Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 23 de xullo de 1997 Páx. 7.196

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 191/1997, do 3 de xullo, polo que se fixan os prezos correspondentes ós estudios conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 1997/1998.

A Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro), de reforma universitaria, establece no seu artigo 54.3º.b) que lle corresponde á Comunidade Autónoma fixa-las taxas académicas polos estudios conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario, dentro dos límites que a nivel estatal ten que establece-lo Consello de Universidades. Para os restantes estudios serán fixados polo Consello Social ou polo órgano substitutorio, que é competente segundo a lexislación vixente no caso das universidades que non teñan constituídas os citados consellos.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988), traspasa á Comunidade Autónoma as competencias e servicios en materia de universidades.

A Lei 8/1989, do 13 de abril (BOE do 15 de abril) de taxas e prezos públicos, outórgalles ás referidas taxas a consideración de prezos públicos, asumindo os supostos de feito e dualidade de réximes contidos no Art. 54.3º.b da antes citada Lei orgánica 11/1983. Pola súa parte a Lei 13/1991, do 9 de decembro (DOG do 13), de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu Art. 9.3º o que se entende por prezos públicos.

O Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, polo que se establecen directrices xerais comúns ós plans de estudio dos títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE 298 e 299 do 14 e 15 de decembro de 1987), establece no seu Art. 10 que os plans de estudio correspondentes a títulos oficiais, unha vez aprobados, serán homologados polo Consello de Universidades; sen embargo, a homologación dos ditos plans de estudio só producirá efectos para a impartición das súas ensinanzas, no suposto de que supoña incremento da subvención orzamentaria se conta coa oportuna autorización da Comunidade Autónoma.

Neste contexto normativo, e dada a consideración de prezos públicos para os servicios académicos, o presente decreto fixa os importes que pagarán os alumnos polos estudios conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario, actualizando as tarifas vixentes no curso pasado e distinguindo entre prezos correspondentes a plans de estudios reformados e prezos correspondentes a plans de estudios aínda sen axustar ás directrices da reforma dos títulos universitarios.

No uso das súas competencias, o Consello de Universidades na sesión da súa Comisión de Coordinación e Planificación, do 3 de xuño de 1997 (BOE nº 141, do 13 de xuño), fixou, para o curso 1997-1998, os límites de aumento dos prezos académicos e demais dereitos polos estudios conducentes á obtención de títulos universitarios oficiais na porcentaxe de incremento do IPC definido no período que vai de maio de 1996 a maio de 1997, e o dito incremento aumentado en 3 puntos.

Tendo en conta as previsión macroeconómicas xerais para Galicia e a distinción entre ensinanzas renovadas e non renovadas, así como a diferencia entre o prezo da 1ª e 2ª matrícula fronte ó prezo da 3ª e sucesivas matrículas (Decreto 263/1993, do 28 de outubro) cómpre proceder á publicación dos prezos que se pagarán en Galicia polos estudios universitarios conducentes a títulos oficiais, incrementando os prezos do curso pasado na contía correspondente á suba do IPC de Galicia determinado entre maio de 1996 e maio de 1997, pois entendemos que nestes prezos é onde, especialmente, se manifesta a política social de apoio ó principio de igualdade de oportunidades para garanti-lo dereito ó estudio.

Na súa virtude, ó abeiro do establecido no artigo 12 da Lei de Galicia 13/1991, do 9 de decembro (DOG do 13 de decembro), de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, cómpre fixa-los prezos correspondentes o ano académico 1997-1998.

Por todo o que antecede, en virtude das atribucións que me confire a Lei 11/1988, do 20 de outubro, de reforma da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, oídos os rectores das universidades galegas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

1.-Os prezos que se pagarán no curso 1997/1998 polos estudios conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario nas 3 universidades públicas galegas serán os establecidos segundo as normas do presente decreto na contía que se sinala no anexo deste.

2.-O importe dos prezos por estudios conducentes a títulos ou diplomas que non teñan carácter oficial será fixado nas universidades galegas polo seu respectivo Consello Social, de conformidade co establecido no Art. 5.3º.b) da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria.

3.-De cara ós prezos públicos diferéncianse neste decreto as ensinanzas renovadas das ensinanzas non renovadas.

Ensinanzas renovadas son as que corresponden ós estudios conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez nacional establecidos polo Goberno, con carácter oficial e validez en todo o territorio nacional para os que as universidades galegas teñan plans de estudios homologados polo Consello de Universidades ó abeiro do decreto de directrices xerais propias do título de que se trate.

Ensinanzas non renovadas son as que corresponden ós estudios conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez nacional non incluídas no apartado anterior ou que estando incluídas nel responden a normativas de plans de estudios anteriores ás directrices xerais propias do título de que se trate e estean homologados polo Consello de Universidades.

