Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Luns, 21 de xullo de 1997 Páx. 7.139

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 189/1997, do 3 de xullo, polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras de recuperación da lagoa de Cospeito.

De acordo co establecido no artigo 10 da Lei de expropiación forzosa, a utilidade pública enténdese implícita nos casos en que por lei sexa declarado xenericamente.

Neste sentido, a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre, dispón no seu artigo 10.3º que a declaración do espacio protexido leve aparellada a de utilidade pública, para os efectos expropiatorios dos bens e dereitos afectados.

Por outra banda, o artigo 21.2º do mesmo texto legal, faculta ás Comunidades Autónomas con competencia para dictar normas adicionais de protección en materia de medio ambiente para establecer figuras propias de protección.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do artigo 27.30º do seu Estatuto de autonomía e das competencias establecidas no Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, regula mediante o Decreto 82/1989, do 11 de maio, a figura de espacio natural en réxime de protección xeral.

A través da Orde do 5 de xuño de 1997, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, foi declarada a lagoa de Cospeito como espacio natural en réxime de protección xeral.

Polo tanto, con base no anteriormente exposto, enténdese que o espacio natural en réxime de protección xeral se atopa investido da utilidade pública recoñecida no referido artigo 10.3º da Lei 4/1989, do 27 de marzo, e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e logo

da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído para efectos de expropiación no proxecto de recuperación da lagoa de Cospeito.

Santiago de Compostela, tres de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente en funcións

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Ganadería e Montes

5813