Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 29 de xullo de 1997 Páx. 7.293

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 1997, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, pola que se dictan normas para regula-lo desenvolvemento dos ciclos formativos no curso 1997-1998.

Por Decreto 239/1995, do 28 de xullo, (DOG do 16 de agosto), establécese a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional e as directrices sobre os seus títulos.

Por Orde do 6 de abril de 1995 (DOG do 12 de maio) regúlase o procedemento para admisión do alumnado no bacharelato e ciclos formativos de grao medio en centros sostidos con fondos públicos.

A Orde do 22 de maio de 1997 (DOG do 30 de xuño) regula a admisión de alumnado nos ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior, en centros sostidos con fondos públicos.

A Orde do 23 de maio de 1997 (DOG do 30 de xuño) regula as probas de acceso ós ciclos formativos de graos medio e superior de formación profesional específica e de artes plásticas e deseño.

A Orde do 13 de decembro de 1996 (DOG do 13 de xaneiro de 1997) pola que se regula a renovación da oferta de ensinanzas nos centros sostidos con fondos públicos de educación secundaria e escolas de arte durante o curso 1997/1998.

A Orde do 1 de setembro de 1995 (DOG do 21) pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia.

As disposicións derradeiras destas ordes autorizan á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto nelas.

Na súa virtude, esta dirección xeral,

DISPÓN:

Primeiro.-Matrícula.

1. O alumnado admitido para cursar ciclos formativos de grao medio ou de grao superior, xa sexa por acceso directo ou despois de supera-la proba correspondente, realizará a matrícula nos prazos previstos na Orde do 6 de abril de 1995 (DOG do 12 de maio) e na Resolución do 25 de maio de 1997 (DOG do 30 de xuño).

2. A matrícula realizarase para todo o ciclo formativo. Cando estas ensinanzas abranguen máis dun curso académico o alumnado deberá aboa-lo importe do seguro escolar en cada un deles nos prazos de matrícula indicados no punto anterior.

3. O alumnado poderá renunciar á matrícula dun ou varios módulos cando concorran circunstancias que o xustifiquen, como incorporación laboral, servicio militar ou prestación social substitutoria, enfermidade grave e aquelas que a dirección do centro estime pertinentes por proposta do equipo docente. Non obstante o expresado anteriormente, no caso de incompatibilidade horaria entre módulos de períodos diferentes, estes deberanse cursar de forma secuenciada segundo figuren no anexo I da presente resolución.

4. As solicitudes deberán presentarse ante o director ou directora do centro nun prazo de dous meses antes da avaliación final do módulo ó que se pretende renunciar. O director/a resolverá no prazo máximo de 10 días.

5. Non é posible compatibiliza-la matrícula en réxime presencial en ciclos formativos coa doutro tipo de ensinanzas de carácter regrado.

6. Durante un mesmo ano académico unha persoa non poderá estar matriculada á vez en ciclos formativos da modalidade presencial e de formación a distancia desta ou de distinta familia profesional.

Segundo.-Constitución de grupos.

Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos/as por centro, salvo autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. O número de alumnos/as de cada grupo será determinado pola Inspección Educativa en función das características pedagóxicas e dos medios dispoñibles. Este número non excederá de 30 persoas, non contabilizándose para estes efectos o alumnado repetidor.

Calquera modificación deste número requirirá autorización expresa da delegación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro.-Horario do ciclo formativo.

1. A formación no centro educativo e a formación no centro de traballo deberá coincidir co número total de horas que se dispoñen no decreto polo que se establece o Documento Base do Título (D.B.T.). A temporalización non ten que coincidir necesariamente coa duración do curso académico ordinario.

2. Na modalidade presencial, a distribución horaria dos módulos que constitúen o ciclo formativo corresponderá coa que se indica no anexo I desta norma, no que tamén se reflicte o número de sesións semanais de 50 minutos equivalentes (1ª columna do citado anexo). Non obstante, o centro educativo poderá establecer no seu proxecto curricular unha distribución horaria diferente que deberá ser aprobada pola delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria antes do inicio do ciclo formativo.

