Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 13 de agosto de 1997 Páx. 7.892

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de xullo de 1997 pola que se desenvolve o Decreto 314/1995, do 7 de decembro, de Regulamento do persoal adscrito á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente da Xunta de Galicia que cumpre funcións de protección civil en quendas de garda permanente.

No Decreto 314/1995, no seu artigo primeiro, indícase de maneira específica que o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de protección civil terá a consideración de servicio público esencial; en consecuencia manterase un servicio permanente que o garanta. Así mesmo, nos artigos segundo e terceiro, sinálase cal é o persoal de protección civil que debe cumpri-lo servicio permanente e a súa realización mediante un sistema de quendas.

A realización das gardas permanente de protección civil polos funcionarios que se indican no Decreto 314/1995 supón que deben levar a cabo unha función suplementaria á normal do seu posto de traballo, en horario diferente ó xeral, incluíndo tardes, noites, fins de semana e festivos.

A función que se desenvolverá na garda permanente que deben realiza-los funcionarios en situacións de emerxencias conforme os protocolos establecidos para o efecto e as circunstancias especiais, se é o caso, supón asumi-la toma de decisións e a adopción de medidas dunha responsabilidade importante distinta da inherente ó seu posto de traballo.

Así mesmo, os artigos 4 e 5 do Decreto 314/1995 consideran a posibilidade de que o persoal que non estea de garda ó producirse unha situación de emerxencia deberá colaborar nas actuacións que dispoña o responsable designado pola Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

A maior abastanza a Resolución do 24 de novembro de 1995 recolle o acordo da Xunta de Galicia do 23 de novembro de 1995 polo que se aproban as relacións de postos de traballo da Administración da Xunta de Galicia, e nelas establécese o termo de xornada especial, no apartado de observacións para determinadas prazas da Secretaría Xeral de Protección Civil e o Medio Ambiente, de persoal de protección civil.

Por todo o anterior, e en virtude do disposto na disposición derradeira terceira do Decreto 314/1995, do 7 de decembro, e oída a Comisión de Persoal,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O persoal funcionario adscrito á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente que

cumpra funcións de protección civil, regulado no artigo 2 do Decreto 314/1995, realizará quendas de garda permanente localizada e/ou de presencia física de protección civil en xornada de días laborais de 15,15 horas a 7,45 horas, e entre as 00 horas e as 24 horas en días festivos e fins de semana, durante os 365 días do ano, todo iso sen prexuízo do respecto á xornada normal de traballo.

Artigo 2º

As quendas de garda permanente estableceraas o secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente por proposta da Subdirección Xeral de Protección Civil, con periodicidade semestral, o primeiro de xaneiro e primeiro de xullo de cada ano natural.

Cada quenda de garda permanente realizarana, como mínimo, dous funcionarios de protección civil, un adscrito ós servicios centrais e o outro de servicios provinciais dependentes da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

No establecemento das quendas de garda permanente procurarase a rotación de todo o persoal funcionario que as realice, de tal xeito que a distribución sexa de maneira homoxénea e equitativa nos diferentes horarios, incluídos os festivos e fins de semana.

Artigo 3º

As quendas de garda permanente realizaranse no seguinte horario:

En xornada de día laboral:

Quenda de tarde: de 15,15 horas a 23,15 horas (oito horas).

Quenda de noite: de 23,15 horas a 7,45 horas (oito horas trinta minutos).

En días festivos e fins de semana:

Quenda de mañá: de 7,45 horas a 15,45 horas (oito horas).

Quenda de tarde: de 15,45 horas a 23,45 horas (oito horas).

Quenda de noite: de 23,45 horas a 7,45 horas (oito horas).

Artigo 4º

Terán a consideración de quendas de fin de semana as realizadas entre as 21 horas do venres e as 7,45 horas do luns, e quendas de días festivos as realizadas entre as 21 horas da véspera de festivo e as 7,45 horas do día seguinte ó festivo.

Artigo 5º

O persoal que realiza quendas de garda permanente localizada e/ou de presencia física de protección civil, indicado no artigo 1º desta orde, percibirá as seguintes contías retributivas, todas elas en concepto de complemento de productividade de acordo co disposto no artigo 64.3.c) da Lei 4/1988, da función pública de Galicia.

En día laboral:

A.1) Por cada hora en quenda de tarde: 500 pesetas/hora.

A.2) Por cada hora en quenda de noite: 750 pesetas/hora.

En día festivo ou fin de semana:

B.1) Por cada hora en quenda de mañá ou de tarde: 1.000 pesetas/hora.

B.2) Por cada hora en quenda de noite: 1.200 pesetas/hora.

Artigo 6º

En calquera caso, a aplicación orzamentaria de complemento de productividade establecido pola actividade de garda permanente de protección civil que regula esta orde, e en consonancia cos módulos retributivos fixados, quedará limitada ás dotacións orzamentarias iniciais que anualmente se establezan para a Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, e sempre tendo en conta o disposto no apartado e) do artigo 14 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

No presente exercicio de 1997, a dotación da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente é de once millóns.

Artigo 7º

O control da realización das quendas de garda levarao a cabo o secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente ou persoa en quen delegue.

Artigo 8º

En calquera suposto, a percepción das compensacións económicas previstas na presente orde estará suxeita á efectiva prestación do servicio e, en todo caso, á expedición da correspondente certificación.

Artigo 9º

A realización de quendas de gardas nocturnas ou en festivos dará lugar a compensacións horarias, estado estas, en todo caso, suxeitas ás necesidades do servicio; tales compensacións serán as seguintes:

-Quenda nocturna: 0,25 horas máis por hora traballada.

-Quenda en fin de semana: 0,50 horas máis por hora traballada.

Artigo 10º

Salvo por causas extraordinarias xustificadas o persoal ó que se refire a presente orde non poderá realizar máis dunha quenda de traballo dentro da mesma xornada natural e, entre unha quenda e outra, disporá dun periodo de descanso de polo menos 12 horas, establecéndose un descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas.

Disposicións adicionais

Primeira.-O persoal determinado no artigo 1º desta orde terá dereito a un seguro de accidentes, vida e responsabilidade civil, en función das responsabilidades do servicio.

Segunda.-Cando o funcionario estea desfrutando das súas vacacións regulamentarias e sexa requirido para a realización dun servicio extraordinario terá dereito á compensación correspondente.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG, sendo, non obstante, aplicable o seu contido económico desde o un de xaneiro de mil novecentos noventa e sete.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

6017