Artigo 2º.-Das ensinanzas non renovadas.

1.-Os prezos establecidos nos apartados 1, 3 e 5 da tarifa primeira do anexo do presente decreto poderán aboarse por curso completo ou por disciplinas. As disciplinas poderán ser anuais ou cuadrimestrais, de acordo co establecido pola universidade, en función do número de horas lectivas que figure nos plans de estudios. O importe do prezo aplicable para as disciplinas cuadrimestrais será a metade do establecido para as anuais.

2.-O importe do prezo establecido para cada disciplina solta será diferente segundo que o curso a que corresponda estea constituído por menos de sete disciplinas anuais ou por sete ou máis disciplinas anuais. Para estes efectos unha disciplina anual será equivalente a dúas cuadrimestrais.

3.-Cando un alumno se matricule nunha mesma disciplina por terceira ou posteriores veces, o importe da matrícula desta verase incrementado nun 25%.

4.- En calquera caso, cando un alumno se matricule en disciplinas soltas correspondentes a un mesmo curso, o importe da matrícula que hai que satisfacer non poderá excede-lo fixado para un curso completo, agás se nalgunha das disciplinas se matriculase por terceira ou posteriores veces; e neste caso, o importe total da matrícula non poderá supera-lo prezo do curso completo, incrementado nun 25%.

5.- As bonificacións correspondentes á aplicación dunha ou de varias matrículas de honra levaranse a cabo logo de face-lo cálculo do importe total da matrícula.

6.- O importe do curso completo nas ensinanzas non renovadas será equivalente a 60 créditos de ensinanzas renovadas, excepto nas titulacións de carácter técnico que será equivalente a 75 créditos.

Artigo 3º.-Das ensinanzas renovadas.

1.-No caso de ensinanzas renovadas, o importe das materias ou disciplinas calcularase de confor

midade co número de créditos asignado a cada unha delas e o prezo establecido para o crédito, o importe do curso completo será equivalente a 60 créditos, excepto nas titulacións de carácter técnico que será equivalente a 75 créditos.

2.-Cando o plano de estudios especifique a carga lectiva por curso, entenderase por curso completo o número total de materias ou disciplinas, incluíndo os créditos de optativas e de libre elección asignadas ó correspondente curso.

No caso de plans de estudios homologados por ciclos sen especificación por curso, o número de créditos de cada curso establecerase ó dividi-lo número total de créditos do ciclo polo número de anos que lle corresponde a este.

Cando unha parte dos créditos estea estructurada por curso e outra parte estea estructurada por ciclo, o total de créditos do curso queda identificado pola suma de créditos asignados ó curso no plano máis a parte anual de créditos do ciclo que resulte de aplica-lo criterio do parágrafo anterior.

3.-Cando un alumno se matricule nunha mesma materia ou disciplina por terceira vez ou posteriores veces, o importe do crédito correspondente á devandita disciplina verase incrementado nun 25%.

4.-Os alumnos poderán matricularse por curso completo ou en disciplinas ou créditos soltos. En calquera caso, cando o alumno se matricule en disciplinas ou créditos soltos correspondentes a disciplinas ou créditos dun mesmo curso, o importe da matrícula que hai que satisfacer polo total dos créditos non poderá excede-lo importe fixado para a matrícula correspondente ó total de créditos de cada curso segundo a especificación do apartado 2 deste artigo.

5.-As bonificacións correspondentes á aplicación dunha ou de varias matrículas de honra levarase a cabo logo de face-lo cálculo do importe total da matrícula e aplicaranse ó número de créditos correspondentes á disciplina ou disciplinas nas que obtivo a matrícula de honra.

6.-Os créditos correspondentes a libre elección polo estudiante para a flexible configuración do seu currículo serán aboados de acordo coa tarifa establecida para a titulación que se pretende obter, con independencia do departamento ou centro onde se cursen os ditos créditos. No concepto de curso completo entenderanse incluídos os créditos de libre elección que lle correspondan de acordo co apartado 2 deste artigo.

Artigo 4º.

1.-O importe dos cursos ou seminarios de cada programa de doutoramento calcularase de acordo co número de créditos asignados a cada curso ou seminario, tendo en conta o prezo establecido para cada crédito. Para estes efectos, o importe do crédito fixarase tomando como referente a relación entre o prezo medio dun curso académico determinado segundo

o establecido nos artigos 2º e 3º do presente decreto e o conxunto de 16 créditos por ano de doutoramento.

Os créditos correspondentes ós cursos de doutoramento serán aboados de acordo coa distinción de titulacións que se fai na tarifa primeira (1.1 e 3.1) tendo en conta con qué titulación está relacionado o contido fundamental do programa de doutoramento.

Artigo 5º.

