Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 01 de setembro de 1997 Páx. 8.367

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, a teor do artigo 27.21 do Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial, e polo tanto a potestade de regulamenta-lo sector turístico no devandito ámbito.

Con anterioridade a esta lei e no exercicio desta competencia, aprobáronse diferentes disposicións que regulan aspectos específicos da actividade turística, como son, entre outros, a ordenación dos establecementos do turismo rural e dos acampamentos públicos de turismo, o exercicio das actividades propias das axencias de viaxes, o procedemento de comunicación de prezos dos establecementos turísticos, o réxime de inspeccións e sancións mediante a Lei 6/1992, do 26 de xuño, de disciplina turística, o establecemento de medidas de apoio para a mellora da infraestructura hoteleira, os rexistros de empresas e actividades turísticas de Galicia e de guías de turismo da Comunidade Autónoma de Galicia e mailo Consello Galego de Turismo.

O turismo constitúe un sector importante dentro do marco global económico de Galicia, con capacidade para mellora-las relacións externas e xerar renda e emprego. Todo iso, xunto cos profundos cambios orixinados polo crecemento que se vén experimentando no sector turístico nestes últimos anos, fai necesaria a aprobación dunha lei de ordenación do turismo que o regularice unitaria e sistematicamente, garantindo o crecemento equilibrado da oferta turística e o adecuado desenvolvemento da actividade das empresas, favorecendo a súa modernización, mellora da calidade e competividade.

II

Con esta lei estase a dotar a Galicia dunha normativa turística xeral que fixe o marco legal adecuado para o desenvolvemento do sector, axustado ás peculiaridades do turismo desta Comunidade Autónoma, para a consecución dos seguintes fins:

1. Establece-los instrumentos de ordenación e promoción do sector turístico e as súas directrices, defini-los recursos turísticos e a súa relación coa ordenación do territorio e aglutina-los esforzos de promoción realizados desde as distintas administracións públicas e outras entidades para acadar un turismo axeitado á diversidade da oferta turística que ofrece Galicia.

2. Ofrecer un marco legal operativo e suficiente ás empresas e ós suxeitos turísticos para lles garanti-lo seu crecemento equilibrado e a elevación dos seus niveis de calidade, que estimule a súa com

petitividade e evite as actividades turísticas clandestinas e a competencia desleal.

3. Garanti-lo aproveitamento racional dos recursos turísticos e procura-la súa relación harmónica con outros sectores productivos, potenciando a súa conservación e mantemento e velando para que en todo momento a actividade turística respecte, preserve e protexa a riqueza cultural e o seu patrimonio histórico-artístico, o medio ambiente e a forma de vida da poboación de Galicia.

4. Establece-la clasificación, os requisitos e as condicións mínimas de funcionamento das empresas turísticas, adecuadas ás esixencias actuais de calidade da oferta.

5. Fixa-las competencias da Administración turística.

6. Protexer e defende-los dereitos dos consumidores e usuarios turísticos.

III

Esta lei, estructurada en sete títulos cos seus correspondentes capítulos, seccións e artigos, recolle disposicións relativas ó desenvolvemento turístico, o seu obxecto, suxeitos e actividades a ela sometidos, as competencias en materia turística, ordenación de empresas e actividades turísticas, requisitos de infraestructura e servicios, clasificación de establecementos, exercicio das profesións turísticas e da formación técnico-profesional, as accións de promoción e fomento do turismo e a súa necesaria coordinación, os dereitos e deberes dos consumidores e usuarios turísticos e a disciplina turística e do seu procedemento administrativo. Todas estas materias desenvólvense con suficiente amplitude e flexibilidade dado o seu carácter de lei xeral e a súa vocación de permanencia temporal.

IV

Así, o título I da lei contén, a partir da definición do seu obxecto, unha relación dos suxeitos, establecementos e actividades ós que lles serán aplicables as súas disposicións, xa que é, precisamente, a súa cualificación como suxeitos turísticos a que lexitima a presencia da Administración para ordenar, promover, fomentar, inspeccionar e sanciona-las actividades que, como tales suxeitos turísticos, desenvolvan.

Dado que o exercicio dunha actividade turística é a nota obxectiva que configura legalmente a súa suxeición a esta lei, o artigo 3, punto k), abre a posibilidade de que regulamentariamente se poida cualificar como actividade turística «calquera actividade, empresarial ou non empresarial», que preste servicios directamente relacionados co turismo, de modo que non se fixa un numerus clausus de suxeitos turísticos.

V

O título II recolle as competencias da Administración turística autonómica, sentando as bases da

actuación interadministrativa, os principios ós que se axustará a dita actuación e os seus medios, articulando o establecemento dos necesarios instrumentos de planificación e ordenación turística e regulamentando as funcións propias do Consello Galego de Turismo.

VI

No título III establécese en primeiro lugar o deber xeral de tódolos suxeitos turísticos de respectar e protexe-los recursos turísticos, co obxecto de preserva-lo medio ambiente, a cultura galega e a súa riqueza histórico-artística e natural, e a continuación recóllense os deberes e dereitos básicos das empresas turísticas, entre os que destacan o cumprimento da unidade de explotación para os establecementos de aloxamento, así como os dereitos dos usuarios turísticos en canto suxeitos turísticos non empresariais e os seus deberes en canto tales consumidores.

VII

O título IV, o máis amplo no seu contido, prevé, no seu capítulo I, a ordenación xeral da oferta turística, establecendo os conceptos básicos para o desenvolvemento da actividade turística, como son a protección do medio ambiente, da paisaxe e da cultura de Galicia, e os requisitos xerais esixibles para calquera empresa que pretenda desenvolver unha actividade desa natureza no ámbito territorial desta Comunidade Autónoma.

A continuación, no capítulo II, a lei enumera as distintas empresas de aloxamento turístico, definíndoas e establecendo as súas clases e modalidades, recollendo establecementos que, a pesar da súa escasa implantación en Galicia, como son os aloxamentos en réxime de uso a tempo compartido, é preciso prever dada a vocación de permanencia temporal desta lei.

En canto ós establecementos de aloxamento tradicionais, establécese unha clasificación acorde coas esixencias de calidade da oferta turística que inspiran esta lei e ás que fan referencia os artigos 51 e 52.

O capítulo II recolle, así mesmo, a ordenación dos acampamentos de turismo e dos establecementos de turismo rural, modalidades fortemente arraigadas na oferta turística galega e que, coma no caso dos establecementos de turismo rural, contribúen especialmente ó aproveitamento da gran riqueza histórico-artística existente no noso medio rural.

A regulamentación doutras actividades turísticas, como a restauración, prevese no capítulo III, establecendo o seu concepto, suxeitos, grupos e clasificación.

Na redacción da intermediación turística, e en particular das profesións turísticas, que son obxecto dos capítulos IV e V respectivamente, tivéronse en

conta o respecto ós principios de libre exercicio das actividades asalariadas, de liberdade de establecemento e de libre prestación de servicios consagrados no tratado da CEE e a doutrina xurisprudencial do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas.

VIII

O título V dedícase á promoción e ó fomento da actividade turística, que realizará a Administración turística autonómica, coordinando, se é o caso, as actuacións que pretendan realizar outros organismos.

De acordo con esta lei os principios de eficacia e economía de medios presidirán tódalas actuacións que se leven a cabo para a promoción e o fomento do sector turístico galego.

IX

O título VI aborda canto se refire á disciplina turística, mediante a tipificación das infraccións e a regulamentación da inspección, establecendo a creación da escala de Inspección de turismo, o procedemento sancionador e a tipoloxía das sancións.

XI

Finalmente, a lei precisa nas súas disposicións adicionais a necesidade do seu posterior desenvolvemento regulamentario, especialmente no relativo á ordenación e clasificación das empresas turísticas, e establece nas súas disposicións transitorias que ata tanto non se produza ese desenvolvemento lles será aplicable a normativa actualmente vixente.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Título I

Obxecto e suxeitos da lei

Artigo 1. Obxecto da lei.

1. Esta lei ten como obxecto a regulamentación e o establecemento das directrices ordenadoras básicas do sector turístico no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, tendentes á súa correcta planificación, promoción e funcionamento mediante a definición dos recursos turísticos e a ordenación das actividades turísticas exercidas polas administracións públicas ou polos particulares.

2. As disposicións recollidas nesta lei regulamentan:

a) As competencias en materia turística.

b) A definición e ordenación dos recursos turísticos.

c) As directrices para a ordenación turística en relación coa ordenación do territorio e os instrumentos urbanísticos correspondentes.

d) A ordenación da oferta turística de Galicia, establecendo a clasificación das empresas e actividades turísticas.

e) A promoción e o fomento do turismo, definindo os distintos programas e as accións que se deben adoptar, así como a potenciación da formación e dos estudios turísticos.

f) A conservación, a protección, o aproveitamento e a mellora dos recursos turísticos, culturais e medioambientais, do territorio e da paisaxe.

g) As garantías e a protección dos dereitos dos usuarios turísticos e os seus deberes correspondentes.

h) As profesións turísticas.

i) Os mecanismos de inspección e sancionadores que contribúan a mellora-la calidade na prestación dos servicios turísticos e garantan o cumprimento da normativa turística vixente.

j) A participación na ordenación turística das distintas administracións públicas galegas e dos sectores económicos e sociais relacionados co turismo.

Artigo 2.-Fins.

Con base no obxecto expresado no artigo 1 desta lei, a Administración autonómica concretará a súa actuación na consecución dos seguintes fins:

1) Harmoniza-las dimensións territoriais e económicas da actividade turística cos restantes eidos do desenvolvemento económico.

2) Defende-lo noso patrimonio natural, histórico, artístico e cultural.

3) Incluí-los asentamentos turísticos nunha correcta ordenación territorial e levar a cabo unha axeitada planificación para o sector.

4) Establecer e poñer en práctica medidas de apoio ó sector turístico galego, coordinando e priorizando as encamiñadas á mellora da súa competitividade, á calidade da oferta, á súa diversificación, á súa desestacionalización e á súa correcta promoción.

5) Regula-la oferta turística tendo en conta as deficiencias infraestructurais existentes, elevando a súa calidade e harmonizando os servicios, instalacións e equipamentos turísticos.

6) Axeita-la promoción da oferta turística en cada momento en función da demanda.

7) Preserva-los recursos turísticos, evitando a súa destrucción ou degradación e promovendo en cada caso o seu correcto aproveitamento.

8) Promove-la mellora e modernización do equipamento turístico existente en Galicia e desenvolve-las ofertas complementarias de servicios co fin de ir axeitando as estructuras empresariais dos distintos subsectores.

9) Fomenta-lo turismo social e a incorporación ó turismo de capas cada vez máis amplas da poboación e de sectores específicos dela, como os discapacitados, os mozos e os xubilados.

10) Mellorar e intensifica-la formación de tódolos profesionais do sector turístico.

11) Promove-lo asociacionismo dentro do sector, principalmente cando tenda á mellora da calidade da oferta.

12) Combate-lo intrusismo e a competencia desleal na actividade turística.

Artigo 3.-Suxeitos, establecementos e actividades.

As disposicións desta lei aplicaránselles ós suxeitos, establecementos e actividades seguintes:

a) Administracións, organismos e empresas públicas vinculadas á actividade turística.

b) Empresas de aloxamento turístico.

c) Restaurantes, cafeterías, cafés, bares, tabernas, discotecas, salas de festas ou baile, empresas de elaboración de comidas para o consumo por colectividades fóra do establecemento elaborador e aqueloutras empresas que realicen actividades turísticas similares.

d) Axencias de viaxes e demais empresas de intermediación turística.

e) Profesións turísticas.

f) Establecementos balnearios, nos termos establecidos no artigo 50.

g) Parques acuáticos, instalacións deportivo-turísticas e centros de ocio abertos ó público.

h) Empresas de transporte turístico e de alugueiro de vehículos de calquera clase, con ou sen conductor, regulamentadas pola Lei de ordenación do transporte terrestre, naqueles aspectos da súa actividade ós que lles resulten aplicables as disposicións desta lei.

i) Empresas que organicen excursións aéreas e marítimas, con fins turísticos, así como empresas que realicen actividades deportivo-turísticas.

j) Usuarios turísticos.

k) Calquera actividade, empresarial e non empresarial, que preste servicios relacionados co turismo e que sexa cualificada pola Administración turística como de tal carácter.

Artigo 4. Galicia unidade de destino turístico.

Galicia, no seu conxunto, considérase para os efectos desta lei como unha unidade de destino turístico que terá un tratamento unitario na súa promoción fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

Artigo 5. Recursos turísticos.