3. Nos horarios de cada grupo de alumnos deberá figurar, polo menos, 1 hora semanal para a súa atención titorial.

4. Aqueles centros que, polas súas características específicas ou polas dos ciclos que imparten, requiran unha modalidade horaria especial deberán solicitalo á delegación provincial que, logo do informe da Inspección Educativa, resolverá o que proceda.

5. Co obxecto de contribuír á formación permanente das persoas e atende-las demandas de cualificación do sistema productivo, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autorizar outras modalidades horarias diferentes adecuadas a singulares características de colectivos concretos ou na modalidade a distancia se é o caso. A solicitude desta modalidade horaria deberá xustificar que:

. A distribución horaria que se adopte cumpra as horas totais establecidas para cada módulo no anexo I.

. O período no que se realizará o módulo profesional de formación en centros de traballo é posterior ós asignados para cursa-lo resto de módulos profesionais que compoñen o ciclo.

. Se atenda á poboación traballadora identificada que cumpra as condicións de acceso ó ciclo formativo.

. Responda á planificación da oferta formativa asignada ó centro.

6. O horario de libre disposición do centro empregarase para reforzar nos módulos asociados a uni

dades de competencia as capacidades da formación profesional de base ou da formación profesional específica. Este horario de libre disposición utilizarase no primeiro curso.

7. Coa finalidade de verifica-lo cumprimento do horario mínimo para cada ciclo, a dirección do centro remitirá á Inspección Educativa, xunto co horario semanal do grupo, un calendario no que irán especificados os días lectivos da formación no centro educativo.

Cuarto.-Profesorado.

1. O equipo docente do ciclo está constituído polo conxunto de profesores e profesoras que imparten docencia nos diferentes módulos que o integran.

2. Cada módulo dun ciclo formativo constitúe unha unidade de oferta formativa e, polo tanto, será impartido, con carácter xeral, por un só profesor ou profesora. Este criterio non condiciona de ningún xeito as posibilidades de desdobramento do grupo naqueles módulos nos que así se indica no anexo I sempre que o número de alumnos/as sexa superior a 20 por grupo. Os desdobramentos serán autorizados pola Inspección Educativa logo de informe do centro en función do alumnado do grupo, dos espacios e doutras circunstancias que os xustifiquen.

3. No caso de desdobramento de grupos de alumnos terase en conta que:

. O profesorado que participe do desdobramento dun módulo ten a obriga de se responsabilizar da impartición da totalidade dos contidos e de avalia-lo alumnado que o cursa, polo tanto:

-Non se poderá dividi-lo módulo profesional por tipos de contidos.

-En ningún caso, o profesorado dos grupos desdobrados rotará na aula ou no taller.

4. O profesorado que poderá impartir docencia nos diferentes módulos será o que se establece nos anexos IIa, IIb, IId, III, IVa, IVb, IVc e V do Real decreto 1635/1995, do 6 de outubro (BOE do 10), polo que se adscribe o profesorado dos corpos de profesores de ensinanza secundaria e profesores técnicos de formación profesional ás especialidades propias da formación profesional específica.

5. O módulo de proxecto integrado será impartido polo profesor ou profesora que designe o director/a do centro unha vez oído o equipo docente do ciclo.

6. Coa finalidade de favorece-la coordinación e a integración dos contidos dos diferentes módulos do ciclo formativo o número de profesores/as que constitúan o equipo docente será o menor posible (con carácter xeral, entre tres e cinco persoas). Calquera outro equipo docente cun número de persoas

diferente deberá ser autorizado polo delegado provincial, mediante solicitude razoada do centro e logo do informe da Inspección Educativa.

