Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 18 de setembro de 1997 Páx. 9.284

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 1997, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Eulen, S.A., persoal de limpeza do Complexo Hospitalario Xeral-Calde Centro de Especialidades e Hospital Provincial de San Xosé.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Eulen, S.A., persoal de limpeza do Complexo Hospitalario Xeral-Calde Centro de Especialidades e Hospital Provincial de San Xosé (código 2700680),

da provincia de Lugo, asinado o día 4 de xuño de 1997, pola representación da mentada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 7 de xullo de 1997.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo do persoal de limpeza do Complexo Hospitalario Xeral-Calde Centro de Especialidades e Hospital Provincial de San Xosé

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As estipulacións deste convenio serán de aplicación ó persoal de limpeza adscrito á empresa concesionaria do servicio nos centros de traballo do Complexo Hospitalario Xeral-Calde-Centro de Especialidades e Hospital Provincial de San Xosé.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Con independencia da súa publicación no BOP, o convenio terá vixencia desde o día 1 de xaneiro de 1997 ata o 31 de decembro de 1999. Entenderase automaticamente denunciado con tres meses de antelación ó seu vencemento. As partes comprométense a inicia-las negociacións e formaliza-la mesa dous meses antes do remate da súa vixencia. Namentres non entre en vigor o novo convenio, manteranse en vigor tódalas súas cláusulas normativas.

Artigo 3º.-Xornada laboral, descansos e quendas.

A xornada será continuada en quendas de mañá, tarde e noite, con trinta minutos de descanso en cada unha delas, contados coma xornada efectiva para tódolos efectos. A xornada establécese nun máximo de 40 horas semanais de traballo efectivo. O horario de traballo será establecido de común acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores e traballadoras.

Ademais dos días legalmente establecidos, os traballadores e traballadoras desfrutarán:

a) En concepto de días de libre disposición, nove días ó ano.

b) En concepto de sábados verdes, dous de cada tres sábados.

O necesario calendario de libranzas por estes conceptos deberá ser acordado entre a empresa e os representantes dos traballadores.

A empresa elaborará un calendario mensual coa distribución diaria da xornada.

Artigo 4º.-Organización do traballo.

A organización do traballo, de conformidade co prescrito neste convenio e na lexislación vixente, é facultade e responsabilidade da dirección da empresa.

Sen mingua da facultade aludida no parágrafo anterior, os representantes dos traballadores terán competencias de orientación, proposta, emisión de informes, etc., no relacionado coa organización e racionalización do traballo, de acordo coa lexislación vixente e de acordo co establecido neste convenio.

Artigo 5º.-Contratación e emprego.

Os contratos de duración determinada por cincunstancias do mercado, acumulación de tarefas, exceso de pedidos poderán ter unha duración máxima de doce meses dentro dun período de dezaoito meses, contados desde o inicio da relación laboral. No caso de concertárense tales contratacións por prazo inferior a doce meses, poderán ser prorrogadas mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo.

A posibilidade de concertar contratos eventuais dos previstos no artigo 15.1º b) do Real decreto lexislativo 1/1995, coa duración máxima prevista no presente artigo, non poderá empregarse para o caso dos contratos concertados por tempo inferior a 12 horas á semana ou 48 horas ó mes.

Nos contratos de interinidade, se a súa duración fose superior a dous anos, o traballador, ó seu cesamento, percibirá unha indemnización de doce días por ano ou fracción.

Artigo 6º.-Vacacións.

O persoal afectado por convenio terá dereito ó desfrute ininterrompido dun mes de vacacións retribuídas, no período comprendido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, sen que isto signifique que non se poida vacar fóra deste período sempre que exista previo acordo entre a empresa e o/a traballador/a que o solicite.

A empresa, de común acordo cos representantes dos traballadores, elaborará cada ano as quendas correspondentes, seguindo unha orde rotatoria de preferencia, e coa suficiente antelación. As vacacións non poderán ser substituídas por compensacións económicas, e a súa remuneración será a mesma cás restantes mensualidades. Do C. de Atención Continuada que remunera a nocturnidade e a festividade, obterase a media dos tres últimos meses anteriores á data do desfrute.