1. Correspóndelle á Administración turística realiza-la catalogación dos recursos turísticos de Galicia.

2. Para os efectos do establecido nesta lei considéranse recursos turísticos calquera clase de bens materiais, naturais ou non, susceptibles de provocaren de xeito directo ou indirecto movementos ou actividades turísticas.

Título II

Competencias en materia de turismo

Capítulo I

Competencias da Administración turística da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 6. Competencias da Administración turística da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Para os efectos do establecido nesta lei enténdese por Administración turística os órganos da Comunidade Autónoma de Galicia competentes en materia de turismo.

2. Correspóndelle á Administración turística da Comunidade Autónoma de Galicia, en todo caso, o exercicio das seguintes competencias:

a) A ordenación do turismo no ámbito territorial de Galicia e a planificación e programación das infraestructuras turísticas desta Comunidade Autónoma, coordinando as actuacións que nesa materia leven a cabo as administracións locais.

b) A fixación dos requisitos que terán que cumpri-las empresas e actividades turísticas e, se é o caso, o outorgamento das autorizacións preceptivas para o desenvolvemento das súas actividades.

c) A promoción e o fomento do turismo.

d) A declaración de localidades, municipios, comarcas ou áreas territoriais de preferente uso turístico e a creación e definición de denominacións xeoturísticas dentro do seu ámbito territorial.

e) A xestión do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia e a elaboración e o mantemento de bases de datos e estatísticas turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A potenciación das ensinanzas turísticas e a formación e o perfeccionamento dos profesionais do sector, sen prexuízo das competencias específicas doutros órganos e das atribuídas ó Estado polo artigo 149.1.30 da Constitución.

g) Velar polo cumprimento das disposicións desta lei e demais normativa turística a través da Inspección turística e sanciona-las infraccións que se puidesen cometer.

Capítulo II

O Consello Galego de Turismo

Artigo 7. O Consello Galego de Turismo.

1. O Consello Galego de Turismo é o órgano consultivo, asesor e colaborador da Xunta de Galicia en materia turística.

2. Son funcións do Consello Galego de Turismo:

a) Informar e asesora-la Administración turística autonómica naquelas cuestións relacionadas cos intereses xerais do turismo nesta Comunidade Autónoma.

b) Propoñe-la realización de estudios, investigacións e publicacións que se consideren necesarios para o desenvolvemento turístico de Galicia.

c) Emitir informe no trámite de audiencia sobre os plans turísticos.

d) Elaborar un informe anual sobre a situación turística de Galicia.

e) Propoñer calquera outra acción non prevista anteriormente que poida contribuír ó fomento e desenvolvemento turísticos e á planificación da política turística de Galicia.

3. A Xunta de Galicia regulamentará a composición, a organización e mailo funcionamento do Consello Galego de Turismo, que estará adscrito á Administración turística autonómica.

Na súa composición estarán debidamente representadas as distintas administracións galegas, os sectores económicos e sociais e mailos organismos relacionados co turismo.

Artigo 8. Municipios turísticos.

1. Poderán ser declarados municipios turísticos:

a) Aqueles nos que pola afluencia periódica ou estacional a media ponderada anual de poboación turística sexa superior ó vintecinco por cento do número de residentes ou o número de aloxamentos turísticos superior ó cincuenta por cento do número de vivendas de residencia primaria.

b) Os que acrediten contar, dentro do seu territorio, con algún servicio turístico susceptible de producir unha atracción turística de visitantes nunha cantidade cinco veces superior á súa poboación, computada ó longo dun ano e repartida cando menos en máis de trinta días.

2. Terase en conta para a devandita declaración a actuación municipal relativa ós servicios seguintes:

a) Rede de sumidoiros e tratamento de augas residuais.

b) Recollida e tratamento de residuos.

c) Protección da salubridade pública.

d) Seguridade en lugares públicos.

e) Protección civil.

f) Planeamento urbanístico.

g) Oficina de información turística, cando menos durante a época de maior afluencia turística.

h) Medidas eficaces de protección e recuperación do contorno natural, da paisaxe e do medio ambiente en xeral.

3. A declaración será competencia do Consello da Xunta de Galicia por petición dos propios concellos ou por iniciativa da Administración turística autonómica. En todo caso, será preceptivo o acordo plenario do Concello correspondente.

4. Consecuencias da declaración:

a) A declaración de municipio turístico galego supoñerá a súa inclusión, con carácter preferente, nos plans provinciais de cooperación de obras e servicios para aqueles que con carácter obrigatorio están establecidos por lei.

b) Esta declaración supoñerá un criterio específico de prioridade para os municipios turísticos nos beneficios que poidan derivar dos plans de desenvolvemento e mellora do sector turístico que acometa a Xunta de Galicia.

Capítulo III

As bases da actuación administrativa

Artigo 9.-Principios e medios de actuación interadministrativa.

A Administración autonómica de Galicia e as distintas administracións locais, dentro do ámbito da súa autonomía, axustarán as súas relacións recíprocas ós principios de información mutua, colaboración, cooperación e respecto das súas competencias respectivas.

Os medios que se utilizarán para asegura-la aplicación destes principios serán os previstos na lexislación vixente, e en especial a realización de convenios e de conferencias turísticas e o establecemento de consorcios.

Artigo 10.-Instrumentos de ordenación turística.

A Administración turística establecerá os necesarios instrumentos de planificación e ordenación turística, determinando as necesidades, as prioridades e os obxectivos máis importantes e prestándolles especial atención á conservación e protección medioambiental, cultural e urbanístico-territorial e dos demais recursos turísticos.

Artigo 11.-Plan galego de promoción do turismo.

O Consello da Xunta de Galicia aprobará, por proposta da Administración turística, o Plan galego de promoción do turismo, unha vez oídos o Consello Galego de Turismo, as deputacións provinciais e as entidades representativas dos municipios galegos.

Este plan fixará as directrices básicas ás que se axustará a promoción turística da Comunidade Autónoma e a participación voluntaria das distintas administracións territoriais na súa implantación, en particular os criterios de actuación específica, desde o punto de vista turístico, para a promoción das diferentes rutas do Camiño de Santiago e para a celebración dos anos santos.

Artigo 12.-Plan de ordenación turística.

1. A Administración turística promoverá, en consonancia cos instrumentos de ordenación do territorio establecidos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, o Plan de ordenación turística de Galicia, e en particular plans e proxectos sectoriais de infraestructura turística, co fin de regulamenta-la implantación territorial das infraestructuras, dotacións e instalacións necesarias relacionadas co sector turístico.

2. O Plan de ordenación turística definirá o modelo de desenvolvemento turístico e conterá directrices xerais referidas ós seguintes aspectos:

a) Ordenación dos usos en relación co resto da ordenación do territorio.

b) Inventario e valoración dos recursos turísticos e fixación dos modos óptimos de aproveitamento deles e medidas que se deban adoptar para a súa protección.

c) Áreas adecuadas para os fluxos turísticos atendendo á súa situación, natureza, valor e capacidade dos seus recursos, ás condicións do solo e á preservación do medio ambiente.

d) Inserción económica do sector turístico co resto dos sectores productivos nas áreas turísticas atendendo a un desenvolvemento harmónico e equilibrado deles.

e) Adecuación da oferta turística e a súa priorización. Tipoloxía das distintas ofertas turísticas básicas e complementarias e estimación cuantitativa e cualitativa da mencionada oferta en función das previsións sobre a demanda e a aptitude do territorio.

f) Liñas de axuda para concellos e empresas privadas.

g) Zonas de protección e demais cautelas que se deban adoptar para preserva-lo turismo de usos, obras e actividades incompatibles con el.

h) Plans e proxectos sectoriais que se deben abordar e as súas directrices.

i) Medidas para incentiva-lo turismo interior e o coñecemento do país e dos seus recursos turísticos polos propios galegos.

j) Adaptación do planeamento municipal, se é o caso, ás determinacións do plan, prevendo a redacción de plans especiais urbanísticos se fose preciso.

k) Relación das actuacións e dos proxectos que requiran informes preceptivos como consecuencia do plan elaborado.

l) Evolución e análise do mercado de traballo no sector de cara á xeración de emprego e á mellora da formación dos recursos humanos da oferta turística galega.

m) Evolución da oferta de prazas hoteleiras e progresiva reconversión da oferta de aloxamento e restauración cara a unha maior calidade, logo da nece

saria reciclaxe profesional, dos traballadores afectados por ela.

n) Seguimento, avaliación e corrección das actuacións citadas.

ñ) Causas suficientes para a revisión do plan.

3. No plan estableceranse como preferentes aquelas comarcas, municipios, localidades ou áreas territoriais que, constituíndo enclaves turísticos importantes, carezan das infraestructuras, equipamentos e servicios necesarios e precisen polo tanto dunha acción coordinada de ordenación e promoción turística. Así mesmo identificará as áreas ou zonas susceptibles de limitación da oferta de aloxamentos ou de asistencia restrinxida e controlada e o límite da implantación de novas actividades turísticas alí onde a saturación ou o prexuízo dunha sobreexplotación dos recursos así o aconsellen.

Artigo 13.-Procedemento.

O procedemento de aprobación do plan de ordenación axustarase ós seguintes trámites:

A Administración turística promoverá e elaborará o proxecto do plan.

O proxecto someterase polo prazo mínimo dun mes ós trámites de información pública mediante o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e da audiencia ás entidades locais e asociacións empresariais do sector turístico afectadas polo proxecto.

Á vista das alegacións recibidas e logo de informe do Consello Galego de Turismo, redactarase o proxecto definitivo, que se lle elevará ó Consello da Xunta para a súa aprobación final. A dita aprobación publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14.-Programas de protección do contorno medioambiental e dos espacios físicos con vocación turística.

1. Nos plans de ordenación turística ós que fan referencia os artigos anteriores preveranse programas específicos de protección medioambiental das zonas turísticas co fin de lograr, entre outros, os seguintes obxectivos:

a) Evita-la degradación ou destrucción do medio natural e procura-lo seu correcto aproveitamento.

b) Potenciar conductas responsables ecoloxicamente en tódolos axentes que interveñen no sector do turismo.

c) Preserva-los recursos naturais non renovables, reducindo o seu consumo no posible, así como evita-la súa contaminación.

d) Acomoda-lo desenvolvemento turístico ó contorno físico, ó espacio e á estética, sendo respectuoso coa historia e cultura de cada zona.

e) Garanti-lo equilibrio do contorno natural na utilización dos servicios turísticos.

2. Así mesmo, desenvolveranse programas para a preservación e restauración das zonas culturais con valor histórico que, polas súas singulares circunstancias de interese monumental, histórico ou artístico, permitan o emprego destes valores como incentivo para a promoción e o incremento da demanda turística, garantíndolle-la protección prevista na Lei do patrimonio cultural de Galicia.

3. A elaboración e aprobación da planificación turística basearase na necesidade de garanti-la coherencia entre as determinacións que os instrumentos de ordenación turística contiveron, en relación co planeamento territorial e urbanístico, naqueles aspectos que deban ser regulamentados en ámbolos dous marcos de planificación. En especial, terase en conta no que afecta á redacción de programas de protección para a conservación e valoración do patrimonio histórico e artístico, belezas naturais, sistemas medioambientais, saúde pública e, en xeral, mellora dos medios urbanos, rurais e naturais.

Título III

Dereitos e deberes en materia turística

Artigo 15.-Deberes en xeral.

A Administración turística galega velará para que en todo momento a actividade turística respecte, preserve e protexa a riqueza cultural, os valores ecolóxicos, o medio ambiente e a forma de vida da poboación de Galicia. Así mesmo, preservará ou, se é o caso, promoverá a restauración e o mantemento en perfecto estado dos bens públicos ou privados relacionados co turismo, e procurarase a relación harmónica con outros sectores productivos.

Artigo 16.-Deberes das empresas turísticas.

As empresas turísticas, para o establecemento e desenvolvemento da súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán suxeitas ó cumprimento das disposicións impostas por esta lei e demais normativa turística, e en particular ó seguinte:

1) Obter da Administración turística, nos supostos establecidos nesta lei, as autorizacións e clasificacións preceptivas para o exercicio das súas actividades turísticas, así como mante-lo cumprimento dos requisitos esixidos para as ditas autorizacións.

Igualmente, as empresas turísticas deberán solicita-la correspondente autorización da Administración turística para a realización de calquera modificación substancial que afecte as condicións nas que se outorgou a autorización de apertura e clasificación turística dos establecementos.

2) Inscribirse no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia, así como solicita-la súa baixa no caso de cesamento na actividade.

3) Constituír ante a Administración turística unha póliza de responsabilidade civil que garanta o normal funcionamento da súa actividade nas contías que se determinen regulamentariamente.

4) Cumprir nos establecementos de aloxamento o principio de unidade de explotación.