7. O equipo docente dun ciclo formativo deberá establecerse procurando a continuidade dos seus compoñentes ó longo de todo o ciclo e polo profesorado que teña destino definitivo no centro. A Inspección Educativa resolverá sobre as posibles excepcións a esta norma.

8. Para a constitución do equipo docente terá prioridade o profesorado con destino definitivo no centro que no momento de presenta-lo proxecto-solicitude do ciclo formativo e que, posuíndo a titulación requirida, manifestou o seu compromiso en imparti-la docencia no ciclo.

9. O número de períodos lectivos de docencia directa de cada profesor/a no ciclo formativo é o que se establece na Orde do 1 de setembro de 1987 (DOG do 11 de setembro) ou normativa que a substitúa.

10. A xefatura de estudios establecerá no horario do profesorado do ciclo formativo unha hora semanal para reunións de todo o equipo docente do ciclo formativo para efectos de programación, coordinación, seguimento e avaliación. Estas reunións son de obrigatoria asistencia.

11. O profesorado titor disporá dunha reducción horaria para o desempeño das súas funcións. Esta reducción será de 3 horas á semana ademais das horas complementarias.

12. Mentres o alumnado do ciclo formativo estea realizando o módulo profesional de formación en centros de traballo os membros do equipo docente realizarán, entre outras, as seguintes actividades:

-Impartición de actividades de recuperación ó alumnado que teña pendente de superar algún módulo profesional.

-Realización de actividades de avaliación e cualificación extraordinaria do alumnado con módulos profesionais pendentes.

-Labores de apoio ó profesorado nos módulos que quedaron pendentes de recuperación, na formación en centros de traballo (FCT), así como a alumnado con necesidades educativas especiais.

-Actualización e formación do profesorado.

Quinto.-Titoría.

Cada grupo de alumnos dun ciclo formativo terá un profesor ou profesora titor que pertencerá ó equipo docente do ciclo. O titor desempeñará as súas funcións durante todo o proceso formativo, salvo causas debidamente xustificadas. Será nomeado/a polo

director/a do centro unha vez oído o equipo docente do ciclo e asumirá as seguintes funcións:

-Organizar e coordina-las reunións do equipo docente e a coordinación intermódulos, cubrindo as correspondentes actas.

-Colaborar coa xefatura de estudios, na elaboración do horario lectivo, atendendo as necesidades de temporalización e organización docente de cada un dos módulos do ciclo.

-Coordinar, orientar e asesora-la avaliación, os procesos de ensino-aprendizaxe, así como a orientación profesional do alumnado en relación coa súa evolución escolar, métodos de traballo, técnicas de estudio e de busca de emprego, saídas académicas e profesionais, posibles validacións, sempre co apoio do profesorado do módulo de formación e orientación laboral e, se é o caso, do departamento de orientación do centro.

-Propor e presidi-las correspondentes sesións de avaliación do seu grupo.

-Informar do proceso educativo de aprendizaxe do alumnado, tanto a eles mesmos como ós seus pais ou titores legais, a través do procedemento que o centro determine.

-Informar e asesora-lo alumnado sobre as actividades que hai que realizar na FCT, así como sobre a forma de cubrir a documentación relativa a ela.

-Propor ó director ou directora do centro educativo e ó coordinador da FCT, se é o caso, as empresas coas que procede contactar para o desenvolvemento da formación en centros de traballo (FCT).

-Realiza-lo seguimento educativo do módulo de formación en centros de traballo, coa colaboración do resto do equipo docente do ciclo.

-Realiza-la avaliación do módulo de formación en centros de traballo, coa colaboración da persoa responsable designada para tal efecto pola empresa. A colaboración do titor ou titora de empresa consistirá nun informe que valore a actividade realizada e o grao de consecución das capacidades atribuídas ó dito módulo. Se a formación en centros de traballo se desenvolve en varios centros ou empresas solicitarase un informe de cada unha delas.

-Informar ó alumnado sobre as posibles exencións e validacións.