Artigo 7º.-Permisos e licencias.

-Quince días naturais por matrimonio.

-Catro días por nacemento de fillo e por enfermidade grave, ou falecemento de cónxuxe, pais, fillos, irmáns, pais políticos, irmáns políticos. Cando exista desprazamento fóra da provincia, o permiso ampliarase a seis días.

-Tres días por falecemento ou enfermidade grave de avós e netos do/a traballador/a ou do seu cónxuxe. Tres días, nas mesmas condicións, no caso de tíos, sobriños e curmáns, cando exista convivencia no mesmo domicilio; en caso contrario, o permiso será dun día.

-Tres días por traslado de domicilio habitual.

-Polo tempo establecido para desfrutar dos dereitos educativos xerais e da formación profesional, nos supostos e na forma regulados pola lei.

-Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal sindical ou convencional un período determinado, rexerá o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e a súa compensación económica.

-A muller traballadorea terá dereito a un período de descanso laboral de dezaseis semanas ininterrompidas por maternidade, ampliables por parto múltiple a dezaoito semanas. Este período distribuirase a opción da interesada, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto; o pai podería facer uso destas para o coidado do fillo en caso de falecemento da nai. Se o pai e a nai traballan, a nai poderá optar por que o pai desfrute de ata catro das últimas semanas de suspensión, sempre que iso non supoña risco ningún para a saúde da nai. En caso de adopción, e segundo que o fillo adoptado sexa menor de nove meses, ou menor de cinco anos e maior de nove meses, a suspensión terá unha duración de oito semanas ou seis semanas, respectivamente.

-Así mesmo, o traballador ou traballadora terá dereito a un período de excedencia non superior a tres anos por cada fillo nacido vivo ou adoptado, contado desde a data do parto. Os sucesivos partos darán dereito a novo período de excedencia que, se é o caso, poñerán fin ó que se viñese desfrutando. A traballadora ou traballador que se atope na situación de excedencia por maternidade terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante o primeiro ano a partir do inicio de cada situación de excedencia; no resto do tempo ata a terminación do período de excedencia poderá solicita-lo seu reingreso na empresa, que deberá destinalo á primeira vacante que se produza de igual ou similar categoría.

-As traballadoras terán dereito, por lactación dun fillo menor de nove meses, a unha hora de ausencia do traballo, que poden fraccionar en dúas metades ou reduci-la xornada normal en media hora. Tamén poderá exercerse a opción de que sexa o pai o que

desfrute da dita reducción de xornada, no caso de que traballen os dous.

-O traballador ou traballadora que teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un disminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa disminución proporcional do salario, entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da xornada.

-Con previo aviso (dispensando en casos urxentes) e xustificación, quedan incluídos neste apartado os permisos retribuídos que se conceden polo tempo necesario para a asistencia a consulta médica da Seguridade Social, tanto de atención primaria coma de especializada, cando o horario da consulta coincida coa xornada de traballo.

-Igualmente, dous membros de cada unha das partes que integren a Comisión Paritaria estudiarán a concesión, caso por caso, de permisos temporais non retribuídos de ata un mes de duración

Artigo 8º.-Excedencias.

Todo/a traballador/a fixo/a cunha antigüidade de polo menos un ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non superior a cinco anos.

O/A traballador/a excedente terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante o período máximo de dous anos. A reincorporación á empresa terá que ser solicitada cun aviso previo de tres meses.

Excepcionalmente, cando a solicitude de excedencia sexa por un tempo máximo de dous anos, a traballadora ou traballador terá dereito a reintegrarse na empresa durante o prazo dos seis meses da dita excedencia, dispoñendo o empresario dese mesmo prazo de seis meses para a súa incorporación, debendo o traballador efectua-lo preaviso cun mes de antelación. Pasados os seis primeiros meses de excedencia sen que o traballador ou traballadora fixese uso do seu dereito, xa non poderá voltar á empresa ata esgota-lo período total de excedencia voluntaria.

Artigo 9º.-Equiparación retributiva.