5) Cumpri-las disposicións vixentes en materia de publicidade, información e selado de prezos.

6) Presta-los servicios nos termos pactados e efectuar unha facturación detallada deles, nos termos sinalados legal e regulamentariamente.

7) Facilitar, nos termos establecidos pola normativa vixente, a accesibilidade ós establecementos das persoas que sufran diminucións físicas, sensoriais ou psíquicas.

8) Cumpri-lo resto das obrigas que se establezan legal e regulamentariamente.

9) Coidar do bo funcionamento e mantemento de tódalas instalacións e servicios do establecemento, así como do bo trato dado ós clientes por parte do persoal da empresa.

10) Ter á disposición do público as follas de reclamacións, facendo entrega inmediata dun exemplar cando lles sexa solicitado.

Artigo 17.-Dereitos das empresas turísticas.

As empresas turísticas que observen os deberes establecidos respecto da súa actividade terán dereito a:

1) Participar nos órganos e consellos do sector turístico na forma que se estableza regulamentariamente.

2) Ser informadas e, se é o caso, incorporadas ós plans de promoción turística realizados pola Administración turística galega.

3) Solicita-las axudas económicas que, se é o caso, se establezan.

Artigo 18.-Concepto e dereitos dos usuarios turísticos.

1. Enténdese por consumidores e usuarios turísticos, para os efectos desta lei, tódalas persoas, físicas ou xurídicas, que adquiran, utilicen ou desfruten dos bens, servicios e actividades que ofrecen as empresas turísticas.

2. Como tales, e con independencia doutros dereitos recoñecidos pola normativa xeral, gozarán, nos termos previstos nesta lei, dos seguintes dereitos:

a) Dereito á seguridade.

O usuario turístico ten dereito a ter garantida a seguridade da súa persoa, nos termos establecidos na lexislación vixente.

Calquera risco previsible que puidese provir da normal utilización das instalacións ou servicios turísticos, en atención á súa natureza e ás eventuais circunstancias persoais que poidan concorrer nos usuarios, terá que ser posto en coñecemento previo destes polos medios apropiados e en forma clara e visible polas empresas turísticas.

b) Dereito á información veraz e á calidade dos servicios.

O usuario turístico ten dereito a obter dos establecementos turísticos unha información veraz, completa e obxectiva sobre as características de todos e cada un dos bens e servicios que se lle ofrezan e do seu prezo, co fin de lle facilita-la elección máis adecuada ós seus intereses.

Para garanti-lo dereito dos usuarios turísticos a esta correcta información determinaranse regulamentariamente os requisitos que esta deba cumprir, así como os da súa publicidade e exhibición.

Así mesmo, o usuario turístico ten dereito á calidade do servicio, acorde co tipo de establecemento e publicidade efectuada.

Toda información, mesmo que sexa publicitaria, na que se deturpe a verdade prometendo condicións mellores do que son en realidade daralle ó usuario turístico o dereito a recibilas tal e como foron anunciadas ou á indemnización polos danos e perdas ocasionados.

c) Dereito a formular denuncias e reclamacións.

O usuario turístico ten dereito a formular denuncias e reclamacións, de acordo co disposto nesta lei.

As empresas turísticas dispoñerán nos seus establecementos das follas de reclamacións, que lles serán facilitadas pola Administración turística e que deberán entregar ós seus clientes cando estes llelas soliciten, logo de pagamento dos servicios prestados.

As características e o procedemento para a tramitación das follas de reclamacións determinaranse regulamentariamente.

Os usuarios turísticos, para resolve-las súas denuncias ou reclamacións, poderán utiliza-la figura da arbitraxe recollida nesta lei.

d) Dereito á non discriminación no acceso ós establecementos turísticos.

Os establecementos turísticos recollidos nesta lei serán considerados como establecementos públicos, e o acceso a eles será libre.

Non obstante, o acceso ós establecementos poderase condicionar ó cumprimento de regulamentos de réxime interno, que non poderán contraria-lo disposto nesta lei e deberán anunciarse visiblemente nos lugares de acceso ó establecemento.

Artigo 19.-Obrigas dos usuarios turísticos.

Os usuarios das empresas e actividades turísticas terán as seguintes obrigas:

1) Observa-las normas de hixiene e convivencia social en tódolos establecementos turísticos.

2) Paga-lo prezo acordado polos servicios utilizados no tempo e lugar convidos.

3) Respecta-las normas de réxime interior acordes coa normativa vixente sobre o uso dos servicios ou instalacións, que serán obxecto da debida publicidade.

Os usuarios no desfrute das actividades turísticas non poderán danar nin altera-los servicios nin os recursos turísticos, e serán responsables dos danos causados.

O incumprimento acreditado das ditas normas podería dar lugar á expulsión do cliente do establecemento e á súa responsabilidade polos danos e perdas ocasionados.

Título IV

Ordenación da oferta turística

Capítulo I

Principios xerais para o exercicio de actividades turísticas

Sección 1ª

Aspectos básicos para o desenvolvemento da actividade turística

Artigo 20.-Protección dos dereitos das persoas na actividade turística.

A configuración e divulgación dos paquetes turísticos ou a prestación doutros servicios turísticos por parte das empresas e actividades turísticas non poderán conter como elemento de reclamo a explotación sexual das persoas ou calquera outro aspecto que afecte a súa dignidade.

Artigo 21.-Protección do medio ambiente, da paisaxe e da cultura de Galicia.

1. As actividades turísticas desenvolveranse con suxeición ás disposicións sobre medio ambiente e conservación da natureza, con especial atención á prevención da contaminación tanto física e química coma biolóxica e acústica.

De igual maneira, deberanse observa-las normas sobre residuos sólidos, sanidade e salubridade da agua e pureza do aire e do solo. Así mesmo, deberanse respectar e conserva-los espacios naturais protexidos, e en xeral a flora e a fauna.

2. As empresas que realicen actividades turísticas serán responsables, nos termos sinalados na normativa xeral e sectorial aplicable, dos danos ocasionados a calquera elemento medioambiental e natural polos usuarios dos seus servicios, así como da alteración que se produza nos procesos ecolóxicos esenciais pola actuación daqueles, salvo que se demostre que a responsabilidade sexa imputable ás actuacións dos propios usuarios turísticos, levadas a cabo á marxe das actividades desenvolvidas polos empresarios turísticos.

Igualmente, serán responsables dos danos ocasionados ó medio ambiente cos medios materiais utilizados na actividade turística, salvo que se demostre que foron manipulados dilixentemente, polo que a

responsabilidade poderá recaer sobre os seus provedores.

3. Nos lugares de paisaxe aberta e natural de especial interese, sexa rural ou marítima, ou nas perspectivas que ofrezan os conxuntos urbanos de características histórico-artísticas, típicos ou tradicionais, e nas inmediacións das estradas e camiños de traxecto pintoresco, non se permitirá que a situación, masa, altura dos edificios, muros e cerres e a instalación doutros elementos limiten o campo visual para contempla-las belezas naturais, rompan a harmonía da paisaxe ou desfiguren a perspectiva propia dela. Para estes efectos adoptaranse as medidas pertinentes nos correspondentes plans de ordenación.

4. Tódalas actividades turísticas levaranse a cabo respectando os costumes e tradicións galegos e a súa riqueza cultural, preservando o seu patrimonio histórico- artístico e natural e procurando a harmonía con outros sectores productivos.

Artigo 22.-Intrusismo profesional.

A realización ou publicidade por calquera medio de difusión das actividades das empresas turísticas sen estar en posesión da autorización preceptiva considerarase intrusismo profesional e sancionarase administrativamente segundo o previsto nesta lei.

Sección 2ª

Requisitos xerais para o establecemento de actividades empresariais turísticas

Artigo 23.-Esixibilidade de autorización turística.

1. As empresas e actividades turísticas ás que fai referencia esta lei que teñan obrigada a inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas deberán obter, con carácter previo á iniciación do seu funcionamento, a correspondente autorización da Administración turística, sen prexuízo das demais autorizacións esixidas por outros organismos.

2. Será necesaria unha nova autorización, tamén preceptiva, no caso de modificación ou reforma substancial respecto das condicións nas que fose outorgada a autorización citada no punto anterior.

3. A clasificación outorgada pola Administración turística manterase mentres se cumpran os requisitos esixidos nesta lei e poderá revisarse de oficio ou por petición de parte, logo da instrucción do oportuno expediente.

Artigo 24.-Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. O Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas ten como obxecto fundamental elaborar e dispoñer dun censo exhaustivo das empresas e actividades turísticas regulamentadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, así como daqueloutras que sexan consideradas pola Administración turística de conveniente inscrición, debido á súa incidencia turística, aínda que non lle incumba a súa regulamentación á dita Administración, sempre que exerzan

a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e soliciten a dita inscrición.

2. O Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas é un rexistro público, custodiado e xestionado pola Administración turística.

3. A Administración turística velará polo seu bo funcionamento, e correspóndelle a clasificación da documentación baixo a súa custodia, así como a expedición das certificacións que se soliciten.

Artigo 25.-Inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

1. A inscrición será obrigatoria para as seguintes empresas e actividades turísticas:

a) Establecementos hoteleiros.

b) Apartamentos turísticos.

c) Cidades de vacacións.

d) Acampamentos de turismo.

e) Empresas que xestionen aloxamento en réxime de aproveitamento por quenda.

f) Establecementos de turismo rural.

g) Vivendas turísticas vacacionais.

h) Axencias de viaxes e centrais de reservas.

i) Guías de turismo especializados.

j) Restaurantes.

k) Cafeterías, cafés, bares e tabernas.

l) Empresas de catering e de colectividades.

m) Discotecas e salas de festas.

n) Calquera outra xa regulamentada ou que no futuro sexa obxecto de ordenación especial pola Administración turística.

Estas empresas quedarán automaticamente inscritas neste Rexistro no momento no que se lles outorgue, se é o caso, a correspondente autorización turística.

2. A inscrición será voluntaria para as seguintes empresas e actividades turísticas non incluídas no apartado anterior:

a) Asociacións, federacións e confederacións empresariais.

b) Asociacións, federacións e confederacións profesionais de turismo.

c) Padroados de turismo.

d) Casinos, nos que os servicios de hostelería estarán suxeitos á súa regulamentación específica.

e) Feiras e festas típicas, sempre que a súa organización estea avalada por unha Administración pública.

f) Festas declaradas de interese turístico.

g) Empresas relacionadas co turismo deportivo: caza, pesca, hípica, golf, piscinas, clubs náuticos

e aeronáuticos, alugueiro de embarcacións de vela, canoas, lanchas, táboas de windsurf e de surf, neve e demais actividades deportivas.

h) Empresas de transporte turístico.

i) Museos.

j) Establecementos balnearios.

k) Oficinas de información turística.

l) Calquera outra que polo seu especial interese turístico, a xuízo da Administración turística, sexa susceptible da súa inclusión no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

Será requisito imprescindible, no caso destas empresas non regulamentadas, para percibi-las axudas e subvencións que en materia turística puidese establece-la Xunta de Galicia a previa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

3. As empresas que cesen na súa actividade turística deberanllo notificar, no prazo de dez días, á Administración turística, solicitando para o efecto a súa baixa.

A Administración turística revogaralles, logo de audiencia ós interesados, as autorizacións outorgadas a aquelas empresas e actividades turísticas que incumpran o deber establecido no parágrafo anterior, e a continuación procederá á cancelación da súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 26.-Réxime, comunicación e publicidade dos prezos.

Os prezos de tódolos aloxamentos turísticos e dos establecementos de restauración teñen carácter de libres, e pódenos fixar e modifica-las empresas ó longo do ano, sen máis obriga que notificalos e selalos ante a Administración turística. O selado tamén poderá ser realizado polas asociacións empresariais do sector turístico debidamente autorizadas.

Regulamentariamente estableceranse as normas sobre facturación, publicidade de prezos, réxime de reservas, cesión e anulación de servicios turísticos.

Capítulo II

Das empresas de aloxamento turístico

Artigo 27.-Concepto.

1. Son empresas de aloxamento turístico aquelas que se dedican de maneira profesional e habitual desde un establecemento aberto ó público, mediante contraprestación económica, a prestarlles un servicio de hospedaxe de forma temporal ás persoas, con ou sen prestación de servicios de carácter complementario.

2. Quedan excluídas do ámbito desta lei as residencias de tempo libre e as residencias xuvenís, que se rexerán pola súa normativa específica.

Artigo 28.-Principio de unidade de explotación.

Tódalas empresas de aloxamento turístico deberán exerce-la súa actividade baixo o principio de unidade de explotación.

