Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 19 de setembro de 1997 Páx. 9.327

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 28 de agosto de 1997 sobre revisión de prezos e tarifas máximas por servicios concertados de transporte sanitario.

O Real decreto 1679/1990, do 28 de decembro, polo que se aproban as transferencias á Comunidade Autónoma Galega das funcións e servicios do Instituto Nacional da Saúde, establece como unha das súas funcións, a actualización dos concertos coas entidades e institucións sanitarias ou asistenciais que presten servicio na Comunidade Autónoma.

A Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, establece no seu artigo 4.d) como competencia da Consellería de Sanidade (na actualidade Consellería de Sanidade e Servicios Sociais por Decreto 291/93 do 11 de decembro), aproba-los módulos económicos para a prestación dos servicios concertados, así como a súa modificación e revisión.

A orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 13 de novembro de 1996, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 232, do día 27 de novembro de 1996, establecía as normas para a revisión de prezos e tarifas máximas por servicios concertados de transporte sanitario para 1996. Tendo en conta a evolución de índices de prezos en 1996 e as previsións para 1997, resulta necesaria a actualización das condicións económicas dos concertos actualmente vixentes, así como a das tarifas máximas establecidas para as diferentes modalidades de servicios.

En virtude de todo isto, a proposta da Dirección Xeral de Recursos Económicos,

DISPOÑO:

Artigo 1º -Ambulancias asistidas.

1. As tarifas máximas aplicables en 1997, para o traslado de enfermos nesta modalidade de transporte serán as seguintes:

Por cada servicio urbano:

Se o médico e ATS é persoal da empresa concertada: 33.976 ptas.

Se o médico e ATS é persoal do Sergas: 26.900 ptas.

Por cada servicio interurbano:

Se o médico e ATS é persoal da empresa concertada, por km: 203 ptas.

Se o médico e ATS é persoal do Sergas, por km: 131 ptas.

Tempo de espera:

Se o médico e ATS é persoal da empresa concertada, cada hora: 3.892 ptas.

Se o médico e ATS é persoal do Sergas, por cada hora: 2.615 ptas.

2. O tempo de espera, para o efecto de aplicación da tarifa fixada por este concerto, computarase cando se advirta ó conductor da ambulancia a necesidade de regreso do enfermo, para traslados interurbanos distantes máis de 40 km., aboándose a tarifa establecida por horas completas dende a primeira hora de espera, incluíndo esta e ata un máximo de 4 horas, non aboándose tempos de espera por períodos inferiores a 60 minutos.

Os concertos vixentes que non incorporaran este concepto nos seus contratos, requirirán a aceptación expresa da empresa concertada para a súa incorporación.

3. As tarifas dos concertos vixentes con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, revisaranse aplicando sobre as tarifas de cada concerto o 2,6 por 100 de aumento para cada modalidade de servicio, sempre que as tarifas resultantes non sexan superiores ás tarifas máximas establecidas no presente artigo.

Artigo 2º -Ambulancias non asistidas.

1. As tarifas máximas aplicables durante 1997, ó traslado de enfermos nesta modalidade de transporte, serán as seguintes:

TransporteTransporte

programadonon programado

PesetasPesetas

Servicios interurbanos:

Por cada quilómetro58,564

Servicios urbanos:

Por cada servicio urbano,

En poboacións de máis

de 200.000 habitantes1.7691.938

En poboacións de ata

200.000 habitantes1.2511.371

Tempo de espera:

Por cada hora:1.676

O cómputo e abono do tempo de espera realizarase tal e como se define no Art. 1º da presente orde, con independencia de que o servicio sexa ou non programado.

Artigo 3º -Transporte colectivo de enfermos.

1. Transporte colectivo interurbano. As tarifas máximas para os novos concertos que se subscriban en 1997, polo traslado de enfermos nesta modalidade de transporte, serán as seguintes:

1.1. Importe fixo mensual: 267.464 ptas. vehículo. Este importe aboarase por cada mes que o vehículo prestara os seus servicios a requirimento das Direccións Provinciais do Servicio Galego de Saúde, e inclúe a realización polo vehículo dun mínimo de 75 servicios mensuais, considerando como servicio o traslado dun enfermo dende o seu domicilio a un centro asistencial e o retorno.

1.2. Importe por quilómetro, 53 ptas. Este importe aboarase polos quilómetros percorridos diariamente, calquera que sexa o número de enfermos trasladados, non computándose os percorridos en baldeiro e determinándose o número de km. segundo as distancias máis curtas entre as localidades da rota, reflectidas no mapa oficial de estradas, editado polo Ministerio de Fomento.

1.3. Importe por servicio adicional: 371 ptas. Este importe aboarase polos servicios realizados que superen os 75 mensuais establecidos no punto 1.1 e coa mesma definición.

2. En atención ás necesidades asistenciais concretas, a Dirección Xeral de Atención Especializada poderá propoñe-la concertación de Servicios de Transporte Colectivo de enfermos no medio urbano, previa determinación das tarifas aplicables en cada caso.