-Tramitar e informa-las peticións de validación ou exención formuladas polo alumnado do ciclo.

-Concretar e tramita-la documentación relativa á formación en centros de traballo.

-Coordina-lo desenvolvemento da programación das actividades complementarias previstas para o alumnado.

-Actuar como interlocutor/a entre o equipo docente, a dirección do centro e os distintos servicios da Administración, se é o caso, colaborando con esta no desenvolvemento e seguimento da acción educativa.

-Informar sobre as necesidades de material preciso para a impartición das ensinanzas.

-Redacta-la memoria de final de curso.

Sexto.-Profesorado especialista.

Naqueles ciclos formativos nos que, segundo o real decreto que establece as correspondentes ensinanzas mínimas, sexa necesario o concurso de profesorado especialista para a impartición dalgún módulo, por non existir no centro profesorado co perfil idóneo, a dirección do centro comunicará, coa maior brevidade esta circunstancia á Inspección Educativa-Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para que adopte as medidas oportunas.

Sétimo.-Proxecto curricular do ciclo formativo.

1. O equipo docente, coordinado polo/a titor/a do ciclo formativo baixo a supervisión da comisión de coordinación pedagóxica do centro, elaborará o proxecto curricular do ciclo formativo de acordo co currículo oficial.

2. O proxecto curricular incluirá os obxectivos xerais que se pretenden acadar no ciclo formativo para dar resposta ás finalidades a que fai referencia o artigo 2º do Decreto 239/1995, do 28 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional, e demais aspectos que se indican no artigo 94 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de secundaria, contextualizados no ámbito socio productivo no que está inmerso o centro. Incluirá para cada módulo profesional as capacidades, os contidos que se deben desenvolver, a metodoloxía que se vai empregar, os criterios de avaliación que van seguir, as medidas de atención á diversidade e se é o caso as adaptacións curriculares para o alumnado que o precise. Tamén deberá especifica-lo calendario do proceso de avaliación do ciclo formativo.

3. Co fin de garanti-la función formativa que ten a avaliación e o dereito do alumnado de que o seu rendemento escolar sexa avaliado con plena obxectividade conforme o establecido na normativa vixente, para cada módulo profesional deberán concretarse:

-Os criterios de avaliación que permitirán evidencia-la adquisición das capacidades correspondentes, así como o nivel mínimo que se considera suficiente para acada-la avaliación positiva.

-Os criterios e procedementos para establece-las actividades de recuperación daqueles módulos profesionais pendentes de superación polo alumnado, para efectos de avaliación extraordinaria.

-O procedemento de avaliación e cualificación extraordinaria do alumnado con módulos profesionais pendentes.

4. No caso do módulo de formación en centros de traballo o proxecto curricular do ciclo formativo incluirá tamén o perfil básico das empresas nas que se deba realiza-la formación, engadindo a relación das existentes no contorno do centro nas que sería posible realizala.

5. As programacións elaboradas a partir do proxecto curricular do ciclo formativo, asinadas por tódolos membros do equipo docente, serán remitidas á Inspección Educativa antes do 15 de outubro. Se algún membro do equipo docente estivese desconforme con elas, manifestarao en escrito razoado, sen que isto exima inicialmente do seu cumprimento.

6. A Inspección Educativa asesorará os equipos docentes no proceso de elaboración do proxecto curricular do ciclo formativo e efectuará o oportuno seguimento do seu cumprimento.

Oitavo.-Módulo de proxecto integrado.

1. O módulo de proxecto integrado contribuirá de forma específica ó logro das seguintes finalidades:

-Comprender globalmente aspectos sobresaíntes da competencia profesional característica do título que foron abordados noutros módulos profesionais do ciclo formativo.

-Integrar ordenadamente distintos coñecementos sobre organización, características, condicións, tipoloxías, técnicas e procesos que se desenvolven nas diferentes actividades productivas do sector a que corresponde o título.

