Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 15 de setembro de 1997 Páx. 9.115

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 1997, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se delega o exercicio de determinadas competencias no xefe do Servicio Provincial de Deportes.

Polo Decreto 216/1997, do 30 de xullo, procedeuse á creación e regulación do funcionamento do Servicio

de Resposta Inmediata (Seri) para determinados procedementos tramitados por instancia de parte ante a Administración autonómica de Galicia segundo os principios informadores ós que debe someterse a actuación administrativa para conseguir unha maior axilidade e eficacia no seu servicio ó cidadán.

O Decreto 239/1997, do 10 de setembro, sobre desconcentración e delegación de competencias en determinados procedementos para a implantación do Servicio de Resposta Inmediata, establece no seu artigo 1 a desconcentración nos delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública das competencias que, en relación cos procedementos para o rexistro de entidades deportivas e a modificación do rexistro de entidades e clubs ten atribuídas na actualidade a Secretaría Xeral para o Deporte.

Co fin de conseguir efectivamente esa desexada axilización na resolución destes procedementos é polo que procede, agora, delega-la referida competencia no xefe do Servicio Provincial de Deportes o que, sen dúbida, redundará nunha tamén maior eficacia.

Na súa virtude, facendo uso das atribucións que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Primeiro.-Delegar no xefe do Servicio Provincial de Deportes de Ourense a competencia para entender e resolve-los seguintes procedementos tramitados por instancia de parte:

-Rexistro de entidades deportivas.

-Modificación do rexistro de entidades e clubs.

Segundo.-As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida na presente resolución, farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que a conferiu.

Terceiro.-En calquera momento, o delegado provincial de Ourense da Consellería da Presidencia e Administración Pública poderá reclama-lo exercicio das competencias que son delegadas por esta resolución, de acordo co establecido no artigo 14 da citada lei.

Ourense, 12 de setembro de 1997.

Ramón Mariño Rivas

Delegado provincial de Ourense

7077