Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Luns, 14 de xullo de 1997 Páx. 6.884

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 4 de xullo de 1997 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 25 de febreiro de 1997, pola que se desenvolve unha liña de axudas ó establecemento no estranxeiro da empresa galega.

Mediante a orde da Consellería de Economía e Facenda, do 25 de febreiro de 1997, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 51, do 14 de marzo de 1997, desenvólvese a normativa reguladora correspondente á liña de axudas ó establecemento da empresa galega no estranxeiro, creada polo Decreto 454/1996, do 26 de decembro, polo que se establece un réxime de axudas á expansión exterior da empresa galega, realizándose a convocatoria, dentro dos diferentes programas que integran a dita liña, das axudas correspondentes a subvencións a fondo perdido sobre o importe dos gastos necesarios para o establecemento e posta en marcha de redes comerciais no estranxeiro, así como das subvencións a fondo perdido sobre o custo salarial de contratación laboral polas empresas de persoal especializado destinado a prestar servicios a estas en establecementos no estranxeiro.

Nos artigos 8.4º e 9.3º da Orde do 25 de febreiro de 1997 establécese que o prazo de presentación de solicitudes será o dos catro primeiros meses de cada ano natural, agás para o ano de entrada en vigor da dita orde, no que o prazo de presentación comezará a contar a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia; sen embargo, con obxecto de lograr unha plena efectividade na posta en marcha destas axudas, dada a novidade que estas supoñen e o período de análise empresarial previo necesario para a toma de decisión sobre a implantación da empresa no exterior, todo iso en coordinación coa adecuada política de difusión destas axudas e os convenios recentemente subscritos co Instituto Español de Comercio Exterior, o Instituto de Crédito Oficial e as entidades financeiras , considérase conveniente ampliar para este exercicio o prazo de presentación de solicitudes.

Por todo isto, en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a orde da Consellería de Economía e Facenda, do 25 de febreiro de 1997, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 52, do 14 de marzo de 1997, pola que se desenvolve unha

liña de axudas ó establecemento da empresa galega no estranxeiro, que pasará a te-la seguinte redacción nos artigos que se relacionan a continuación:

1. Artigo 8.4, parágrafo primeiro:

«O prazo de presentación de solicitudes será o dos catro primeiros meses de cada ano natural, agás para o ano 1997, no que o prazo de presentación de solicitudes rematará o día 14 de novembro de 1997».

2. Artigo 9.3., parágrafo primeiro:

«O prazo de presentación de solicitudes será o dos catro primeiros meses de cada ano natural, agás para o ano 1997, no que o prazo de presentación de solicitudes rematará o día 14 de novembro de 1997»

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

5470