Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 11 de setembro de 1997 Páx. 9.002

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 237/1997, do 25 de agosto, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello das Neves (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de ampliación do cemiterio de Rubiós nas Neves.

O Concello das Neves (Pontevedra), en sesión celebrada o día 8 de xullo de 1995, aprobou o proxecto de ampliación do cemiterio de Rubiós nas Neves; e na sesión do día 5 de abril de 1997 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, o día 2 de maio de 1997, baixo o número 5794.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 21 de xullo de 1997 baixo o número 10.369.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a obra deberá quedar adxudicada e iniciada antes do día 1 de outubro de 1997, ó estar cofinanciada con fondos do MAP (orzamentos xerais do Estado) e a Deputación Provincial de Pontevedra, e figurar no Plan POS 1997.

Por outra banda, e isto é o máis importante, os veciños afectados necesitan dispor dos terreos afectados pola expropiación coa maior brevidade posible, xa que o espacio actual do cemiterio é xa insuficiente para atende-las necesidades da parroquia de Rubiós.

A competencia para a declaración de urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de agosto de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello das Neves (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de ampliación do cemiterio de Rubiós nas Neves.

Santiago de Compostela, vintecinco de agosto de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5512