Para os efectos desta lei enténdese por unidade de explotación a esixencia de sometemento a unha única unidade empresarial da actividade de explotación turística en cada establecemento aloxativo ou conxunto de unidades de aloxamento, sexa ofrecida na modalidade de bloque, conxunto ou unión de conxuntos no caso de apartamentos e establecementos de aloxamentos similares.

Enténdese por bloque o edificio ou os edificios integrados por aloxamentos que se ofrezan na súa totalidade, e enténdese por conxunto ou unión de conxuntos o agregado de unidades de aloxamentos turísticos situados nun ou varios edificios que se ofrezan como aloxamentos turísticos.

A unidade de explotación, para ser así considerada, deberá reuni-lo mínimo de servicios que se establezan para cada establecemento de aloxamento ou conxunto unitario de construccións, edificio ou parte homoxénea del, incluídos nalgunha das modalidades de aloxamento establecidas nesta lei.

Artigo 29.-Clases.

1. Poderán prestar servicios de aloxamento turístico as seguintes clases de empresas:

a) Establecementos hoteleiros.

b) Apartamentos turísticos.

c) Cidades de vacacións.

d) Acampamentos de turismo.

e) Aloxamentos en réxime de uso a tempo compartido.

f) Establecementos de turismo rural.

g) Vivendas turísticas vacacionais.

h) Calquera outra que sexa obxecto de regulamentación especial.

2. A Administración turística establecerá regulamentariamente:

a) A clasificación e a súa revisión de oficio ou por instancia de parte interesada, así como os requisitos técnicos mínimos esixidos para cada unha das modalidades de aloxamento turístico.

b) O modelo de placa identificativa, na que figurará o distintivo correspondente a cada clase e categoría de aloxamento; a súa exhibición, xunto á entrada principal, será obrigatoria para tódolos aloxamentos.

3. A Administración turística, ponderando no seu conxunto as circunstancias existentes e os requisitos técnicos mínimos esixidos, poderá razoadamente dispensar un establecemento determinado do cumprimento dalgún deles cando así o aconsellen as súas características especiais.

Especialmente poderase facer uso desta facultade cando se trate de establecementos de aloxamento

situados en edificios de especial relevancia histórico-artística.

Sección 1ª

Dos establecementos hoteleiros

Artigo 30.-Clasificación.

Os establecementos hoteleiros clasifícanse nos seguintes grupos e categorías: -Grupo primeiro: hoteis de cinco, catro, tres, dúas e unha estrelas.

-Grupo segundo: pensións de tres, dúas e unha estrelas.

Artigo 31.-Definicións.

1. Hoteis: son aqueles establecementos que, ofrecendo aloxamento con ou sen comedor e outros servicios complementarios, ocupen a totalidade dun ou varios edificios ou unha parte independizada deles, constituíndo as súas dependencias un todo homoxéneo, con accesos, escaleiras e ascensores de uso exclusivo, e que reúnan os requisitos técnicos mínimos en función da súa categoría, determinados regulamentariamente.

Os hoteis de cinco estrelas exclusivamente poderán utiliza-lo termo «gran luxo» cando, reunindo especiais condicións de confort, decoración e calidade dos seus servicios, resulten autorizados para iso.

2. Pensións: son aqueles establecementos que, ofrecendo aloxamento con ou sen comedor e outros servicos complementarios, teñan unha estructura e unhas características que lles impiden acada-los requisitos e condicións esixidos para os hoteis, estando sometidos ós requisitos técnicos mínimos en función da súa categoría, determinados regulamentariamente.

Artigo 32.-Pousadas.

1. O termo pousada queda reservado ós establecementos de aloxamento turístico propiedade da Xunta de Galicia, que en todo caso deberán reunir especiais características en canto á súa localización en lugares de gran beleza ou ben unha tipoloxía arquitectónica acorde co estilo e tipismo da súa zona.

2. As administracións locais que promovan establecementos hoteleiros da súa propiedade e que posúan características similares ás pousadas poderán ser autorizadas pola Administración turística para usa-la denominación pousada nos ditos establecementos.

Artigo 33.-Tipos ou especialidades.

1. Os establecementos hoteleiros poderán obter da Administración turística o recoñecemento da súa especialización.

Os tipos ou as especialidades outorgaranse en función das instalacións, das modalidades de explotación e dos servicios ofertados, así como da tipoloxía da demanda.

2. A lista de especialidades, tales como hoteis-apartamentos, moteis, praias, montaña, balneario, deportivo, familiar, club, cidade, gastronómico, parador, pousada ou calquera outro tipo, e os requisitos esixibles a cada unha, será determinada regulamentariamente pola Administración turística.

Artigo 34.-Bases de clasificación.

1. Tódolos establecementos hoteleiros deberán cumpri-la normativa vixente en materia de construcción e edificación, instalación e funcionamento de maquinaria, sanidade e consumo e seguridade e hixiene.

2. Para os efectos da clasificación dos hoteis na categoría que soliciten ser incluídos valorarase a calidade da oferta en instalacións e servicios, as condicións de equipamento das habitacións e dos cuartos de baño, as prestacións para as persoas discapacitadas e unha recepción suficiente e permanentemente atendida, así como as dependencias de uso común para os clientes e os servicios complementarios.

Sección 2ª

Dos apartamentos turísticos

Artigo 35.-Definición.

Considéranse como turísticos os bloques ou conxuntos de apartamentos, casas, bungalows e demais edificacións similares que, dispoñendo das necesarias instalacións e servicios, oferten de maneira profesional e habitual, mediante contraprestación económica, aloxamento turístico.

Artigo 36.-Clasificación.

Os apartamentos turísticos clasifícanse nas seguintes categorías: apartamentos de catro, tres, dúas e unha chaves.

Artigo 37.-Instalacións.

Os apartamentos turísticos dispoñerán, na forma sinalada regulamentariamente, das necesarias infraestructuras, instalacións e equipamentos, e en particular dos relativos a electricidade, auga potable, recollida e tratamento do lixo e tratamento de augas residuais, así como dos demais servicios adecuados ó seu uso turístico.

Artigo 38.-Aplicación do principio de unidade de explotación ás comunidades de propietarios e propiedades múltiples.

1. Cando os propietarios dos edificios ou conxuntos de apartamentos turísticos sexan múltiples, xa sexa en réxime de copropiedade, comunidade ou similar, a súa explotación turística terase que realizar necesariamente a través dunha única titularidade, tanto persoa física coma xurídica.

Se a titularidade é posuída por unha persoa xurídica, a dita sociedade poderá estar constituída polos copropietarios dos inmobles ou polas persoas interesadas na xestión turística.

2. A empresa explotadora deberá obter dos propietarios un título xurídico que a habilite para a explotación do inmoble, cunha duración mínima de tres anos, co obxecto de garanti-las posibles responsabilidades derivadas da explotación.

O dito título xurídico, estendido en documento público ou privado con sinaturas notarialmente lexitimadas, terá que ser acreditado ante a Administración turística para obte-la autorización correspondente.

3. A empresa explotadora terá que asumi-la explotación da totalidade das unidades do inmoble de que se trate.

Excepcionalmente, a Administración turística poderá autoriza-la explotación dun número menor ó total de unidades, se a xestión abrangue como mínimo os dous tercios do total da comunidade e están diferenciados os espacios comúns que lles corresponda utilizar da explotación turística. O resto das unidades do edificio non poderán ser destinadas á dita actividade turística.

Sección 3ª

Das cidades de vacacións

Artigo 39.-Definición.

Son cidades de vacacións aqueles establecementos de aloxamento que, debido á súa especial situación física, instalacións e servicios, lles permiten ós seus usuarios a vida ó aire libre en contacto coa natureza e a práctica de deportes en amplos espacios abertos, facilitándolles hospedaxe mediante contraprestación económica.

Artigo 40.-Clasificación.

As cidades de vacacións clasificaranse, en atención ás instalacións, equipamentos e servicios ofertados, nas categorías de tres, dúas e unha estrelas.

Sección 4ª

Dos acampamentos de turismo

Artigo 41.-Concepto e definición.

1. Enténdese por acampamento de turismo, tamén denominado cámping, o espacio de terreo debidamente delimitado, dotado e acondicionado para a súa ocupación temporal por persoas que pretendan facer vida ó aire libre con fins vacacionais ou de ocio e que pasen a noite en tendas de campaña, albergues móbiles, remolques, caravanas ou outros elementos similares facilmente transportables.

2. Estes asentamentos temporais non terán carácter de residencia habitual nin as súas instalacións de aloxamento terán a condición de permanentes desde o punto de vista constructivo ou de edificación.

Non obstante, a Administración turística poderá autorizar nos acampamentos de turismo construccións fixas destinadas ó aloxamento temporal sempre que se trate de edificacións independentes ou encostadas de planta baixa e que sexan explotadas polo

titular do establecemento e sempre e cando non superen o vintecinco por cento da oferta total das prazas do acampamento.

Regulamentariamente determinaranse a superficie máxima de parcelas destinadas a este uso e os demais requisitos e condicións esixibles. En todo caso, na instalación de acampamentos de turismo terase en conta a necesaria preservación dos valores naturais ou urbanos, artísticos, paisaxísticos, agrícolas e forestais do territorio de que se trate.

3. As disposicións desta lei non lles serán aplicables ós albergues e acampamentos xuvenís, centros e colonias de vacacións escolares, fixos ou itinerantes, que se rexerán pola súa normativa específica.

4. Regulamentariamente a Xunta determinará a superficie mínima dos acampamentos de turismo, o número de prazas que se van instalar entre as diferentes categorías, os criterios de utilización e as medidas que se deben adoptar para a preservación dos recursos turísticos.

Artigo 42.-Normas xerais.

1. Queda expresamente prohibida por esta lei a libre acampada en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Para os efectos desta lei enténdese por acampada libre a realizada fóra dos acampamentos de turismo.

2. Non obstante, poderanse realizar acampadas itinerantes, de acordo co que se estableza regulamentariamente, respectando os dereitos de propiedade e do uso do solo.

Para os efectos do disposto nesta lei enténdese por acampadas itinerantes as realizadas fóra dos acampamentos de turismo, por grupos integrados por un máximo de tres tendas, caravanas ou calquera outro medio de acampamento, separados doutros posibles grupos por unha distancia mínima de cincocentos metros e cunha permanencia máxima de dúas noites no mesmo lugar, aínda que para pasa-la segunda noite será requisito imprescindible obter, se é o caso, a necesaria autorización municipal. En cada núcleo de acampamento itinerante non se poderán aloxar máis de nove persoas.

A Administración autonómica e as corporacións locais poderán establecer prohibicións de acampadas itinerantes por razóns de protección de espacios de interese natural, paisaxístico ou cultural. Todo iso sen prexuízo da concesión de permisos especiais por motivos de investigación, estudio, exploración ou análogos.

3. Queda prohibida a venda ou o alugueiro de parcelas nos acampamentos de turismo.

Artigo 43.-Clasificación.

1. Os acampamentos de turismo clasificaranse, de acordo coas súas instalacións e servicios, nas catro categorías seguintes: luxo, primeira, segunda e terceira.

2. Para determina-las respectivas categorías teranse en conta necesariamente os requisitos seguintes: circunstancias relativas á localización e superficie, capacidade de aloxamento, accesos e estacionamentos, sistemas de protección contra incendios, instalacións de auga potable, tratamento e evacuación das augas residuais, instalacións eléctricas e comunicacións, servicios hixiénicos, sanitarios e de asistencia médica, e instalacións recreativas e deportivas, así como condicións de seguridade e vixilancia.

Artigo 44.-Localización e garantías.

1. As administracións públicas prestaranlle especial atención á localización dos acampamentos de turismo para garanti-la súa seguridade respecto de fenómenos meteorolóxicos.

2. Os cámpings deberán ter contratada unha póliza de seguros de responsabilidade civil que garanta o normal desenvolvemento da súa actividade así como aqueloutras consecuencias que deriven de catástrofe producida por accidentes ou fenómenos metereolóxicos. Tal documento deberá achegarse coa solicitude de apertura do establecemento.

Sección 5ª

Dos aloxamentos en réxime de aproveitamento por quenda

Artigo 45.-Os aloxamentos en réxime de aproveitamento por quenda.

1. Quedan sometidos ás disposicións desta lei os aloxamentos en réxime de aproveitamento por quenda, sen prexuízo do establecido na lexislación do Estado, dictada ó abeiro do artigo 149.1.6ª e 8ª da Constitución.

2. Para os efectos do disposto no apartado anterior enténdese por dereito de aproveitamento por quenda aquel que lle atribúe ó seu titular a facultade de desfrutar, con carácter exclusivo, durante un período específico de cada ano, dun departamento susceptible de utilización independente por ter saída propia á vía pública ou a un elemento común do edificio no que estivese integrado, e que estea dotado, de xeito permanente, co mobiliario adecuado para o efecto. A facultade de desfrute non abrangue as alteracións do departamento, nin do seu mobiliario.