-Adquirir, se é o caso, coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes que favorezan o desenvolvemento daquelas capacidades relacionadas coa profesión para a que se forma que, sendo demandadas polo contorno productivo en que radica o centro, non poidan ser recollidas no resto de módulos profesionais.

2. Tomando como referencia un proceso productivo, real ou simulado, o proxecto integrado debe:

-Analiza-la interrelación e contribución das distintas etapas da organización, programación e control dun proceso.

-Determina-las especificacións do proceso productivo dun artigo, (materia prima, medio productivo, método operativo, etc.) e os métodos que aseguren a calidade, a partir das especificacións dun

deseño, dun pedido, de obxectivos de calidade, dos recursos dispoñibles e de catálogos comerciais de materiais.

-Determina-la viabilidade das especificacións do proceso de producción e, se é preciso, as medidas correctoras a partir da elaboración e avaliación do prototipo.

-Determina-la cantidade de recursos, o nivel de stock óptimo, os sistemas de traballo e de control da producción máis adecuada e a organización das liñas de producción, aprovisionamento, mantemento preventivo dos recursos e as fases productivas necesarias para a producción en función dos recursos dispoñibles, volume e variedade do pedido, así como os prazos establecidos.

-Determina-las medidas correctoras que se deben tomar e a súa viabilidade no hipotético proceso de producción para garanti-las condicións de producción establecidas, considerando as posibles anomalías, incidencias ou desviacións simuladas.

Este módulo forma parte do currículo dos ciclos formativos de grao superior que se indica no anexo II desta resolución.

Noveno.-Formación en centros de traballo (FCT).

1. A formación en centros de traballo, na que se perseguirán as finalidades que se indican no artigo 7º punto 3 do Decreto 239/1995, ten carácter obrigatorio en tódolos ciclos formativos e estructurarase a través do Programa da Formación en Centros de Traballo. Desenvolverase procurando aplica-las competencias profesionais adquiridas no centro educativo complementándoas con aquelas previamente identificadas entre as actividades productivas do centro de traballo. Posibilitará, así mesmo, avalia-los aspectos máis relevantes da competencia profesional do alumnado, razón pola que con carácter xeral, constituirá a última fase de formación do alumnado, conforme se establece nos artigos 7º e seguintes da Orde do 1 de setembro de 1995.

2. A duración da formación en centros de traballo será a que se establece no anexo I para cada ciclo formativo.

O centro educativo proporalle á Inspección Educativa para a súa aprobación, se procede, cunha antelación mínima de dous meses á data prevista para o inicio, os convenios de colaboración, a relación de alumnado por cada unha das empresas e os programas formativos que se van desenvolver nelas.

3. O período de formación en centros de traballo constitúe unha parte obrigatoria dos currículos dos ciclos. Consecuentemente, a súa realización non dá

dereito á percepción por parte do alumnado de ningunha compensación económica distinta das bolsas e axudas ó estudio de carácter xeral.

Décimo.-Exencións:

1. Son susceptibles de exención, a partir da experiencia laboral, aqueles módulos en que así o estableza o Real decreto (anexo II desta resolución). O alumnado que, pola súa experiencia laboral, considere posuí-las capacidades establecidas nalgún deses módulos profesionais poderá solicitar na secretaría do centro a posible exención dentro dos primeiros quince días do comezo do ciclo correspondente.

2. Para poder solicitar esta exención será preciso acreditar, polo menos, unha experiencia laboral de doce meses no mesmo campo profesional. Esta acreditación consistirá nunha certificación de cotización da Tesourería da Seguridade Social e/ou mutualidade laboral onde conste a empresa e a duración do contrato e un certificado de empresa no que se indiquen as funcións, actividades e tarefas desenvolvidas, así como a súa duración.

