Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Martes, 01 de xullo de 1997 Páx. 6.370

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 24 de xuño de 1997 sobre a axuda complementaria para o programa de leite escolar.

A axuda complementaria do programa de leite escolar, iniciada pola Orde do 23 de setembro de 1988 e continuada por sucesivas ordes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ata a actualidade, permitiu unha considerable mellora dos resultados do programa de leite escolar aplicado desde o ano 1987.

Considerando que a aplicación dunha axuda complementaria por parte da Comunidade Autónoma contribuiría ó logro dos obxectivos do programa, e

visto o artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, o artigo 1 do Decreto 205/1990, do 15 de marzo e o Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Establécese unha liña de axuda complementaria para a cesión a prezo reducido do leite pasteurizado a centros escolares da Comunidade Autónoma de Galicia durante os meses de xaneiro a xullo do curso escolar 1996/1997, con cargo á partida orzamentaria 09.03.615-A.772.0, do vixente orzamento da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 2º

Esta axuda terá carácter complementario e encadrarase no marco establecido para a axuda da Comunidade Económica Europea, que regulan os Regulamentos (CEE) 1842/1983 e 3392/1993.

Artigo 3º

Corresponderalle ás delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, a tramitación, xestión, control e seguimento da aplicación desta axuda, e actuarán baixo a coordinación da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias.

Artigo 4º

A contía da subvención queda establecida da seguinte maneira:

Por cada envase de 250 ml de leite pasteurizado, 4 ptas. se é de cartón, e 3 ptas. se é de plástico flexible. Neste último caso deberá ir acompañado dun utensilio axeitado para facilita-lo consumo de leite polo escolar.

Artigo 5º

1. A cantidade máxima subvencionable será dun envase de 250 ml de leite pasteurizado por alumno e día lectivo.

2. O producto subvencionado deberá ser subministrado ós alumnos pola mañá, a poder ser no horario de recreo, e en ningún caso ó mediodía coa comida.

3. Cada envase deberá ser rotulado, ademais do esixido pola normativa que regula a axuda comunitaria e outras lexislacións en vigor, coa mención «Programa de leite escolar CEE-Xunta de Galicia»; para a expresión «Xunta de Galicia» empregarase o logotipo oficial.

Artigo 6º

1. A axuda complementaria que regula a presente orde terá que ser solicitada mensualmente por escrito segundo o modelo do anexo I, que deberá ser pre

sentado na correspondente Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no período comprendido entre os días 1 e 10 de cada mes, unha vez transcorrido o mes de subministración ó que se refire a solicitude, e sen excede-los 4 meses de prazo, salvo causa xustificada.

2. A dita solicitude irá acompañada dunha certificación do centro escolar segundo o modelo do anexo II, así como de copia compulsada das facturas, debidamente conformadas polo responsable do centro escolar.

3. A delegación provincial, antes do día 20 de cada mes, elevará proposta de aprobación e pagamento das subvencións solicitadas, se procede, á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias.

Artigo 7º

Este programa financiarase con cargo ó concepto orzamentario 09.03.615-A.772.0 «Leite para escolares», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997, por un importe de trinta e tres millóns setecentas oitenta e dúas mil novecentas cincuenta e catro pesetas (33.782.954 ptas.).

Disposicións transitorias

Primeira.-A subministración de leite pasteurizado ós alumnos de centros escolares de Galicia, realizada a partir do 1 de xaneiro de 1997 ata a entrada en vigor da presente orde, poderá acollerse, mediante a correspondente solicitude, á axuda complementaria para o Programa de Leite Escolar, nas condicións que se citan na presente orde.

Segunda.-Debido á propia complexidade de tramitación desta axuda complementaria, e tendo en conta que se encadra no marco establecido pola axuda para o consumo de leite escolar promovido pola CEE, débese considera-la posibilidade de que os expedientes iniciados mensualmente non estean rematados para proceder ó seu pagamento dentro do ano orzamentario en curso.

En consecuencia, poderanse paga-los expedientes, correspondentes ó curso escolar 1996/1997, pertencentes ós meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 1996 nas mesmas condicións citadas nesta orde e con cargo á partida orzamentaria que nela se recolle.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las disposicións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

5183