Sección 6ª

Do turismo rural e agroturismo

Artigo 46.-Concepto e definición.

1. Son establecementos de turismo rural aquelas edificacións situadas no medio rural que, reunindo características singulares de construcción, antigüidade e tipicidade galega, ou que desenvolvendo actividades agropecuarias, prestan servicios de aloxamento turístico mediante prezo.

2. Os establecementos de turismo rural conservarán as súas denominacións propias, de conformidade cos criterios do órgano competente en materia

de patrimonio histórico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 47.-Grupos e modalidades.

1. Atendendo á súa singularidade edificativa e valor arquitectónico, os aloxamentos turísticos rurais clasifícanse en tres grupos:

Grupo A.

Comprende os seguintes tipos de edificacións: pazos, castelos, mosteiros, casas grandes e casas rectorais e aqueloutras que, polas súas singulares características e valor arquitectónico, son recoñecidas como tales polos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Grupo B.

Comprende este grupo as casas de aldea situadas no medio rural que, pola súa antigüidade e características de construcción, responden á tipicidade propia das casas rústicas galegas.

Grupo C.

Neste grupo inclúense as casas de labranza, entendendo como tales as casas situadas no medio rural e con habitacións dedicadas ó aloxamento de hóspedes, nas que se desenvolverán actividades agropecuarias nas que poidan participa-los clientes aloxados. Esta forma de turismo é a definida como agroturismo.

2. Regulamentariamente poderanse establecer novos grupos ou modalidades destes establecementos.

Artigo 48.-Acondicionamento dos establecementos de turismo rural.

As obras que se realicen nos establecementos de turismo rural para o seu acondicionamento como aloxamentos turísticos deberán respectar, en todo caso, a súa orixinal tipoloxía arquitectónica.

Sección 7ª

Das vivendas turísticas

Artigo 49.-Vivendas turísticas vacacionais.

Co fin de garanti-la coordinación da oferta e os dereitos dos usuarios, determinarase regulamentariamente o aloxamento en unidades illadas de apartamentos, bungalows, vivendas unifamiliares e en xeral en calquera vivenda ofrecida por motivos vacacionais ou turísticos, mediante contraprestación económica.

En todo caso, referirase só ó aloxamento en piso completo ou vivenda unifamiliar, e non por habitacións, quedando expresamente prohibido o aloxamento en vivendas particulares.

Sección 8ª

Dos establecementos balnearios

Artigo 50.-Empresas que presten servicios de balneario, medicina preventiva e rexenerativa e de rehabilitación.

As empresas ás que fai referencia a Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os centros de talasoterapia que dispoñan de instalacións complementarias turísticas, suxeitaranse ás disposicións desta lei en todo o relativo ó exercicio das súas actividades turísticas nas ditas instalacións.

Sección 9ª

Calidade das instalacións nos establecementos de aloxamento turístico

Artigo 51.-Calidade das instalacións.

Tódolos establecementos turísticos están obrigados a conservar en perfecto estado as súas instalacións e a mante-los dous requisitos mínimos esixidos no seu momento para a súa autorización.

Os concellos, e subsidiariamente a Administración turística competente, poderán, en calquera momento, requirir dos titulares dos establecementos turísticos a execución das obras de conservación e mellora das fachadas ou dos espacios visibles desde a vía pública.

Os concellos e os organismos competentes poderán ordenar por motivos de interese turístico ou estético a execución de obras de conservación e de reforma en fachadas e espacios visibles desde a vía pública, sen que estean incluídos en ningún plan de ordenación.

En todo caso, as construccións ou obras en establecementos turísticos situados en lugares inmediatos ou que formen parte dun grupo de edificios de carácter artístico, histórico, típico ou tradicional deberán harmonizar con aquel, ou con calquera outro edificio de caracteres similares ós indicados, cando non exista ningún conxunto.

Artigo 52.-Calidade dos servicios e capacitación do persoal.

A calidade dos servicios e a capacitación e reciclaxe do persoal serán obxecto de especial atención por parte da Administración turística galega.

Para os efectos da clasificación dos establecementos de aloxamento turístico valoraranse obxectivamente os factores físicos de calidade en materia de infraestructura e edificación e a oferta de instalacións e servicios na forma que regulamentariamente se determine. En todo caso teranse en conta:

a) As circunstancias que concorren no edificio no que está instalado o establecemento e a súa situación.

b) As condicións e o equipamento das habitacións, dos cuartos de baño e das instalacións de uso común para os clientes.

c) Os servicios complementarios.

d) O número do persoal en función da súa estructura receptiva.

e) A idónea formación e capacitación técnico-profesional do persoal.

f) As condicións sanitarias e de seguridade.

g) As prestacións para persoas discapacitadas.

h) A calidade da oferta, no seu conxunto, en instalacións, servicios e capacitación do persoal.

Artigo 53.-Sobrecontratación da capacidade de aloxamento.

As empresas de aloxamento serán responsables ante os seus clientes e ante a Administración turística da reserva confirmada de prazas en número superior ás dispoñibles, e terán a obriga de aloxa-lo usuario que soporte a sobrecontratación noutro establecemento de categoría igual ou superior á ofertada e na mesma zona, se o houbese. No caso de que non fose posible aloxalo na forma sinalada anteriormente, aloxarao en calquera outro establecemento, indemnizándoo polos danos ocasionados.

Os gastos de traslado ata o establecemento definitivo de aloxamento e o sobreprezo, se é o caso, serán sufragados pola empresa causante da sobrecontratación.

As responsabilidades administrativas dos intermediarios turísticos serán determinadas no expediente que se instrúa.

Capítulo III

Das empresas de restauración

Artigo 54.-Concepto e suxeitos.

1. Son establecementos de restauración aqueles nos que a actividade principal é a de subministrar habitualmente e mediante prezo comidas e bebidas para a súa consumición no mesmo local ou noutro lugar.

2. Os establecementos que leven a cabo as actividades definidas no número 1 deste artigo teñen a consideración de establecementos de utilización pública, sen prexuízo de que poidan ser establecidas normas ou condicións sobre o uso dos seus servicios e instalacións.

3. Quedan excluídos das disposicións desta lei os comedores universitarios, os escolares e os laborais e calquera outro que lles preste os seus servicios a continxentes particulares e non ó público en xeral, nos termos que se sinalen regulamentariamente.

Artigo 55.-Clasificación.

Regulamentariamente estableceranse os requisitos e as condicións de funcionamento, instalacións e servicios dos restaurantes, cafeterías, bares e demais establecementos de restauración.

Artigo 56.-Definicións de restaurantes, cafeterías e bares.

1. Restaurante: é aquel establecemento que dispón de cociña e comedor co fin de ofrecer xantares e ceas, mediante prezo, para ser consumidos no mesmo local.

Os restaurantes clasifícanse en: restaurantes de cinco, catro, tres, dous e un garfos.

Tódolos restaurantes terán a obriga de lles ofrecer ós usuarios as cartas de pratos e viños, que incluirán as relacións de comidas e bebidas, respectivamente, que ofreza o establecemento, nas que consten os prezos correspondentes, cartas que conxuntamente se lle facilitarán ó cliente no momento no que este solicite os servicios.

Aqueles restaurantes que reúnan especiais características de edificación, antigüidade e localización xeográfica, fixadas nas disposicións que se establezan, poderán usar, logo de autorización administrativa, a denominación de casas de comidas.

2. Cafetería: é aquel establecemento que nunha mesma unidade espacial dispón de barra e servicios de mesa, carecendo de comedor, co fin de lle ofrecer ó público, mediante prezo e a calquera hora do horario de apertura, xelados, refrescos e bebidas en xeral, así como tapas frías ou quentes, bocadillos e pratos simples ou combinados de elaboración sinxela e rápida, en frío ou á prancha.

As cafeterías clasifícanse en: cafeterías de tres, dúas e unha cuncas.

3. Bar: é aquel establecemento que dispón de barra e que, carecendo de comedor, tamén pode dispoñer de servicios de mesa na mesma unidade espacial, co fin de lle proporcionar ó público, mediante prezo, bebidas, acompañadas ou non de tapas e bocadillos, e, como máximo, un «prato do día».

Poderán usa-la denominación de café-bar os bares que ofrezan, entre as súas bebidas, cafés.

Aqueles bares que reúnan especiais características de edificación, antigüidade e localización xeográfica, fixadas nas disposicións que se establezan, poderán usar, logo de autorización administrativa, a denominación de tabernas.

Tódolos establecementos definidos neste artigo exhibirán obrigatoriamente, nun lugar visible e para os efectos de información, unha placa identificativa correspondente á súa clasificación.

4. Regulamentariamente poderanse establecer novos grupos e categorías de establecementos de restauración.

Capítulo IV

Da actividade de intermediación turística

Artigo 57.-A intermediación turística.

Constitúe a intermediación turística a actividade empresarial de quen se dedica, profesional e comercialmente, ó exercicio de actividades de mediación e organización de servicios turísticos, podendo utilizar para iso medios propios.

Os intermediarios turísticos non poderán contratar con aqueles titulares de establecementos que non reúnan as condicións esixidas por esta lei.

Artigo 58.-As axencias de viaxes.

Teñen a consideración de axencias de viaxes as empresas que, en posesión do oportuno título-licencia, exercen actividades de intermediación turística.

A denominación de «axencias de viaxes» queda reservada exclusivamente ás empresas ás que se refire o parágrafo anterior. Os termos «viaxe» ou «viaxes» só os poderá utilizar quen teña a condición legal de axencia de viaxes, como todo ou parte do título do que se sirvan para as súas actividades.

Non terán a consideración de axencias de viaxes as empresas recollidas no apartado i) do artigo 3 desta lei.

Artigo 59.-Obxecto.

1. Son actividades propias das axencias de viaxes:

-A mediación na venda de billetes ou reserva de prazas en toda clase de medios de transporte e a reserva de habitacións e servicios nas demais empresas turísticas.

-A organización e venda de paquetes turísticos, considerando como tales a organización, venda e realización de servicios combinados por un prezo global.

-A actuación por delegación e correspondencia doutras axencias nacionais ou estranxeiras para a prestación, no seu nome, dos servicios enumerados nos dous parágrafos anteriores.

As anteriores actividades están reservadas exclusivamente ás axencias de viaxes, sen prexuízo das facultades conferidas pola lexislación vixente ás demais empresas turísticas para contrata-los seus servicios directamente cos seus clientes, así como as atribuídas a TIVE-Galicia, mediante o Real decreto 1.459/1989, do 1 de decembro, de ampliación de medios á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de xuventude.

2. Malia o disposto no apartado anterior, non será obstáculo á cualificación como axencia de viaxes a prestación, na forma sinalada pola lexislación aplicable, dos servicios de cambio de divisas, alugueiro de vehículos, fretes de transporte terrestre, marítimos e aéreos e, en xeral, calquera outro servicio complementario de interese turístico.

Artigo 60.-Clasificación das axencias de viaxes.

As axencias de viaxes clasifícanse en tres grupos:

-Maioristas: aquelas axencias que proxectan, elaboran, organizan e realizan toda clase de servicios e paquetes turísticos para llelos ofrecer ou vender a outras axencias, non lle podendo ofrecer ou vende-los seus servicios directamente ó público.

-Minoristas: aquelas axencias que comercializan ou ben os productos das axencias maioristas ou ben os seus propios con venda directa ó usuario ou consumidor, non lles podendo ofrecer ou vende-los seus productos a outras axencias.

-Maioristas-minoristas: aquelas axencias que proxectan, elaboran e organizan toda clase de servicios e paquetes turísticos para o seu ofrecemento ou venda directa ó público e tamén a outras axencias, sempre que non limiten a súa función á actividade maiorista.

Artigo 61.-Autorizacións e actuacións de obrigado cumprimento.

1. Para o exercicio das actividades propias das axencias de viaxes será necesario contar co preceptivo título-licencia, que outorgará a Administración turística unha vez cumpridos os requisitos de capital mínimo, seguro de responsabilidade civil e fianza que regulamentariamente determine a Xunta de Galicia atendendo ó seu tipo e número de sucursais.

2. Unha vez obtido o correspondente título-licencia, as axencias de viaxes deberán realizar, en tempo e forma, aqueloutras actuacións necesarias para o inicio da súa actividade de acordo co que así mesmo se dispoña regulamentariamente.

3. Calquera modificación relativa ó titular, dirección, situación, denominación e grupo deberalle ser comunicada á Administración turística competente para a súa autorización.

Así mesmo, no caso de sociedades mercantís, calquera modificación substancial dos seus estatutos sociais teráselle que comunicar á Administración turística.