No caso de persoas traballadoras por conta propia, presentarán certificación de alta no imposto de actividades económicas e xustificante de pagamento do dito imposto e a certificación da empresa substituirase por unha declaración do propio interesado/a acompañada de canta outra documentación de apoio á súa solicitude considere oportuna.

3. O titor/a do ciclo realizará un informe de cada unha das solicitudes presentadas, sobre a idoneidade das actividades desenvolvidas, contrastando a documentación achegada pola persoa solicitante coas capacidades terminais que se deben acadar en cada caso. Para elabora-lo informe recadará a información precisa do profesor ou profesora que imparta o módulo para o que se solicita validación.

4. No caso de informe favorable a persoa que solicita a exención terá que realizar e superar unha proba que permita evidencia-la competencia profesional á que estea asociado o módulo profesional do que se solicita a exención. Para determina-las características da proba, deberán terse en conta os criterios de realización das unidades de competencia asociada do documento base do título (DBT).

5. Esta proba será realizada por unha comisión presidida polo director/a do centro educativo e da que formarán parte o titor/a do ciclo e o profesor/a do módulo correspondente.

Décimo primeiro.-Avaliacións:

1. O proceso de avaliación tal e como recolle no artigo 16.3º do Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG 16 de agosto) é un proceso continuo que implica a asistencia regular do alumnado á clase e acti

vidades programadas para os distintos módulos. Implicará os tipos de actuación que se establecen nos artigos 5º da Orde do 1 de setembro de 1995 (DOG do 21).

2. Tódolos membros do equipo docente do ciclo formativo teñen que asistir á totalidade de sesións de avaliación, impartan ou non clase no período que se avalía.

3. O proceso avaliativo, tal e como se recolle no artigo 6º da devandita orde, comprenderá as seguintes sesións de avaliación:

-Sesións de avaliación ordinaria:

a) O equipo docente realizará unha sesión de avaliación e cualificación parcial dos módulos que integran a formación no centro educativo, cunha frecuencia mínima trimestral. O seu resultado reflectirase nunha acta como a do anexo III desta resolución.

b) A sesión de avaliación final ordinaria de cada un dos módulos da formación no centro educativo (FCE), realizarase ó remate do período lectivo asignado a cada un deles.

Esta sesión de avaliación poderá coincidir coa avaliación parcial indicada no apartado a). O resultado dela reflectirase nunha acta segundo modelo do anexo IV desta resolución.

A superación dun módulo profesional dará lugar á correspondente acreditación. Esta acreditación consistirá nunha certificación expedida pola secretaria do centro na que conste, á vista das actas, a denominación e as cualificacións obtidas nos módulos superados. A certificación será realizada nas dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma segundo modelo que se indica no anexo VI desta resolución.

c) Na sesión de avaliación final previa á realización da formación no centro de traballo (FCT) tomaranse decisións sobre o acceso do alumnado á FCT, e fixaranse as actividades de recuperación para o alumnado que non poida acceder á citada FCT. O seu resultado reflectirase nunha acta segundo modelo do anexo IV desta resolución. Esta avaliación poderá coincidir coa do apartado b).

d) A sesión de avaliación final do ciclo formativo realizarase ó remata-lo período da FCT, no prazo máximo dun mes. A superación da totalidade de módulos que o integran dará lugar o título correspondente. O seu resultado reflectirase nunha acta segundo modelo do anexo V desta resolución.

-Sesións de avaliación extraordinaria:

Tal e como se recolle no artigo 7.4º da Orde do 1 de setembro de 1995, o alumnado que non supere

a totalidade de módulos de FCE deberán realizar unha avaliación extraordinaria, podendo darse as seguintes situacións:

a) Que o alumnado teña un único módulo avaliado negativamente: segundo o artigo 7.3 da Orde do 1 de setembro de 1995, o equipo docente poderalle autoriza-lo acceso ó módulo de FCT, sempre que se considere que o/a alumno/a ten fundadas posibilidades de superalo mediante as actividades de recuperación que se establezan. Neste caso deberáselle realizar unha sesión de avaliación final extraordinaria, do módulo pendente, antes de remata-la FCT. O seu resultado reflectirase nunha acta segundo modelo do anexo IV desta resolución. A non superación do módulo pendente implicará a non continuidade do alumno no módulo de FCT.