As retribucións do persoal de limpeza afectado por este convenio serán as mesmas que perciba o persoal estatutario do Sergas encadrado no grupo E, na categoría de pinche de cociña. Os encargados de centro ou edificio serán equiparados retributivamente á categoría de celador encargado de lavandería.

Aplicaranse de forma automática os aumentos e melloras que sexan concedidos para o dito persoal e desde a mesma data da súa concesión ou dos seus efectos. As retribucións seranlle devengadas ó persoal polos mesmos conceptos e nas mesmas contías có persoal do Sergas. Enténdese que a equiparación abrangue igualmente os complementos por antigüidade, nocturnidade, festividade e quendas.

Artigo 10º.-Incapacidade temporal ou enfermidade profesional.

No supoto de incapacidade temporal derivada de enfermidade común, que non requira hospitalización, a empresa completará ata o 100% das retribucións desde o primeiro día e mentres dure tal situación, coas seguintes excepcións:

* A empresa non estará obrigada ó aboamento do complemento establecido no parágrafo anterior durante os días nos que o número de traballadoras/es en situación de IT de forma simultánea acade as seguintes cifras de absentismo (non se computan as baixas derivadas de accidente laboral, nin as de enfermidade común que requiran hospitalización cun mínimo de 48 horas de estadía hospitalaria):

-Ano 1997: 12 persoas.

-Ano 1998: 14 persoas.

-Ano 1999: 15 persoas.

En tal suposto e durante os días en que se superen as ditas cifras de absentismo, o complemento que aboará á empresa será o establecido no artigo 10 do convenio colectivo vixente para o ano 1996.

Con efectos do 31 de decembro de 1999, o complemento do 100% será de acordo co establecido no parágrafo primeiro deste artigo sen as excepcións de absentismo, quedando, por tanto, aquelas sen efecto a partir da referida data.

Artigo 11º.-Horas extraordinarias.

Consideraranse coma tales as que excedan da xornada laboral establecida no presente convenio, quedando reducida a súa realización a causas de forza maior ou de carácter estructural. O seu aboamento realizarase co incremento do 75% sobre o valor da hora ordinaria ou compensarase en descansos, a opción do/a traballador/a.

Artigo 12º.-Embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lles cambie de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando abrigadas en ningún caso a desempeña-las súas funcións en lugares radiactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo. Esta situación daría lugar á suspensión do contrato de traballo cunha duración máxima de dezaseis semanas, remitíndonos ó D. lei do 3 de marzo de 1989.

Artigo 13º.-Xubilación.

As/Os traballadoras/es que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos, poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada no R.D. lei 14/1981, do 20 de agosto e R.D. 1194/1985; para tal efecto, as empresas obríganse a contratar no lugar do xubilado ou xubilada outro/a traballador/a que sexa titular de dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego, tal e como dispoñen as normas citadas.

Establécese un premio por xubilación anticipada para aqueles traballadores ou traballadoras que acrediten un mínimo de antigüidade na empresa de dez anos, e que voluntariamente así o soliciten, de acordo coas seguintes características:

-Os 60 anos: 850.000 ptas.

-Os 61 anos: 700.000 ptas.

-Os 62 anos: 525.000 ptas.

-Os 63 anos: 350.000 ptas.

-Os 64 anos: 175.000 ptas.

Estas cuantías serán revisadas anualmente, aplicándolle-lo incremento porcentual que sexa de aplicación ós salarios.

Artigo 14º.-Subrogación do persoal.

Ó remate da concesión da contrata de limpeza, os/as traballadores/as da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas da anterior adxudicataria con respecto a tódolos/as traballadores/as (antigüidade, xornada, horario, modalidade das contratacións, calendario de vacacións e representación sindical), calquera que sexa a situación na se atopen e a modalidade do seu contrato de traballo, coa única excepción daqueles/as que fosen incorporados/as nos últimos catro meses, se a dita incorporación non se debe á ampliación da contrata ou unha esixencia expresa do cliente.

Nun prazo de tres días hábiles, a empresa saínte deberá facilitar á entrante a seguinte documentación:

-Certificado do organismo competente de estar ó corrente no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das últimas nóminas mensuais dos traballadores/as afectados/as.

-Fotocopias dos TC-1 e TC-2 de cotizacións á Seguridade Social dos últimos cinco meses.