As axencias de viaxes que desexen utilizar marcas comerciais diferentes ó seu nome deberanllo comunicar á Administración turística competente para a súa autorización.

4. Cando unha axencia de viaxes radicada na Comunidade Autónoma de Galicia ou noutra Comunidade Autónoma desexe establecer sucursais en Galicia deberá solicitar para cada unha delas a correspondente autorización da Administración turística, achegando a documentación que para o efecto se determine.

Artigo 62.-Axencias estranxeiras.

As axencias de viaxes estranxeiras poderán establecer unha ou varias delegacións na Comunidade Autónoma de Galicia, logo de obtención da Administración turística do correspondente título-licencia.

Artigo 63.-Garantía.

As axencias de viaxes e as delegacións de axencias estranxeiras quedarán obrigadas a constituír e a manter en permanente vixencia unha garantía suficiente destinada a asegura-lo cumprimento das obrigas económicas que se refiran a débitos orixinados por servicios proporcionados ós seus clientes no exercicio da súa xestión, así como ó pagamento das sancións que, se é o caso, correspondese impoñerlles.

A garantía revestirá unha das formas seguintes:

1) Garantía individual: mediante o depósito de metálico ou de valores, mediante aval e mediante contrato de seguro de caución.

2) Garantía colectiva: mediante inclusión voluntaria das axencias de viaxes, a través das asociacións legalmente constituídas, nun fondo solidario de garantía.

As ditas garantías deberanse constituír na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia á disposición da Administración turística.

Os importes das garantías e as modificacións na cobertura por variación no número de establecementos ós que afecte a garantía, execución, cancelación, substitución e afeccións delas serán determinados regulamentariamente.

A garantía non poderá ser cancelada nin substituída durante a tramitación dun expediente sancionador ou de revogación, renuncia ou baixa de licencia, nin ata despois de transcorrido un ano desde que a resolución correspondente ó expediente sexa firme.

Artigo 64.-Exercicio da actividade.

As axencias de viaxes farán constar en toda a documentación que utilicen, así como en todo tipo de publicidade que realicen, tódolos datos necesarios para a súa correcta e perfecta identificación.

A publicidade das axencias de viaxes responderá ós principios de utilidade, precisión e veracidade, de acordo co establecido ó respecto nesta lei.

As axencias de viaxes axustarán en todo momento o exercicio da súa actividade ás disposicións vixentes en materia turística.

Artigo 65.-Revogación do título-licencia.

A Administración turística poderá revoga-lo título-licencia das axencias de viaxes da forma que se determine regulamentariamente, por algunha das causas seguintes:

1) Tódalas previstas no ordenamento xurídico español para a extinción de sociedades mercantís, se é o caso, así como a reducción do capital social por debaixo dos mínimos establecidos.

2) A non realización das actuacións ás que fai referencia o artigo 61 desta lei.

3) O incumprimento da obriga de constitución, mantemento e actualización da garantía.

4) A non comunicación do cesamento da actividade ó Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, nos termos previstos no artigo 25 desta lei.

5) Aqueloutras determinadas regulamentariamente.

Capítulo V

Das profesións turísticas

Artigo 66.-Concepto.

1. Considéranse actividades profesionais turísticas as relativas á prestación, de maneira habitual e retribuída, de servicios específicos nas empresas turísticas, as actividades turístico-informativas e aqueloutras que conforme as titulacións, condicións e demais requisitos se determinen regulamentariamente.

2. A Administración turística adoptará as medidas necesarias de apoio ó exercicio, formación e perfeccionamento das actividades propias das profesións turísticas.

Artigo 67.-Actividades turístico-informativas.

Considéranse actividades turístico-informativas as encamiñadas á prestación, de maneira habitual e retribuída, de servicios de información ó turista.

Artigo 68.-Guías de turismo especializados.

l. Para a realización de servicios de información turística nos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia a que fai referencia a Lei galega 8/1995, do 30 de outubro, terase que estar en posesión da habilitación de guía de turismo especializado, outorgada pola Administración turística.

2. Regulamentariamente determinaranse as condicións de acceso, o ámbito de actuación e os demais requisitos relativos ó exercicio da dita profesión.

Título V

Promoción e fomento do turismo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 69.-Promoción e fomento da actividade turística.

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia o fomento e a promoción do turismo de Galicia, sen prexuízo da participación correspondente das administracións locais e das competencias do Estado.

2. As ofertas institucionais, locais, comarcais ou provinciais que se realicen en feiras ou exposicións no exterior de Galicia deberanse integrar no espacio común á totalidade da oferta turística galega, de tal xeito que sempre se identifique Galicia como unidade territorial, presidindo toda promoción. A Comunidade Autónoma poderá establecer excepcións en función das circunstancias que concorran en determinados casos especiais.

Artigo 70.-Principios de actuación.

As actuacións en materia de promoción e fomento do turismo de Galicia rexeranse polos principios de eficacia e economía de medios.

Capítulo II

Medidas de promoción e fomento

Artigo 71.-Da promoción turística.

A Xunta de Galicia adoptará en materia de promoción do turismo as medidas máis axeitadas para potenciar e promociona-la imaxe de calidade de Galicia como destino turístico.

As súas principais actuacións, sen prexuízo das competencias da Administración do Estado, comprenderán:

a) O deseño e a execución de campañas de promoción turística de Galicia.

b) A participación en feiras e certames relacionados co sector turístico.

Artigo 72.-Estímulo promocional.

A Xunta de Galicia poderá instituír e declarar festas de interese turístico aquelas manifestacións que supoñan unha valoración da cultura e das tradicións populares que teñan unha especial importancia como atractivo turístico. A súa declaración farase segundo se determine regulamentariamente en función da antigüidade, singularidade ou arraigamento.

Artigo 73.-Do fomento do turismo.

A Administración turística da Comunidade Autónoma galega levará a cabo programas para a potenciación da súa oferta turística, a través de medidas de fomento que permitan acadar, entre outros, os seguintes obxectivos:

1) Diversificación da oferta turística: contribuír a unha maior diversificación da oferta turística, a través de medidas de fomento para a posta en valor do patrimonio turístico galego, revitalizando costumes, festas, tradicións populares e demais recursos turísticos, restaurando o patrimonio histórico, artístico e cultural e preservando e potenciando o noso medio natural.

2) Segmentación da oferta turística: potencia-lo desenvolvemento de:

a) Turismo rural e de interior, como sectores turísticos alternativos de calidade, fomentando así a rehabilitación e conservación da gran riqueza histórico-artística do ámbito rural e tamén os seus atractivos medioambientais.

b) Turismo de costa, aproveitando a cantidade e pluralidade da oferta turística galega vinculada a este sector e fomentando a preservación da calidade das augas e praias galegas, así como a paisaxe e o medio ambiente litoral.

c) Turismo de convencións e congresos.

d) Turismo náutico.

e) Turismo termal en establecementos balnearios.

f) Turismo activo vinculado con todo tipo de actividades deportivas e de contacto coa natureza.

g) Turismo cultural.

h) Calquera outro segmento emerxente da continua evolución e cambios do mercado turístico.

3) Mellora da infraestructura turística: estimula-la mellora da calidade e da competitividade da oferta turística, mediante as seguintes accións:

a) Impulsa-las agrupacións de empresas e as actuacións empresariais conxuntas que posibiliten a mellora da productividade mediante a diminución de custos, prestacións de servicios en común ou outras accións análogas.

b) Facilitar, cos requisitos pertinentes, para os efectos do establecido nesta lei, a reclasificación das empresas turísticas en grupos ou categorías superiores.

c) Apoia-la modernización e mellora das infraestructuras das empresas a través da renovación e dotación das súas instalacións, introducción de novos equipos ou substitución dos xa obsoletos e implantación de servicios complementarios das súas ofertas turísticas, así como o fomento da elevación da categoría dos establecementos turísticos.

d) Incentiva-lo crecemento selectivo e cualitativo da oferta turística como medida para mellora-la súa competitividade, adecuándoo á demanda do mercado.

e) Potenciar aquelas actividades que pola súa importancia cultural e valor das tradicións populares galegas constitúan un atractivo turístico importante e sexan susceptibles de ser declaradas pola Xunta de Galicia como de «interese turístico».

f) Contribuír á realización de actividades consistentes na elaboración de estudios, publicacións e investigacións sobre o sector turístico.

g) Potencia-las actuacións das corporacións locais en materia de turismo relativas á dotación de infraestructuras, equipamentos ou servicios de interese turístico, así como á promoción dos seus recursos turísticos.

Así mesmo, potenciarán a agrupación de esforzos dos concellos que permitan configurar áreas comarcais cunha oferta turística complementaria e integrada.

h) Potencia-los programas de iniciativa pública ou privada tendentes a protexe-lo medio ambiente natural das zonas turísticas.

Para estes efectos e os relativos á potenciación dos recursos turísticos en xeral, a Administración turística outorgará preferencia ós proxectos e accións naqueles municipios que adoptasen medidas tendentes á conservación, potenciación e posta en valor do seu patrimonio natural e cultural.

Tódalas accións de fomento e promoción ás que fai referencia este capítulo desenvolveranse no marco dos plans e proxectos de ordenación turística ós que fai referencia esta lei, e en particular do Plan

galego de promoción do turismo e dos plans e proxectos sectoriais.

Artigo 74.-Axudas e subvencións.

A Administración turística poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable, liñas de axuda e outorgarlles subvencións a empresas turísticas, corporacións locais e outras entidades e asociacións como medidas para estimula-la realización das accións fixadas nos programas de promoción e fomento do turismo.

A concesión de subvencións a todo tipo de entidades para a recuperación, restauración e rehabilitación de bens de interese turístico, sexan culturais, históricos, arqueolóxicos, artísticos ou doutro tipo, que poidan producir fluxos turísticos levará sempre aparellada a esixencia inescusable de asegura-lo acceso a eles dos usuarios nas condicións que se determinen, expresada ben na disposición normativa que anuncie as ditas subvencións ou a través do correspondente convenio de colaboración.

A concesión das subvencións e apoios citados respectará os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, así como as normas xerais sobre a libre competencia, sen prexuízo da normativa da Unión Europea.

Artigo 75.-Fomento dos estudios turísticos.

1. A Administración turística propiciará a unificación de criterios na programación dos estudios de formación regrada e ocupacional do sector turístico e promoverá o acceso á formación continua dos traballadores ocupados do sector.

Así mesmo, apoiará a formación turística destinada á adquisición de novos coñecementos e tecnoloxías e a formación de formadores.

2. A Administración turística impulsará a subscrición de acordos e convenios coas universidades para a elaboración de programas e plans de estudios en materia turística.

Título VI

Disciplina turística

Capítulo I

Principios xerais da potestade sancionadora en materia turística

Artigo 76.-Obxecto.

O obxecto deste título é a tipificación das infraccións e a determinación das sancións, así como a regulación da inspección e o procedemento sancionador aplicable en materia de turismo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 77.-Suxeitos responsables.

1. Serán reponsables administrativamente das infraccións en materia de turismo as persoas físicas e xurídicas, titulares das empresas, dos establecementos ou das instalacións radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, que, exercendo profesión ou

actividade turística regulamentada, realicen as accións ou omisións tipificadas como infraccións por esta lei, con independencia da súa posesión de licencia ou autorización administrativa.

2. O titular da empresa, establecemento ou actividade turística será responsable administrativamente das infraccións cometidas polo persoal afecto ó seu servicio, sen prexuízo das accións de resarcimento que resulten procedentes.

3. Cando o cumprimento das obrigas previstas na norma infrinxida lles corresponda a varias persoas conxuntamente, responderán estas de forma solidaria das infraccións cometidas e das sancións que se impoñan.

Artigo 78.-Obrigas dos titulares das empresas e actividades turísticas.

1. Os titulares de empresas e actividades turísticas, os seus representantes legais e empregados debidamente autorizados ou, no seu defecto, os que se encontren á fronte delas no momento da inspección teñen a obriga de lles facilitar ós inspectores de turismo o acceso e a inspección das dependencias e instalacións e o exame dos documentos, libros e rexistros preceptivos relacionados coa actividade turística, e de lles facilita-la obtención de copias ou reproduccións desta documentación, así como a comprobación de cantos datos sexan precisos para os fins da inspección.

2. Nos establecementos onde se realice unha actividade turística deberá existir un libro de visitas de inspección turística á disposición dos inspectores de turismo, coas características que regulamentariamente se determinen, no que se reflectirán as inspeccións que se leven a cabo e as súas circunstancias.

3. Se por requirimento da Administración turística se tivese que presentar algún documento, levantarase a correspondente dilixencia de entrega, que deberá ser asinada por persoa con facultade para representa-la empresa.

