Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 10 de setembro de 1997 Páx. 8.959

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 15 de xullo de 1997 pola que se lle outorga a Gas Galicia, SDG, S.A. concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais, nos termos municipais de Padrón e Pontecesures.

Visto o escrito presentado pola empresa Gas Galicia SDG, S.A., con domicilio social na rúa da Rosa, 16-3º B, 15701 Santiago de Compostela, a Consellería de Industria e Comercio ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 28 de febreiro de 1997 a mencionada empresa, dedicada á producción, conducción distribución e subministración de combustibles gasosos, solicitou, ó abeiro da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de normas básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións no sector de combustibles e do Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, a concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural nos termos municipais de Padrón (A Coruña) e Pontecesures (Pontevedra), para o efecto da cal presentou o preceptivo proxecto das instalacións obxecto da concesión a que fai referencia o artigo 10 do Decreto 2913/1973.

As características principais das instalacións son as seguintes:

1. A rede básica de distribución terá a súa orixe na rede de distribución de Enagás, o trazado da cal discorre polos citados concellos, a través do correspondente punto de entrega de gas natural, no que se realizará a medición do gas e tamén se reducirá a súa presión desde o rango AP-16 (16 bar) ata o rango MPB (4 bar). Desde esta rede básica, ben directamente ou a través das redes secundarias, que se construirán a partir da rede básica, subministrarase gas para os consumos domésticos, comerciais e de pequenas industrias nos termos municipais citados.

2. A rede secundaria deseñarase e operará en parte en MPB, á presión máxima de 4 bar, e en parte á presión máxima de 0,4 bar (rango MPA) en función, especialmente, dos consumos demandados, das características urbanísticas dos núcleos poblacionais e dos condicionantes das vías públicas e de edificación.

3. Para alimenta-la rede de distribución secundaria, a explotación da cal se realice no rango MPA, instalaranse estacións de regulación MPB/MPA ó longo do trazado da rede primaria.

4. O caudal máximo que se vehiculará será o necesario para atender á demanda máxima prevista para os diferentes mercados do termo municipal obxecto da concesión. Conforme os cálculos previstos, estimase en 1.500 m(n)/h o caudal máximo de gas natural que se canalizará.

5. A lonxitude aproximada das tuberías que componrán a rede será:

-Rede primaria: 6.000 m.

-Rede secundaria 14.496 m.

5. Consideraranse como temperaturas límites as seguintes:

-Máxima: 55º C.

-Mínima: -10º C.

Non obstante, para efectos de cálculo, tomarase como base unha temperatura de 15º C.

O orzamento total estimado ascende a douscentos corenta e oito millóns setecentas mil pesetas (248.700.00 ptas.).

Segundo.-De conformidade co establecido no citado decreto 2913/1973, a Dirección Xeral de Industria dictou resolución con data do 31 de marzo de 1996, pola que se someteu á información pública a concesión administrativa de referencia, que se publicou no DOG do 8-4-1997, no BOP da Coruña do 18-4-1997, no BOP de Pontevedra do 16-4-1997, no BOE do 8-41-997, no xornal La Voz de Galicia do 8-4-1997, así como nos taboleiros de anuncios das casas do concello de Padrón e Pontecesures e nos das delegacións provinciais da Coruña e Pontevedra sen que se presentase no período legalmente establecido ningunha alegación.

Terceiro.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable das ditas delegacións provinciais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa conforme o Estatuto de autonomía de Galicia; o Real decreto

2563/1982, de 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidad Autónoma de Galicia; o Decreto 132/1982, de 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas; o Decreto 209/1990, do 15 de marzo, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño e o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, que continúa en vigor de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, en tanto non se aproben as disposicións de desenvolvemento dela.

Segunda.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta consellería, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

DISPÓN:

-Outorgarlle á empresa Gas Galicia, SDG, S.A. a concesión administrativa solicitada para o servicio público de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Padrón e Pontecesures.

A presente concesión administrativa axustarase a cantas prescricións se establecen na Lei 10 /1987, do 15 de xuño, no Decreto 2913/1973, do 26 de outubro e a cantas disposicións foran ou sexan dictadas sobre o servicio público de subministracións de combustibles, así como ás seguintes condicións:

Primeira.-Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da concesión, unha fianza por valor de 4.974.000 pesetas, importe do 2% de orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o artigo 7, alínea b) da Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, de 22 de xullo, fianza que será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-Dentro do prazo dun ano, contado a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia a autorización para a montaxe das instalacións, presentando o proxecto detallado delas mesmas, e debendo cumprirse, en todo caso, os prazos previstos no proxecto de concesión, podendo os ditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou a exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira.-Nas instalacións e nas súas montaxes deberá cumprirse o establecido no Regulamento de redes e conexións de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6

de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, e deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8, alínea c), do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da conexión, tanto as comúns como as individuais, deberán cumpli-las normas básicas de instalacións de gas en edificios habitados, o se é o caso, aquelas que as modifiquen o substitúan.

Cuarta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e unha adecuada e eficiente conservación das instalacións, sendo responsable da súa conservación e bo funcionamento.

O concesionario queda suxeito a cantas prescricións se establecen no citado regulamento xeral, así como no modelo de póliza anexo a este, e a cantas outras disposicións foran ou sexan dictadas polo Ministerio de Industria e Enerxía ou a Xunta de Galicia sobre subministración de gases combustibles e as súas instalaciónes.

Quinta.-A determinación das tarifas de venda de gas rexerase polas disposicións vixentes no momento sobre a materia.

Sexta.-A presente concesión outórgase por un prazo de setenta e cinco anos. As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidad Autónoma de Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7, alínea c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Sétima.-Gas Galicia SDG, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia e subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados da concesión.

Oitava.-As delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio da Coruña e Pontevedra coidarán do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta orde.

Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial que, segundo as disposicións en vigor, teñan de realizarse nas instalacións obxecto da concesión deberán ser comunicadas polo concesionario ás citadas delegacións provinciais coa debida antelación.

Novena.-En casos de incumprimento das obrigas do concesionario que poidan afecta-la continuidade e seguridade do servicio público, e co fin de garanti-lo mantemento do servicio dos usuarios desta, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, e adopta-las medidas oportunas para mante-la subministración.

Décima.-Poderán ser causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas na alínea e) do artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento da alínea b, do artigo 7 da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na resolución e na autorización para a súa montaxe.

Sen embargo, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas, non fose adecuado o mantemento dalgunha ou algunhas das instalacións obxecto da presente orde; Gas Galicia SDG, S.A. poderá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia:

1. Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión que as instalacións substituídas, ou ben

2. O outorgamento da correspondente concesión para as novas instalacións se pola importancia dos investimentos que supoñan, non puidese obter unha compensación económica adecuada durante o prazo que restase para a caducidade da concesión antes mencionada, aínda que tendo en conta sempre os dereitos que a Comunidade Autónoma de Galicia poida ter.

Décimo primeira.-A concesión outórgase sen prexuízo de terceiros, deixando a salvo os dereitos particulares e independentemente das autorizacións, licencia ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente orde, que é definitiva en vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa publicación, logo de comunicación a esta consellería, conforme o establecido no artigo 57.2 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, coa nova redacción dada pola disposición adicional décimo primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 1997.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

6154