Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Luns, 07 de xullo de 1997 Páx. 6.541

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 25 de xuño de 1997 pola que se establecen determinadas medidas de apoio ás organizacións de productores pesqueiros para a comercialización da sardiña.

Ó longo das últimas campañas véñense producindo distorsións no mercado da sardiña en Galicia que se traducen en continuas baixas dos prezos en orixe.

O Regulamento (CE) nº 3759/1992, do consello, do 17 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos productos da pesca e da acuicultura, contén unha serie de medidas destinadas á estabilización dos mercados e a garantir uns prezos mínimos para o productor que aseguren unha explotación rendible e un nivel de vida digno para os pescadores, ó tempo que permitan o abastecemento dos mercados a prezos razoables.

Entre as medidas que se recollen figura a posibilidade de que os productos que son retirados do mercado polas organizacións de productores poidan beneficiarse dunha axuda ó aprazamento, a través da súa estabilización e almacenamento.

Dado que esta medida pode resultar útil para a regulación do mercado da sardiña en Galicia, e polas facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De acordo co disposto no Regulamento (CE) número 3759/1992 do consello, do 17 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos productos da pesca e da acuicultura, poderánselles conceder axudas ás organizacións de productores radicadas en Galicia para o aprazamento da venda das cantidades de sardiña (sardiña pilchardus) que, postas á venda, non tivesen comprador ó prezo comunitario (prezo de retirada), e fosen retiradas do mercado.

Artigo 2º

Para poder beneficiarse das primas ó aprazamento estipuladas na presente orde os productos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

-Que fosen achegados por productores asociados á organización de productores.

-Que se clasifiquen nas categorías de frescos extra ou A.

-Que se destinen á conxelación.

-Que sexan almacenados durante un período mínimo de trinta días.

Este requisito debe cumprirse por, polo menos, o 80% da cantidade de producto que pretenda beneficiarse da prima.

Artigo 3º

De acordo co disposto no Regulamento (CE) nº 3759/1992 do consello, do 17 de decembro, a cantidade de peixe que poderá beneficiarse das primas ó aprazamento establecidas na presente orde non poderá supera-lo 6% da cantidade posta á venda anualmente pola organización de productores.

Artigo 4º

A contía da prima por aprazamento non poderá supera-la dos gastos técnicos e financeiros correspondentes ás operacións indispensables para a conxelación e o almacenamento.

En calquera caso, a contía da prima non excederá dun máximo de 13,40 ptas. por quilo de producto.

O importe das axudas reguladas pola presente orde estará suxeito ás dispoñibilidades orzamentarias e aboarase con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.615B.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997.

Artigo 5º

Para poderen beneficiarse das axudas estipuladas na presente orde, as organizacións de productores radicadas en Galicia deberán dirixirlle unha solicitude ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, xunto da seguinte documentación por triplicado:

a) Certificación da correspondente xunta directiva de acordo coa solicitude da axuda.

b) Declaración xurada das axudas obtidas ou solicitadas a outros organismos para a mesma finalidade.

c) Acreditación da cantidade anual de sardiña posta á venda a través da organización.

d) Memoria explicativa do plan de intervención que se pretende realizar, con especificación dos tipos comerciais ou tamaños e cantidades que se prevexa aprazar, así como os portos de descarga e venda, os productores asociados que van intervir, as instalacións frigoríficas que se van utilizar, os métodos que se usarán para a conxelación, a duración do almacenamento e o destino previsible dos productos, así como os posibles concertos previos con comercializadores ou transformadores, e o calendario previsto para a intervención.

e) Certificación da entidade bancaria onde desexen que lles sexa ingresada, se é o caso, a axuda, coa expresión do código da entidade e da sucursal, e o número de conta da organización.

Polo menos un dos tres exemplares da documentación presentarase en orixinal ou copia compulsada.

Artigo 6º

1. Unha vez presentada a documentación que se require e corrixidas as insuficiencias detectadas, as delegacións territoriais remitiranlle os expedientes á Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras.

2. Examinada a documentación, o director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras elevaralle proposta ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a súa resolución, que será motivada e definitiva en vía administrativa.