Capítulo II

Da Inspección turística

Artigo 79.-Inspección das empresas turísticas.

A verificación e o control do cumprimento das obrigas impostas por esta lei e demais normativa turística aplicable correspóndenlles ós inspectores de turismo.

Artigo 80.-Escala da Inspección turística.

Para o exercicio das actividades de inspección turística créase, dentro do corpo de xestión da Xunta de Galicia, grupo B, a escala técnica de Inspección turística, e a súa estructura, dependencia e funcionamento orgánico serán establecidos regulamentariamente.

Artigo 81.-Funcións da Inspección turística.

Son funcións da Inspección turística as seguintes:

1) Vixilancia e comprobación do cumprimento das disposicións e normativa vixente en materia de turismo.

2) Investigación dos feitos obxecto tanto das reclamacións e denuncias dos usuarios coma das comunicacións de presuntas infraccións.

3) Constatación da existencia de infraestructuras e dotación dos servicios obrigatorios esixidos pola lexislación turística.

4) Asesoramento ás empresas turísticas sobre o cumprimento e a aplicación da normativa vixente.

5) Emisión dos informes técnicos que lle solicite a Administración turística, nos seguintes casos:

a) Apertura e clasificación de novos establecementos e instalacións turísticas e demais autorizacións necesarias para o funcionamento das empresas turísticas, así como para as modificacións, cambios de actividade e reclasificacións.

b) Pechamento de establecementos.

c) Control da execución das accións subvencionadas e vixilancia do cumprimento das condicións requiridas ou dos convenios asinados que motivaron a concesión de subvencións por parte da Administración turística.

d) Estado das infraestructuras turísticas.

e) Calquera outro informe que lle sexa solicitado.

6) Todas aqueloutras funcións que regulamentariamente se lle atribúan.

Para o exercicio destas funcións, a Inspección turística poderá efectuar visitas de comprobación, examina-la documentación do administrado relacionada coa súa actividade turística e realizar citacións ós empresarios turísticos ou ós seus representantes, nas que constará a data, lugar, hora e obxecto da comparecencia, así como os efectos de non atendela.

Artigo 82.-Facultades e deberes do corpo de inspectores de turismo.

1. Facultades.

Os inspectores de turismo, no exercicio das súas funcións, terán a consideración de axentes da autoridade, coas facultades e protección que lles confire a normativa vixente.

O persoal inspector estará provisto da correpondente acreditación, coa que se identificará no desempeño das súas funcións.

Cando o consideren preciso, os inspectores de turismo poderán solicitar, no exercicio das súas funcións, o apoio, concurso, auxilio e protección que necesiten doutras administracións públicas.

2. Deberes.

O persoal dos servicios de Inspección de turismo deberá gardar segredo e sixilo profesional, e no caso

de incumprimento deste deber será sancionado de acordo coas disposicións vixentes na materia.

No exercicio das súas funcións, sen mingua da súa autoridade e do cumprimento dos seus deberes, a Inspección turística gardará cos administrados a maior consideración e cortesía e informaraos, con motivo das súas actuacións, dos seus dereitos e dos seus deberes, así como da conducta que deben seguir nas súas relacións coa Administración turística, para facilitárlle-lo cumprimento das súas obrigas.

A Inspección turística poñerá en coñecemento dos departamentos ou organismos que correspondan as deficiencias detectadas no curso das súas actuacións que, podendo constituír infracción, incidan no ámbito de calquera outro departamento ou organismo da Administración.

Da mesma maneira, as posibles infraccións en materia turística detectadas polos inspectores ou funcionarios doutros servicios da Xunta de Galicia seranlle comunicadas á Administración turística, que actuará no ámbito das súas competencias.

Artigo 83.-Documentación da actuación inspectora.

l. Tódalas actuacións da Inspección turística documentaranse en actas, dilixencias, comunicacións e informes.

2. As actas e dilixencias estendidas pola Inspección turística teñen natureza de documentos públicos e constituirán a proba dos feitos que motiven a súa formalización, salvo que se acredite o contrario.

Artigo 84.-Actas de inspección.

1. Os resultados da función inspectora de vixilancia e comprobación do cumprimento da normativa turística vixente serán recollidos na acta de inspección correspondente, na que se consignarán, ademais dos datos identificativos da empresa ou establecemento de que se trate, a referencia expresa dos feitos constatados e cantas circunstancias contribúan á súa mellor determinación e valoración.

2. A acta de inspección será levantada en presencia do titular da empresa ou establecemento, do seu representante ou, se é o caso, de calquera persoa dependente daquel.

3. Cando a Inspección turística estime que os feitos ou comportamentos que deron lugar á inspección poden ser constitutivos de infracción administrativa, deberase facer constar nunha acta de infracción, na que se describirán os feitos e os preceptos normativos que se consideren vulnerados.

4. Os interesados ou os seus representantes poderán facer cantas alegacións ou aclaracións estimen convenientes para a súa defensa, que se reflectirán na acta correspondente.

5. As actas terán que ser asinadas polo inspector actuante e polo titular da empresa ou o seu representante, e, no seu defecto, pola persoa que nese momento estea á fronte da empresa ou actividade.

Se existise negativa polas anteriores persoas a asina- la acta, o inspector fará consta-la dita negativa, así como os motivos manifestados, se os houbese, mediante a oportuna dilixencia.

6. O asinamento da acta levantada acreditará o coñecemento do seu contido e en ningún caso implicará a súa aceptación.

7. A acta de infracción estenderase para os efectos de iniciación do expediente sancionador oportuno e entregaráselle nese mesmo acto unha copia dela ó titular ou representante da empresa afectada, considerándose a dita entrega como notificación do resultado da inspección, para efectos de formular, no prazo de dez días, o que estime procedente; se o inspeccionado refusase a copia da acta, o inspector farao constar mediante dilixencia, así como os motivos da negativa, se os houbese.

Capítulo III

Infraccións

Artigo 85.-Infraccións no exercicio da actividade.

1. As infraccións administrativas en materia de turismo serán obxecto das sancións correspondentes, logo de instrucción do oportuno expediente, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde que poidan concorrer.

2. Cando un mesmo feito tipificado como infracción turística se encontre tamén tipificado como infracción por outra normativa administrativa, a súa comisión non poderá dar lugar á imposición de máis dunha sanción.

3. As infraccións administrativas á normativa turística tipificaranse en leves, graves e moi graves.

Artigo 86.-Infraccións leves.

Considéranse infraccións administrativas de carácter leve as simples inobservancias á normativa turística, sen transcendencia nin prexuízo grave para os usuarios, que non estean tipificadas como falta grave ou moi grave, e en todo caso:

1) Non dispoñer materialmente dos documentos esixidos para o efecto pola normativa turística para o exercicio da actividade, aínda que se conte para o seu exercicio coa preceptiva autorización.

2) A carencia de distintivos, documentación e lista de prezos de obrigatoria exposición pública naqueles lugares do establecemento determinados regulamentariamente, ou que, sendo exhibidos, non cumpran as formalidades esixidas.

3) A falta de comunicación, declaración ou notificación á Administración turística dos cambios de titularidade dos establecementos, dos prezos ou daqueles datos esixidos pola normativa turística, así como facelo fóra dos prazos establecidos.

4) Expedir sen os requisitos esixidos as facturas ou os xustificantes de cobro polos servicios prestados ou non conserva-los correspondentes duplicados durante o tempo establecido regulamentariamente.

5) Non dispoñer de follas de reclamacións ou negarse a facilitalas cando o cliente as solicite ou non tramitalas segundo o establecido regulamentariamente.

6) Non observar na documentación ou facturación as condicións esixidas pola normativa turística.

7) As accións ou omisións que, no tocante ó labor inspector, impliquen un mero atraso no cumprimento das obrigas de comunicación e información.

8) As deficiencias na prestación dos servicios debidos á clientela ou nos termos contratados, cando non lle causen un grave prexuízo ó cliente.

9) Non posuír persoal habilitado legalmente para o exercicio dun posto de traballo, cando así o esixa a normativa vixente na materia.

10) As deficiencias na atención e no trato á clientela por parte do persoal da empresa ou establecemento.

11) As deficiencias nas condicións de funcionamento e limpeza dos locais, instalacións, mobiliario e equipamento e a falta de decoro dos establecementos, fachadas e inmediacións do inmoble que formen parte da explotación.

12) As deficiencias nas dependencias ou instalacións destinadas ós traballadores do establecemento.

13) Permiti-la venda ambulante ilegal de obxectos no establecemento.

14) Calquera outra que, supoñendo infracción desta lei, non apareza tipificada como grave ou moi grave.

Artigo 87.-Infraccións graves.

Considéranse infraccións administrativas de carácter grave:

1) A prestación de servicios e a realización de actividades carecendo da autorización, habilitación ou título-licencia esixidos pola normativa turística.

2) O incumprimento ou a alteración das circunstancias que motivaron o outorgamento da autorización, título-licencia ou habilitación para o exercicio da actividade ou profesión.

3) A utilización de denominacións, rótulos ou distintivos diferentes ós que correspondan segundo a normativa turística.

4) Efectuar modificacións da estructura, capacidade ou características dos establecementos sen a previa autorización da Administración turística cando esta sexa preceptiva.

5) As deficiencias das condicións de seguridade e mantemento de hixiene e salubridade das instalacións.

6) A carencia de dependencias ou instalacións para os traballadores, esixida pola normativa vixente, nos establecementos.

7) A obstrucción á inspección ou a negativa a facilita-la información requirida polos inspectores.

8) A publicidade, o anuncio ou a utilización de calquera manifestación cultural como galega sen selo, así como o uso de denominacións xeoturísticas non correspondentes.

9) Os cambios substanciais ou o incumprimento na prestación dos servicios, nos termos fixados nos contratos, respecto do lugar, tempo, prezo e demais condicións acordadas.

10) As deficiencias na prestación dos servicios debidos nos termos contratados, sempre que iso lles cause prexuízos graves ós intereses dos clientes.

11) Non expedir factura ou xustificante de pagamento polos servicios prestados naqueles establecementos nos que regulamentariamente se esixa e cando, en todo caso, o cliente o solicite.

12) A percepción de prezos distintos ós exhibidos ou notificados ó cliente.

13) A facturación de conceptos non incluídos nos servicios efectuados.

14) O trato incorrecto ó cliente nos supostos manifestamente ofensivos.

15) A reserva de prazas en número superior ás dispoñibles.

16) O incumprimento da normativa turística vixente en materia de insonorización.

17) A realización de vertidos non autorizados ou de actividades que infrinxan a normativa en materia de medio ambiente.

18) A prestación de servicios e a oferta de alimentos que contraveñan as disposicións sobre vedas de caza e pesca, así como a venda de productos que contraveñan a vixente normativa de comercialización.

19) O incumprimento do establecido nesta lei sobre o principio de unidade de explotación.

20) A contratación con empresas e establecementos que non posúan a pertinente autorización da Administración turística para o exercicio da súa actividade.

21) A reincidencia na comisión de faltas leves.

Artigo 88.-Infraccións moi graves.

Considéranse infraccións turísticas de carácter moi grave:

1) A prestación de servicios ou a realización de actividades turísticas carecendo non só da autorización turística senón tamén das correspondentes a outros organismos administrativos, tendo en conta as súas propias competencias.

2) A utilización das axudas económicas outorgadas pola Administración turística para fins distintos daqueles para os que foron concedidas.

3) O incumprimento da normativa en materia de incendios e seguridade que lle sexa aplicable ó establecemento ou instalación en que se desenvolva a actividade turística de que se trate.

4) O deficiente estado das instalacións e condicións hixiénicas ou de seguridade que supoña grave risco para os usuarios.

5) A adulteración ou o mal estado de conservación dos productos servidos ós clientes.

6) A oferta ou prestación de servicios turísticos que conteñan como elemento de reclamo aspectos que vulneren os dereitos fundamentais ou as liberdades públicas.

7) A reincidencia na comisión de faltas graves.

Artigo 89.-Reincidencia.

Para os efectos do establecido nesta lei enténdese por reincidencia a comisión dunha infracción da mesma natureza á que motivou a sanción anterior, no prazo do ano seguinte á notificación desta. En todo caso, requirirase que a primeira resolución adquirise firmeza na vía administrativa.

Artigo 90.-Prescrición das infraccións e caducidade.

1. Prescrición.

As infraccións á normativa turística prescribirán nos seguintes prazos, que se contarán desde o día no que a infracción se cometese:

a) As infraccións de carácter leve, ós seis meses.

b) As infraccións de carácter grave, ós dous anos.

c) As infraccións de carácter moi grave, ós tres anos.