-Relación de persoal na que se especifique: nome, apelidos, enderezo, número de afiliación á Seguridade Social, antigüedade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das vacacións.

O empresario saínte estará, así mesmo, obrigado a liquidar ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores e traballadoras co obxecto de que estes poidan desfrutar completas as súas vacacións e cobrar integramente as pagas correspondentes.

Os/as traballadores e traballadoras que, no momento do cambio de titularidade dunha contrata, se achasen enfermos, accidentados, en excedencia, cumprindo o servicio militar ou en situación análoga, pasarán a estar adscritos á nova titular, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas da empresa saínte.

O contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores/as soamente se extingue no momento

no que se produza a súa subrogación por parte da nova adxudicataria.

A aplicación deste artigo seralles de obrigado cumprimento ás partes ás que vincula: empresa cesante, nova adxudicataria e traballador/a. Sen que desapareza o seu carácter vinculante por efecto de que a empresa adxudicataria do servicio suspenda ó mesmo por un perídodo inferior a seis meses.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

Proverase ás/ós traballadoras/es de roupa de traballo axeitada e regulamentaria: fundas, batas ou pixamas unha vez ó ano, o mesmo ca zocos ou zapatillas, criterio a establecer de mutuo acordo entre as partes, en función das preferencias do persoal ou da idoneidade dun tipo ou outro de calzado. Proverase de roupa e calzado impermeable ó persoal que teña que realizar labouras continuas á intemperie, en réxime de choivas frecuentes. A roupa que leve gravado o anagrama da empresa deberá ser devolta a esta no momento no que se entregue a nova.

Artigo 16º.-Seguro de vida.

Con efectos desde a entrada en vigor deste convenio, a empresa subscribirá unha póliza de seguro colectivo en favor de todos e cada un/ha dos/as traballadores/as, que cubrirá as continxencias de morte, incapacidade total, absoluta ou gran invalidez, derivadas de accidente laboral, incluído o accidente in itinere. O capital suscrito será de:

-Morte ou invalidez total: 2.000.000 de ptas.

-Invalidez absoluta ou gran invalidez: 2.500.000 ptas.

A revalorización destas contías queda ligada á revisión que sufran as cantidades pactadas no convenio colectivo provincial de limpeza de edificios.

Artigo 17º.-Recoñecemento médico.

A empresa concesionaria do servicio queda obrigada a solicitar do Gabinete Técnico Provincial, Servicio Social de Hixiene e Seguridade no Traballo ou outro centro asistencial similar, un recoñecemento anual como mínimo para todo o persoal. O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa.

Artigo 18º.-Acción sindical.

Haberá un crédito de 4 horas anuais para a celebración de asembleas de traballadores no centro de traballo, convocadas polos sindicatos que ostenten a representación dos traballadores. Para a celebración das ditas asembleas procurarase non empregar máis dunha hora en cada ocasión, e fixa-lo horario de acordo coa empresa para entorpece-lo menos posible o proceso productivo.

A empresa permitirá en toda a súa amplitude as tarefas de información, afiliación e propaganda sindicais, con tal de que estas sexan legais e non alteren o proceso de traballo en circunstancias normais.

Os comités de centro e delegados/as de persoal terán os dereitos que lles recoñece o R.D. lei 3149/1977, do 6 de decembro. Disporán de espacios visibles e de dimensións suficientes que ofrezan posibilidades correctas de comunicación fácil ós traballadores (taboleiro de anuncios). Non computarán dentro do crédito horario as reunións mantidas coa empresa, nin as reunións da Comisión Paritaria.

A empresa dará conta das novas contratacións que realice ós representantes legais dos traballadores.

A requirimento dos traballadores afiliados ás centrais sindicais asinantes do presente convenio, a empresa descontará da súa nómina mensual o importe da cota sindical correspondente, que será ingresado na conta bancaria que oportunamente se determine.

Os/as membros do comité ou delegados/as de persoal gozarán de inmunidade representativa durante o seu mandato e no ano seguinte a que o mesmo remate para o relacionado con posibles sancións baseadas na acción do traballador ou traballadora na súa función representativa.

