Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Martes, 01 de xullo de 1997 Páx. 6.374

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 30 de xuño de 1997 pola que se regula o réxime de preintegración do persoal estatutario facultativo e ATS/DUE con destino nos Servicios Normais e Especiais de Urxencias no novo modelo de Atención Primaria de Galicia.

Parece razoable entender que durante estes anos, trala entrada en vigor do novo sistema retributivo do persoal estatutario de área en virtude do R.D. 3/1987, do 11 de setembro, non se produciu unha adecuada solución normativa para o persoal médico e ATS/DUE destinado no Servicio de Urxencias Extrahospitalarias. Así, en efecto, tanto nas súas condicións de traballo como retributivas mantívose unha situación transitoria, cunha formulación insuficiente e, en todo caso, insatisfactoria delas.

Tales circunstancias, afectantes a practicamente a totalidade do Sistema Nacional de Saúde, implicaron que por parte dos afectados e dos seus representantes se instase en reiteradas ocasións á imprescindible formulación dunha resposta normativa que recollese o eido das condicións xerais da súa prestación de servicios.

Así as cousas, produciuse, como é sabido, unha transformación importante no nivel de Atención Primaria da nosa Comunidade Autónoma, vehiculada polo Decreto 200/1993, de ordenación del. A continuación, esta norma básica foi seguida por outras regulamentadoras de aspectos esenciais da materia, como o tratamento da atención urxente extrahospitalaria e a fixación do sistema retributivo do persoal que presta servicios no marco da Atención Primaria galega.

Unha vez establecido o marco normativo, neste momento encóntrase en plena virtualidade o proceso de integración no novo sistema do persoal pertencente á Atención Primaria susceptible de exerce-la opción correspondente ou integrarse sen máis nas novas unidades. Entre o devandito persoal figuran os profesionais, médicos e ATS/DUE, destinados nos servicios de urxencia extrahospitalarios.

Pero respecto a este persoal pode existir unha demora importante na ultimación do proceso, por mor das características da súa prestación que non permite unha inmediata conversión ou transformación no novo modelo. Por iso, na procura de evitar prexuízos ou insatisfaccións para os profesionais afectados, procede propoñer unha solución normativa provisional que, dalgún xeito, palie ou elimine tal situación, na espera da definitiva integración no sistema.

Con tales premisas, a presente norma contén os seguintes extremos que van ser obxecto de trata

mento provisional respecto ó colectivo de persoal médico e ATS/DUE dos servicios de urxencia na nosa comunidade:

a) Unha aproximación do tratamento das súas condicións de traballo e retributivas ó novo sistema de Atención Primaria vixente.

Para este fin, parece oportuno vehicular unha preintegración singular que supoña a adecuación destes profesionais ás condicións retributivas previstas na norma de ordenación de tal carácter vixente para o nivel de atención primaria, que vén plasmada no Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo do persoal de unidades e servicios de Atención Primaria; e ás condicións de traballo aplicables ó sistema de atención urxente a través dos diferentes PACs, que se configura en virtude de Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias Extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Como condicións retributivas de consideración na presente norma para o persoal preintegrado recóllense as relativas ó soldo, complemento de destino, complemento específico e complemento de productividade fixa, se é o caso, e variable. Así mesmo as que se deriven do concepto de gardas (valor referenciable para a determinación da cantidade correspondente á atención continuada que exceda da xornada regulamentaria), manutención e transporte, recollidas todas elas no decreto que regula a atención urxente extrahospitalaria.

b) A xornada que desenvolverán os profesionais afectados pola integración será a prevista no Decreto 200/1993, de 29 de xullo, de ordenación de Atención Primaria da Comunidade Autónoma de Galicia, sen menoscabo do sistema de quendas de traballo específicas que derivan da prestación da atención urxente nos PACs ós que estean adscritos.

Con estas medidas preténdese dotar de suficiente racionalidade e da canle apropiada, co carácter provisional xa aludido, este ámbito prestacional do nivel de atención primaria do Sergas, e polo mesmo acadar en última instancia, nun ulterior paso, coa celeridade que sexa posible dentro do respecto ó marco normativo, unha plena integración dos profesionais afectados nas unidades de atención primaria. Así, deste xeito, ultimado o proceso desenvolverán o seu servicio en xornada ordinaria como os demais profesionais, co cumprimento adicional das gardas que lle correspondan para a cobertura imprescindible da atención urxente.

Finalmente, cómpre sinalar que o sistema que se contén na presente norma se lle aplicará, trala súa entrada en vigor, a todo o persoal con vínculo temporal do servicio de urxencia e ós profesionais fixos que voluntariamente opten pola preintegración no

novo sistema deseñado, e suporá ineluctablemente no futuro á integración definitiva nas unidades de atención primaria á que se fixo mención.

Por todo isto. Esta consellería, en uso das súas facultades, logo de negociación na Mesa Sectorial de Persoal Sanitario,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a regulación do réxime de preintegración do persoal estatutario facultativo e ATS/DUE dos servicios normais e especiais de urxencias no novo modelo de atención primaria de Galicia, de conformidade co previsto no Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias Extrahospitalarias de Galicia, e demais disposicións de desenvolvemento.

Artigo 2º.-Preintegración.

O proceso obxecto da presente regulación configúrase como a integración integración transitoria no novo modelo de atención primaria do persoal dos servicios normais e especiais de urxencias que dispoña da devandita opción, mantendo a súa prestación de servicios exclusivamente nos dispositivos de atención urxente extrahospitalaria, sen prexuízo da súa integración ordinaria definitiva conforme a disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, modificado polo Decreto 161/1996, do 25 de abril.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

Dispoñerá do dereito de optar á preintegración no novo modelo de atención primaria de Galicia o persoal médico e ATS/DUE, de carácter fixo con destino definitivo nos servicios normais e especiais de Urxencia do nivel de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde que se atope nas situacións administrativas que se detallan no artigo 2 da orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 23 de xullo de 1996, pola que se regula a integración do persoal que presta os seus servicios no ámbito da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia no novo sistema deseñado polo Decreto 200/1993, do 29 de xullo.

