Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Mércores, 20 de agosto de 1997 Páx. 8.049

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 1997 pola que se convocan probas selectivas para ingreso na escala auxiliar desta universidade polo sistema de promoción interna.

En cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 204/1985, do 19 de setembro, da Xunta de Galicia, e co fin de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios,

Este rectorado, no uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2. e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, acorda convocar probas selectivas para ingreso na escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 9 prazas da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela polo sistema de promoción interna, polo procedemento de concurso-oposición.

1.2. As prazas sen cubrir por este sistema acumularanse á convocatoria polo sistema xeral de acceso libre.

1.3. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.

1.4. Á realización destas probas selectivas seralle de aplicación a Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo, o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado, a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, 3/1995, do 10 de abril, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e as bases desta convocatoria.

1.5. A adxudicación das prazas efectuarase de acordo coa puntuación final obtida.

1.6. O procedemento de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoración axustarase ó que se especifica no anexo I.

1.7. Na fase de concurso, valoraranse para os aspirantes que superen a fase de oposición, os seguintes méritos: antigüidade, nivel de complemento de destino do posto desempeñado na data de publicación da convocatoria e cursos de formación, todo isto de acordo co que se especifica no anexo I.

1.8. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas os/as aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

Ser español ou posuí-la condición de nacionalidade dun Estado membro da Comunidade Europea.

Ter cumpridos os 18 anos.

Estar en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

Pertencer o día de remate do prazo de presentación de solicitudes a un corpo ou escala adscrito ó grupo E, (Art. 25 Lei 30/84), ter destino definitivo na Universidade de Santiago de Compostela e posuír unha antigüidade de, polo menos, 2 anos no devandito corpo ou escala.

Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera administración pública nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

2.2. Tódolos requisitos enumerados nos apartados anteriores deberán posuírse no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata a data da toma de posesión como funcionario de carreira do grupo D.

3. Solicitudes.

3.1. Os/as que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán facelo constar en instancia que se axustará ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria. A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación: fotocopia do DNI.

A xerencia expedirá de oficio certificación que acreditará: a antigüidade recoñecida referida á data de remate de presentación de solicitudes, o nivel de complemento de destino do posto que se desempeñe na referida data e os cursos de formación recibidos ou impartidos que figuren no expediente persoal e que se engadirá á solicitude presentada polo/a aspirante.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Santiago de Compostela, sito no Pazo de San Xerome, praza do Obradoiro, Santiago de Compostela; no Rexistro do Campus de Lugo, sito na Vicexerencia, Augas Férreas, Polígono de Fingoi, Lugo; ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Os dereitos de exame serán de 2.500 pesetas, que se ingresarán en Caixa Galicia na conta «Oposicións» número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura no anexo IV.

3.5. Os/as aspirantes con minusvalideces poderán indicalo na solicitude, utilizando para isto o recadro número 4, así como solicita-la adaptación de tempo

e medios para a realización dos exercicios, para o que utilizarán o recadro número 6.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rectorado da Universidade de Santiago publicará no taboleiro de anuncios do rectorado resolución pola que se aproba a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, na que constará o nome e apelidos dos excluídos, o número de DNI, así como a causa que motivou a exclusión. Para emenda-lo defecto que teña motivado a súa exclusión ou omisión da relación de admitidos e excluídos os/as aspirantes disporán dun prazo de 10 días naturais, contados a partir do seguinte á publicación da citada resolución.

4.2. Os/as aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

4.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría cuarta das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo) e o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

5.2. Os/as membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas de acceso a corpos ou escalas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incurso nas circunstancias previstas nos ditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recursalos/as membros do tribunal cando concorra algunha das circunstancias antes reflectidas.

5.3. Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que nomean os/as novos/as membros do tribunal que vaian substituí-los que teñan perdido a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.2.

5.4. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan de acordo co correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.6. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5.7. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas.

5.8. O tribunal adoptará os medios precisos naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os/as aspirantes con minusvalideces gocen de similares condicións para a realización dos exercicios có resto dos/as participantes. Neste sentido, establecerase para as persoas con minusvalideces que o soliciten na forma prevista na base 3.5 as adaptacións posibles en tempos e medios para a realización dos exercicios.

