Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 01 de setembro de 1997 Páx. 8.391

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 29 de agosto de 1997 pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ó Parlamento de Galicia que se celebrarán o día 19 de outubro de 1997.

O Decreto 225/1997, do 25 de agosto, polo que se convocan eleccións ó Parlamento de Galicia, establece no seu artigo 2º, a convocatoria dos ditos comicios para o próximo día 19 de outubro.

Por outra parte, a Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia, modificada

pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, refírese no seu artigo 44 ás subvencións da Comunidade Autónoma para gastos electorais, determinando no apartado número 4: «As cantidades mencionadas nos apartados anteriores refírense a pesetas constantes. A Consellería de Economía e Facenda fixará as cantidades actualizadas nos cinco días seguinte ó da convocatoria de eleccións».

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.

As cantidades ás que se refire o artigo 44 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, unha vez actualizadas, serán as seguintes:

1. Subvención de 2.304.000 ptas. por cada escano obtido.

2. Subvención de 86 ptas. por cada un dos votos conseguidos por cada candidatura, se un, polo menos, dos membros dela obtivo escano de deputado.

3. Ademais das subvencións ás que se refiren os apartados anteriores, a comunidade autónoma subvencionará os partidos, federacións, coalicións e agrupacións de electores, polos gastos ocasionados polo envío directo e persoal ós electores de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral, a razón de 23 ptas. por elector, sempre que a candidatura de referencia obteña representación.

4. O límite dos gastos electorais nas eleccións ó Parlamento de Galicia será o que resulte de multiplicar por 69 ptas. o número de habitantes correspondente á poboación de dereito da circunscrición onde presente as súas candidaturas cada partido, federación, coalición ou agrupación de electores.

Non se incluirán dentro dos límites dos gastos electorais as cantidades subvencionadas de acordo co disposto no apartado 3 anterior.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

6310