Artigo 4º.-Oferta de preintegración.

1. A opción de preintegración poderá exercerse de xeito aberto, continuo e voluntario a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2. O persoal que decida exerce-lo dereito a integrarse no novo sistema de atención primaria deberá utiliza-lo modelo de solicitude individual incluído

como anexo á presente orde, dirixido ó director xerente da Xerencia de Atención Primaria á que pertence a praza correspondente.

A dita solicitude deberá presentarse nas propias xerencias de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde ou no rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos das súas delegacións provinciais, nos das direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A opción formulada suporá o compromiso irreversible de integración ordinaria definitiva na unidade de atención primaria en que a praza se integre.

Artigo 5º.-Resolución.

1. A aprobación será resolta mediante resolución conxunta das direccións xerais de Recursos Humanos e de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde, por proposta razoada do director xerente da Xerencia de Atención Primaria correspondente.

2. A aprobación da dita preintegración terá carácter definitivo, producíndose tódolos efectos xurídicos en favor do persoal afectado previstos na presente orde.

3. Igualmente, resolta a integración, o correspondente posto de traballo preintegrado quedará incorporado ó novo sistema de atención primaria, nos termos previstos na presente disposición.

Artigo 6º.-Efectos da preintegración.

1. Os profesionas das categorías de médicos e ATS/DUE preintegrados no sistema previsto na presente norma, ata que se leve a efecto a integración plena da súa praza na unidade correspondente conforme o Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria da Comunidade Autónoma de Galicia, prestarán servicios no PAC que inclúa o ámbito prestacional correspondente ó servicio de urxencias onde están destinados. Tal prestación incluirá toda atención urxente requirida polos usuarios no punto de atención continuada, co ámbito territorial que lle compete a este.

2. Os profesionais médicos e ATS/DUE con vínculo temporal preintegraranse automaticamente no sistema deseñado pola presente norma, coa transformación do pretérito sistema ó que pertencían.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

1. A xornada que van a desenvolve-los profesionais preintegrados da categoría de médicos e ATS/DUE será a prevista no artigo 6.1º do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os profesionais preintegrados desenvolverán a súa prestación de servicio conforme as quendas de atención que se establezan nos puntos de Atención Continuada ós que se adscriban.

2. A xornada que exceda da máxima efectiva fixada, será retribuída co módulo horario do complemento de atención continuada fixado no Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias Extrahospitalarias.

3. O Servicio Galego de Saúde poderá adopta-las medidas correspondentes para efectos de facilita-la dedicación de parte da xornada de traballo efectiva a tarefas complementarias da atención urxente, tales como a coordinación coas correspondentes unidades e servicios de atención primaria, o desenvolvemento de plans ou programas especiais, ou calquera outra de análoga natureza.

Artigo 8º.-Réxime retributivo.

1. O réxime retributivo do persoal preintegrado, de conformidade co previsto na presente disposición, será o establecido no Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro.

2. As retribucións que percibirán os profesionais preintegrados de médicos e ATS/DUE serán as previstas, respectivamente, para estas categorías nos artigos 3º, 4º, 5º, 7º, 8º e 9º e anexos correspondentes, do Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo das unidades e servicios de atención primaria. A contía das devanditas remuneracións acreditarase tomando como asignación a cifra de 0 cartillas por profesional das categorías afectadas pola preintegración regulada na presente disposición.

3. Para o percibo do complemento de productividade, factor variable, estableceranse polo Servicio Galego de Saúde os obxectivos que procedan polas características das funcións desempeñadas polos profesionais preintegrados afectados, a consecución dos cales permita o seu devengo. En todo caso, como prevé a citada norma de ordenación retributiva, serán de coñecemento previo e pormenorizado polos afectados e negociados coas organizacións sindicais.

4. O persoal preintegrado de conformidade co previsto na presente disposición poderá percibir, se é o caso, as indemnizacións por transporte e manutención ás que se fai referencia nas disposicións transitorias segunda e terceira do Decreto 172/1995, do 18 de maio.

Disposicións adicionais

Primeira.-Facúltanse as direccións xerais de Recursos Humanos e de Atención Primaria para que, no ámbito das súas competencias, dicten cantas instruccións sexan necesarias para a execución das previsións contidas na presente orde.

Segunda.-A partir da entrada en vigor da presente norma, a prestación de servicios do persoal que non se preintegre de conformidade co previsto nela, que exceda da xornada efectiva ordinaria, será retribuída mediante o complemento de atención continuada fixado para as categorías afectadas no Decreto 172/1995, do 18 de maio.

O persoal que preste servicios nos devanditos dispositivos adecuará funcionalmente a súa prestación de servicios ó réxime destas unidades, sen prexuízo do mantemento das condicións de traballo que resulten da normativa de pertinente aplicación.

Disposición transitoria

O persoal que se preintegre, en aplicación do contido da presente norma, incorporarase ós puntos de Atención Continuada, en proceso paulatino, na medida en que estes se vaian constituíndo de conformidade co previsto no referido Decreto 172/1995, do 18 de maio. Emporiso, unha vez virtualizada a preintegración, trala entrada en vigor da presente norma, aínda que continúen prestando servicios no actual destino, acreditarán a xornada e percibirán as retribucións e indemnizacións por razón de servicio previstos nela.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas súas normas ou inferior rango que afecten á materia contida na presente orde dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde producirá os seus efectos a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

5122