1.-En todo caso o dereito a exame e a avaliación correspondente das disciplinas ou, se é o caso, créditos matriculados estará limitado polas incompatibilidades académicas derivadas dos plans de estudios. Só para estes efectos, as universidades, polo procedemento que determinen as respectivas xuntas de goberno, poderán fixar un réxime de incompatibilidades académicas para aqueles plans de estudios nos que non estivese establecido previamente.

2.-O exercicio das posibilidades de matrícula derivadas dos artigos anteriores non obrigará á modificación do réxime de horarios xerais, que foi determinado en cada centro, de acordo coas necesidades docentes dos seus plans de estudios.

3.-Non obstante o establecido nos artigos anteriores, aqueles alumnos que empecen os seus estudios deberán matricularse do total dos créditos correspondentes á carga lectiva asignada ó primeiro curso no plan de estudios. No caso de que o plan de estudios non fixese referencia explícita ó mínimo de créditos que corresponden ó primeiro curso, entenderase a obriga segundo o establecido no apartado 2 do artigo 3º para as ensinanzas renovadas. No caso das ensinanzas non renovadas entenderase a obriga segundo o establecido no apartado 6 do artigo 2º. Todo isto, salvo que se producise validación ou adaptación (segundo anexo I do R.D. 1267/1994, do 10 de xuño, BOE nº 275), de materias do devandito primeiro curso, xa que neste caso o alumno non terá que matricularse das materias validadas.

Artigo 6º.

1.-Os alumnos dos centros adscritos e os que obteñan a validación de cursos completos ou de disciplinas soltas por razóns de estudios realizados en centros nacionais non estatais ou en centros estranxeiros aboaranlle á universidade o 25% dos prezos establecidos nos apartados 1, 2, 3, 4 e 5 da tarifa primeira do anexo, sen prexuízo do establecido no correspondente convenio. Os demais prezos aboaranse na contía íntegra prevista.

2.-Pola adaptación de estudios realizados en centros estatais non se aboarán prezos, agás se a validación é para a obtención doutro título académico. O prezo neste caso será do 25% dos prezos establecidos no anexo.

Artigo 7º.

De conformidade co establecido no artigo 3.1º do Real decreto 2298/1983, do 28 de xullo (BOE do

27 de agosto), polo que se regula o sistema de bolsas e outras axudas ó estudio de carácter personalizado, os alumnos que reciban unha bolsa de estudios con cargo ós orzamentos xerais do Estado non estarán obrigados a paga-lo prezo polos servicios académicos.

Os alumnos que no momento de formalizaren a matrícula se acollan á exención de prezos por ter solicitada a concesión dunha das bolsas de estudios xerais convocadas polo MEC e ós que, posteriormente, non se lles concedese esta polo que resultaría que o alumno non tería dereito á axuda establecida de matrícula, estarán obrigados ó aboamento do prezo correspondente á matrícula que fixeron. Non aboa-lo pagamento, producirá automaticamente a anulación da dita matrícula en tódalas disciplinas.

Artigo 8º.

No caso das disciplinas de plans de estudios con dereito a exame pero nas que non se imparte xa docencia, pagarase por crédito ou disciplina, segundo corresponda, o 25% dos prezos da tarifa ordinaria.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente en funcións

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Tarifa primeira.-Estudios nas facultades e escolas técnicas superiores en calquera dos seus ciclos (incluídos os cursos de adaptación para o acceso de titulados polas escolas universitarias e facultades e escolas técnicas superiores), e nas escolas universitarias.

1. Estudios de ensinanzas non renovadas conducentes ós títulos de licenciado en farmacia, bioloxía, matemáticas, ciencias e tecnoloxía dos alimentos, física, medicina, odontoloxía, veterinaria, ciencias (incluídas as constituídas conforme o Decreto 1975/1973, do 26 de xullo), informática, ciencias do mar, belas artes; de arquitecto e enxeñeiro; de arquitecto técnico ou de enxeñeiro técnico; diplomado en enfermería, fisioterapia, informática, óptica e optometría, licenciado e diplomado en mariña civil, e licenciado en ciencias da actividade física e do deporte e aqueloutras denominacións de titulacións universitarias homologadas con estas.

1.1. Por curso completo: 88.860 ptas. Carreiras técnicas: 111.075 ptas.

1.2. Por disciplinas soltas:

a) Disciplina anual correspondente a un curso de menos de sete disciplinas anuais en primeira e segunda matrículas: 23.104 ptas. Carreiras técnicas: 28.880 ptas.

b) Disciplina anual correspondente a un curso de menos de sete disciplinas anuais, en terceira e sucesivas matrículas: 28.880 ptas. Carreiras técnicas: 36.100 ptas.

c) Disciplina anual correspondente a un curso de sete ou máis disciplinas anuais en primeira e segunda matrículas: 15.293 ptas. Carreiras técnicas: 19.116 ptas.

d) Disciplina anual correspondente a un curso de sete ou máis disciplinas anuais, en terceira e sucesivas matrículas: 19.116 ptas. Carreiras técnicas: 23.895 ptas.