5.9. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Santiago.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra H, de conformidade co establecido na Resolución do 16 de maio de 1997, da Dirección Xeral da Función Pública.

6.2. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os/as aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluídos da oposición os/as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

6.4. O día, hora e lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se efectuase o primeiro, así como na sede dos tribunais, e por cal

quera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia ó/á interesado/a, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da universidade, comunicándolle, así mesmo, as inexactitudes ou falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas para os efectos procedentes.

Contra a exclusión do aspirante poderá interporse recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da súa exclusión.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará públicas, no lugar ou lugares de celebración dos respectivos exercicios e naqueloutros que coide oportunos, as relacións de aspirantes que teñan superado cada un deles, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o último exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I da presente convocatoria.

7.4. O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde da puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, a cal en ningún caso poderá contar un número de candidatos/as superior ó das prazas convocadas.

7.5. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal elevaralle ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións obtidas en cada unha das fases: oposición e concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6 de Santiago de Compostela) a petición de destino para Santiago de Compostela ou Lugo, logo da oferta destes, acompañada dos seguintes documentos, no caso de non figuraren no seu expediente persoal:

Fotocopia do DNI.

Fotocopia debidamente compulsada do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente. Para estes efectos recibirá a mesma consideración o ter aprobados catro cursos completos de calquera plan de estudios extinguido de bacharelato.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado funcionario/a de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento de funcionarios/as de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, os/as que o superasen serán nomeados/as funcionarios/as de carreira con especificación do destino adxudicado, mediante resolución do rectorado da universidade que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. A toma de posesión destes aspirantes efectuarase no prazo dun mes, contado desde a data de publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados, nos casos e nas formas establecidas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, podendo interporse contra a presente resolución recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, conforme o disposto no artigo 58 da Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, comunicando previamente a súa interposición neste rectorado, segundo o artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 1997.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación das prazas: auxiliares administrativos

Exercicios e valoración

O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición, constará dos seguintes exercicios:

Primeiro exercicio: de carácter eliminatorio: proba escrita constituída por 60 preguntas tipo test, relativas a todo o temario, cunha soa resposta verdadeira e sen penaliza-las respostas erróneas. O tempo de realización deste exercicio será de 1 hora.

Tódalas preguntas terán a mesma valoración.

Segundo exercicio, de carácter eliminatorio: proba práctica de manexo de ordenador a nivel de usuario dun procesador de textos: Word 7.0.

O tempo de realización desta proba, que será determinado polo tribunal, non poderá ser inferior a 20 minutos.

1.1. Cada exercicio cualificarase cunha puntuación de 0 a 32,5 puntos, sendo necesario para aprobar obter como mínimo 16,25 puntos.

1.2. Proba de galego, non eliminatoria e de mérito. Consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego e do galego para o castelán, elixido por sorteo entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo de realización deste exercicio será dunha hora e valorarase de 0 a 5 puntos.

2. Fase de concurso: para os/as aspirantes que superen a fase de oposición a valoración de méritos farase da seguinte forma:

2.1. Antigüidade: máximo 10, 5 puntos.

Valorarase a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación das solicitudes da seguinte forma:

Por cada ano completo de servicios: 0,52 puntos/ano.

Por cada mes completo de servicios que reste: 0,043 puntos/mes.

2.2. Nivel de complemento de destino: máximo 10,5 puntos. Polo nivel de complemento de destino correspondente ó posto de traballo que se desempeñe á data da publicación da convocatoria, de acordo coa seguinte puntuación:

Nivel 12: 8,5 puntos.

Nivel 14: 10,5 puntos.

2.3. Cursos de formación recibidos e impartidos: máximo 9,0 puntos. Os cursos de formación puntuarán da seguinte forma:

-Cursos de formación recibidos:

Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora de duración do curso.

Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora de duración do curso.

Curso de iniciación da lingua galega: 0,01 puntos/hora.

Curso de perfeccionamento lingua galega: 0,02 puntos/hora.

No caso de te-los cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

-Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora de duración do curso.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

3. Puntuación do proceso selectivo: a puntuación da fase de oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos distintos exercicios. A puntuación do proceso selectivo virá determinada pola suma da fase de oposición máis os méritos da fase de concurso, sempre que os/as aspirantes tivesen superada a fase de oposición.

