Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 12 de agosto de 1997 Páx. 7.863

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para a empresa Conresa.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Conresa que tivo entrada nesta delegación provincial o día 4-7-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polo delegado de persoal o día 25-6-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 14 de xullo de 1997.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Conserveros Reunidos, S.A. (Conresa)

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación á totalidade dos traballadores do cadro de persoal da empresa Conresa, de Santa Uxía de Ribeira (A Coruña), así como ós que ingresen durante a súa vixencia.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio colectivo terá unha duración de doce meses; entrará en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 1997 ata o 31 de decembro de 1997, e durante a súa vixencia non poderá ser afectado polo disposto en convenio de ámbito distinto, todo isto ó amparo de canto prevén o artigo 84 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, que aproba o Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Prórroga.

Ó se cumprir-la data do seu vencemento, o convenio colectivo prorrogarase tacitamente de ano en ano, de non mediar denuncia por calquera das partes, cunha antelación dun mes á data do seu vencemento.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións persoais máis beneficiosas cás asinadas neste convenio, manténdose o dito respecto en forma estrictamente ad personam.

Artigo 5º.-Retribucións.

Os salarios base establecidos neste convenio colectivo son os que se adxudican na táboa salarial anexa.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Os aumentos por antigüidade ó servicio da empresa quedan constituídos por dous trienios do cinco por cento e quinquenios do 10 por cento calculados, en todo o caso, sobre o salario base de cada categoría profesional.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores da empresa percibirán dúas gratificacións extraordinarias ó ano, que se denominarán de verán e Nadal. As ditas gratificacións percibiranse os días 15 de xullo e decembro, respectivamente, e a súa contía será dunha mensualidade do salario base, incrementado coa antigüidade correspondente.

Artigo 8º.-Paga de beneficios.

Tódolos traballadores da empresa percibirán, en concepto de paga de beneficios e dentro do primeiro trimestre do ano, a cantidade correspondente a 25 días do salario base incrementado coa antigüidade correspondente.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias que se realicen serán aboadas coas recargas seguintes:

85 por cento, as horas extraordinarias realizadas en días laborables.

160 por cento, as horas extraordinarias que se realicen en domingo ou días festivos ou as prestadas despois das vintedúas horas.

Para calcula-lo valor das horas extraordinarias recorrerase á seguinte fórmula:

Salario hora individual.

(365 + G) (S + A)

Horas ano

Na dita fórmula:

365 son os días do ano.

«G» é o número de días de retribución por cada paga extraordinaria, verán, Nadal, e beneficios.

«S» é o salario base diario.

«A» é a antigüidade.

Horas ano e o número total de horas que se traballarán durante o ano.

O salario base que resulta da aplicación da fórmula anterior servirá de base para determina-lo importe das horas extraordinarias.

Artigo 10º

Polas especiais circunstancias que concorren nas actividades da empresa, que ten que transformar artigos perecedoiros, as partes recoñecen a ineludible necesidade de traballar un número de horas extraordinarias en relación co artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, e concordante todo iso co previsto no artigo 13, apartado a) e b) do Acordo Interconfederal (AI).

Estas horas extraordinarias traballadas terán a consideración de estructurais, de acordo co preceptuado no artigo sétimo do Real decreto 1858/1981, do 20 de agosto.

En concordancia co anteriormente disposto polos representantes dos traballadores, daranse cumprimento ó disposto no artigo 4 da Orde do 1 de marzo de 1983.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

Queda fixada en 40 horas semanais, tanto en xornada partida como en continua; polo tanto para ámbolos casos queda establecida na mesma duración semanal.

Para os traballadores que realicen as súas actividades en quenda de xornada continua establécese un descanso de quince minutos de duración, de maneira que non se suspenda o proceso de producción neste tempo.

En cumprimento do determinado no apartado cuarto do artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, queda fixado un calendario laboral de 225 días efectivos de traballo, suma á que se chega por exclusión de domingos, sábados, festivos e período vacacional de todo o persoal.

Artigo 12º.-Plus de nocturnidade.

Para o persoal en xornada nocturna establécese un plus consistente no 25% do salario base, incrementado, segundo os casos, coa antigüidade correspondente.

Artigo 13º.-Percepcións en caso de ILT.