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude determinará a súa denegación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 7º

Unha vez concedida a axuda, se é o caso, e para proceder ó seu cobramento, a organización de productores procederá a presentar solicitude de cobramento xunto da seguinte documentación, en orixinal e así mesmo por triplicado:

a) Certificación da entidade responsable da lonxa de venda, das cantidades postas á venda e retiradas sen atopar comprador ó prezo de retirada.

b) Certificación expedida pola organización de productores que especifique as cantidades de producto destinadas á conxelación, con expresión da data de retirada, os productores que achegaron cada lote, as categorías de frescura e de tamaño de cada partida e as instalacións frigoríficas de destino, o período de permanencia en cámaras e o seu destino final.

c) Xustificantes que acrediten os gastos técnicos e financeiros do aprazamento.

d) Acreditación de que a organización de productores está ó día no que respecta ó cumprimento das obrigas fiscais e fronte á Seguridade Social, así como de que non se manteñan débedas coa Xunta de Galicia.

Artigo 8º

Independentemente do estipulado no artigo anterior, cada vez que se vaia utiliza-lo mecanismo de intervención previsto na presente orde remitirase, de forma previa ó traslado da mercadoría desde o punto de venda, unha comunicación por fax, télex

ou telegrama á Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras, segundo o modelo que aparece como anexo I á presente disposición, de forma que se poida exercer un adecuado control do proceso.

Así mesmo, e coa mesma finalidade, enviarase comunicación con antelación á saída dos productos das instalacións de almacenamento por fax, télex ou telegrama á Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras, segundo modelo que aparece como anexo II.

O persoal da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura encargado do control do proceso terá en todo momento acceso ás cámaras de almacenamento das mercadorías.

Artigo 9º

Sen prexuízo do estipulado nos artigos 5º e 7º, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá solicitar toda a documentación que considere necesaria para a avaliación das solicitudes e para a comprobación e verificación das actuacións efectuadas.

Artigo 10º

De acordo co previsto no artigo 40.2º A) da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, poderanse acordar pagamentos parciais con carácter de anticipo a conta de liquidación ata a porcentaxe do 80% da subvención concedida, logo de xustificación dos gastos técnicos en que se incorrese de acordo co estipulado no artigo 7º.

Non obstante, cando o programa de intervención remate, presentarase solicitude de cobramento final para os efectos da súa liquidación.

Artigo 11º

O incumprimento de calquera das obrigas que se deriven da presente orde, e especialmente daquelas referidas ó control do proceso, dará lugar á retirada da axuda, con devolución das cantidades eventualmente xa percibidas, e sen prexuízo das responsabilidades administrativas ou penais ás que houber lugar.

Disposición adicional

Para os efectos da presente orde, por organización de productores entenderase aquelas entidades de interese colectivo definidas como tales na Lei de pesca de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 29 de agosto de 1997.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras para interpretar e desenvolve-lo disposto na presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Parte de comunicación de aprazamento de productos.

Organización de productores ...

Ás ... horas do día ... de ... de 1997, na lonxa pesqueira de ... procedeuse por parte desta organización de productores á retirada dos productos que a continuación se especifican ó no atopar comprador ó prezo de retirada de ... ptas.

Especie: sardiña.

Categoría comercial (frescura): ... tamaño ...

Formato e natureza do envase: ...

Marcas que figuran nos envases: ...

Número de vultos: ... peso neto ... Kg.

Procedencia do producto:

Barco: ... Kg ...

Barco: ... Kg ...

Barco: ... Kg ...

Barco: ... Kg ...

Destino do producto:

Frigorífico: ...

Enderezo: ...

Medio de transporte: ... matrícula: ...

Día e hora na que se efectuará o transporte: ...

Asinado en ..., ... de ..., 1997

Asinado: ...

ANEXO II

Parte de comunicación de saída de productos aprazados.

Organización de productores ...

Frigorífico: ...

O día ... de ... de 1997, as ... horas, sairán do frigorífico arriba mencionado os productos obxecto de aprazamento para a súa venda que a continuación se describen:

Producto: sardiña. Tamaño ...

Formato e natureza do envase: ...

Marcas que figuran nos envases: ...

Número de vultos: ... peso neto ... kg.

O producto retirouse da venda ó non atopar comprador ó prezo de retirada de ... o día ... de ... de 1997 na lonxa pesqueira de ... e procedía dos productos seguintes:

Barco: ... Kg ...

Barco: ... Kg ...

Barco: ... Kg ...

Barco: ... Kg ...

Destino do producto:

Medio de transporte: ... matrícula: ...

Día e hora na que se efectuará o transporte: ...

Asinado en ..., ... de ... de 1997

Asinado: ...

5416