2. Estudios de ensinanzas renovadas conducentes a títulos especificados no apartado 1 homologadas polo R.d. 1954/1994 de homologación de títulos ós do catálogo de títulos universitarios oficiais.

-En primeira e segunda matrículas, por cada crédito: 1.481 ptas.

-En terceira ou sucesivas matrículas, por cada crédito: 1.851 ptas.

3. Outros estudios de ensinanzas non renovadas conducentes a títulos oficiais do primeiro e segundo ciclo, distintos dos especificados no apartado 1.

3.1. Por curso completo: 62.760 ptas.

3.2. Por disciplinas soltas:

a) Disciplina anual correspondente a un curso de menos de sete disciplinas anuais en primeira e segunda matrículas: 16.004 ptas.

b) Disciplina anual correspondente a un curso de menos de sete disciplinas anuais, en terceira e sucesivas matrículas: 20.005 ptas.

c) Disciplina anual correspondente a un curso de sete ou máis disciplinas anuais en primeira e segunda matrículas: 10.669 ptas.

d) Disciplina anual correspondente a un curso de sete ou máis disciplinas anuais, en terceira e sucesivas matrículas: 13.336 ptas.

4. Estudios de ensinanzas renovadas conducentes a títulos oficiais de 1º e 2º ciclo distintos dos especificados no apartado 1 homologadas polo R.d. 1954/1994 de homologación de títulos ós do catálogo de títulos universitarios oficiais.

-En primeira e segunda matrículas, por cada crédito: 1.046 ptas.

-En terceira e sucesivas matrículas, por cada crédito: 1.307 ptas.

5. Estudios conducentes ó título de doutor:

a) Conducente a un título de doutor con denominación correspondente a un dos títulos especificado

na tarifa primeira, 1 e 2, por cada crédito: 5.560 ptas.

b) Conducente a un título de doutor con denominación correspondente a un dos títulos da tarifa primeira, 3 e 4, por cada crédito: 3.924 ptas.

Tarifa segunda.-Expedición de títulos académicos:

1. Doutor: 20.455 ptas.

2. Licenciado, arquitecto ou enxeñeiro: 13.752 ptas.

3. Diplomado, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico: 6.715 ptas.

4. Expedición e impresión de duplicados de títulos universitarios oficiais: 3.139 ptas.

Tarifa terceira.-Probas de aptitude para acceso á universidade: 7.113 ptas.

Tarifa cuarta.-Certificado de aptitude pedagóxica (inclúense tódolos cursos): 20.812 ptas.

Tarifa quinta.- Exame de grao.

1. Proxectos de fin de carreira: 13.079 ptas.

2. Exame para o grao de licenciado: 13.079 ptas.

3. Exame para o grao de doutor: 13.079 ptas.

Tarifa sexta.-Curso de iniciación e orientación para maiores de 25 anos: 10.614 ptas.

Tarifa sétima.-Estudios de especialidades en áreas das ciencias da saúde:

1. Estudios de especialidades médicas que non precisen formación hospitalaria do parágrafo 3º do anexo do Real decreto 127/1984, do 11 de xaneiro, en unidades docentes acreditadas, por cada crédito: 3.593 ptas.

2. Estudios de especialidades en enfermería en unidades docentes acreditadas, consideradas no Real decreto 992/1987, do 3 de xullo, por cada crédito: 916 ptas.

3. Estudios das especialidades de farmacia, análises clínicas, en escolas profesionais recoñecidas segundo o Real decreto 2708/1982, do 15 de outubro, por cada crédito: 3.593 ptas.

Tarifa oitava.-Validación de disciplinas para a obtención doutro título ou de estudios realizados en centros nacionais non estatais ou estranxeiros, o 25% do que corresponde ós prezos establecidos nos apartados 1, 2, 3, 4 e 5 da tarifa primeira.

Tarifa novena.-Obtención, por validación, de títulos de diplomados das escolas universitarias:

1. Por avaliación académica e profesional conducente á devandita validación: 13.079 ptas.

2. Por traballos esixidos para a dita validación: 21.783 ptas.

Tarifa décima.-Proba de conxunto para homologación de títulos estranxeiros de educación superior: 13.019 ptas.

Tarifa décimo primeira.-Secretaría:

1. Pola apertura de expediente académico ó comeza-los estudios nun centro, certificación académica e traslados de expediente académico: 2.492 ptas.

2. Pola compulsa de documentos: 977 ptas.

3. Pola expedición de tarxetas de identidade: 535 ptas.

Tarifa décimo segunda.-Cursos e exame de reválida/tese de licenciatura nas escolas sociais: 13.079 ptas.

97-5896