Os traballadores que padezan enfermidade percibirán desde o primeiro día e durante un prazo máximo dun ano o complemento necesario para que, sumado ás prestacións da Seguridade Social, alcance o cen por cento do seu salario. Esta percepción procederá unicamente nos supostos de incapacidade laboral transitoria, que requiran en todo o caso hospitalización. Nos procesos de tratamento observarase o disposto no Real decreto 53/1980, do 18 de xaneiro. Nos casos de accidente de traballo, a empresa completará ata o cen por cento as indemninizacións que correspondan mentres dura esta situación de ILT que requira hospitalización ou non.

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, a empresa poderá verificar en todo momento o estado de enfermidade ou accidente do traballador, mediante o persoal facultativo que para estes efectos designe a empresa.

Toda negativa ó dito recoñecemento determinará a suspensión dos dereitos económicos que puidesen existir con cargo o empresario polas ditas situacións.

Artigo 14º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán dun período de 30 días naturais, retribuídos en salario real. A dirección da empresa elaborará de mutuo acordo cos traballadores un calendario de vacacións antes do día 30 de marzo, que se exporá no taboleiro de anuncios da empresa, para coñecemento dos traballadores.

Artigo 15º.-Licencias retribuídas.

O persoal da empresa terá dereito a licencias retribuídas nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador: 16 días naturais.

b) Parto da esposa: tres días. No suposto de que este teña lugar fóra do domicilio ou residencia habitual do interesado, aumentarase un día máis.

c) Falecemento do cónxuxe, fillos, pais, pais políticos e demais familia, ata o segundo grao de consaguinidade ou afinidade: tres días. Se precisase, por tales causas, facer un desprazamento, o total do permiso alcanzará cinco días naturais.

d) Nos demais casos ou supostos observarase en canto prevé o artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Traballo da muller.

A muller terá iguais dereitos e obrigas có home. Se a realización de traballos tóxicos, penosos ou perigosos afectase a situación de embarazo ou a maternidade, estes deberán ser excluídos para a muller.

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitará a cada traballador dúas fundas ó ano; a duración delas calcúlase para tal período, entregando estas dúas pezas de roupa no mes de xaneiro e con esta medida permitirase que tales roupas poidan ser sometidas ó lavado semanal obrigatorio. Ó finaliza-lo ano, os traballadores terán que facer entrega a empresa das roupas recibidas no seu día, sexa cal for o seu estado de conservación, por canto son propiedade da patronal.

Artigo 18º.-Póliza de seguro.

A empresa subscribirá un seguro colectivo de vida e invalidez, en favor dos seus traballadores, cunha cobertura de 1.700.000 ptas. no caso de morte e de 2.800.000 ptas. para os casos de invalidez.

Artigo 19º.-Persoal fixo.

Os traballadores que nun prazo de dez anos permanecesen na empresa máis de cinco anos como persoal contratado, pasarán a fixos do cadro de persoal.

Artigo 20º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será o órgano de interpretación, vixilancia, arbitraxe e conciliación do convenio. Estará constituída por un representante da empresa e un dos traballadores.

Artigo adicional.-En cumprimento do previsto no artigo 26.5º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, que aproba o Estatuto dos traballadores, faise constar, en función:

a) O número de horas de traballo durante a vixencia do convenio será de 1.800 de traballo efectivo.

b) Que a remuneración anual dos traballadores, en función do dito número de horas, é a seguinte:

Categoría profesionalTotal pesetas

Xerente3.167.896
Axudante titulado2.794.936
Xefe administrativo2.794.936
Xefe producción2.794.936
Contable2.118.273
Administrativo1.859.193
Encargado1.887.651
Auxiliar administrativo1.830.586
Aspirante administrativo1.157.600
Mecánico1.805.004
Oficial1.779.274
Chofer1.779.274
Axudante1.759.950
Peón1.718.738

ANEXO

TÁBOA DE SALARIOS

CategoríaSalario mes

Xerente213.614
Axudante titulado188.465
Xefe administrativo188.465
Xefe producción188.465
Contable142.837
Administrativo125.367
Encargado127.286
Auxiliar administrativo123.438
Aspirante administrativo78.058
Mecánico121.713
Oficial119.978
Chofer119.978
Axudante118.675
Peón115.896

Disposición adicional segunda.-Os salarios establecidos na táboa salarial serán revisados se o IPC de decembro de 1997 superase con respecto ó 31 de decembro de 1996 ó 2,80 por cento.

O dito incremento aplicarase con carácter retroactivo do 1 de xaneiro de 1997.

Composición da comisión paritaria:

-En representación da empresa:

José Lino Rivas Pena.

-Pola representación dos traballadores:

José Ramón Pérez Amor.

Santa Uxía de Ribeira, 25 de xuño de 1997. Seguen as sinaturas.

6042