Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 22 de setembro de 1997 Páx. 9.392

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 253/1997, do 10 de setembro, polo que se crea un centro de menores en Marín (Pontevedra).

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía, en concordancia co artigo 148.1.20 da Constitución española, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social.

En virtude desa atribución competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, pola que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia.

A mencionada lei regula como servicios sociais de atención especializada, entre outros, os dirixidos á familia, infancia e mocidade, e recolle determinados programas e equipamentos entre os que figuran os centros de menores, encamiñados á consecución da normalización, personalización e integración socio-familiar dos seus beneficiarios.

En desenvolvemento da lei, e co fin de garanti-la adecuada prestación dos servicios, controla-la calidade da atención e recoñece-los dereitos e deberes dos usuarios, aprobouse o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, de autorización e acreditación de centros de servicios sociais. Esta disposición regula a obriga de obte-la autorización administrativa previa para a creación ou modificación dos equipamentos sociais, así como para o inicio ou cesamento das súas actividades, especificando os requisitos xerais que estes deben cumprir.

Neste sentido, segundo o disposto no artigo 29 da Lei 4/1993, de servicios sociais e o artigo 6 do Decreto 243/1995, para a creación de centros de servicios sociais propios da Administración autonómica, será necesaria unha norma con rango de decreto, sendo precisa orde da consellería competente para o inicio das súas actividades.

En consecuencia, e tendo en conta que a disposición derradeira da Lei 4/1993 autoriza a Xunta de Galicia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación da lei e por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Créase un centro de menores en Marín (Pontevedra), que se situará na rúa do Sol nº 12 da mencionada localidade.

Disposición derradeira

Autorízase a conselleira de Familia, Muller e Xuventude para dicta-las disposicións necesarias para a posta en funcionamento do centro creado mediante o presente decreto.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

7205