Interromperase a prescrición pola iniciación, con coñecemento formal do interesado, do procedemento sancionador, e volverá transcorre-lo prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ó presunto responsable.

Non prescribirán aquelas infraccións nas que a conducta tipificada implique unha obriga de carácter permanente para o titular responsable.

2. Caducidade.

O procedemento sancionador caducará ós seis meses da súa paralización, entendéndose que así ocorre cando non se levase a cabo neste prazo ningunha notificación de actuación ou ningunha dilixencia por causas imputables á Administración.

Malia o disposto no parágrafo anterior, cando o número de expedientes en tramitación ou cando a natureza ou as circunstancias da actuación ou da dilixencia en curso o xustifiquen, o órgano administrativo competente poderá acorda-la ampliación do prazo que posibilite a finalización do procedemento.

A ampliación dos prazos non poderá ser superior ó prazo establecido nesta lei para a caducidade do procedemento.

O acordo que resolva sobre a ampliación de prazos teralle que ser debidamente motivado e notificado ó interesado e contra el non caberá recurso ningún.

Capítulo IV

Sancións

Artigo 91.-Clases de sancións.

A comisión de infraccións á normativa turística dará lugar á imposición das seguintes sancións:

1) Apercibimento.

2) Multa.

3) Suspensión da actividade turística ou do exercicio profesional.

4) Clausura definitiva do establecemento ou revogación do correspondente título- licencia ou da autorización para o exercicio da actividade.

5) Revogación de subvencións ou suspensión da súa concesión.

A iniciación do expediente sancionador suspenderá a tramitación das subvencións solicitadas.

Artigo 92.-Graduación das sancións.

1. Para a graduación do importe das sancións consideraranse, entre outros, os seguintes criterios:

a) A boa ou mala fe do suxeito infractor.

b) A categoría da empresa turística.

c) A reincidencia.

d) O incumprimento espontáneo das obrigas ou dos deberes formais e o atraso naquel.

e) A reparación voluntaria dos danos.

f) Os prexuízos ocasionados ós particulares.

g) O beneficio ilícito obtido.

h) A transcendencia social da infracción.

i) As repercusións negativas para o sector turístico e a imaxe turística de Galicia.

2. De conformidade cos criterios establecidos anteriormente, as sancións poderanse impoñer nos graos mínimo, medio e máximo.

Artigo 93.-Determinación das sancións.

1. As infraccións á normativa turística serán sancionadas:

a) As infraccións leves, con apercibimento ou multa de ata 100.000 pesetas.

b) As infraccións graves, con multa de 100.001 ata 1.000.000 de pesetas.

c) As infraccións moi graves, con multa de 1.000.001 ata 10.000.000 de pesetas.

As contías das sancións de multa poderán ser revisadas e actualizadas periodicamente pola Xunta de

Galicia, pero en ningún caso a elevación porcentual que se fixe na dita actualización poderá supera-la experimentada polo índice xeral de prezos ó consumo na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Nos casos de infraccións graves ou moi graves, poderanse impoñer como sancións accesorias as seguintes:

a) Suspensión da actividade turística ou do exercicio profesional.

Cando a comisión dunha infracción cualificada como grave supoña un notorio prexuízo para a imaxe turística de Galicia, un desprestixio da profesión turística ou un dano irreparable para o usuario, poderase impoñer, ademais, unha sanción de ata seis meses de suspensión da actividade ou do exercicio profesional.

No caso de que se produza reincidencia de infraccións moi graves, a sanción de suspensión para estes supostos poderá ser de seis meses e un día a un ano.

b) Clausura definitiva do establecemento ou revogación do correspondente título- licencia ou da autorización para o exercicio da actividade.

Poderase acorda-la imposición desta sanción, como accesoria da multa, nas infraccións graves relativas á prestación de servicios e á realización de actividades carecendo da autorización ou do título-licencia esixidos pola normativa turística vixente, e tamén nas infraccións moi graves cando supoñan un notorio prexuízo para a imaxe turística de Galicia, un desprestixio evidente para a profesión ou danos irreparables ós usuarios.

3. Non se considerará sanción a clausura ou o pechamento dos establecementos que estean desenvolvendo actividades turísticas sen contar coas autorizacións turísticas preceptivas.

Artigo 94.-Multas coercitivas.

Os organismos administrativos, independentemente da sanción que corresponda polas infraccións establecidas nesta lei, poderán impoñer multas coercitivas conforme o disposto no artigo 99 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O importe das ditas multas será dun dez por cento sobre a contía da sanción imposta por cada día que pase desde a notificación da resolución sen cumpri-lo requirimento correspondente relativo á adecuación da actividade ou do establecemento ó disposto nas normas.

A multa coercitiva é independente da sanción que corresponda impoñer e compatible con ela.

Artigo 95.-Aplicación das sancións.

1. Non se poderán sanciona-los feitos que o fosen penal e administrativamente, nos casos nos que se aprecie identidade de suxeito, feito e fundamento.

2. Cando a comisión do feito ilícito supoña un resultado máis beneficioso para o infractor có cumprimento da norma vulnerada, considerarase esta circunstancia como agravante para a determinación da sanción de multa no seu grao máximo ou para apreciar ponderadamente a infracción nun grao superior.

Artigo 96.-Publicidade das sancións.

As sancións de contía igual ou superior a 3.000.000 de pesetas e as que supoñan o pechamento do establecemento ou das instalacións, ou a suspensión da actividade ou do exercicio profesional, serán publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 97.-Inscricións das sancións.

As sancións administrativas impostas polas infraccións á normativa anotaranse no libro-rexistro de sancións.

Artigo 98.-Prescricións das sancións.

As sancións previstas nesta lei prescribirán:

a) As impostas por infraccións leves, ó ano.

b) As impostas por infraccións graves, ós dous anos.

c) As impostas por infraccións moi graves, ós tres anos.

O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución administrativa pola que se impuxo a sanción.

Interromperá o prazo de prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorre-lo prazo se este queda paralizado durante un mes por causa non imputable ó infractor.

Artigo 99.-Órganos competentes para a imposición de sancións.

1. Para as sancións de apercibimento e multa de ata 100.000 pesetas, o correspondente delegado provincial da Consellería competente en materia de turismo.

2. Para as sancións de multa comprendidas entre 100.001 e 1.000.000 de pesetas, o titular do centro directivo da Consellería competente en materia de turismo.

3. Para as sancións de multa comprendidas entre 1.000.001 e 10.000.000 de pesetas, o conselleiro competente en materia de turismo.

4. Para as que supoñan o pechamento dos establecementos autorizados pola Administración turística ou a suspensión da dita autorización ou do título-licencia, o Consello da Xunta de Galicia, mediante proposta do conselleiro competente en materia de turismo.

Capítulo V

Procedemento sancionador

Artigo 100.-Procedemento sancionador.

1. A tramitación do expediente sancionador axustarase ós principios previstos nos artigos 134 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ás disposicións regulamentarias que para tal fin se dicten.

2. Determinaranse regulamentariamente os órganos competentes para a incoación e instrucción do procedemento sancionador.

3. A incoación do expediente sancionador por infracción da normativa turística iniciarase de oficio, por acordo do órgano competente, adoptado como consecuencia de calquera das actuacións seguintes:

a) Por propia iniciativa.

b) Por actas levantas pola Inspección de turismo.

c) Por orde superior.

d) Por comunicación da autoridade ou do órgano administrativo que teña coñecemento da presunta infracción.

e) Por denuncia formulada por asociacións, organismos de consumidores e usuarios ou particulares.

Para estes efectos, as follas de reclamación terán a consideración de denuncia formal.

4. Previamente á incoación do expediente sancionador poderanse realizar cantas actuacións sexan necesarias, co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren circunstancias que xustifiquen a súa iniciación.

Se una vez realizadas as actuacións ás que se refire o parágrafo anterior non se comprobasen indicios de infraccións, procederase ó arquivo das actuacións, que lles será notificado ás partes interesadas.

5. O acordo de iniciación comunicaráselle ó instructor, con traslado de cantas actuacións existan ó respecto, e notificaráselles ó denunciante, se é o caso, e ós interesados.

6. De conformidade co previsto nos artigos 72 e 136 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderase acorda-la adopción de medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegura-la eficacia da resolución final do expediente sancionador, a boa fin do procedemento, evita-lo mantemento dos efectos da infracción e as esixencias dos intereses xerais.

7. Se da investigación dos feitos constitutivos de infracción á normativa turística se tivesen indicios de que estes puidesen ser constitutivos de delicto, daráselle conta á autoridade xudicial, sen prexuízo da adopción das medidas cautelares oportunas.

8. Poñerán fin ó procedemento sancionador:

a) A resolución.

b) A declaración de caducidade.

c) A imposibilidade da súa continuación por causas sobrevidas.

A resolución que se dicte deberá ser motivada, en todo caso.

9. A resolución será dictada polo órgano competente, logo de proposta de resolución formulada polo instructor do procedemento. Antes de dicta-la resolución, o órgano competente para resolver poderá decidir, mediante acordo motivado, a realización das actuacións complementarias indispensables para resolve-lo procedemento.

10. Se as conductas sancionadas lle causasen danos ou perdas á Administración, a resolución do procedemento poderá declara-la esixencia ó infractor da reposición ó seu estado orixinario da situación alterada pola infracción e a indemnización polos danos e perdas causados.

11. As resolucións que poñan fin á vía administrativa serán inmediatamente executivas.

Artigo 101.-Recursos.

Contra as resolucións dictadas nos procedementos sancionadores poderanse interpoñe-los recursos pertinentes, de conformidade co sinalado na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Título VII

Da arbitraxe

Artigo 102.-Arbitraxe.

1. Mediante a arbitraxe as persoas físicas e xurídicas poderán someter voluntaria e expresamente á decisión dun ou varios árbitros a resolución dos conflictos que poidan xurdir en relación coas materias reguladas nesta lei.

2. A Administración turística da Comunidade Autónoma de Galicia poderá crear mecanismos de arbitraxe, de conformidade co establecido na lexislación vixente sobre a materia.

Disposicións adicionais

Primeira.

Para os efectos do establecido no título V desta lei, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia, S.A.) terá a consideración de ente especializado na promoción turística de Galicia.

Segunda.

Modifícanse os subapartados 05, 06 e 07 do apartado 19 do artigo 23 do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, que quedan redactados como segue:

«05. Apertura e clasificación; cambios de categoría e titularidade; ampliacións e melloras de res

taurantes, cafeterías, cafés, bares, discotecas, salas de festa e empresas de catering e de colectividades: 110.000.

06. Habilitación de guía de turismo especializado: 55.000.

07. Inscrición para participar nos exames para a habilitación de guías de turismo especializados: 55.000».

Terceira.

A Xunta de Galicia promoverá a constitución do Consello Galego de Turismo nun prazo non superior ós nove meses desde a entrada en vigor desta lei.

Disposicións transitorias

Primeira.

Os expedientes sancionadores xa iniciados na data de entrada en vigor desta lei tramitaranse e resolveranse consonte o procedemento establecido na Lei 6/1992, do 26 de xuño, de disciplina turística.

Segunda.

1. En tanto non se desenvolva regulamentariamente o disposto nesta lei, seralles aplicable ás empresas e actividades turísticas a normativa turística actualmente vixente.

2. Regulamentariamente determinaranse os prazos de adaptación dos establecementos turísticos autorizados á clasificación establecida nesta lei. Transcorridos eses prazos a Administración turística poderá efectuar de oficio a reclasificación que corresponda.

3. Non será obrigatoria a inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas dos establecementos de centrais de reservas, aloxamentos en réxime de uso a tempo compartido, cafés, bares e tabernas, empresas de catering e colectividades, discotecas e salas de festa, en tanto non se aprobe a súa correspondente regulamentación específica.

Terceira.

Os establecementos de aloxamento que non cumpran o principio de unidade de explotación regulado nesta lei deberanse adaptar ó disposto nela no prazo de tres anos a partir da súa entrada en vigor.

Cuarta.

Os guías e guías-intérpretes de turismo que na data de publicación desta lei figuran inscritos nos rexistros correspondentes da Comunidade Autónoma de Galicia poderán solicita-lo recoñecemento da súa cualificación como guías de turismo especializados, para o ámbito territorial para o que fosen habilitados, na forma e nos prazos que regulamentariamente estableza a Administración turística.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Lei 6/1992, do 26 de xuño, de disciplina turística, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto nesta lei.

Disposición derradeira

Primeira.

Autorízase a Xunta de Galicia para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta lei.

Especialmente, farase uso desta facultade no relativo á determinación dos requisitos de apertura e clasificación, instalacións, servicios, condicións de funcionamento e réxime administrativo das empresas e actividades turísticas de obrigatoria inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

Segunda.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de agosto de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

6705