Os comités de centro e delegados/as de persoal virán obrigados/as a colaborar coa empresa en canto poida redundar en beneficio da boa marcha dela, especialmente no que se refire ó estricto cumprimento das obrigas de tódolos/as traballadores/as.

Artigo 19º.-Seguridade e hixiene.

As organizacións que subscriben este acordo desenvoverán as accións e medidas de seguridade e saúde laboral que resulten necesarias para acadar unhas condicións de traballo onde a súde do traballador non se vexa afectada por estas. As formulacións destas accións e medidas deberán estar encamiñadas a acadar unha mellora da calidade de vida e medio ambiente de traballo, desenvolvendo obxectivos de promoción e defensa da saúde, mellora das condicións de traballo, potenciación das técnicas preventivas como medio para a eliminación dos riscos na súa orixe, e a participación sindical nos centros de traballo.

A empresa deberá dotarse dun plan de prevención en materia de saúde e seguridade, así como dos servicios necesarios para a realización do mesmo, de acordo cos criterios recoñecidos internacionalmente, se a empresa contratante (Sergas) non se incluíse no seu propio plan a actividade da limpeza.

Os traballadores, os seus representantes legais e/ou as organizacións sindicais asinantes participarán nas melloras das condicións de traballo nos lugares onde se desenvolve a súa actividade laboral. Esta participación desenvolverase de acordo coa normativa vixente ó respecto.

Extremaranse as medidas de seguridade e hixiene nos traballos especialmente tóxicos e perigosos, adoptando as oportunas accións preventivas.

Ante a realidade que supón a existencia de persoas que, polas súas características especiais, son máis suscetibles ante determinados riscos, deberase ter en conta medidas preventivas especiais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Comisión mixta paritaria

As partes asinantes deste convenio constituirán unha comisión paritaria coas funcións de interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia de canto se estipula no presente convenio, composta por cinco representantes da empresa e cinco en representación dos sindicatos asinantes. As decisións tomaranse por maioria simple. Así mesmo, se houbese discrepancias, as partes asinantes acordan someterse ás disposicións contidas no AGA (Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo), nos propios termos nos que están formuladas.

Segunda.-Normas subsidiarias.

Para o non previsto no presente convenio, rexerá o que dispón o convenio colectivo provincial de limpeza de edificos e locais de Lugo, Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais vixentes.

Terceira.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións máis beneficiosas que, a título persoal, puidese ter calquera persoa afectada polo convenio.

Disposición adicional

As partes asinantes do presente convenio comprométense a utiliza-lo idioma galego como forma de expresión nas súas relacións laborais.

ANEXO

O réxime retributivo do persoal do Sergas, que lle é de aplicación ó persoal regulado polo presente convenio, é o establecido no Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro. As contías vixentes para o ano 1997 son as establecidas pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 17 de xaneiro de 1997 (DOG nº 17, do 27 de xaneiro), sobre a confección de nóminas do persoal ó servicio da Administración autonómica.

Acta

-Asistentes.

-Pola representación empresarial:

José Félix Valderrey de la Huerga

José Romero García

Guillermo Mejuto Gandoy

-Polas centrais sindicais:

* CIG (4)

Elena López Sánchez

Pilar Díaz Vázquez

Julia Basadre Álvarez

Rosa Seren Fuentes

* UGT (2)

Lourdes López Rivera

Ana María Ares Díaz

* CC.OO (1)

Fe García Castelao

En Lugo, sendo as 12 horas do día 1 de xullo de 1997, reúnense as persoas arriba relacionadas, integrantes todas elas da comisión negociadora do convenio colectivo da empresa Eulen, S.A., actual concesionaria do servicio de limpeza do Complexo Hospitalario Xeral-Calde Centro de Especialidades e do Hospital Provincial de San Xosé.

O motivo da reunión é o de dar cumprimento ó requirimento do Servicio de Relacións Laborais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (rexistro de saída nº 08517, do 20 de xuño), recibido o día 26 de xuño, en canto á emenda de determinadas irregularidades observadas na redacción dos artigos 5º e 7º. Ambas partes acordan dar unha nova redacción ós artigos sinalados, que quedan do seguinte xeito:

Artigo 5º.-Contratación e emprego.