Artigo 4º

As tarifas dos concertos vixentes á entrada en vigor da presente orde poderanse incrementar nun 2,6 por

100, sempre que non superen as tarifas máximas establecidas nos artigos 1,2 e 3. Igualmente poderanse incrementar na porcentaxe máxima do 2,6 por 100, os concertos de transporte sanitario subscritos polo Sergas distintos dos sinalados nos anteriores artigos.

Artigo 5º -Concertos de transporte con orzamento fixo.

Dentro do plan asistencial de transporte sanitario de cada provincia e cando o Servicio Galego de Saúde o considere necesario para garanti-lo servicio de transporte sanitario, calquera que sexa a modalidade do mesmo, en determinadas poboacións, poderase contratar mediante o establecemento dunha contraprestación económica consistente nun canon fixo mensual.

Este canon calcularase en función da previsión de servicios a realizar e do número posible de enfermos usuarios, así como das distancias existentes ós centros de tratamento.

A contraprestación que se estableza non poderá supera-las tarifas vixentes con carácter xeral. As condicións administrativas e económicas deberán ser aprobadas polo Servicio Galego de Saúde.

As condicións económicas dos concertos de transporte con orzamento fixo revisaranse de acordo co previsto en cada concerto.

A efectos do previsto no art.160 2.F da Lei 13/1995, segundo redacción dada ó mesmo polo art.72.2 da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orden social, os concertos de transporte con orzamento fixo que sexan subscritos ou renovados a partir da entrada en vigor da presente orde, terán a consideración de contratos marco, respecto ó transporte sanitario do seu ámbito territorial de aplicación.

Artigo 6º -Normas de procedemento.

1. A aplicación da revisión de tarifas dos concertos vixentes ó 31 de decembro de 1996, realizarase automaticamente polo Servicio Galego de Saúde, con efectos dende o día 1 de xaneiro de 1997.

Para os concertos subscritos con posterioridade a dita data, a efectividade da revisión será dende a data da súa formalización.

Ós concertos autorizados en base ás tarifas máximas establecidas para 1996 e que se atopen en fase de formalización á entrada en vigor da presente orde, seranlles de aplicación as normas de revisión que se establecen unha vez formalizados.

Non obstante aqueles concertos de transporte que se formalizaron en 1996, coas tarifas de 1995 e non se actualizaron durante 1997, poderán ser revisadas co incremento correspondente a 1996 e 1997, acumulado.

Nas autorizacións de uso temporais a tarifa aplicable será a que expresamente sexa aceptada pola empresa para o período da súa vixencia. Non obs

tante, a partir da data da entrada en vigor desta orde, as tarifas máximas autorizadas serán as incluídas na mesma.

2. Para axiliza-la aplicación inmediata desta norma deberase observa-lo seguinte procedemento:

2.1. Os directores provinciais do Servicio Galego de Saúde, no prazo máximo dun mes, a partir da data de publicación desta disposición, formularán unha nota dilixencia por cada concerto vixente na súa provincia, na que se faga constar a contía do incremento e os novos prezos resultantes por cada unha das prestacións ou servicios que a empresa teña validamente concertados, así como a data a partir da cal se adquira o dereito ó incremento. O contido desta dilixencia será comunicado por calquera medio que permita deixar constancia ó representante legal da empresa concertada, outorgándolle un prazo máximo de vinte días para presentar escrito de conformidade, ou, se é o caso, alegacións de desconformidade.

2.2. Se transcorrido o prazo indicado non se producira ningunha comunicación por parte da empresa concertada ou recibírase escrito de conformidade da mesma, o director provincial remitirá a "nota dilixencia" sen asinar, á Intervención Territorial Delegada para a súa preceptiva fiscalización. Unha vez intervida favorablemente, o director provincial emitirá resolución, elevando a definitiva a revisión proposta.

Esta resolución acompañada dun exemplar da "nota dilixencia", remitirase á empresa concertada por calquera medio que permita deixar constancia, á Dirección Xeral de Atención Especializada, á Intervención Territorial e á Subdirección Xeral de Orzamentos da Dirección Xeral de Recursos Económicos.

2.3. Sen prexuízo dos recursos que ó respecto poidan presentarse, a Dirección Provincial procederá a efectua-las liquidacións de atrasos correspondentes e a tramita-las sucesivas facturacións coas novas tarifas.

2.4. Se transcorrido o prazo citado de vinte días produxerase escrito de desconformidade por parte da empresa concertada, a dirección provincial elevará o expediente á Dirección Xeral de Recursos Económicos para a resolución que proceda.

Artigo 7º

Os servicios de Inspección, velarán polo correcto cumprimento das obrigas das empresas concertadas e en particular das que se refiren ó tratamento adecuado dos enfermos da Seguridade Social.

Artigo 8º

As tarifas establecidas na presente orde, inclúen tódolos impostos, taxas e cargas legais que gravan ou poidan grava-los servicios obxecto de contratación polo Servicio Galego de Saúde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ó director xeral de Atención Especializada e ó director xeral de Recursos Económicos para adopta-las medidas necesarias en relación coa execución e desenvolvemento desta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 1997.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

5868