No caso de empate daráselle preferencia atendendo á puntuación obtida na fase de oposición e, de persistir este, a prol do/a candidato/a que tivese maior puntuación na área de tratamento de textos e, finalmente, a de maior antigüidade no corpo ou escala a que pertenza na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

ANEXO II

Denominación das prazas: auxiliar administrativo

Programa

-Organización e dereito administrativo.

1. A Administración ó servicio do público. O cidadán como cliente. A atención ó público. Dereitos dos cidadáns fronte á Administración pública.

2. Concepto de documento rexistro e arquivo. Funcións do rexistro e do arquivo. Clases de arquivo e criterios de ordenación.

3. Órganos das administracións públicas. Principios xerais e competencia. Órganos colexiados. Abstencións e recusación.

4. O acto administrativo: concepto, clases e elementos. Requisitos e eficacia dos actos administrativos. Motivación e notificación, nulidade e anulabilidade dos actos administrativos.

5. O procedemento administrativo común. Iniciación, ordenación, instrucción e terminación. A revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio. O silencio administrativo.

6. Os recursos administrativos: recurso ordinario. Recurso de revisión.

-Xestión de persoal.

1. A Lei 4/1988, da función pública de Galicia: Creación de prazas, sistemas de acceso, provisión de postos de traballo, promoción profesional. Situacións administrativas.

2. Clases e réxime xurídico do profesorado universitario: corpos docentes universitarios e persoal docente en réxime de contratación administrativa. Clases e réxime xurídico do persoal administrativo e de servicios (PAS) nos estatutos da USC.

-Organización universitaria.

1. A Lei de reforma universitaria (LRU): estructura e contido. Os estatutos da USC: órganos de goberno, colexiados e unipersoais. Organización: departamentos, centros e institutos.

2. Réxime económico e financeiro da USC: o patrimonio, a programación plurianual, o orzamento, a xestión e o control nos estatutos da USC.

3. Acceso á universidade. As probas de aptitude. Outras vías de acceso. Procedemento de ingreso en centros universitarios con límite de prazas: distrito único e distrito compartido. Ingreso en centros sen límite de prazas. Traslados de expedientes.

4. Os estudios universitarios nos novos plans de estudio: estudios de primeiro ciclo, de segundo ciclo

e de primeiro e segundo ciclo. O terceiro ciclo: doutoramento e posgrao.

5. Obtención, expedición e homologación de títulos oficiais. Os títulos propios na USC.

ANEXO III

Denominación das prazas: auxiliar administrativo

Tribunal titular:

Presidente: Mª Teresa Angulo Carballal, funcionaria da escala de xestión, e xefa do Servicio de Control Interno da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

Mª del Pilar Parguiña Fernández, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago.

Elena Meaños Melón, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago.

Mª del Carmen Pazos Abal, funcionaria da escala auxiliar da Universidade de Santiago.

Josefa Recalde Fernandez, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Santiago, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario.

Santiago Sánchez Camino, funcionario da escala auxiliar da Universidade de Santiago, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario.

Secretaria: Mª de los Reyes E. Fernández Zanca, funcionaria da escala auxiliar da Universidade de Santiago, que actuará con voz pero sen voto.

Tribunal suplente:

Presidente: Manuel Clavero Iglesias, funcionario da escala de xestión e Xefe do Servicio de Contabilidade e Orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

Mª Dolores Varela Míguez, funcionaria da escala auxiliar da Universidade de Santiago.

Mª del Carmen Dolores Guillán Pena, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago.

Mª Jesús Pazos Salvado, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago.

Celestino Figueirido Lojo, funcionario da escala auxiliar da Universidade de Santiago, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario.

Delfín Pérez González, funcionario da escala auxiliar da Universidade de Santiago, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario.

Secretaria: Mª del Carmen Pazo Regueiro, funcionaria da escala auxiliar da Universidade de Santiago, que actuará con voz pero sen voto.

O tribunal poderá dispoñe-la incorporación con carácter temporal doutros funcionarios/as públicos para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4º do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5377