposto no artigo 148.1º.20 da Constitución española, o Estatuto de autonomía para Galicia establece no seu artigo 27.23 a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma en materia de asistencia social.

Pola súa parte, a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, recolle entre os principios inspiradores do sistema de servicios sociais o de territorialidade, segundo o cal a organización do sistema e a distribución de competencias e funcións responderán ós principios de descentralización e desconcentración, atribuíndo ou delegando o exercicio das competencias nos entes ou órganos administrativos máis próximos ós cidadáns, sen mingua da garantía dunha igualdade de servicios e prestacións a tódolos cidadáns de Galicia.

Así mesmo, a norma realiza unha distribución competencial entre as distintas administracións públicas, establecendo no seu artigo 21:

«1. Correspóndelles ós concellos de conformidade co previsto na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora

das bases do réxime local, as seguintes competencias:

a) A creación e xestión dos servicios sociais de atención primaria.

b) A creación e xestión dos servicios sociais especializados de ámbito local, entendendo por tales aqueles nos que os usuarios sexan predominantemente residentes no respectivo concello».

Á súa vez, a disposición transitoria primeira da lei sinala que de conformidade coas competencias atribuídas ás entidades locais na presente lei, arbitrarase regulamentariamente o procedemento para a transferencia dos equipamentos, persoal, medios materiais e dotación orzamentaria correspondentes a estas, engadindo que a devandita transferencia incluirá, entre outros equipamentos, os centros sociais e as residencias da terceira idade, agás as asistidas.

Sobre a base destas previsións estatutarias e legais resulta procedente efectua-lo traspaso da residencia da terceira idade da Pobra de Trives dependente da Administración autonómica á Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei.

B) Identificación dos equipamentos que son obxecto de traspaso.

Traspásase á Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei o seguinte equipamento do seu ámbito territorial:

-Residencia da terceira idade da Pobra de Trives.

A xestión deste centro realizarase de acordo coa lexislación vixente nesta materia na Comunidade Autónoma de Galicia; en especial o relativo á determinación de beneficiarios, requisitos e intensidade da acción protectora.

No que respecta ó ingreso de usuarios, con carácter preferente serán atendidos os solicitantes pertencentes á comarca, admitíndose residentes de toda a Comunidade Autónoma cando existan prazas vacantes. Con idenpendencia do anterior, ademais, articularanse mecanismos de coordinación que garantan a utilización das prazas para a cobertura das necesidades xerais e de emerxencia da Comunidade Autónoma.

Así mesmo, unha vez o traspaso sexa efectivo, o centro quedará obrigado a desenvolve-los distintos programas e actuacións de ámbito autonómico que a Xunta de Galicia impulse en cada momento, nas condicións que prevé a Lei 4/1993, de servicios sociais.

Co fin de garanti-lo posible traslado dos usuarios da residencia por causas de agrupamento familiar ou outras motivacións sociais, ábrese un prazo máximo de dous anos contados desde a data de efectividade da transferencia para que os seus usuarios poidan solicita-lo seu traslado a outra residencia

da Xunta de Galicia. As peticións que se formulen despois deste prazo terán a consideración de novos ingresos.

C) Bens, dereitos e obrigas que se traspasan:

1. Traspásanse á Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei os bens, dereitos e obrigas da Xunta de Galicia que se recollen no inventario detallado da relación anexa número 1.

2. No caso de que o centro traspasado non se utilice para o cumprimento dos fins sociais previstos, revertirá á Comunidade Autónoma despois de que esta a inste dando audiencia á Mancomunidade.

3. No prazo de tres meses desde a publicación do decreto que aprobe este acordo, asinaranse as correspondentes actas de entrega e recepción de mobiliario, equipo e material inventariable.

D) Valoración das cargas financeiras dos centros e servicios transferidos.

1. A valoración definitiva do custo efectivo anual dos servicios traspasados, referidos ó ano 1996, elévase a 29.254.292 pesetas, conforme a seguinte distribución:

-Residencia da terceira idade da Pobra de Trives:

Capítulo II (Acción concertada): 29.254.292 (*)

-(*) Na valoración dos custos do servicio traspasado tivéronse en conta as contribucións que os usuarios da residencia pagan ó titular desta.

2. O financiamento do citado custo por parte da Comunidade Autónoma realizarase en exercicios sucesivos mediante actualización do seu importe na

mesma medida en que evolucionen globalmente os gastos de funcionamento dos centros de igual natureza xestionados pola Comunidade Autónoma. A variación indicada enténdese referida a termos de comparación homoxéneos, é dicir, excluíndose os incrementos que poidan producirse en cada anualidade, respecto da anterior, pola posta en funcionamento de novos centros ou servicios.

3. A transferencia dos fondos á Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei efectuarase por doceavas partes do importe total financiado en cada exercicio.

4. No ano 1997 o custo financiado será o resultante de deducir do total neto sinalado no punto 1 deste apartado o importe dos gastos do capítulo II aboados pola Comunidade Autónoma ata a data de efectividade do traspaso dos centros.

E) Documentación e expedientes necesarios para a xestión do centro que se traspasa.

A entrega da documentación e expedientes do centro que se traspasa, realizarase no prazo dun mes a partir da data de efectividade da transferencia obxecto deste acordo.

F) Data de efectividade da transferencia.

A efectividade da transferencia obxecto deste acordo terá lugar a partir do día 1 do mes seguinte ó da publicación do decreto de traspaso no DOG.

E para que conste, expídese a presente certificación, en Santiago de Compostela, 24 de abril de 1997. Joan Ribot Margarit e María Milagros Calvo Carballo. Secretarios da comisión mixta.

Joan Ribot MargaritMaría Milagros Calvo Carballo

SecretarioSecretaria

Relación número 1

Relación de bens inmobles adscritos á Consellería de

Sanidade e Servicios Sociais obxecto de traspaso á Mancomunidade das Terras do Navea Bibei

Nº Ident.Nome e usoLocalidade e enderezoSuperficie construídaSuperficie útil

O0165Residencia da terceira idadeA Pobra de Trives2.626 m6.000 m

7250