Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Martes, 08 de xullo de 1997 Páx. 6.601

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 170/1997, do 3 de xullo, polo que se crea a Comisión de Acción Exterior da Xunta de Galicia.

O afondamento da autonomía de Galicia esixe que a Xunta asuma paulatinamente maiores responsabilidades na defensa e promoción dos intereses galegos. O nivel competencial atinguido implica que a proxección das súas actuacións abrangan desde a participación activa na fase ascendente e descendente da formación e execución do dereito comunitario europeo, ata a promoción económica e comercial, pasando pola captación de investimentos foráneos. Esta crecente actividade impón un maior esforzo coordinador entre tódolos departamentos e entidades autonómicas, de xeito que se maximice a proxección exterior de Galicia e os seus paralelos retornos económicos, sociais e institucionais.

A acción exterior da Xunta de Galicia enmárcase, ademais, no ámbito da plena lealdade constitucional, seguindo a doutrina sentada pola sentencia do 26 de maio de 1994, do Tribunal Constitucional, evitando dese xeito calquera actuación ultra vires contraria ó ordenamento xurídico español e ó dereito internacional, como son o ius contrahendi e o ius legationis da Administración central do Estado. Así, a referida sentencia, no seu fundamento xurídico terceiro, di expresamente que «non pode en ningunha forma excluírse que, para levar a cabo correctamente as funcións que teña atribuídas unha Comunidade Autónoma teña que realizar determinadas actividades, non xa só fóra do seu territorio, senón mesmo fóra dos límites territoriais de España», tendo sempre presente que «a competencia estatal en materia de relacións internacionais habilita as institucións estatais para ordenar e coordinar esas actividades con relevancia externa das comunidades autónomas, de xeito que non condicionen ou

prexudiquen a dirección da política exterior», segundo se desprende do fundamento xurídico oitavo.

Por outra banda, cómpre lembrar que a Comunidade Autónoma mantén unha obriga moral cos galegos da diáspora e cos pobos irmáns, que ten a súa positivización nos artigos 7.2º e 35.3º do noso Estatuto de autonomía. Isto, xunto con fenómenos como a internacionalización da economía, a integración dos mercados rexionais, dos que é exemplo o caso de Mercosur, ou o crecemento do sector exterior, motivou que fose aprobado o Decreto 4/1997, do 9 de xaneiro, creando unha unidade directamente dependente do presidente que, entre as súas funcións, se encargase «da cooperación entre os departamentos da Xunta de Galicia para os asuntos relacionados coa Unión Europea e a acción exterior». Desta maneira inténtase optimiza-la presencia de Galicia no mundo e maximiza-los retornos económicos e sociais dela derivados.

Na súa virtude, no exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a Comisión de Acción Exterior da Xunta de Galicia, que terá os seguintes cometidos:

a) A proposta das liñas políticas da acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A coordinación de tódolos plans, programas, iniciativas e actuacións singulares no eido da acción exterior, sen prexuízo das competencias propias que nesta materia teñan as consellerías, entidades e corporacións públicas dependentes ou tuteladas pola Xunta de Galicia, co fin de mellora-la eficacia e eficiencia colectiva da acción exterior da Xunta. Non obstante a excepción anterior, as consellerías, entidades e corporacións dependentes ou tuteladas pola Xunta de Galicia deberán informar das decisións que adopten en virtude das súas competencias sobre os devanditos asuntos á Comisión de Acción Exterior.

c) Senta-las directrices que optimicen o emprego de recursos humanos e materiais na acción exterior.

d) Avanzar nos procedementos que aseguren a plena participación da Comunidade Autónoma na fase ascendente, de formación do dereito comunitario europeo, con singular atención á participación da Xunta de Galicia nos Comités da Comunidade Europea, e na fase descendente, de implementación deste mesmo, adaptándoo ás singularidades galegas.

e) As propostas de viaxes ó exterior do presidente da Xunta, en razón dos intereses xerais de Galicia.

Artigo 2º

A Comisión de Acción Exterior quedará integrada do seguinte xeito:

-Presidente: o presidente da Xunta de Galicia.

-Membros:

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Conselleiro de Economía e Facenda.

Conselleiro de Industria e Comercio.

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social.

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude.

Secretario xeral da Presidencia.

Secretario xeral de Relacións coas Comunidades Galegas.

Secretario xeral para o Turismo.

Director xeral de Comercio

Director do Instituto Galego de Promoción Económica.

Secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, que asumirá, ademais a secretaría da comisión.

Artigo 3º

Os asuntos que se vaian debater na orde do día da Comisión de Acción Exterior deberán ser examinados previamente polo seu comité preparatorio, que estará presidido polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública, actuando como secretario o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior. O réxime interior e composición deste comité serán desenvolvidos por orde do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, tendo en conta a composición da comisión e podendo formar parte do comité aqueles cargos que teñan relación cos asuntos que se vaian tratar en cada reunión.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a execución deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente en funcións

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5301