Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 22 de setembro de 1997 Páx. 9.386

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 252/1997, do 10 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Carballo (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de colectores de augas residuais, canalización do río Anllóns EDAR en Carballo.

O Concello de Carballo (A Coruña), en sesión celebrada o día 6 de febreiro de 1997, acordou aproba-lo proxecto da obra de colectores de augas residuais, canalización do río Anllóns EDAR en Carballo, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 20 de maio de 1997, baixo o número 6818.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 21 de xullo de 1997, baixo o número 10.371, precisando nel que polo que atinxe á canalización do arroio da Balsa, a execución das obras en solo apto para urbanizar poderían realizarse, sempre que non afectasen o normal desenvolvemento do plan parcial.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a razón que, en definitiva, motiva a solicitude do excepcional procedemento do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa radica en que se trata dunhas obras que figuran no Plan de Saneamento de Galicia e que son absolutamente prioritarias dentro das necesidades de infraestructura deste concello e necesarias para poder cumpri-las directrices da Unión Europea, Directiva do Consello do vinteún de maio de mil novecentos noventa e un sobre o tratamento de augas residuais urbanas (DOCE 3-5-1991).

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa

reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Carballo (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de colectores de auga residuais, canalización do río Anllóns EDAR en Carballo.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

7194