Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Martes, 01 de xullo de 1997 Páx. 6.393

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 1997, do Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural de Pontevedra, pola que se anuncia a aprobación e publicación das bases definitivas da zona de concentración parcelaria de Sabrexo (Vila de Cruces-Pontevedra).

O xefe do Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural de Pontevedra pon en coñecemento dos

interesados na concentración parcelaria da zona de Sabrexo (Vila de Cruces-Pontevedra), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 143/1995, do 10 de maio, (DOG nº 101, do 29 de maio), que a xunta local da zona, na súa reunión do 22 de maio de 1997, aprobou as bases definitivas de concentración. As mencionadas bases estarán expostas ó público na Casa do Concello de Vila de Cruces e nos lugares de costume da zona durante un prazo de trinta días, contados a partir do seguinte en que sexa publicado o último dos avisos que corresponde facer no Diario Oficial de Galicia, no BOP, no xornal de máis circulación da zona e no taboleiro de anuncios da casa do concello, de conformidade co que determina a Lei de concentración parcelaria para Galicia (artigo 36).

Os documentos que se poden examinar refírense á determinación do perímetro (colección de planos coas parcelas incluídas e excluídas e relación destas), á clasificación de terras e fixación dos coeficientes, que servirán de base para face-las compensacións que sexan necesarias, e a determinación dos propietarios e titulares de gravames e outras situacións xurídicas das que se declara formalmente a súa titularidade.

Contra estas bases, os interesados poden interpoñer, por si mesmos o por representación, recurso de alzada ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, dentro dos trinta días sinalados. Os recursos pódense presentar no rexistro da Delegación Provincial de Agricultura, Gandería e Montes -sito na rúa Benito Corbal, 47, 4º, de Pontevedra-, no rexistro xeral da consellería -sito no edificio administrativo de San Caetano, s/n., de Santiago de Compostela-, ou en calquera das dependencias ás que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No escrito de recurso deberán expresar un domicilio dentro do termo municipal para facérlle-las notificacións que procedan, e, se é o caso, a persoa residente nel a quen teñan que facérselle as notificacións.

Pontevedra, 26 de maio de 1997.

Miguel Ángel Pérez Dubois

Xefe do Servicio de Estructuras

e Deselvolvemento Rural

4695