Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 16 de setembro de 1997 Páx. 9.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 246/1997, do 24 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe- la servidume de paso para o establecemento e conservación da L.M.T. ó centro de transformación de Vilagarbín, comprendida no proxecto reelectrificación de Vilagarbín. (Expediente 3978 A.T.).

Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (BEGASA), con enderezo para efectos de notificacións na r/ Cidade de Viveiro nº 4, 27002-Lugo, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 20 kV de 1.161 m. de lonxitude, conductor LA-56, sobre apoios de formigón ou torres metálicas, con orixe na LMT ó CT Rebordaos e remate no centro de transformación de Vilagarbín, no concello de Vilalba (Lugo); expediente 3978-A.T.

A dita instalación foi autorizada e declarada de utilidade pública por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo, do 10-6-1994, que foi obxecto de publicación inseríndose no DOG do 14-9-1994, no BOP de Lugo do 11-8-1994, no BOE do 7-11-1994, e no xornal El Progreso de Lugo do 16-6-1994. Coa mesma data foi aprobado o seu proxecto de execución.

A solicitude de urxente ocupación fíxose conforme o disposto no artigo 31 do Regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido polo apartado 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 16-9-1996, no BOP de Lugo do 1-10-1996, no xornal El Progreso de Lugo do 17-8-1996, e a simple referencia no BOE do 9-6-1996, no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Vilalba e no da delegación provincial; ó mismo tiempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu Regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período no que se someteu ó trámite de información pública non se formularon alegacións.

Unha vez practicada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía BEGASA, xa que con esta liña se pretende amplia-las redes rurais de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade e calidade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., da liña eléctrica aérea, a 20 kV de alimentación ó CT de Vilagarbín.

Os bens e dereitos ós que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Vilalba, da provincia de Lugo, e son todolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, ó cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

6934