Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Luns, 11 de agosto de 1997 Páx. 7.749

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 216/1997, do 30 de xullo, polo que se crea o Servicio de Resposta Inmediata (SERI) da Xunta de Galicia e se regula o seu funcionamento.

Nos últimos anos a Xunta de Galicia abordou un ambicioso proceso de reforma administrativa. No marco desta política prestóuselle un especial interese á simplificación e axilización dos procedementos administrativos. Un piar básico para poder avanzar no dito proceso de reforma foi a implantación dun sistema de xestión de procedementos administrativos (SXPA) para a posta en funcionamento do cal foi preciso dota-la Administración autonómica dunha plataforma informática global que permitise a adecuada xestión dos procedementos iniciados por instancia de parte.

O presente decreto, na liña anteriormente apuntada, ten por obxecto establecer un Servicio de Resposta Inmediata (SERI) que lles posibilitará ós interesados obter unha inmediata resolución das solicitudes que se presenten en relación con 42 procedementos administrativos que, no seu conxunto, son os que teñen unha maior incidencia cuantitativa sobre os cidadáns. Proba diso é que no ano 1996 se dictaron máis de 300.000 resolucións neste tipo de expedientes.

En definitiva, o establecemento do SERI responde á finalidade de acerca-la Administración ó cidadán e de acadar un alto grao de eficacia e eficiencia na súa actuación. A súa implantación é posible gracias a que previamente se fixo un importante esforzo no establecemento dun sistema informático global para a xestión administrativa e un paralelo proceso de descentralización administrativa.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o Servicio de Resposta Inmediata (SERI) da Xunta de Galicia, para a tramitación e resolución dos procedementos administrativos que se detallan no anexo da presente disposición.

Artigo 2º

O SERI implantarase nas unidades administrativas, centrais ou provinciais que sexan competentes para a tramitación e resolución dos procedementos anteriormente sinalados.

As oficinas SERI estarán debidamente sinalizadas e identificadas mediante o correspondente anagrama.

Artigo 3º

As solicitudes relativas ós procedementos que se sinalan no anexo do presente decreto poderanse presentar directamente nas oficinas identificadas baixo o anagrama SERI. Noutro caso serán obxecto de tramitación ordinaria.

Artigo 4º

Se as solicitudes reunisen os requisitos establecidos pola normativa específica de cada procedemento, dictarase resolución no mesmo día da súa presentación, sen prexuízo das excepcións que se indican no artigo seguinte.

No suposto de que tivese que se emendar algún defecto formal haberá que aterse ó disposto con carácter xeral na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Artigo 5º

Exceptúase o disposto no parágrafo primeiro do artigo anterior nos seguintes supostos:

a) Cando se presenten conxuntamente un elevado número de solicitudes e a hora en que se produza a dita presentación faga materialmente imposible dicta-la resolución no mesmo día.

b) Cando o interesado manifesta perante a oficina SERI que desexa que a resolución lle sexa enviada ó lugar indicado na súa solicitude e mediante calquera dos procedementos previstos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

En tales supostos terase por presentada a solicitude, entregándoselle ó interesado documento xustificativo da súa presentación e será informado sobre a forma e o prazo en que será dictada e comunicada a correspondente resolución.

Disposicións adicionais

Primeira.-Con carácter previo á entrada en vigor do presente decreto, os órganos competentes realizarán os actos de delegación que sexan necesarios para a posta en funcionamento do sistema SERI.

Segunda.-Facúltase ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública para que dicte cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento do disposto no presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día quince de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

6146