b) Que o alumnado teña dous ou máis módulos pendentes: non poderá acceder á FCT. Durante ese período realizará as actividades de recuperación conforme o establecido no artigo 7.4 da Orde do 1 de setembro de 1995. Posteriormente realizarase unha sesión de avaliación final extraordinaria dos módulos suspensos. O resultado desta sesión reflectirase nunha acta segundo modelo do anexo IV desta resolución. Neste caso esta sesión de avaliación extraordinaria coincidirá coa avaliación final do ciclo formativo. Para o alumnado que supere os módulos pendentes, a dirección do centro adoptará as medidas oportunas para que poida realiza-la FCT e establececerá a data na que se celebre a sesión de avaliación final do ciclo formativo. O seu resultado reflectirase na acta correspondente, segundo modelo do anexo V desta resolución. Como máximo, realizarase unha sesión de avaliación final extraordinaria do ciclo formativo cada trimestre lectivo.

c) Para o alumnado que non supere módulos de ciclos formativos de ata 1.400 horas procederase de igual forma, pero a sesión de avaliación final extraordinaria deles realizarase antes do día 29 de outubro.

d) O alumnado que non superou os módulos poderá matricularse e cursalos novamente conforme o que se establece no artigo 22.1º do Decreto 239/1995. No caso de ciclos formativos de ata 1.400 horas poderá matricularse por 2ª vez antes do día 31 de outubro.

3. Os modelos de acta que se van utilizar, recollidos nos anexos III, IV e V desta resolución, desenvolven o modelo de acta recollido no anexo II da Orde do 1 de setembro de 1995 (DOG do 21). Os centros deberán realiza-las solicitudes de proposta de título nos prazos determinados pola normativa vixente,

4. Segundo o artigo 19.4º do Decreto 239/1995 xa mencionado, nas sesións de avaliación finais do ciclo formativo o equipo docente elaborará un consello de orientación dirixido a cada un dos alumnos, co fin de asesoralo sobre a súa incorporación ó mundo do traballo.

Décimo segundo.-Memoria final do ciclo formativo:

A memoria describe a evolución da totalidade do proceso formativo do ciclo. Nela deberán figura-los seguintes puntos:

. Distribución dos diferentes módulos que integran o ciclo formativo entre o profesorado que o imparte.

. Número de alumnos matriculados indicando cantos son homes e cantos son mulleres, cantidade de alumnos/as que accederon á FCT indicando tamén cantos o fixeron cun módulo pendente e número de alumnos que obtivo o título.

. Breve resumo das actividades de recuperación dos distintos módulos, valorando o resultado obtido con elas.

. Actividades extraescolares e complementarias desenvolvidas.

. Medidas concretas de atención á diversidade e a alumnado con diversificación curricular.

. Programa de FCT indicando as empresas e as seccións delas onde se desenvolveron e o número de alumnos/as que recibiu cada unha delas.

. Valoración do desenvolvemento do programa formativo nas diferentes empresas.

. Cantos outros aspectos se consideren de interese.

Esta memoria enviarase no prazo máximo dun mes desde o remate da FCT á Inspección Educativa.

Disposicións derradeiras

1. Os directores e directoras dos centros educativos arbitrarán as medidas necesarias para que esta resolución sexa coñecida por tódolos membros da comunidade educativa.

2. Os delegados provinciais, a través do servicio da Inspección Educativa, garantirán o cumprimento do disposto na presente resolución e asesorarán os centros sobre o seu contido.

3. Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para o curso 1997/1998.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 1997.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Ordenación Educativa

e de Formación Profesional

4907