Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Martes, 22 de xullo de 1997 Páx. 7.191

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE FENE

EDICTO.

A Corporación Municipal, en sesión ordinaria celebrada con data do 3 de xullo de 1997, adoptou o seguinte acordo:

8º. Confirmación do acordo municipal de aprobación definitiva da modificación puntual do plan xeral de ordenación no contorno da unidade de actuación número 13.

Dase conta da proposta da alcaldía que, copiada literalmente, di o seguinte:

«Con motivo da tramitación do procedemento da aprobación da modificación puntual do plan xeral no contorno da unidade de actuación número 13 presentouse a dúbida sobre se cumpría instar informe do acabado de crear Consello Consultivo de Galicia, con motivo de que se producía un cambio de situación e unha sensible ampliación da zona verde incluída no referido contorno, tal como prevía un precepto de aplicación supletoria, como era o artigo 129 da Lei estatal sobre réxime do solo e ordenación urbana de 1992, ou ben, pola contra, ese informe non era preceptivo porque a Lei galega de 1995, de delegación de competencias nos concellos en materia de urbanismo era preferente e non o prevía.

Efectuada consulta telefónica ós servicios da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, mantiveron a innecesiaridade do informe do Consello Consultivo, con base na natureza supletoria do precepto citado da Lei estatal e o carácter preferente da Lei galega de delegación de competencias nos concellos, quedando confirmada tal interpretación polo feito da emisión do informe vinculante e favorable do conselleiro sen facer alusión a necesidade de tal informe do Consello Consultivo.

Posteriormente á aprobación da modificación puntual, a secretaría expúxolle a esta alcaldía a persistencia da dúbida sobre a necesidade ou non do informe do referido consello, polo que postos en contacto con este, o servicio correspondente considerou que, na súa opinión, era precisa tal intervención, polo que se instou o seu dictame, que se emitiu sen sentido favorable.

O feito posterior da aprobación da Lei do solo de Galicia, que no seu artigo 51 non prevé a intervención do Consello Consultivo galego no procedemento de aprobación de modificacións puntuais do planeamento como a que nos ocupa, e a sentencia do Tribunal Constitucional do 20 de marzo de 1997, que declarou nulos a maior parte dos artigos da Lei estatal do solo de 1992, por invadir competencias en materia de urbanismo das comunidades autónomas, entre eles o referido artigo 129, veu confirmar a corrección da tese da consellería fronte á defendida polo Consello Consultivo.

Polo exposto, propónselle á corporación a adopción do acordo seguinte:

Confirma-lo acordo plenario do 5 de setembro de 1996, polo que se aprobou definitivamente a modificación do plan xeral de ordenación urbana no contorno da unidade de actuación número 13 e emenda-lo feito de que o informe favorable emitido polo Consello Consultivo se tivese solicitado con posterioridade, caso de que fose preceptivo.

Logo de deliberación, a Corporación Municipal, en votación ordinaria e por nove votos a favor dos membros do BNG fronte a 6 en contra (2 do PP, 2 do PSOE, 1 de EU-EG e 1 de F.I), acordou aprobar nos seus propios termos a proposta transcrita».

Recursos.-Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo previsto no artigo 58 e nas condicións establecidas no artigo 57 da Lei de xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da presente notificación, logo de comunicarllo a este concello, segundo o previsto no artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e contra aprobación da taxa poderá formular recurso de reposición ante o alcalde, no prazo dun mes, contándose ámbolos dous termos desde o día seguinte ó da recepción desta notificación. Nembargantes, poderá interpoñer calquera outro recurso que considere procedente.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Fene, 7 de xullo de 1997.

O alcalde

Rubricado

5425