Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 15 de setembro de 1997 Páx. 9.119

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 1997, da Delegación Provincial de A Coruña, pola que se delega nos directores de tódolos centros públicos que impartan ensino primario e/ou secundario a competencia para entender acerca dos procedementos para a exención da materia de lingua galega.

Mediante o Decreto 216/1997, do 30 de xullo, procedeuse á creación e regulación do funcionamento do Servicio de Resposta Inmediata (Seri) para determinados procedementos tramitados por instancia de parte ante a Administración Autonómica de Galicia, de acordo cos principios informadores ós que debe someterse a actuación administrativa para conseguir unha maior axilidade e eficacia no seu servicio ó cidadán.

O Decreto 239/1997, do 10 de setembro, sobre desconcentración e delegación de competencias en determinados procedementos para a súa implantación do Servicio de Resposta Inmediata, prevé na súa disposición adicional primeira que para a súa implantación no procedemento para a exención da materia de lingua galega no ensino primario e secundario, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria disporá a delegación das competencias que nesta materia ostentan na actualidade os delegados provinciais da propia consellería en favor dos directores dos centros públicos de ensino primario e/ou secundario, para que as exerzan en relación cos alumnos matriculados nos seus centros ou naqueles dependentes ou adscritos a eles.

En virtude diso, facendo uso das atribucións que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Primeiro.-Delegar nos directores dos centros públicos de ensino primario e/ou secundario radicados na provincia da Coruña a competencia para entender e resolve-los procedementos para a exención da materia de lingua galega promovidos polos alumnos matriculados nos seus centros ou naqueles dependentes ou adscritos a eles.

Segundo.-As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida na presente resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que a conferiu.

Terceiro.-En calquera momento, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá reclama-lo exercicio das com

petencias que se delegen mediante esta resolución, de acordo co establecido no artigo 14 da antes citada lei.

A Coruña, 12 de setembro de 1997.

Alberto González Armesto

Delegado provincial da Coruña

7090