Os contratos de duración determinada por cincunstancias do mercado, acumulación de tarefas, exceso de pedidos, con base no establecido no convenio provincial, como norma subsidiaria, poderán ter unha duración máxima de doce meses dentro dun período de dezaoito meses, contados desde o inicio da relación laboral. No caso de concertarse tales contratacións por prazo inferior a doce meses, poderán ser prorrogadas mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo.

A posibilidade de concertar contratos eventuais dos previstos no artigo 15.1º b) do Real decreto lexislativo 1/1995 coa duración máxima prevista no presente artigo non poderá empregarse para o caso dos contratos concertados por tempo inferior a 12 horas á semana ou 48 horas ó mes.

Nos contratos de interinidade, se a súa duración fose superior a dous anos, o traballador, ó seu cesamento, percibirá unha indemnización de doce días por ano ou fracción.

Artigo 7º.-Permisos e liencias.

-Quince días naturais por matrimonio.

-Catro días por nacemento de fillo e por enfermidade grave, ou falecemento de cónxuxe, pais, fillos, irmáns, pais políticos, irmáns políticos. Cando exista desprazamento fóra da provincia, o permiso ampliarase a seis días.

-Tres días por falecemento ou enfermidade grave de avós e netos do/a traballador/a ou do seu cónxuxe. Tres días, nas mesmas condicións, no caso de tíos, sobriños e primos, cando exista convivencia no mesmo domicilio; en caso contrario, o permiso será dun día.

-Tres días por traslado do domicilio habitual.

-Polo tempo establecido para desfrutar dos dereitos educativos xerais e da formación profesional, nos supostos e na forma regulados pola lei.

-Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal sindical ou convencional un período determinado, estarase ó que esta dispoña en canto á duración da ausencia e a súa compensación económica.

-A muller traballadora terá dereito a un período de descanso laboral de dezaseis semanas ininterrompidas por maternidade, aplicables por parto múltiple a dezaoito semanas. Este período distribuirase a opción da interesada, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto; o pai podería facer uso destas para o coidado do fillo en caso de falecemento da nai. Se o pai e a nai traballan, a nai poderá optar por que o pai desfrute de ata catro das últimas semanas de suspensión, sempre que non supoña risco ningún para a saúde da nai. En caso de adopción, e segundo que o fillo adoptado sexa menor de nove meses, ou menor de cinco anos e maior de nove meses, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ou seis semanas, respectivamente.

-Así mesmo, o traballador ou traballadora terá dereito a un período de excedencia non superior a tres anos por cada fillo nacido vivo ou adoptado, contado desde a data do parto. Os sucesivos partos darán dereito a novo período de excedencia que, se é o caso, poñerán fin ó que se viñese desfrutando. A traballadora ou traballador que se atope na situación de excedencia por maternidade terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante o primeiro ano a partir do inicio de cada situación de excedencia; no resto do tempo ata a terminación do período de excedencia poderá solicita-lo seu reingreso na empresa, que deberá destinalo á primeira vacante que se produza de igual ou similar categoría.

-As traballadoras terán dereito, por lactación dun fillo menor de nove meses, a unha hora de ausencia do traballo, que poden fraccionar en dúas metades ou reduci-la xornada normal en media hora. Tamén poderá exercerse a opción de que sexa o pai o que desfrute da dita reducción de xornada, no caso de que traballen os dous.

-O traballador ou traballadora que teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da xornada.

-Con previo aviso (dispensando en casos urxentes) e xustificación, quedan incluídos neste apartado os permisos retibuídos que se conceden polo tempo necesario para a asistencia a consulta médica da Seguridade Social, tanto de atención primaria coma

de especializada, cando o horario da consulta coincida coa xornada de traballo.

-Igualmente dous membros de cada unha das partes que integren a Comisión Paritaria estudiarán a concesión, caso por caso, de permisos temporais non retribuídos de ata un mes de duración.

-Nas licencias non previstas expresamente rexerá o disposto no Estatuto dos traballadores.

En proba de conformidade, asinan a presente acta no lugar e data arriba indicados.

5824