Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Venres, 04 de xullo de 1997 Páx. 6.498

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 167/1997, do 5 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Cerceda (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de pavimentación de rúas en Cerceda.

O Concello de Cerceda (A Coruña), en sesión celebrada o día 29 setembro de 1994, acordou aproba-lo proxecto de pavimentación de rúas en Cerceda e, na sesión do día 14 de decembro de 1995, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 24 de marzo de 1997, baixo o número 3701.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de maio de 1997, nº 6111.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque se trata de dota-los veciños do concello dos servicios mínimos necesarios.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cerceda (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de pavimentación de rúas en Cerceda.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5120